Alice Schwarzer
(2010) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (de) Alice Sophie Schwarzer 3 de decembro de 1942 (81 anos) Wuppertal, Alemaña |
Redactora xefe | |
Datos persoais | |
Ideoloxía política | Feminismo |
Actividade | |
Campo de traballo | Movimento feminista (pt) |
Ocupación | xornalista, activista polos dereitos das mulleres, escritora, editora literaria |
Participou en | |
18 de marzo de 2012 | Eleição presidencial da Alemanha de 2012 (pt) |
Outro | |
Condenado por | incumprimento fiscal (2016) |
Cronoloxía | |
matrimonio igualitario | |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, enllaç URL, |
Páxina web | aliceschwarzer.de |
|
Alice Sophie Schwarzer,[1] nada en Wuppertal (Renania do Norte-Westfalia, Alemaña) o 3 de decembro de 1942, é unha xornalista e escritora alemá, ademais de fundadora e editora da revista feminista Emma.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Infancia
[editar | editar a fonte]Alice Schwarzer naceu en Wuppertal, no distrito de Elberfeld, sendo filla ilexítima e foi criada polos seus avós. A oposición da súa familia ao nazismo e a súa solidariedade coas vítimas tiveron unha gran influencia nela.[2]
Educación
[editar | editar a fonte]Schwarzer estudou empresariais e traballou no sector comercial durante algúns anos. En 1963 viaxou a París, onde aprendeu francés, e regresou a Alemaña en 1965. Fixo prácticas no xornal Düsseldorfer Nachrichten e, en 1969, comezou a traballar na revista Pardon como reporteira. De 1970 a 1974 traballou en París como correspondente de política independente para radio, televisión e revistas. A súa especialidade era as «consecuencias da Revolución do 68 nos ámbitos político, social e cultural». Entre 1970 e 1974 estudou na Universidade de París VIII, a cal aceptaba estudantes sen certificado de estudos de acceso á universidade.[3] Alí, formouse en Psicoloxía e Socioloxía,[4] sen finalizar os estudos, xunto con Michel Foucault entre outros.
Movemento feminista dos anos 70
[editar | editar a fonte]En 1970, Schwarzer estableceu amizade con Simone de Beauvoir e Jean-Paul Sartre. As súas entrevistas con de Beauvoir, realizadas entre 1971 e 1982, publicáronse en 1983 co título Weggefährtinnen im Gespräch (Compañeiras de charla). No prólogo do libro, Beauvoir escribiu: «Grazas ao compañeirismo feminista e á amizade persoal, ela puido formular preguntas do meu interese e eu puiden responderlle con total franqueza».[5]
Xunto con Monique Wittig, entre outras, Schwarzer foi unha das promotoras do Mouvement pour la libération des femmes (MLF) de París, un dos primeiros grupos do movemento feminista francés. O 5 de abril de 1971, a revista semanal francesa Le Nouvel Observateur publicou a confesión de 343 mulleres, entre as cales se atopaban moitas celebridades, coma Catherine Deneuve e Simone de Beauvoir, na que declaraban: «Un millón de mulleres ao ano aborta en Francia. Fano en circunstancias perigosas, xa que o aborto é ilegal. […] Recoñezo que son unha delas. Recoñezo que abortei». Deste xeito exixiron a legalización do aborto de forma impactante e iniciaron un debate público. Schwarzer levou este movemento a Alemaña baixo o lema Frauen gegen den § 218 (mulleres contra o artigo 218 do Código penal alemán). O punto culminante foi a reportaxe de portada da revista Stern do 6 de xuño de 1971, no que 374 mulleres confesaron publicamente: Wir haben abgetrieben! (Nós abortamos!). En outono dese mesmo ano, publicouse o primeiro libro de Schwarzer, Frauen gegen den § 218.[6]
En 1973, no seu libro Frauenarbeit – Frauenbefreiung (Traballo feminino e liberación da muller) Schwarzer, baseándose tanto na análise de 16 entrevistas a mulleres, como na situación xeral destas, chegou á conclusión de que o requisito previo para a igualdade era o traballo fóra do ámbito doméstico. Con todo, este supoñía unha carga adicional, xa que para axudar as mulleres débese comezar por derrubar a asunción social do papel da muller na crianza dos fillos e as tarefas domésticas e avanzar cara á división equitativa destes labores entre os integrantes da parella. Porén, un cambio tan profundo na sociedade supón que cada muller teña que estar disposta a loitar tamén contra os privilexios masculinos na súa propia relación. A loita, para Schwarzer, debe liberarse sempre a nivel colectivo e individual ao mesmo tempo.[7]
No seu libro Der kleine Unterschied und seine großen Folgen (A pequena diferenza e as súas grandes consecuencias) presentou a sexualidade como a «base das relacións de poder entre sexos e a opresión das mulleres». A «heterosexualidade forzada» non é algo innato, senón un imperativo cultural. Defende a liberdade sexual e a independencia económica das mulleres. O libro publicouse en 1975 e fíxoa famosa máis alá de Alemaña Occidental. Traduciuse a doce idiomas, sendo o último o coreano en 2001.[8] Dende entón, é considerada a figura máis coñecida e controvertida do novo movemento feminista alemán.
