Alicia do Reino Unido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Alicia do Reino Unido
Princess Alice 1861.jpg
Alicia de Saxonia-Coburgo-Gotha, Gran Duquesa de Hesse-Darmstadt, retratada por Franz Xaver Winterhalter, en 1861.

Nome completo Alicia Maud María de Saxonia-Coburgo-Gotha
Nacemento 25 de abril de 1843
Palacio de Buckinham, Londres, Reino Unido Reino Unido
Falecemento 14 de decembro de 1878 (35 anos)
Darmstadt, HesseFlag of the German Empire.svg Imperio alemán
Cónxuxe/s Luís IV de Hesse
Descendencia Vitoria Mountbatten, marquesa de Milford Haven
Gran Duquesa Isabel Feodorovna de Rusia
Irene, princesa Henrique de Prusia
Ernesto Luis, gran duque de Hesse e do Rin
Príncipe Federico
Alicia, emperatriz consorte de Todas as Rusias
Princesa María
Casa real Saxonia-Coburgo e Gotha
Proxenitores Alberte de Saxonia
Vitoria do Reino Unido

Escudo de Alicia do Reino Unido

Alicia do Reino Unido, nada en Londres o 25 de abril de 1843 e finada en Darmstadt o 14 de decembro de 1878, foi unha nobre británica, membro da familia real. Era a terceira filla da raíña Vitoria do Reino Unido. Así mesmo, foi esposa de Luís IV de Hesse-Darmstadt e converteuse por matrimonio na gran duquesa de Hesse-Darmstadt.

A educación de Alicia foi supervisada por Christian Friedrich Freiherr von Stockmar, amigo próximo do príncipe Alberte. Do mesmo xeito que os seus irmáns, Alicia pasou a infancia viaxando coa súa familia polas diferentes residencias reais británicas. En 1861, cando o príncipe Alberte enfermou de febre tifoide, Alicia coidouno durante toda a súa doenza ata a súa morte o 14 de decembro dese mesmo ano. Trala morte do seu marido, a raíña Vitoria caeu nun período de loito profundo e Alicia pasou a ser a secretaria non oficial da súa nai durante os seis meses de duelo. Cando a corte aínda estaba inmersa no loito, Alicia casou, o 1 de xullo de 1862, con Luís IV, gran duque de Hesse, un príncipe alemán menor, herdeiro do gran ducado de Hesse. A raíña dixo que a cerimonia, celebrada de forma privada e sen grandes luxos no castelo de Osborne, parecía «máis un funeral que unha voda».[1] Debido ás dificultades económicas, ás frecuentes traxedias familiares e á mala relación entre o marido e a nai, a vida da princesa en Darmstadt foi moi triste.

Alicia foi unha prolífica mecenas das causas das mulleres –principalmente das enfermeiras– e era admiradora de Florence Nightingale.[2] Cando Hesse entrou na Guerra austro-prusiana e Darmstadt se encheu de feridos, Alicia, embarazada da súa filla Irene, dedicou gran parte do seu tempo a organizar os hospitais de campaña.[3] Unha das súas organizacións, a Corporación de Mulleres da Princesa Alicia, estendeuse a nivel nacional e pasou a encargarse de todos os hospitais militares de Darmstadt. Tamén se fixo grande amiga de David Friedrich Strauss, un teólogo que lle ofreceu unha base intelectual para a súa fe máis aló do tradicional sentimentalismo relixioso da época vitoriana.[4] En 1877 Alicia converteuse en gran duquesa de Hesse trala subida do seu marido ao trono, e os seus deberes empezaron a afectarlle cada vez máis á saúde. Ao ano seguinte fixo a súa última viaxe a Inglaterra, pasando unhas vacacións pagas pola raíña en Eastbourne. Nos últimos meses de 1878 a corte de Hesse sufriu unha epidemia de difteria e Alicia coidou de toda a súa familia durante máis dun mes antes de enfermar. Morreu 17 anos despois que o seu pai, con só 35 anos, o 14 de decembro de 1878, no novo palacio de Darmstadt.[5]

A princesa Alicia foi a nai da tsarina Alexandra Feodorovna Romanova, así como bisavoa de Filipe de Edimburgo, marido da actual raíña Isabel II do Reino Unido.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nacemento[editar | editar a fonte]

Alicia Matilde María (Alice Maud Mary) naceu o 25 de abril de 1843 no palacio de Buckingham (Londres).[6] Foi a terceira filla (a segunda muller) nada da unión da raíña Vitoria do Reino Unido e o seu marido, o príncipe Alberte. O nome de Alicia foille dado en honra ao primeiro ministro da raíña, Lord Melbourne, quen era un grande admirador da soberana e que confesou nunha ocasión que Alicia era o seu nome de muller favorito.[7] Matilde foi elixido en honor a unha das madriñas de Alicia, a princesa Sofía Matilde de Gloucester, sobriña de Xurxo III, e María elixiuse porque Alicia naceu o mesmo día que a súa tía avoa, a princesa María.[8]

Alicia foi bautizada na capela do palacio de Buckingham polo arcebispo de Canterbury, William Howel, o 3 de xuño de 1843. A noticia de que era pícara foi recibida cunha mestura de sentimentos por parte do pobo, e o Consello Privado enviou unha mensaxe a Alberte dándolle os parabéns polo nacemento da súa segunda filla.[7] Os padriños escollidos pola raíña Vitoria foron Ernesto Augusto I de Hannover, Feodora de Leiningen, Ernesto II de Saxonia-Coburgo e Gotha e Sofía Matilde de Gloucester.[9]

Infancia[editar | editar a fonte]

Alicia (1ª esquerda) coas súas irmás: Vitoria, Luísa e Helena.

