Alice Wilson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alice Wilson
Nacemento26 de agosto de 1881
Lugar de nacementoCobourg
Falecemento15 de abril de 1964
Lugar de falecementoOtava
NacionalidadeCanadá
Ocupaciónbióloga, paleontóloga e xeóloga
FillosAlice Elizabeth Robinson, Mary Ellen Robinson, Hannah Wilson Robinson, Julia Annie Robinson, Louise Annie Robinson, Isabella Jane Robinson, Richard Robinson, Wilhelmina Jemima Robinson, Emmeline Septimus Robinson e William Wilson Robinson
Premiosmembro da Orde do Imperio Británico e Fellow of the Royal Society of Canada
Na rede
WikiTree: Wilson-61136
editar datos en Wikidata ]

Alice Evelyn Wilson, nada o 26 de agosto de 1881 e finada o 15 de abril de 1964, foi a primeira xeóloga e paleontóloga canadense.[1] Como pioneira nunha profesión dominada polos homes, afrontou moitos retos, pero os seus estudos científicos sobre as rochas e fósiles da rexión de Otava entre 1913 e 1963 considéranse unha fonte de coñecemento.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Alice Wilson creceu en Cobourg, Ontario, onde estivo rodeada de piragüismo e viaxes de campamento co seu pai e os seus irmáns, durante as cales espertou o seu interese polos fósiles. A súa familia tamén fomentou o pensamento académico e a procura do coñecemento científico, dándolle unha base sólida para perseguir o seu desexo de converterse en xeóloga.[3]

Comezou os seus estudos na Universidade Vitoria de Cobourg en 1901, cursando materias que non lle apaixonaban, como as linguas modernas e a historia. Deixou os seus estudos no seu último ano debido á mala saúde, pero despois foi contratada pola división de Mineraloxía do Museo da Universidade de Toronto, comezando así a súa carreira en Xeoloxía.[3] Máis tarde completou a súa licenciatura e foi contratada para un posto permanente como técnica de museos no Geological Survey of Canada (GSC) en 1909.

Wilson insistiu durante sete anos no seu traballo para que lle deran tempo libre para poder continuar os seus estudos. Finalmente, a Federación Canadense de Mulleres Universitarias concedeulle unha bolsa para continuar os seus estudos de posgrao na Universidade de Chicago.[1] Obtivo o doutoramento en Xeoloxía en 1929.

Mentres estaba no GSC, non puido participar no traballo de campo que requiría vivir en campamentos con homes en rexións remotas, o que era impensable naquel momento. Pola contra, fixo traballo de campo en sitios locais da zona de Otava. Durante os seguintes cincuenta anos estudou esta zona a pé, en bicicleta e finalmente en coche.[1] O GSC publicou os resultados do seu traballo de campo en 1946, e o seu libro Geology of the St. Lawrence Lowland, Ontario and Quebec foi a primeira gran publicación xeolóxica sobre a zona. Ademais dunha discusión exhaustiva sobre a xeoloxía da zona, Wilson cubriu no seu traballo os recursos económicos da zona, incluíndo pedra de construción, area, grava e auga potable.

Co tempo converteuse nunha respectada membro do GSC e mentora. Xubilouse aos 65 anos, tal e como esixe a lei, pero mantivo o seu cargo no GSC e continuou traballando ata a súa morte en 1964.[4] Wilson foi ademais profesora de Paleontoloxía no Carleton College (máis tarde Carleton University) de 1948 a 1958. Carleton recoñeceuna como xeóloga e profesora inspiradora cun título honoris causa en 1960.[3]

Tamén foi unha excelente comunicadora e traballou para achegar a Xeoloxía a un público máis amplo. Escribiu un libro para público infantil, A terra baixo os nosos pés, co obxectivo de fomentar o coñecemento máis amplo e o interese pola ciencia que tanto lle apaixonaba.[5]

Premios e recoñecementos[editar | editar a fonte]

Wilson foi unha pioneira que abriu moitos campos a outras mulleres. Foi a primeira muller xeóloga contratada polo Geological Survey of Canada (1909), a primeira muller canadense admitida na Sociedade Xeolóxica dos Estados Unidos (1936) e a primeira muller membro da Royal Society of Canada (1938).

Cando o goberno de Richard Bedford Bennett intentou honrar a unha muller na función pública federal en 1935, Wilson foi elixida para converterse en membro da Orde do Imperio Británico. Ademais, a Royal Society of Canada estableceu os Premios Alice Wilson para mulleres emerxentes en estudos en 1991 e foi incorporada ao Salón da Fama da Ciencia e da Enxeñaría do Canadá en 2005.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Alice Evelyn Wilson is the first female geologist in Canada". Immigration to Canada (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2018. 
  2. "First female geologist in Canada and first woman to become a member of the Royal Society of Canada". Library and Archives Canada (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 4 de xuño de 2019. Consultado o 14 de febreiro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Celebrating Women's Achievements - Alice Wilson". Library and Archives Canada (en inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2018. 
  4. "Alice's Adventures in Geology". Innovation Canada 150 (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de maio de 2017. Consultado o 22 de febreiro de 2018. 
  5. "Alice Wilson; First woman geologist in Canada, expert in palaeozoic formations". Science.ca (en inglés). Consultado o 22 de febreiro de 2018. 
  6. "Alice Wilson Awards". The Royal Society of Canada (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xullo de 2018. Consultado o 22 de febreiro de 2018.