«O que buscamos non é a integración da muller nin a súa masculinización, senón a humanización dos sexos». – Alice Schwarzer (1975)[9]
Fundación da revista Emma
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 1977 publicouse o primeiro número da revista Emma, fundada por Schwarzer, e da cal foi dende entón editora e redactora xefe. En 1979, xunto cun grupo de intelectuais franceses, Schwarzer viaxou a Teherán, poucas semanas despois da chegada de Khomeini ao poder, en resposta a unha chamada de auxilio das mulleres iranianas que se resistían á imposición do veo e á privación de dereitos. Schwarzer escribiu un artigo sobre este tema en Emma e no semanario Die Zeit, cuxo credo dicía: «Estas mulleres tiveron o que hai que ter para loitar pola liberdade, pero non terán o suficiente para vivir en liberdade».[10] Dende entón, o perigo que supón o fundamentalismo relixioso supón un dos seus temas principais a tratar.
Demanda contra Stern
[editar | editar a fonte]O 23 de xuño de 1978, Schwarzer e outras nove mulleres, entre elas as actrices Margarethe von Trotta, Erika Pluhar e Inge Meysel, presentaron unha demanda por «difamación» contra Henri Nannen, o redactor xefe da revista Stern. Nela, solicitaron a cesación dos «insultos que a revista Stern lles proferiu, os cales se formulaban mostrando as mulleres coma meros obxectos sexuais nas súas portadas, o que lle suxería ao lector masculino que o home pode dispor da muller o seu antollo e dominala». Aínda que foi desestimada por motivos formais,[11] tivo gran repercusión nos medios de comunicación por ser a primeira demanda contra o sexismo da República Federal Alemá.[12]
Anos 90
[editar | editar a fonte]En 1990, Schwarzer creou o Premio Emma de Xornalismo, no que, ata 2012, cada dous anos un xurado diferente e independente, presidido por Schwarzer, premiaba a periodistas que publicaran «artigos innovadores concienciados coa realidade social e a igualdade entre sexos».
Dende 1993, Emma pasou a publicarse cada dous meses. Schwarzer volveu a escribir máis libros, ensaios políticos e biografías. Nese mesmo ano, publicouse o seu estudo de caso sobre a morte de Petra Kelly e o seu compañeiro Gert Bastian, coa teoría de que Bastian disparou a Kelly mentres estaba durmida e logo suicidouse. O libro de Schwarzer, Eine tödliche Liebe. Petra Kelly und Gert Bastian (Un amor mortal. Petra Kelly e Gert Bastian), foi levado á gran pantalla en 2001 coa película Kelly Bastian – Geschichte einer Hoffnung (Kelly Bastian, a historia dunha esperanza), da que foi coguionista.[13] Tamén escribiu as biografías de Marion Dönhoff e Romy Schneider, converténdose ambos os libros en best séllers. En 2020, a obra de Schwarzer chegaba aos 23 libros coma autora e outros 23 coma editora.
Sucesión da dirección de Emma
[editar | editar a fonte]A principios de decembro de 2007, Schwarzer deu a coñecer a súa intención de ceder a dirección de Emma á periodista e columnista Lisa Ortgies, como moi tarde na primavera de 2008.[14] Ortgies ía estar en período de formación durante seis meses, pero, en maio de 2008, renunciou tras oito semanas como redactora xefe.[15] Der Spiegel destacou a hipótese de que Schwarzer seguía dominando a actividade diaria da empresa, o que fixo fracasar o relevo xeracional.[16] Emma publicou sobre isto, entre outras cousas: «O persoal de Emma solicita unha reunión con Alice Schwarzer. Suxiren que Lisa Ortgies […] tras estas primeiras probas, por desgraza e, de forma bastante sorprendente, non parece ser a persoa idónea para o posto».[17]
Dende 2009
[editar | editar a fonte]No semestre de verán de 2009, Schwarzer aceptou o posto de profesora visitante tanto na Universidade de Artes Aplicadas de Viena, así como no Departamento de Periodismo e Ciencias da comunicación baixo a Cátedra Theodor-Herzl. Alí, deu conferencias en abril e maio sobre temas como pornografía e violencia sexual, fundamentalismo relixioso e mulleres e homes.[18] No semestre de inverno 2010/2011, aceptou a Cátedra Mercator da Universidade de Duisburgo-Essen (Alemaña).
