O concello de Algemesí limita coas localidades de Alzira, Alginet, Guadassuar da mesma comarca e Albalat de la Ribera, Polinyà de Xúquer e Sollana (da Ribera Baixa).
O río Magre, afluente do Xúcar, abraza o centro urbano e conflúe con aquel dentro do termo, na paraxe natural municipal da "Xopera", o único parque natural pertencente a Algemesí, posto que o resto do termo é unha enorme alfombra verde dedicada ao cultivo da laranxeira, arroz, albaricoqueiros etc. No extremo nordés do termo municipal, concretamente na partida do Barranco, está situada a Reserva do Samaruc (pequeno peixe autóctono valenciano), superficie de 11.800 m² que antes se utilizaba para o cultivo do arroz e agora, por estar incluída no Parque Natural da Albufera, dedícase á recuperación desta especie que se atopa en perigo de extinción. Tamén se traballa con flora e fauna autóctona que necesita protección por exemplo o "fartet", o "mossegadoret", o "petxinot", a "gambeta", a "gamba gavatxa" etc.
O clima é mediterráneo; veráns calorosos con temperaturas que oscilan entre 30 °C e 38 °C, con tormentas estivais finais agosto, invernos suaves que varían entre 14 °C e 4 °C, no outono choivas intensas tipicamente chamadas "gota fría".
Accédese a Algemesí dende Valencia, a través da V-31 tomando logo a CV-42. Conta tamén con estación de ferrocarril da liña de Proximidades Valencia e pola AP-7 E-15, saída Algemesí.
Ademais da vila de Algemesí, no concello atópanse tamén os seguintes núcleos de poboación: El Pla, El Teular, Plaça de la Ribera, Bernart Guinovart, Parc Salvador Castell, Plaça d'Alacant, Barri de Santa Bàrbara, Barri de Muntanya, Barri de Capella, El Mercat, Carrascalet, Raval e os históricos poboados de Pardines e Cotes.