O nacemento de Alicia fixo que os seus pais empezasen a buscar unha casa máis grande para a familia. O palacio de Buckingham non tiña os apousentos privados que a familia necesitaba nin os cuartos para os nenos nas condicións necesarias. Por iso, en 1844, Vitoria e Alberto compraron o castelo de Osborne na illa de Wight para as vacacións familiares.

Alicia foi educada polo seu pai e por Christian Friedrich Freiherr von Stockmar. En Osborne, Alicia e os seus irmáns aprenderon a realizar tarefas prácticas concernentes ao traballo doméstico, á cociña, á xardinería e á carpintería.[10] Vitoria e Alberte promoveron unha monarquía cuxa base eran os valores familiares, polo que Alicia e os seus irmáns usaban roupa de clase media todos os días, durmían en cuartos modestamente amoblados e con pouca calefacción.[11] Alicia estaba fascinada polo mundo de fóra da Casa Real e cando estaba no castelo de Balmoral, onde parecía ser máis feliz, adoitaba visitar as persoas que vivían e traballaban na súa propiedade. Unha vez, de feito, escapou da súa gobernanta na capela do castelo de Windsor e sentouse nun banco público para poder comprender mellor as persoas que non seguían o protocolo real.[12] En 1854, durante a guerra de Crimea, Alicia, con só 11 anos, visitou os hospitais de Londres para ver os soldados feridos xunto á súa nai e á súa irmá maior. Era máis sensible ca o resto dos seus irmáns e máis empática coa tristeza das persoas. Estas características da súa personalidade contrarrestaban cunha lingua afiada e un temperamento que se alteraba con facilidade.[13]

Desde a súa infancia, Alicia tiña unha relación próxima co seu irmán Eduardo (príncipe de Gales) e, sobre todo, coa súa irmá Vitoria. Malia esa relación tan próxima coa súa irmá, enfadouse con ela cando esta casou co príncipe Federico de Prusia en 1858. A partir de aí, empezou a sentirse máis unida ao príncipe de Gales.[14]

A cariñosa da familia[editar | editar a fonte]

A compaixón de Alicia cara ao sufrimento dos outros fixo que se convertese nunha figura popular. A súa avoa Vitoria, a nai da raíña Vitoria, faleceu en Frogmore House o 16 de marzo de 1861. Alicia pasou moito tempo á súa beira; ía tocar o piano na sala de visitas da súa casa e coidou dela nas últimas fases da súa enfermidade.[15] A raíña sentiuse moi triste trala morte da súa nai e descargou boa parte da súa dor con Alicia, a quen o seu pai, Alberte, pediu que a consolase.[15] Vitoria escribiulle ao seu tío Leopoldo, o rei de Bélxica, que: «Alicia foi moi cariñosa e afectuosa comigo e preocupouse moito por min».[16]

Algúns meses despois, o 14 de decembro de 1861, Alberte morreu no castelo de Windsor. Nos seus últimos días, Alicia mantívose ao seu lado e avisou o príncipe de Gales por telegrama do empeoramento no estado do seu pai sen que o soubese a raíña, xa que a acusaba de ser a causa da enfermidade de Alberte. A raíña quedou apesarada trala morte do seu marido e a corte entrou nun período de loito profundo.[17] Alicia converteuse na secretaria non oficial da súa nai, pois por ela pasaban os papeis oficiais da raíña antes de que chegasen aos ministros do goberno.[18] Para realizar esta tarefa tivo a axuda da súa irmá menor, Luísa, pois aínda que nun primeiro momento escolleu a súa irmá Helena, o feito de que non puidese cumprir as súas obrigas sen chorar provocou que fose apartada deste traballo.[18]

Matrimonio[editar | editar a fonte]

Pretendentes[editar | editar a fonte]

Pedro V de Portugal foi un dos pretendentes de Alicia.

Os plans de matrimonio para Alicia foron iniciados pola súa nai en 1860. A raíña dixera que quería ver os seus fillos casar por amor, aínda que iso non significaba que puidesen escoller alguén de fóra dos círculos das casas reais europeas. A cuestión de elevar un súbdito británico a membro da realeza, por moi alto que fose o título que ostentase, provocaba problemas políticos e, ademais, faría que se perdese unha oportunidade para formar unha alianza política cun país estranxeiro.[19] A raíña pediulle á súa filla Vitoria, que casara recentemente co herdeiro ao trono alemán, que lle escribise unha lista cos príncipes dispoñibles en Europa. Na súa procura atopou só dous candidatos: Guillerme de Orange e o príncipe Alberte de Prusia. Guillerme foi descartado en canto se soubo que estaba namorado dunha arquiduquesa católica[20] e que non mostraba ningún interese por Alicia, malia a presión da súa nai, a raíña Sofía dos Países Baixos, que era probritánica. Aínda así, viaxou ata o castelo de Windsor para que a raíña Vitoria puidese velo persoalmente, pero a Alicia non lle gustou. O príncipe Alberto tamén foi descartado logo de afirmar que Alicia non era o suficientemente boa para «alguén que merece o mellor do mellor».[19] A raíña Vitoria era profundamente anticatólica e non elixiu o seu primo, o rei Pedro V de Portugal, só polas súas crenzas relixiosas.[20]

Cos dous candidatos principais fóra de xogo, a princesa Vitoria fixouse no príncipe Luís de Hesse, un membro da realeza menor alemá, sobriño do gran duque Luís III de Hesse-Darmstadt. Vitoria foi ata a corte de Hesse para suxerir a irmá de Luís, Ana, como posible candidata para o matrimonio do seu irmán Eduardo, o príncipe de Gales. Malia non quedar moi impresionada con ela, si quedou con boa impresión dos seus irmáns Luís e Henrique. Ambos os dous foron invitados a visitar o castelo de Windsor en 1860 para que puidesen asistir ás carreiras de cabalos de Ascot coa familia, pero en realidade a visita era unha oportunidade para que a raíña puidese inspeccionar o seu xenro en potencia.[21] Á raíña gustáronlle ambos os dous, pero deuse conta de que Luís e Alicia se caeran ben.[22] Cando a familia se preparaba para marchar, Luís pediu unha fotografía de Alicia e ela deixoulle claro que se sentía atraída por el.[22]

Compromiso e voda[editar | editar a fonte]

Alicia co seu marido Luis de Hesse en 1860.