En novembro de 2010, Schwarzer atacou nunha carta aberta a Kristina Schröder, ministra de Familia (Terceira Idade, Mulleres e Xuventude) de Alemaña.[19]
De 2010 a 2011, Schwarzer informou sobre o xuízo Kachelmann no tabloide Bild da editorial Axel Springer.[20] O seu papel no xuízo foi criticado en varias ocasións e acabou sendo acusada de falta de profesionalidade, imparcialidade e de prexulgar o acusado. Schwarzer insistiu de xeito repetitivo que para ela non era cuestión de culpabilidade, senón da información unilateral dos medios de comunicación a favor de Kachelmann.[21]
En decembro de 2011, ditouse unha orde xudicial contra Alice Schwarzer, xa que seguiu acusando a Kachelmann despois da súa absolución en maio de 2011 por «falta de probas».[22]
Vida privada
[editar | editar a fonte]O 15 de setembro de 2011 publicouse a autobiografía de Schwarzer baixo o título Lebenslauf (Currículum vitae).[23] Nela escribiu por primeira vez sobre as súas relacións, como co francés Bruno, co que estivo dez anos.[24] En xuño de 2018 casou coa fotógrafa Bettina Flitner, coa que tamén traballara para a súa revista durante anos.[25]
A CDU de Renania do Norte-Westfalia enviou a Schwarzer á 15ª Asemblea Federal na que se elixiría a Joachim Gauck como 11º Presidente da República Federal de Alemaña.[26]
Evasión fiscal
[editar | editar a fonte]Alice Schwarzer evadía desde a década de 1980 o imposto sobre as ganancias de capital cunha conta agochada en Suíza, estes ingresos non foron declarados ás autoridades fiscais. O asunto fíxose público cando Der Spiegel informou a principios de febreiro de 2014 sobre unha regularización voluntaria da situación tributaria de Schwarzer de 2013, que fixo para evitar a persecución penal.[27] O 8 de febreiro de 2014 publicouse que a fiscalía responsable iniciara unha investigación.[28] Finalmente en xullo de 2016, emitiuse unha orde de sanción contra Alice Schwarzer porque a súa regularización voluntaria era fraudulenta polo que ten que pagar unha multa de máis de 1 000 €.[29]
O 3 de febreiro de 2014 (un día despois de coñecerse a evasión fiscal) Schwarzer anunciou a creación dunha «Fundación para a Igualdade de Oportunidades e os Dereitos Humanos das Nenas e das Mulleres» sen ánimo de lucro, cun patrimonio inicial dun millón de euros.
Posicións políticas
[editar | editar a fonte]Dereito ao aborto
[editar | editar a fonte]O dereito a interromper un embarazo non desexado libremente era o principal obxectivo de Schwarzer a principios dos anos 70. Promoveu moitas accións e publicacións contra o artigo 218 do Código penal alemán e, en 1971, iniciou a campaña Wir haben abgetrieben! (Nós abortamos!) na revista Stern, na que mulleres recoñecidas como Romy Schneider, Sabine Sinjen e Liz Verhoeven confesaban abortar.[30] En 2005, Schwarzer admitiu que ela e algunhas outras participantes da campaña non abortaran.[31] Dixo: «A campaña non foi unha confesión persoal, senón unha provocación política».
Schwarzer xogou un papel importante no amplo debate público sobre o «dereito ao aborto» cuxo lema era: «O meu ventre perténceme». En particular, Schwarzer e outros abordaron a humillación e a privación de dereitos, así como os perigos físicos para as mulleres que optaron por interromper un embarazo non desexado.
Sexualidade e «heterosexualidade forzada»
[editar | editar a fonte]Un dos temas centrais de Schwarzer dende 1975 foi o papel da sexualidade na construción da feminidade e da masculinidade. No seu libro Der kleine Unterschied und seine großen Folgen (A pequena diferenza e as súas grandes consecuencias, 1975) Schwarzer analiza a sexualidade como o «punto central da cuestión feminina». A sexualidade é un medio para a opresión das mulleres en todos os ámbitos da vida. Aquí se atopa a base do poder masculino e da impotencia feminina.[32] Defende unha «sexualidade libre», a primacía da «heterosexualidade forzada» está, na súa opinión, condicionada culturalmente.
No número especial Sexualität de Emma publicado en 1984,[33] Schwarzer continuou a súa tese sobre «a pequena diferenza». Reiterou a súa opinión de que o erotismo está tradicionalmente asociado co poder dos homes e coa impotencia das mulleres.
En Der Große Unterschied (A gran diferenza, 2000, Kiepenheuer & Witsch) Schwarzer dedicou un capítulo enteiro ao «mito da sexualidade». Afirmou que no curso da súa emancipación xeral, as mulleres tamén se volveron máis seguras de si mesmas sexualmente e que a sexualidade entre ambos os sexos era máis igualitaria.
Cría recoñecer unha «nova inseguridade sexual» entre os homes: «As mulleres de hoxe tamén esperan un completo interese pola súa persoa en canto á sexualidade e un erotismo integral, a visión no escote e na alma». Só un de cada cinco homes considera atractiva a emancipación, segundo o Berliner Institut für Männerarbeit (Instituto de Traballo Masculino de Berlín). O resto reacciona con «reticencia, exaculación precoz, problemas de erección ou impotencia».[34]
Ao mesmo tempo, porén, segundo un estudo sobre a sexualidade dos mozos realizado polo Instituto de Investigacións Sociais de Hamburgo, o número de homes «que buscan unha relación igualitaria e amorosa coas mulleres [...] en 1990 alcanzaba o 71%».[35]
En marzo de 1977, Schwarzer é a primeira en dar a coñecer en Emma o crime de «circuncisión do clítoris», actualmente mutilación xenital, nalgunhas culturas.[36] Defende a solidariedade coas mulleres dos países afectados, desde Exipto ata a totalidade de África, e a loita común contra este crime.
Porén, Schwarzer é partidaria da circuncisión masculina por razóns de hixiene; a violación da integridade física do neno é «moi leve».[37]
Independencia financeira da muller
[editar | editar a fonte]Outro dos obxectivos da loita de Schwarzer e doutras feministas e as súas simpatizantes fíxose realidade en 1976 coa Primeira Lei de reforma do dereito matrimonial e de familia. Esta lei alemá recolle, entre outras cousas, que as mulleres casadas xa non teñen que lle pedir permiso ao seu marido se queren acceder a un traballo asalariado e que o principio de culpabilidade que se aplicaba ata entón no caso de divorcio foi substituído polo principio de ruptura, de xeito que as mulleres divorciadas teñen agora dereitos de manutención respecto aos seus ex-maridos independentemente da súa conduta durante o matrimonio.
