Alfredo Vilas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAlfredo Vilas

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1854 Editar o valor em Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor em Wikidata
Morte22 de setembro de 1904 Editar o valor em Wikidata (49/50 anos)
O Grove, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónavogado , político Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata


Alfredo Vilas Iglesias, nado en Santiago de Compostela en 1854 e finado no Grove o 22 de setembro de 1904, foi un avogado e político galego. Republicanista e demócrata, foi considerado o mellor orador galego do seu tempo tanto nos foros xudiciais como na escena política, sendo coñecido na prensa do seu tempo como "O Castelar galego" pola súa brillante oratoria[Cómpre referencia]. Foi elixido concelleiro na Coruña a finais do século XIX.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia acomodada economicamente: o seu pai, Manuel Vilas Insua foi alcalde de Boqueixón[1] e conseguira unha solvente posición adquirindo propiedades eclesiásticas na desamortización. Estudou Medicina e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, e xa dende os seus tempos de estudante, que coincidiron co Sexenio Revolucionario e a Primeira República, emprendeu unha activa posición política esquerdista. Participou en Academias estudantís (asociacións de estudantes universitarios) e outras actividades que levantaron o receo da Igrexa compostelá, controladora case absoluta por entón da vida política e social da conservadora cidade. Este enfrontamento coas autoridades eclesiásticas acompañouno toda a súa vida, mesmo no intre da súa morte.

O entusiasmo na defensa do republicanismo, con incidencia na reclamación do ensino laico e a instrución como garante de emancipación da clase obreira e labrega, a separación da igrexa e o estado, e a reclamación da autonomía para Galicia, son algunhas das claves da súa traxectoria, así como a perseveranza nestas ideas a contra corrente dunha contorna ultraconservadora como a compostelá, e mesmo fronte a republicanistas de nome pero acomodados ao caciquismo dos partidos da época. A traxectoria profesional como avogado foi exitosa dende novo, acadando prestixio pola súa habilidade oratoria no foro, apoiada nunha vasta erudición ás veces complementada, se o caso o requiría, nos seus coñecementos como médico, título que por outra parte non exerceu. Foi ademais asiduo colaborador na prensa, sendo correspondente de La Ilustración Gallega y Asturiana, Gaceta de Galicia e impulsor e colaborador entre outros do xornal satírico El Ciclón, que sufriu a censura eclesiástica.

Presidente do Círculo Republicano santiagués e participante en multitude de mitins, banquetes literarios e políticos da época cos seus tradicionais brindes e discursos, a súa fama como "elocuentísimo orador", na terminoloxía habitual da prensa do momento, estaba xa consolidada cando en 1886 actuou de presentador en varios mitins de Emilio Castelar, como os de Betanzos ou Ferrol. Polos eloxios deste, así como as entusiastas crónicas dalgúns correspondentes da prensa galega, fixo fortuna o apelativo de Alfredo Vilas como "El Castelar gallego", que o acompañou dende aquela[Cómpre referencia].

En 1891 pronunciou un discurso ao paso do cadaleito de Rosalía de Castro durante o seu traslado a San Domingos de Bonaval. Dende un balcón situado fronte á Universidade (actual facultade de historia), e ao berro de "Deteneos!", as palabras de Vilas romperon a estrita censura que a igrexa marcara para aquela xornada, fóra dos actos relixiosos. Segundo lembraba a Gaceta de Galicia anos despois, "un home valeroso ergueu a súa fronte e axitou os seus brazos sobre a multitude sobrecollida. E diante da suxestión dunha voz admirada, a voz dun grande e elocuente tribuno popular, a comitiva chantou as súas plantas sobre o chan e escoitou a súa prédica (...). Aquel discurso de Alfredo Vilas foi o primeiro paso de xigante na glorificación da autora de Follas Novas"[2]

En 1896, coincidindo co traslado da audiencia provincial á Coruña, Alfredo Vilas estableceu nesta cidade o seu bufete, e durante uns anos exerceu de líder do republicanismo coruñés, sendo síndico do concello. Decepcionado polo ton conservador dos republicanos coruñeses (aspecto comentado por Castelao en Sempre en Galiza, onde cita a Curros Enríquez e Alfredo Vilas como contrapostos a ese republicanismo que transixía co caciquismo), Vilas retirouse da primeira liña da política nos seus últimos anos, aínda que en 1902 deu un sonado mitin en réplica á campaña do ultraconservador Ramón Nocedal.

Enfrontamentos coa igrexa[editar | editar a fonte]

En 1892, con motivo dunha recaída de saúde considerada insalvable (das que Alfredo Vilas protagonizou varias, debido a un problema hepático), o arcebispo Martín de Herrera delegou á casa do orador até a seis eclesiásticos de distintas ordes[3], que amparados na desesperación da súa muller e irmá, tentaron sen éxito a conversión do enfermo. No momento previo á súa morte, acontecida na casa do alcalde do Grove, tras unha súbita indisposición, co enfermo xa inconsciente, o crego traído de Santiago pola muller de Vilas negouse a darlle a extremaunción, alegando a inconsciencia deste e a súa "coñecida vida e ideas". A familia tentou soterralo en Santiago ou en Prevediños (Touro), lugar de orixe da súa familia e segunda residencia do finado. O arcebispo de Santiago negou o permiso para o enterro "en sagrado", e os restos de Alfredo Vilas foron trasladados por tren ao cemiterio de San Amaro da Coruña, ao ser o único de carácter civil, onde foi soterrado nun multitudinario enterro. Este episodio, vinganza póstuma da autoridade eclesial sobre Vilas, motivou unha polémica social, e unha carta aberta aos distintos xornais por parte da súa muller, criticando duramente a "falla de piedade" da igrexa.

Valoración da súa figura[editar | editar a fonte]

Probablemente por non ter unha sólida obra escrita, e a súa brillantez oratoria estar recollida só pola prensa, e "de oídas" a maioría das veces, a figura de Alfredo Vilas semella estar bastante esquecida, en contraste coa notoriedade social e política acadada en vida. A falla de sucesores directos motivou tamén a perda dos seus arquivos e legado, contribuíndo a esta escuridade biográfica. Antón Vilar Ponte adicoulle un artigo[4] á súa morte no que lamentaba o modo en que a prensa galega empequenecía o seu valor ao chamalo "El Castelar gallego", sendo para el superiores as súas dotes oratorias ás do presidente da primeira república.

En vida, deu nome a unha avenida na illa da Toxa, e tras do seu pasamento, unha rúa da Coruña levou o seu nome, até que foi mudado polo de Historiador Vedia.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. http://www.boqueixon.com/persoeiros-ilustres/
  2. "Galicia va a pagar su deuda con Rosalía Castro", en Gaceta de Galicia, 7 de marzo de 1914, pax. 1
  3. "Asedio místico", en Las Baleares. Diario republicano, 21 de marzo de 1892, pax. 1
  4. "Cosas nuestras.(Con motivo de la muerte de Alfredo Vilas)", Vilar Ponte, Antón, en Revista Gallega - N. 499, pax. 4 e 5

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]