Alicia comprometeuse con Luís de Hesse o 30 de abril de 1861, tras obter o consentimento da raíña.[23] A soberana conseguiu que o primeiro ministro Lord Palmerston levase ao parlamento unha proposta para crear un dote de 30 000 libras esterlinas para Alicia. Malia que a contía era bastante xenerosa para a época, o príncipe Alberto afirmou que «non se podía facer gran cousa con ela» no pequeno gran ducado, principalmente comparado cos bens que recibiu a súa irmá Vitoria como futura raíña de Prusia e emperatriz de Alemaña.[24] Ademais, a futura residencia da parella en Darmstadt, o gran palacio ducal, non era moi ostentosa. Malia que a raíña Vitoria esperaba que se construíse un novo palacio, a poboación de Darmstadt non quería realizar tal gasto e a controversia causou moito resentimento, o que fixo que Alicia fose moi impopular ata antes de instalarse na súa nova casa.[25]

O pai de Alicia, o príncipe Alberte, morreu o 14 de decembro de 1861, entre o compromiso e a voda. Malia a tristeza da raíña, esta ordenou que a voda debía celebrarse tal e como se organizara. O 1 de xullo de 1862, Alicia e Luís casaron nunha cerimonia privada en Osborne House, onde se habilitou unha capela temporal. Alicia chegou ao altar do brazo do seu tío, Ernesto II de Saxonia-Coburgo e Gotha e tivo catro damas de compañía: as súas tres irmás menores e a irmá de Luís, Ana. Na cerimonia levou un vestido branco cun veo, pero tivo que usar roupa negra de loito antes e logo da cerimonia. A raíña, sentada na súa cadeira de brazos, fixo o posible para esconder as bágoas e estivo resgardada da vista dos demais invitados polo príncipe de Gales e o príncipe Alfredo, que estivo chorando durante toda a misa. O tempo en Osborne era sombrío, con ventos provenientes da canle.[26] A raíña escribiulle á súa filla Vitoria dicíndolle que a cerimonia «parecía máis un funeral que unha voda» e que lle dixo a Alfred Tennyson que fora «o día máis triste que podía recordar».[27] A cerimonia, descrita por Gerard Noel como «a voda real máis triste dos tempos modernos»,[28] acabou ás 4 da tarde e a parella partiu de lúa de mel a St. Claire in Ryde, a unha casa que lles prestou a familia Vernon Harcourt. A comitiva de Alicia estaba formada por lady Churchill, o xeneral Seymour e Herr Westerweller, un cortesán de Hesse.

Alicia tivo o coidado de non desagradar a raíña trala voda. Cando esta visitou a parella en St. Claire, fixo o posible por non parecer «demasiado feliz». Porén, a plenitude romántica de Alicia facía que a raíña tivese celos da súa felicidade.[29]

Vida en Hesse[editar | editar a fonte]

Chegada a Darmstadt[editar | editar a fonte]

Alicia cara a 1862.

Alicia e Luís chegaron a Bingen o 12 de xuño de 1862 e foron recibidos por entusiastas multitudes, malia a choiva torrencial que caía.[30] Tras ser presentada aos políticos da cidade, a parella foi en tren ata Maguncia, onde almorzaron antes de montar no barco a vapor que os levou ao longo do río Rin ata Gustavsburgo. De aí, tomaron o tren para Darmstadt, onde foron recibidos con moito entusiasmo.[31] Alicia escribiu á súa nai para dicirlle que «creo que nunca vin unha recepción tan sentida»,[32] mentres que a súa irmá Elena escribiulle «non pode ser recibida con tanto entusiasmo na súa entrada en Darmstadt».[31] Alicia non se adaptou inmediatamente á súa nova vida. Botaba de menos a súa casa e aínda non aceptaba que, mentres estaba tan lonxe de Inglaterra, o seu pai xa non estaba vivo para reconfortar a súa nai.[31] A raíña escribiu no seu diario:

Xa pasaron dúas semanas desde que nosa querida Alicia marchou e, por máis estraño que pareza e por moito que ela faga por min e por máis querida e apreciada, por máis que me reconfortase e me dese ánimos, pouco a boto de menos ou pouco sento que marchase. Estou tan soa por outra gran perda e teño un único pensamento, que todo pasou case sen que me dese conta.[33]
Diarios, Vitoria do Reino Unido

A cuestión da residencia onde a parella ía vivir converteuse nun problema trala súa chegada, xa que o gran duque non estaba disposto a gastar os escasos fondos de Hesse nunha casa que fose o suficientemente boa para acomodar a unha filla da raíña Vitoria. Por iso, a parella recibiu unha casa na zona histórica de Darmstadt que tiña vistas á rúa. As súas paredes eran tan finas que se podían oír os carros pasar pola rúa. Con todo, Alicia adaptouse ben, xa que pasaba o maior tempo posible en Hesse para coñecer o seu novo fogar. En 1863 viaxou a Inglaterra para asistir á voda do seu irmán Eduardo, o príncipe de Gales coa princesa Alexandra de Dinamarca, e deu a luz a súa primeira filla, Vitoria, o 5 de abril dese mesmo ano, en presenza da raíña Vitoria.[34] O capelán da corte de Darmstadt foi enviado a Inglaterra expresamente para o bautizo.[35]

Tras regresar a Darmstadt en maio, Alicia e Luís recibiron unha nova residencia, Kranichstein, ao noroeste de Darmstadt. Alí deu a luz a súa segunda filla, Isabel, o 1 de novembro de 1864. Alicia decidiu aleitar a súa filla, o que enfureceu a raíña Vitoria, que era contraria a esa práctica. Ademais, o feito de que a raíña comprendese que a súa filla atopara a felicidade plena e, xa que logo, iría visitala menos a Inglaterra, fixo que se complicase a relación entre nai e filla, situación que se mantería ata a morte de Alicia.[34]

Guerra austro-prusiana[editar | editar a fonte]

Alicia e Luís coas súas fillas Vitoria e Isabel.