En 1995, Schwarzer criticou esta reforma do dereito de familia, afirmando que aínda que o modelo de «matrimonio de ama de casa» fora abandonado,[38] as condicións sociopolíticas seguían impedindo a igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres. Abolir a distribución tradicional de funcións foi «máis difícil de aplicar», segundo Schwarzer.[39]
Oposición ao Islam
[editar | editar a fonte]Schwarzer rexeita o uso do veo islámico (hijab) nas institucións públicas (ver tamén: Controversia do veo) e chámao «bandeira dos cruzados islamitas»,[40] os «fascistas do século XXI».[41] A diferenza doutros símbolos relixiosos, por exemplo a cruz cristiá, o veo islámico estigmatiza as mulleres, ás veces baixo coacción, dificulta a liberdade física de movemento e non é un símbolo relixioso senón político.[42]
En resposta ás noticias sobre un xuíz de Frankfurt que, en 2007, causou sensación nos medios de comunicación cunha sentenza que xustificou dicindo que a violencia doméstica sufrida por unha muller alemá de orixe marroquí a mans do seu marido, criado en Marrocos , non se trataba dun caso extremo, xa que no seu círculo cultural «non era inusual que o marido exercese o seu dereito de castigar a muller» e esta debería esperar por el ata que casara,[43] Schwarzer dixo que esta actitude «está lonxe de ser un caso illado».[44] Teme que o sistema xurídico alemán se suavice e ten a impresión de que hai unha falsa tolerancia, especialmente no ámbito da xustiza.[45]
Con motivo do 80 aniversario do papa Bieito XVI, felicitouno. Schwarzer dixo que observou con gran interese como o Papa non dubidou en ser crítico co «islam politizado». Por suposto, non está de acordo coa Igrexa católica romana e a súa relación coa figura feminina. Non obstante, dixo que esperaba que este papa abordase o tema da violencia sexual contra a rapazada e as mulleres un pouco máis que os seus predecesores.[46]
Schwarzer tamén entende as manifestacións islamófobas de «Pegida» nos seus inicios como o «malestar xustificado» contra o fascismo islámico. En 2015 escribiu sobre este tema: «Non debería a política tomarse en serio o malestar desta maioría esmagadora, en lugar de seguir ignorándoo, desbotándoo, incluso demonizándoo? [...] Trátase dun malestar debido á axitación islamista ofensiva e a propagación da Xaria. É o malestar xustificado con esta nova forma de fascismo».[47]
En maio de 2016, Schwarzer publicou a antoloxía Der Schock - die Silvesternacht von Köln (A conmoción na Noitevella en Colonia).[48] Este é o seu terceiro libro como editora sobre o tema do Islam/Islamismo político. Na noite de fin de ano de 2015, máis de 2 000 mozos, na súa maioría de orixe musulmá, amotináronse e atacaron as mulleres na explanada da estación de Colonia. Posteriormente, 627 mulleres presentaron cargos por agresión sexual e mesmo violacións. Para Schwarzer, esta aparición «en forma de enxame» non foi unha casualidade, senón unha demostración política de poder. Segundo ela, a intención deste suceso foi, como en O Cairo, que as mulleres «teñan medo e sexan expulsadas dos espazos públicos».[49]
Prohibición da pornografía
[editar | editar a fonte]Segundo Alice Schwarzer, a pornografía recoñécese pola súa vinculación do pracer sexual coa humillación e a violencia. Ademais opina que «a pornografía é o contrario do erotismo, onde non hai xerarquía e nada está fixo, se non que todo é posible».[50]
Schwarzer iniciou unha primeira acción contra a pornografía xunto con outras nove mulleres (entre elas Inge Meysel, Erika Pluhar e Margarethe von Trotta) cunha demanda mediática contra a revista Stern en 1978, que foi desestimada.[51]
En 1987, levou acabo un segundo intento cara á loita contra a pornografía coa súa campaña PorNO.[52] Simultaneamente, publicou Pornography: Men Possessing Women (Pornografía. Os homes dominan as mulleres) de Andrea Dworkin, coa editorial Emma. Ademais, en colaboración con Lore Maria Peschel-Gutzeit (SPD), que máis adiante será ministra de Xustiza de Hamburgo e Berlín, publicou un proxecto de lei contra a pornografía para substituír o código penal vixente ata entón, o cal non se chegou a aplicar.[53]
As mulleres como agresoras
[editar | editar a fonte]Schwarzer considera que a violencia exercida polas mulleres céntrase no plano psicolóxico.
Por iso, en 1994, aclamou o acto da estadounidense Lorena Bobbitt, que cortara o pene do seu marido John Bobbitt, mentres este durmía, despois de que presuntamente a enganase, a obrigara a abortar e a violase, en varias ocasións, no transcurso do seu matrimonio. Lorena Bobbitt non foi condenada porque o xurado presumiu que estaba incapacitada por sufrir un trastorno mental transitorio no momento do crime. E John foi acusado de abusos sexuais en varias ocasións, pero foi absolto do cargo de violación por falta de probas. Ela desarmou ao seu marido. [...] Xa non se podía parar, a violencia xa non é un tabú para as mulleres. [...] As vítimas non teñen máis remedio que actuar elas mesmas. E as mulleres temos que nos alegrar cando unha delas contraataca. Por fin! — Alice Schwarzer, Emma, 1994[54]
Sadomasoquismo
[editar | editar a fonte]Coa súa tese sobre o masoquismo estrutural feminino, é dicir, a erotización subxectiva da opresión obxectiva, Schwarzer sitúase na corrente de feministas como Kate Millett e psicanalistas como Margarete Mitscherlich. En consecuencia, a sexualidade nunca é só un «asunto privado», senón que é tamén un «espello das relacións obxectivas de poder».
Como editora de Emma, Schwarzer abriu axiña o debate sobre o sadomasoquismo, especialmente o propagado polas lesbianas. No número de setembro de 1977 de Emma, informou sobre o libro de Nancy Friday My Secret Garden: Women's Sexual Fantasies (O meu xardín secreto. As fantasías sexuais das mulleres) e publicou unha análise sobre a diferenza entre as fantasías masoquistas e a realidade sadomasoquista, realizada pola psicanalista Margarete Mitscherlich. Anos despois, en novembro de 1981, Emma publicou tamén unha cabeceira coas teses da estadounidense Pat Califia e concedeu un espazo na revista para o debate sobre o sadomasoquismo e o BDSM entre as lesbianas. En cambio, as feministas sexopositivas ou os grupos de lesbianas feministas sadomasoquistas como Samois non se trataron na súa revista.
Alice Schwarzer defende contra a acusación de pornografía a novela da autora británica E.L. James Sombras de Grey, sobre unha relación sadomasoquista. «Escribe sobre o sadismo masculino e sobre as súas fantasías femininas, ese é o verdadeiro tema! E iso é máis ben emancipación». A heroína precisamente non se somete ao home e iso é o que o fai tan fascinante para os millóns de lectoras. Esa idea de «xogar co lume que elas mesmas poden apagar».[55]
Prostitución
[editar | editar a fonte]Alice Schwarzer leva dende 1980 loitando contra a aceptación da prostitución e pola solidariedade coas prostitutas.
Creou a campaña de Emma Appell gegen Prostitution (Recurso contra a prostitución) con este fin e nela pronunciouse contra a «desregulación» da prostitución en Alemaña, así como a favor de castigar os clientes e de endurecer as penas para os traficantes, os proxenetas e os explotadores de bordeis.
Ademais, en novembro de 2013, no marco desta campaña, publicou o libro Prostitution - Ein deutscher Skandal (A prostitución. Un escándalo alemán) que consistía nunha colección de textos, a maioría deles publicados previamente en Emma. Nel, Schwarzer avoga polo ostracismo social e a loita contra a prostitución, tamén por medios legais. Cualificou de «escándalo» a lei de prostitución que entrou en vigor en 2002 e afirmou que abría as portas aos traficantes de persoas.
Nunha entrevista sobre o libro dixo: «Ningún Estado ilustrado e democrático seguiría tolerando, trivializando ou incluso propagando a escravitude, como o fai hoxe Alemaña coa prostitución».[56] Como en declaracións anteriores,[57] cualifica a voluntariedade coma un mito, xa que polo menos o 90% das prostitutas son pobres e exercen de xeito forzado, querendo deixalo sen, a miúdo, poder facelo. E ademais detrás da pretendida voluntariedade escóndese, en moitos casos, o motivo da autodestrución.[58]
Guerra ruso-ucraína
[editar | editar a fonte]No contexto da anexión de Crimea, Schwarzer en 2014 posicionouse publicamente en contra da xestión da crise por parte de Occidente na súa web no artigo: Warum ich trotz allem Putin verstehe! (Por qué entendo a Putin a pesar de todo!)[59] E nel tamén crítica o que considera unha tendencia a expoñer información subxectiva por parte dos medios de comunicación occidentais.