En 1866 Viena esixiulle a Berlín que entregase os territorios conxuntos dos Habsburgo-Hohenzollern á familia Augustenborg. Berlín negouse e Otto von Bismarck enviou tropas a Holstein, controlada por Austria. Isto fixo que o Imperio Austríaco e Prusia entrasen en guerra. Hesse estaba de parte dos austríacos co cal, tecnicamente, Alicia e a súa irmá Vitoria serían inimigas.[36]

Alicia estaba nos últimos días do embarazo da súa terceira filla cando viu o seu marido partir para dirixir as tropas de Hesse contra os prusianos e enviou as súas dúas fillas a Inglaterra para que quedasen coa raíña Vitoria.[3] Malia o seu embarazo, Alicia cumpriu cos seus deberes reais, facendo vendas para as tropas e preparando hospitais. O 11 de xullo, deu a luz a súa filla Irene e, cando as tropas prusianas estaban a piques de entrar en Damstadt, implorou ao seu marido que se rendese aos prusianos. Isto provocou a furia do príncipe Alexandre, fortemente antiprusiano, pero Alicia sabía que os estados alemáns conquistados por Prusia acabarían moi probablemente nunha unión formal que tanto ela como a súa irmá Vitoria apoiaban.[3]

Alicia e Luís sempre estiveron en contacto durante a guerra. Alicia pedíalle que non se arriscase demasiado e Luís contestáballe que non se preocupase. O pánico chegou a Darmstadt e levou os mozos do exército a desertar dos seus postos, deixando só os sentinelas do palacio defendendo a cidade. O comportamento histérico dun xeneral que entrou altivo nun hospital gritando «Veñen os prusianos, que cada un deféndase a si mesmo», á unha da mañá, enfureceu a Alicia.[37] Co tempo, asinouse un tratado de paz entre Prusia e Hesse, e Luís escribiulle á súa esposa dicíndolle que xa estaba «a salvo». Os dous reencontráronse por casualidade na rúa, e despois foron visitar xuntos os feridos.[37] Os prusianos ocuparon Darmstadt e Alicia dedicou moito tempo a coidar os enfermos e os feridos. Era amiga de Florence Nightingale, quen conseguiu reunir diñeiro en Inglaterra para enviarllo a Alicia, e esta seguiu os seus consellos sobre a limpeza e a ventilación dos hospitais.[2]

Malia sentirse aliviada coa fin da guerra, Alicia quedou conmocionada co comportamento das tropas prusianas en Hesse. Berlín ocupou as liñas ferroviarias e os telégrafos do gran ducado, e pediu tres millóns de floríns de indemnización a Hesse. Alicia escribiulle á súa nai quen, á súa vez, escribiu a Vitoria, que lle respondeu que non podía facer nada por aliviar «a posición dolorosa e preocupante na que a nosa querida Alicia se atopa», pois era «un dos resultados inevitables desta horrible guerra».[38] O tsar ruso interveu pedíndolle ao rei de Prusia que deixase ao gran duque que quedase co seu trono. O feito de que Alicia fose irmá da princesa herdeira tamén influíu na xenerosidade prusiana. Con todo, a Alicia enfureceuna que a princesa Vitoria visitase a rexión conquistada de Homburg, que pertencera a Hesse, pouco despois de que se convertese en territorio prusiano.[38]

David Strauss[editar | editar a fonte]

David Strauss, con quen Alicia mantivo unha relación de amizade.

Alicia fíxose amiga do teólogo David Strauss, unha figura controvertida da época. En 1835, Strauss publicara a obra Das Leben Jesu, kritisch bearbeitet ("A vida de Xesús, criticamente elaborada", 1835-1836), onde defendía que a Biblia non podía interpretarse literalmente como a palabra de Deus, unha óptica que rozaba a herexía en círculos ortodoxos.[4] A perspectiva de Alicia era similar á do teólogo e cría que a sociedade vitoriana da súa época estaba representando a Deus dunha forma que sería «irrecoñecible para os primeiros cristiáns».[39] Strauss tamén lle ofrecía a Alicia o tipo de compañeirismo intelectual que o seu marido non podía darlle e, por iso, era invitado moitas veces para ler en privado para Alicia. A amizade floreceu e Strauss foi presentado á irmá de Alicia, Vitoria e ó seu cuñado Federico, e invitárono a ir a Berlín.[40] En 1870, Strauss quixo dedicar a súa nova obra Voltaire a Alicia, pero tivo medo de pedilo e entón ela pediulle a este que lle adicase o libro.[41] Con todo, a amizade de Alicia con Strauss enfureceu a emperatriz Augusta, que denominou a Alicia «unha completa atea», tras coñecer o pensamento do teólogo.[4]

1871: relacións políticas e familiares[editar | editar a fonte]

Alicia en 1875.