Ademais, foi a primeira asinante da carta aberta dirixida ao chanceler Olaf Scholz, publicada pola revista Emma o 29 de abril de 2022. Nela, preocupada por unha guerra mundial no contexto da invasión rusa de Ucraína deste ano, pronúnciase en contra da entrega de máis artillaría a Ucraína, entre outras cousas.[60]
Na manifestación do 1º de maio, Scholz respondeu ás críticas deste documento dicindo que esixir a Kíiv que se defenda sen armas é «anticuado».[61]
Transidentidade, feminismo interseccional e activismo trans
[editar | editar a fonte]Nun artigo de decembro de 2019, formulou a «liberación dos roles de xénero e a liberación da sexualidade» como o obxectivo do feminismo. Schwarzer opina que á desexada «abolición dos roles de xénero», «mulleres» e «homes», se lle opón a división e multiplicación en numerosas identidades novas, representadas polo feminismo interseccional. E considera que, entrementres, esta «absurdeza sectaria dunha minoría» acabaran por se converter nunha corrente dominante. Schwarzer considera o activismo trans «propaganda»[62] que pode animar as rapazas inseguras a «rexeitar ou incluso mutilar» os seus corpos. A transidentidade non é, segundo Schwarzer, un conflito físico, senón puramente psicolóxico.[63]
Debido ás súas posturas ideolóxicas, Alice Schwarzer foi criticada por activistas da esquerda e é tachada de «feminista trans-excluínte» (TERF).[64]
Recepción
[editar | editar a fonte]A repercusión de Schwarzer
[editar | editar a fonte]Segundo unha enquisa do Instituto de Demoscopia Allensbach (Institut für Demoskopie Allensbach) de 2006, o 83% da cidadanía alemá coñece a Alice Schwarzer e o 67% cree que «fixo moito polas mulleres».[65] En 2007 o historiador Hans-Ulrich Wehler opinaba sobre Schwarzer nunha recensión dun dos seus ensaios políticos na revista suíza Die Weltwoche, que «só con pensar na súa traxectoria podes decatarte de ata que punto esta escritora e política de facto, a miúdo sen axuda, defendeu de forma convincente a causa das mulleres. Sen este motor tan individual, sen esta paixón por avanzar con firmeza na argumentación aberta da causa xusta, o movemento feminista, e os órganos de decisión da política de partidos, carecerían dun impulso importante».[66]
Na clasificación de intelectuais de 2008 da revista Cicero, Alice Schwarzer foi a «intelectual alemá máis influente», xusto detrás da crítica literaria Elke Heidenreich. A clasificación baséase na presenza de mulleres en 160 periódicos e revistas de primeira liña dende 1998, así como nas referencias do provedor de información en liña Munzinger-Archiv GmbH e en Internet.[67] Na clasificación de 2012, Alice Schwarzer foi a primeira muller que ocupou o cuarto lugar e foi, polo tanto, segundo Cicero, «a muller con maior poder de interpretativo público».[68]
Selección de recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1991: Premio de Cultura Von der Heydt, da cidade de Wuppertal, pola súa traxectoria.
- 1992: Medalla Dr. Kurt Neven DuMont da Academia de Comunicación de Alemaña Occidental.
- 1996: Cruz de Mérito con Banda, da Orde do Mérito da República Federal de Alemaña.
- 1997: Muller do ano, da Asociación Xeral de Mulleres Alemás.
- 2003: Premio ao Valor Civil do CSD de Berlín.
- 2004: Caballero da Lexión de Honor francesa
- 2004: Premio Estatal de Renania do Norte-Westfalia.
- 2005: Premio Danubius Donauland de non ficción.
- 2005: Cruz de Mérito de Primeira Clase, da Orde de Mérito da República Federal de Alemaña.
- 2005: Periodista do ano (revista do sector Medium-Magazin)
- 2010: Cátedra Mercator na Universidade de Duisburg-Essen [69]
- 2018: Premio Markgräfler Gutedel [70]
Selección de escritos
[editar | editar a fonte]Como autora e editora
[editar | editar a fonte]Os títulos de obras literarias, musicais, filmes, videoxogos etc. contidos neste artigo deberían aparecer na súa forma orixinal, a non ser que exista versión en galego (consulte a base de datos de libros editados en España ou a lista de filmes con versión en galego). Colabore connosco neste artigo e noutros en condicións semellantes para que a Galipedia mellore e medre. |
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
- La pequeña diferencia y sus grandes consecuencias. Ensaio. 1979. Tradución de Mireia Bofill. Lasal, Edicions de les dones.
- Los soldados de Alá. Sobre la falsa tolerancia. 2003.Tradución de Ramón Alonso. Flor del Viento Ediciones S.A.
- Frauen gegen den § 218. Suhrkamp Verlag, Frankfurt 1971.
- Simone de Beauvoir heute – Gespräche aus 10 Jahren. Interviews und Essays. Rowohlt Verlag, Hamburgo 1982.
- Lebenslauf. Autobiografia. Kiepenheuer & Witsch, Colonia 2011, ISBN 978-3-462-04350-1. (Autobiografía)
- Lebenswerk. Segunda parte da autobiografía. Kiepenheuer & Witsch, Colonia 2020.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Müller-Urban, Kristiane; Urban, Eberhard (2016-10-04). Starke Frauen im Bergischen Land: 30 Porträts (en alemán). Droste Verlag. ISBN 978-3-7700-4130-5.
- ↑ Gerwin trifft Schwarzer (Memento do 19 de agosto 2012 no Internet Archive) gerwin.de, recuperado o 13 de agosto de 2012.
- ↑ Antonia Kupfer: . VS Verlag für Sozialwissenschaften, Wiesbaden 2011, ISBN 978-3-531-17535-5, p. 68.
- ↑ Biografie de LeMO.
- ↑ Simone de Beauvoir. Weggefährtinnen im Gespräch Kiepenheuer & Witsch, 2007, p. 27.
- ↑ Kristina Schulz: Der lange Atem der Provokation: die Frauenbewegung in der Bundesrepublik und in Frankreich 1968–1976. Campus Verlag, Frankfurt 2002, ISBN 3-593-37110-3, p. 107f.
- ↑ Kristina Schulz: Der lange Atem der Provokation: die Frauenbewegung in der Bundesrepublik und in Frankreich 1968–1976. Campus Verlag, Frankfurt 2002, ISBN 3-593-37110-3, p. 211.
- ↑ Alice im Männerland. Kiepenheuer & Witsch, 2002. 30 Jahre danach - Wie aktuell ist der kleine Unterschied? (Memento do 9 de marzo de 2008 no Internet Archive).
- ↑ Schulz, Kristina (2002). Der lange Atem der Provokation : die Frauenbewegung in der Bundesrepublik und in Frankreich, 1968-1976. Frankfurt/Main: Campus. ISBN 978-3-593-37110-8. OCLC 50993810.