En xaneiro de 1871 creouse o Imperio alemán e a opinión de Alicia quedou dividida: sentíase orgullosa por ver a unificación de Alemaña, pero triste por ver o seu marido obrigado a loitar no bando prusiano na guerra franco-prusiana.[42] Os dous estiveron separados durante un ano enteiro e víanse só nas pequenas pausas da guerra. Alicia lamentábase do «infeliz que fora o ano pasado».[43] Viaxou ata Balmoral para visitar a súa nai, pero como estaba recuperándose de dúas enfermidades graves, Alicia sentía que non era ben recibida. Por iso, Alicia e Luís quedaron cos príncipes de Gales en Sandringham, onde Luís puido ir de caza. Con todo, pouco antes da data de partida destes, o príncipe de Gales enfermou de febre tifoide e o seu estado chegou a ser crítico, aínda que tras un período axitado puido recuperarse.[44]

Trala recuperación do príncipe, a raíña quería, por riba de todo, que os agasallos pola súa boa saúde fosen para a princesa de Gales e non para Alicia. A raíña aínda recordaba que Alicia se opuxera á súa elección para o marido da princesa Helena, e a relación entre elas seguiu empeorando ata a morte de Alicia. Á raíña non lle gustaba a idea de ver Alicia aleitando os seus fillos, nin o seu interese pola xinecoloxía ou o corpo humano. Cando a irmá de Alicia, Luísa, casou o 21 de marzo de 1871, a raíña escribiulle a Luísa: «preferiría non ter que atoparma [a Alicia] axiña que, pois sei como é a súa curiosidade e, aínda peor e é algo que non me gusta dicir da miña propia filla, sei como é de pouco delicada e mesmo groseira (...) cando Lenchen me visitou en 1869 e lle contei estas cousas, aquela pobre cristiá quedou conmocionada».[45] A raíña tamén se irritaba coas cartas de Alicia onde se queixaba da súa pobreza e dos seus intentos por animala cando a visitaba. Vitoria estaba satisfeita coa súa tristeza e non quería que ninguén a animase. O feito de que a Alicia non lle gustase o illamento funerario da súa nai empeorou aínda máis a relación.[46]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Alicia cos seus fillos en 1876.

A traxedia alcanzou a Alicia o 29 de maio de 1873, cando o seu fillo máis querido, Federico, a quen chamaba «Frittie», morreu tras caer 6 metros desde unha fiestra.[47] O neno padecía hemofilia e, malia recuperar o coñecemento, non foi posible parar a hemorraxia interna. Alicia nunca conseguiu recuperarse deste golpe e escribiulle á súa nai, dous meses despois:

Alégrame saber que tes unha fotografía en cor do meu querido fillo. Síntome máis baixa de moral e máis triste que nunca e bótoo de menos continuamente.[48]

Porén, as atencións da raíña estaban dirixidas ao seu fillo, o príncipe Alfredo, que estaba prometido á gran duquesa María Aleksandrovna de Rusia. O tsar negouse a levar a súa filla ata Inglaterra para supervisar a voda e, no canto diso, insistiulle á raíña para que se atopase coa familia en Alemaña. Alicia apoiou esta idea e, o mesmo día que escribira á raíña para falarlle de Federico, esta respondeulle de forma seca:

Puxécheste totalmente do lado ruso e creo que ti, a miña querida filla, non me deberías dicir o que debo facer.[48]

Trala morte de Federico, Alicia sentiuse máis próxima ao seu fillo Ernesto e á súa filla recentemente nada, María. En 1875 retomou os seus deberes públicos, que incluían recadar fondos así como traballo médico e social, que sempre lle interesaron moito.[49] Mantivo sempre unha correspondencia activa coa reformista social Octavia Hill. Con todo, nestes anos, a relación co seu marido empezou a deteriorarse. A finais de 1876, foi a Inglaterra para tratarse dunha curvatura no ventre e quedouse en Balmoral mentres se recuperaba. Alí escribiu unha carta na que criticaba o infantilismo das cartas do seu marido: «se os meus fillos me escribisen cartas tan infantís –só pequenas historias– de onde comeron, de onde estiveron, etc. sen dar a súa opinión, nin ningunha observación ou comentario, sorprenderíame. Imaxina como quedo cando es ti o que me escribes así».[49] O 3 de outubro de 1876 escribiulle outra carta desesperada a Luís:

Esperaba compañeirismo verdadeiro pois, aínda por riba, a vida en Darmstadt non ten máis nada que ofrecerme (...) Por iso, naturalmente, estou moi desilusionada comigo mesma cando miro atrás e vexo que, malia as grandes ambicións, as boas intencións e o esforzo, as miñas esperanzas desfixéronse (...) Dis, querido meu, que nunca me farías dano a propósito (...) só lamento a falta de calquera intención ou desexo –aínda que fose interiorizado– da túa parte para ser máis para min, e isto non significa que pases todo o tempo comigo, sen ter o desexo de compartir nada comigo. Pero fago mal en falar disto. As túas cartas non son tan adorables e amables –senón tan baleiras– que sinto que cada vez teño menos cousas que dicirche que a calquera outra persoa. Choiva, mal tempo, cousas que pasaron, é todo o que teño que dicirche –e é tan distante do meu verdadeiro ser, da miña vida máis profunda, da túa– (...) Intentei unha e outra falarche de cousas serias, cando sinto necesidade de facelo, pero nunca estamos xuntos, desenvolvémonos por separado (...) e é por iso que sinto que o compañeirismo verdadeiro nunca vai existir entre nós –porque os nosos pensamentos nunca se van a atopar– (...) tamén hei de dicir que te quero moito, meu querido marido, e por iso é tan triste sentir que a nosa vida, malia isto, segue tan incompleta (...) Pero non te podo culpar por iso –nunca o pensei, nunca–.[50]
Alicia do Reino Unido

Ao día seguinte, Alicia escribiu unha carta moito máis curta a Luís na que lle dicía que estaba ansiosa por reencontrarse con el e que esperaba que «a miña carta non che preocupase –pero é mellor ser honesta cos meus sentimentos–».[51]

Gran duquesa[editar | editar a fonte]

Alicia cara 1869.