- ↑ Alice Schwarzer: Aber noch vertrauen die Perserinnen den neuen Herren. En: Die Zeit. 30 de marzo de 1979. (zeit.de).
- ↑ EMMA Lesesaal. Recuperado o 16 de maio de 2018.
- ↑ Die 1. Sexismus-Klage!
- ↑ Eintrag bei IMDb
- ↑ Moderatorin Lisa Ortgies übernimmt. En: Spiegel Online. 7. de decembro de 2007. (spiegel.de). Die neue Alice Schwarzer heißt Lisa Ortgies. En: FAZ.NET, 7 de decembro de 2007. (faz.net).
- ↑ Schwarzer ekelt „Emma“-Chefin raus. (Memento do 19 de decembro de 2009 no Internet Archive) En: Taz.de, 31 de maio de 2008. Recuperado o 13 de agosto de 2012. Alice-Schwarzer-Comeback „Emma“-Chefin geht – „Emma“ tritt nach, 30 de maio de 2008, en SPON.
- ↑ Markus Brauck, Rafaela von Bredow, Isabell Hülsen, Michaela Schiessl: Im Nacken der Neuen. En: Der Spiegel. Num. 23, 2008, p. 102 (online – 2 de xuño de 2008). Véxase, p. ej. Nach dem Aus bei „Emma“ – Lisa Ortgies beklagt sich. 30 de maio de 2008, en (rp-online.de) (Memento do 3 de marzo de 2009 no Internet Archive)
- ↑ Chronologie der Ereignisse
- ↑ Kunstprofessur: A. Schwarzer. En: OÖN, 31 de xaneiro de 2009.
- ↑ Ich halte sie für einen hoffnungslosen Fall En: Stern. 9 de novembro de 2010. Keine Altersfrage En: Emma. 8 de novembro de 2010. Harald Martenstein: Schwarzer vs. Schröder: Richtiger Sex und falscher Sex. En: Tagesspiegel. 9 de novembro de 2010, recuperado o 4 de decembro de 2010.
- ↑ Bild setzt Alice Schwarzer auf Kachelmann an. En: Telepolis. 5 de septembro de 2010.
- ↑ Mediale Vorverurteilung auf dem Vormarsch En: Deutschlandfunk. 29 de maio de 2010.
- ↑ Einstweilige Verfügung für Schwarzer. diestandard.at, 27 de decembro de 2011, recuperado o 27 de decembro de 2011. Pressemitteilung (Memento do 7 de xaneiro de 2012 no Internet Archive) En: hoecker.eu, 23 de decembro de 2011.
- ↑ Rezensionen in NZZ, SZ, FAZ, FR, taz, zusammengefasst bei Perlentaucher
- ↑ „Mit Kind hätte ich 'Emma' nicht machen können“ En: dradio.de. 22 de setembro de 2011.
- ↑ Alice Schwarzer hat ihre Lebensgefährtin geheiratet. En: FAZ.net, 7 de xuño de 2018.
- ↑ Ver, por exemplo: CDU will Alice Schwarzer zur Gauck-Wahl schicken. En: welt.de, 27 de febreiro de 2012, recuperado o 13 xuño 2012.
- ↑ Selbstanzeige: Alice Schwarzer beichtet Schweizer Steuergeheimnis, En: Der Spiegel. 2 de febreiro de 2014, recuperado o 3 de febreiro de 2014.
- ↑ Ermittlungen eingeleitet – Steuerverfahren gegen Alice Schwarzer läuft noch. En: focus.de8. Febreiro de 2014, recuperado o 8 de febreiro de 2014.
- ↑ Steuerhinterziehung: Strafbefehl gegen Alice Schwarzer. En: Frankfurter Allgemeine Zeitung. O 10 de xullo de 2016, ISSN 0174-4909 (faz.net [recuperado o 10 de xullo 2016]).
- ↑ Stern, 6 de xuño de 1971, Nr. 24.
- ↑ Steffen Kraft: „Ich habe nicht abgetrieben“. En: Süddeutsche Zeitung. 31 de marzo de 2005.
- ↑ Der kleine Unterschied. Fischer TB, 1975/2002, p. 17.
- ↑ Sexualität – ein Emma-Buch. Rowohlt Taschenbuch Verlag, 1984.
- ↑ Der große Unterschied. Kiepenheuer & Witsch, 2000, p. 47.
- ↑ Der große Unterschied. Kiepenheuer & Witsch, 2000, p. 49.
- ↑ Alice Schwarzer: Chronologie. Recuperado o 25 de agosto de 2020.
- ↑ Alice Schwarzer: Soll die Beschneidung verboten werden? (Memento do 25 de xullo de 2012 no Internet Archive) 2 de xullo de 2012.
- ↑ Schwarzer, citado de Senta Berger, Brigitte, 17 de xaneiro de 1996, Nr. 3.
- ↑ Stuttgarter Zeitung. 25 de febreiro de 1995.
- ↑ Editorial von Alice Schwarzer en Emma, xullo/agosto de 2003.
- ↑ „Die falsche Toleranz“ (Memento do 6 de abril de 2013 do Internet Archive) extracto do prólogo de Schwarzer en Die Gotteskrieger und die falsche Toleranz (Kiepenheuer & Witsch, (2002). Netzauftritt Alice Schwarzer, recuperado o 13 de agosto de 2012.