A pesar dos problemas conxugais, Alicia seguiu sendo un forte apoio do seu marido, censurando a quen non lle recoñecían os seus talentos e habilidades. O 20 de marzo de 1877, o pai de Luís, Carlos, morreu, converténdoos a ambos os dous en herdeiros ao trono. O 13 de xuño dese mesmo ano, o tío de Luís, Luís III, morreu e eles convertéronse en grandes duques de Hesse. Con todo, a falta de popularidade de Alicia en Darmstadt fixo que ela e os seus fillos pasasen os meses de xullo e agosto en Houlgate, en Normandía, onde Luís os visitaba con frecuencia.[52] A gran duquesa sentíase doída pola súa reputación en Darmstadt e empezou a sentirse cada vez máis frustrada debido á súa mala fama no gran ducado. En agosto de 1877, Luís escribiulle, expresándolle a súa esperanza de que «a amargura da auga salgada che faga esquecer a amargura que agora sentes por Darmstadt. Por favor, amor meu, non fales mal do reino cando me una a ti, porque estragarías a felicidade de verte de novo».[53]

Alicia tomou a peito as palabras de Luís e respondeulle:

Ten a seguridade de que non che vou a falar de Darmstadt cando chegues (...) Non teño ningunha intención de dicirche nada desagradable, moito menos a ti. Ti sacodes todo o desagradable como un caniche sacode a auga do pelo cando sae do mar. Caracteres como o teu sempre fan máis felices a un mesmo, pero non están feitos para axudar, reconfortar ou aconsellar os demais, nin para compartir con outros a calor do mediodía ou o frío da noite, con introspección, comprensión e simpatía.[54]
Alicia do Reino Unido

A carta de resposta de Luís «fixo a Alicia chorar» e, tras este incidente, as cartas de Alicia a Luís empezaron a ser máis valentes e a eloxiar a capacidade de Luís para tomar decisións só.[55]

O regreso de Alicia e Luís a Darmstadt foi moi celebrado, algo que ela non esperaba.[56] Con todo, as obrigas eran moi esixentes e iso levou a Alicia a escribirlle á súa nai «todo dáme medo».[57] Usou a súa nova posición para reformar as condicións sociais en Darmstadt, pero cría que a súa nova responsabilidade de Landesmutter (nai do pobo) esixíalle moito esforzo. Noutra carta dirixida á súa nai, escribiu que as súas obrigas eran «máis do que podía aguantar moito tempo».[57] Sentía igualmente angustia por un rumor que dicía que fora cruel coa tía de Luís, a gran duquesa viúva Matilde, así como doída por unha carta pouco simpática da raíña Vitoria. Alicia queixouse a Luís de que esa carta «fíxome chorar de rabia (...) oxalá estivese morta e probablemente non falta moito para darlle ese gusto a mamá».[58] Con todo, non queda constancia de que puido causar ese ataque de rabia.[59]

O Nadal de 1877 foi un descanso para Alicia, pois a súa familia volveuse unir e ela adoraba a súa filla pequena, María. Estaba demasiado cansa para asistir á voda da súa sobriña, a princesa Carlota, en Berlín en xaneiro de 1878. En lugar diso, introduciuse no mundo das artes e as ciencias e distanciouse dos protocolos sociais. Con todo, seguía sentindo a pesada carga das súas obrigas.[2] No outono de 1878, a raíña Vitoria pagoulle unhas vacacións á familia gran ducal en Eastbourne. Alicia cumpriu varias das súas obrigas reais na viaxe e visitou a súa nai en Osborne antes de volver ao novo palacio de Darmstadt preto de final de ano.[60]

Enfermidade e morte[editar | editar a fonte]

En novembro de 1878 o palacio viuse afectado por unha epidemia de difteria. A filla maior de Alicia, Vitoria, foi a primeira en enfermar tras queixarse dunha dor de garganta na noite do 5 de novembro. Foille diagnosticada difteria a mañá seguinte e a doenza estendeuse rapidamente a outros catro fillos de Alicia: Alexandra, María, Irene e Ernesto. O seu marido contaxiouse pouco despois. Isabel foi a única que non enfermou e foi enviada ao palacio da avoa.[61]

María estaba moi grave o 15 de novembro e Alicia foi ao seu cuarto. Con todo, cando chegou xa era tarde; María morrera asfixiada. A gran duquesa escribiulle á raíña Vitoria que «a dor non ten palabras».[5] Alicia escondeulle a noticia da morte de María aos seus irmáns durante varias semanas, pero acabou por dicirllo a Ernesto a principios de decembro. A súa reacción foi peor do que esperaba e, en principio, negouse a crela. Cando el se puxo a chorar, Alicia rompeu a súa regra sobre o contacto persoal con enfermos e deulle un bico.[62] Con todo, nun principio, Alicia non enfermou. De feito, viuse coa súa irmá Vitoria cando esta pasou por Darmstadt camiño de Inglaterra e escribiulle ese mesmo día dicindo que sentía «unha pequena alegría».[62] Con todo, o sábado desa semana, o 14 de decembro, a data do aniversario da morte do seu pai, enfermou gravemente de difteria que o seu fillo lle contaxiara. As súas últimas palabras foron «querido papá» e quedou inconsciente ás 2:30 da mañá.[63] Morreu ás 8:30 desa mesma mañá.[5]

Alicia foi enterrada o 18 de decembro de 1878 no mausoleo gran ducal en Rosenhöhe, nos arredores de Darmstadt, coa bandeira do Reino Unido cubrindo o ataúde.[64] Erixiuse un monumento especial sobre a súa sepultura, que representaba Alicia coa súa filla María nos brazos, concibido por Joseph Boehm.[1] Alicia foi a primeira filla da raíña Vitoria que morreu. Esta viviu aínda máis de vinte anos e viu morrer dous fillos máis (Leopoldo e Alfredo) antes da súa morte en 1901.[65]

Legado[editar | editar a fonte]

Alexandra, a filla máis coñecida de Alicia, co seu marido, Nicolao II e os seus cinco fillos Aleksei (nos brazos da nai), Tatiana, María, Anastasia e Olga. Alexandra recibiu o xene da hemofilia da súa nai e pasoullo ao seu fillo, o que afectou á popularidade dos Romanov en Rusia e axudou ao estoupido da revolución rusa en 1917.

A morte de Alicia causou un impacto emocional tanto en Gran Bretaña como en Hesse. The Estafes escribiu: «As persoas máis humildes sentíanse próximas á princesa, que era un modelo de virtude familiar como filla, irmá, esposa e nai (...) A súa abundante compaixón buscou fontes de axuda para o gran desperdicio descoñecido do sufrimento humano».[64] Illustrated London News escribiu que «a lección de vida da princesa falecida é tan nobre como obvia. O valor moral é máis importante que unha posición de privilexio».[66] A súa morte foi tamén profundamente lamentada pola familia real, principalmente polo irmán e a cuñada de Alicia, o príncipe Eduardo e a princesa de Gales. Cando a princesa de Gales soubo a noticia, exclamou: «Oxalá morrese eu no canto de ela».[67] O príncipe escribiulle ao conde de Granville que Alicia «era a miña irmá preferida. Tan bondadosa, tan amable, tan intelixente. Pasaramos por tantas cousas xuntos...».[68]

A raíña Vitoria, impactada pola dor, escribiulle á súa filla Vitoria: «A miña querida filla, que estivo ao meu lado e animoume fai dezasete anos foise o mesmo día e por unha enfermidade tan horrible e espantosa (...) Ela tiña a personalidade do seu querido papá e moito do seu carácter abnegado e sen medo e esa dedicación completa ao deber». A animosidade que Vitoria sentía pola súa filla deixou de existir.[69] A princesa Vitoria expresou a súa dor á súa nai nunha carta de 39 páxinas nas que lamentaba profundamente a morte de Alicia, a irmá á que se sentía máis próxima. Con todo, tanto ela como o seu marido non puideron asistir ao funeral porque o emperador de Alemaña llelo impediu,[70] pois temía pola súa seguridade.[70]

Os descendentes de Alicia xogaron papeis importantes na historia mundial. A súa sexta filla, Alexandra, casou co tsar Nicolao II de Rusia. Alexandra pasou o xene da hemofilia que herdara da nai ao seu fillo, o tsarévich Aleksei, o que axudou en moito ao éxito da Revolución rusa de 1917. Alexandra e o seu marido, así como os seus cinco fillos, foron asasinados polos bolxeviques o ano seguinte. Do mesmo xeito, a segunda filla de Alicia, Isabel, que casou co gran duque Serxio, foi asasinada en 1918. O neto de Alicia, Luís Mountbatten, foi o último vicerrei da India,[71] e o seu bisneto, o príncipe Filipe de Edimburgo, casou coa raíña Isabel II.[72]

Descendencia[editar | editar a fonte]

Nome Data de nacemento Data de pasamento Notas
Vitoria 5 de abril de 1863 24 de setembro de 1950 Casou con Luís de Battenberg, futuro marqués de Milford Haven (1854-1921); con descendencia.[73]
Isabel 1 de novembro de 1864 18 de xullo de 1918 Adoptou o nome de Isabel Feodorovna ao bautizarse na fe ortodoxa. Casou co fillo do emperador Alexandre II de Rusia, o gran duque Serxio (1857-1905). Foi asasinada polos bolxeviques. Sen descendencia.[74]
Irene 11 de xullo de 1866 11 de novembro de 1953 Casou con Henrique de Prusia (1862-1929), fillo de Federico III de Alemaña e a súa tía, Vitoria. Con descendencia.[75]
Ernesto 25 de novembro de 1868 9 de outubro de 1937 Converteuse en gran duque de Hesse en 1892 e abdicou en 1918. Casou coa súa prima Vitoria Melita de Saxonia-Coburgo e Gotha (1876-1936), divorciouse e casou en segundas nupcias con Eleonore de Solms-Hohensolms-Lich (1871-1937). Con descendencia.[76]
Federico 7 de outubro de 1870 29 de maio de 1873 Sufría hemofilia e morreu dunha hemorraxia interna tras caer dunha fiestra cando tiña dous anos e medio.[77]
Alexandra 6 de xuño de 1872 17 de xullo de 1918 Adoptou o nome de Alexandra Feodorovna ao bautizarse na fe ortodoxa. Casou co tsar Nicolao II de Rusia (1868-1918). Foi asasinada xunto co seu marido e os seus fillos polos bolxeviques. Con descendencia.[78]
María 24 de maio de 1874 16 de novembro de 1878

Morreu de difteria con catro anos. Sen descendencia.[79]

Títulos[editar | editar a fonte]