- ↑ Alice Schwarzer in „Die Antwort“
- ↑ Andrea Kaminski: Koran und Familienrecht. Arquivado 01 de marzo de 2023 en Wayback Machine. En: Betrifft Justiz. 90, 2007, p. 58–60.
- ↑ Justiz: BGB oder Koran? Arquivado 01 de marzo de 2023 en Wayback Machine. En: Zeit Online. 22 de marzo de 2007, recuperado o 5 de febreiro de 2014.
- ↑ Unser Rechtssystem wird von islamistischen Kräften unterwandert. En: Der Spiegel. 22 de marzo de 2007.
- ↑ Meldungen vom 14.4.2007. Recuperado o 24 de agosto de 2020.
- ↑ Simone Schmollack: Die Pegida-Versteherin taz.de, 7 de xaneiro de 2015.
- ↑ Alice Schwarzer zu den sexuellen Übergriffen in Köln: „Die Täter der Silvesternacht waren Islamisten“, dw.com. 12 de maio de 2016.
- ↑ „Ich möchte nicht deine Erbin sein“ Arquivado 01 de marzo de 2023 en Wayback Machine. magazin.spiegel.de, 15 de xaneiro de 2016.
- ↑ Alice Schwarzer: En: Alice Schwarzer (Hrsg.): . Nr. 5. Emma Frauenverlag, Köln 2007, p. 78–84 (Digitalisat im Heftarchiv).
- ↑ Pornografie
- ↑ Redacción (23 de marzo de 2017). "Wiener Opernsängerin filmt Pornos aus Frauensicht". kurier.at (en alemán). Consultado o 20 de xaneiro de 2024.
- ↑ Zauberhafte Zeiten Interview mit Prof. Dr. Lore Maria Peschel-Gutzeit, Emma maio/xuño de 2009, recuperado o 13 de agosto de 2012.
- ↑ Baker, Emma (2012-12-06). "Metformin in chronic obstructive pulmonary disease". http://isrctn.org/>. Consultado o 2023-02-28. Ligazón externa en
|páxina-web=
(Axuda) - ↑ Schwarzer bescheinigt emanzipierte Ideen. En: Die Standard, Online. 13 de xullo de 2012.
- ↑ Alice Schwarzer: Nur eine Welt ohne Prostitution ist human. im Gespräch mit Jörg Eigendorf und Marc Neller. En: Die Welt. 4 de novembro de 2013, recuperado o 15 de novembro 2013.
- ↑ Alice Schwarzer über Prostitution: „Die Freiwilligkeit ist ein Mythos“. Interview mit Alice Schwarzer. En: Spiegel online. 31 de outubro de 2007, recuperado o 15 de novembro 2013.
- ↑ Heide Oestreich: Alice Schwarzers Buch über Prostitution: Motiv Selbstzerstörung. En: taz. 15 de novembro de 2013, recuperado o 15 de novembro de 2013.
- ↑ "Krim-Krise: Alice Schwarzer ergreift Partei für Putin". www.handelsblatt.com (en alemán). Consultado o 2023-02-28.
- ↑ "Der Offene Brief an Kanzler Scholz". Emma (en alemán). Consultado o 2023-02-28.
- ↑ "Ukraine-News +++ Scholz wirft Pazifisten Zynismus vor +++ - WELT". DIE WELT (en alemán). Consultado o 2023-02-28.
- ↑ Alice Schwarzer: Alice Schwarzer über Transsexualität. En: emma.de. 17 de decembro de 2019, recuperado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Ask Alice: Was soll ich einem transsexuellen Mädchen raten? Recuperado o 9 de maio de 2021.
- ↑ Wenzel, Mine (31 de marzo de 2021). "TERFs Falsche Freundinnen – Feminismus für privilegierte Frauen". gwi-boell.de (en alemán). Consultado o 21 de xaneiro de 2024.
- ↑ Renate Köcher: Das Image von EMMA, Alice & Angela. En: Emma Jubiläums-Ausgabe xaneiro/febreiro de 2007. online en www.emma.de (Memento do 10 de febreiro de 2010 no Internet Archive).
- ↑ Hans-Ulrich Wehler: Eine Lanze für Alice Schwarzer. En: Weltwoche. 23 de maio de 2007, online en Sachbuch: Eine Lanze für Alice Schwarzer | Die Weltwoche, Ausgabe 21/2007 | www.weltwoche.ch.
- ↑ Die einflussreichsten intellektuellen Frauen (Memento do 26 de maio de 2008 no Internet Archive).
- ↑ Intellektuellen-Ranking von Cicero. Grass verdrängt Papst von Platz eins. En: Süddeutsche Zeitung. 20 de decembro de 2012. Günter Grass und Alice Schwarzer spitze. En: Cicero. 20 de decembro de 2012.
- ↑ UDE: Alice Schwarzer wird Mercator-Professorin 2010. En: Informationsdienst Wissenschaft. 13 de septembro de 2010, recuperado o 14 de septembro de 2010.
- ↑ "Alice Schwarzer erhält Markgräfler Gutedelpreis 2018". Arquivado dende o orixinal o 07 de maio de 2019. Consultado o 01 de marzo de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bascha Mika (1998). Alice Schwarzer. Eine kritische Biographie. Rowohlt: Reinbek, ISBN 3-499-60778-6.