Devanceiros[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Reynolds.
  2. 2,0 2,1 2,2 Noel 1985, p. 233.
  3. 3,0 3,1 3,2 Packard 1998, p. 122.
  4. 4,0 4,1 4,2 Packard 1998, p. 159.
  5. 5,0 5,1 5,2 Packard 1998, p. 167.
  6. Packard 1998, p. 25.
  7. 7,0 7,1 Packard 1998, p. 26.
  8. Princess Christian, p. 13
  9. "London Gazette" (20231). 6 de xuño de 1843: 1889. 
  10. Van der Kiste 2003, p. 22.
  11. Van der Kiste 2003, p. 23.
  12. Packard 1998, p. 64.
  13. Packard 1998, p. 50.
  14. Packard 1998, p. 51.
  15. 15,0 15,1 Packard 1998, p. 87.
  16. Saxonia-Coburgo e Gota 1885, p. 11.
  17. St Aubyn, p. 343
  18. 18,0 18,1 Packard 1998, p. 102.
  19. 19,0 19,1 Packard 1998, p. 77.
  20. 20,0 20,1 Packard 1998, p. 78.
  21. Pakula 1995, p. 138.
  22. 22,0 22,1 Pakula 1995, p. 139.
  23. London Gazette: no. 22507, p. 1889, 3 de maio de 1861
  24. Packard 1998, p. 88-89.
  25. Packard 1998, p. 89.
  26. Packard 1998, p. 104.
  27. Van der Kiste 2003, p. 52.
  28. Noel 1985, p. 95.
  29. Noel 1985, p. 96.
  30. Noel 1985, p. 106.
  31. 31,0 31,1 31,2 Noel 1985, p. 107.
  32. Saxonia-Coburgo e Gota 1885, p. 28.
  33. Noel 1985, p. 108.
  34. 34,0 34,1 Packard 1998, p. 119.
  35. Noel 1985, p. 115.
  36. Packard 1998, p. 121.
  37. 37,0 37,1 Noel 1985, p. 131.
  38. 38,0 38,1 Packard 1998, p. 123.
  39. Packard 1998, p. 159-160.
  40. Noel 1985, p. 182.
  41. Noel 1985, p. 183.
  42. Noel 1985, p. 160.
  43. Noel 1985, p. 168.
  44. Noel 1985, p. 173.
  45. Packard 1998, p. 158.
  46. Packard 1998, p. 156.
  47. Packard 1998, p. 161.
  48. 48,0 48,1 Noel 1985, p. 215.
  49. 49,0 49,1 Noel 1985, p. 223.
  50. Noel 1985, p. 224-225.
  51. Noel 1985, p. 225.
  52. Noel 1985, p. 226.
  53. Noel 1985, p. 227.
  54. Noel 1985, p. 227-228.
  55. Noel 1985, p. 228.
  56. Noel 1985, p. 229.
  57. 57,0 57,1 Packard 1998, p. 165.
  58. Packard 1998, p. 165-166.
  59. Noel 1985, p. 231.
  60. Noel 1985, p. 233-234.
  61. Packard 1998, p. 166.
  62. 62,0 62,1 Noel 1985, p. 239.
  63. "Death of the Grand Duchess of Hesse". The Times, 16 de decembro de 1878 (en inglés).
  64. 64,0 64,1 Noel 1985, p. 241.
  65. "Victoria Alexandrina Hanover, Queen of the United Kingdom" (en inglés). thepeerage.com. Consultado o 18 de xuño de 2012. 
  66. "British Royalty: Victoria and Albert's Children" (en inglés). Consultado o 18 de xuño de 2012. 
  67. Noel 1985, p. 240.
  68. Martin 1908, p. 113.
  69. Packard 1998, p. 169.
  70. 70,0 70,1 Packard 1998, p. 170.
  71. Ziegler 2004.
  72. "Philip Mountbatten, 1st Duke of Edinburgh" (en inglés). thepeerage.com. Consultado o 18 de xuño de 2012. 
  73. thepeerage.com (ed.). "Victoria Alberta Elisabeth Mathilde Marie Prinzessin von Hessen und bei Rhein" (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2012. 
  74. thepeerage.com (ed.). "Elisabeth Alexandra Louise Alice Prinzessin von Hessen und bei Rhein" (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2012. 
  75. thepeerage.com (ed.). "Irene Luise Maria Anna Prinzessin von Hessen und bei Rhein" (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2012. 
  76. thepeerage.com (ed.). "Ernst Ludwig Karl Albert Wilhelm Großherzog von Hessen und bei Rhein" (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2012. 
  77. thepeerage.com (ed.). "Friedrich Wilhelm August Viktor Leopold Ludwig Prinz von Hessen und bei Rhein" (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2012. 
  78. thepeerage.com (ed.). "Victorie Alix Helene Luise Beatrice Prinzessin von Hessen und bei Rhein" (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2012. 
  79. thepeerage.com (ed.). "Marie Victoria Feodore Leopoldine Prinzessin von Hessen und bei Rhein" (en inglés). Consultado o 11 de xuño de 2012. 
Predecesor:
Matilde Carolina de Baviera
Gran Duquesa consorte de Hesse e do Rin
1877-1878
Sucesor:
Vitoria Melita de Saxonia-Coburgo e Gotha

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Reynolds, K. D. Oxford University Press, ed. "Princess Alice". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). 
  • Martin, Theodore (1908). Queen Victoria as I knew her (en inglés). Londres: W. Blackwood. 
  • Noel, Gerard (1985). Princess Alice: Queen Victoria's forgotten daughter (en inglés). Londres: Constable and Company Limited. ISBN 0-09-465980-X. 
  • Packard, Jerrold M. (1998). Victoria's Daughters (en inglés). Nueva York: St. Martin's Griffin. ISBN 0-312-24496-7. 
  • Pakula, Hannah (1995). An Uncommon Woman: The Empress Frederick (en inglés). Londres: Phoenix Press. ISBN 1-84212-623-7. 
  • Saxonia-Coburgo e Gota, Alice (1885). Letters to Her Majesty the Queen (en inglés). Londres: John Murray. 
  • Van der Kiste, John (2003). Queen Victoria's Children (en inglés). Gloucestershire, Inglaterra: Sutton Publishing Limited. ISBN 0-7509-3476-X. 
  • Ziegler, Philip (2004). Oxford University Press, ed. "Louis Mountbatten, first Earl Mountbatten of Burma". Oxford Dictionary of National Biography (en inglés). 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]