Alfonso Graña
Alfonso Graña | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 5 de marzo de 1878 |
Lugar de nacemento | Amiudal |
Falecemento | 1934 |
Lugar de falecemento | Iquitos |
Nacionalidade | España |
Ocupación | explorador |
Premios | Bolsa de estudos Guggenheim |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Ildefonso Graña Cortizo, coñecido polo nome de Alfonso Graña, nado en Amiudal (Avión) o 5 de marzo de 1878 e finado en Iquitos (Perú) en 1934, foi un aventureiro e explorador galego, coñecido tamén polo alcume de rei dos xívaros ou de Alfonso I do Amazonas.[1]
Traxectoria[editar | editar a fonte]
A emigración[editar | editar a fonte]
Fillo dun xastre da familia dos Chulos de Amiudal, emigrou de novo ao Brasil, como unha parte dos habitantes da súa parroquia, e estableceuse en Manaos e en Belén de Pará, na selva amazónica. Ao pouco (1910) marcha a traballar o caucho a Iquitos (Perú), e alí permanece unha década. Fai unha fonda amizade con Cesáreo Mosquera outro emigrante e aventureiro, que fora soldado en Filipinas, e que vivía no departamento peruano de Loreto do negocio dunha libraría. Mosquera será unha das principais fontes de coñecemento da vida de Graña.
Pero sobre 1920 a produción mundial do caucho entra en crise, os prezos derrúbanse e Alfonso Graña marcha cara á selva e deixa a civilización á procura dun futuro mellor. Algunhas fontes sinalan que marchou para agocharse logo de asasinar o seu patrón caucheiro. Acompañábao nesa viaxe un veciño de Abelenda (Avión), de que non se garda o nome.
A selva[editar | editar a fonte]
Na selva toma contacto cunha tribo de indíxenas xívaros huambisas e aguarunas, que presumibelmente matan o seu acompañante e préndeno a el. Segundo a súa propia historia, a filla do xefe xívaro namora del a primeira vista e por iso non o executan. O certo é que a relación co pobo xívaro foi moi intensa, ata o punto de suceder o xefe cando morreu. A partir dese momento, a finais dos anos vinte, Alfonso Graña convértese en líder e fai incursións na cidade canda eles para acudir a servizos, ir ao médico, comerciar...
Ese liderado lévao tamén a negociar coa empresa estadounidense Standard Oil a realización de sondaxes á procura de petróleo dentro do territorio controlado polos indíxenas, que podemos crer o comprendido entre os ríos Nieva, Santiago e Alto Pastaza.
A principios dos anos trinta coñece o aviador ferrolán Francisco Iglesias Brage, que estaba a preparar unha expedición ao Amazonas, e participa da súa organización. A viaxe foi cancelada finalmente pola Guerra Civil.
O 22 de febreiro de 1933 tres hidroavións do exército peruano, que estaban a participar na guerra de Leticia contra Colombia, vense obrigados a amarar de emerxencia por culpa dunha treboada. Nesa amaraxe falece un dos pilotos, Alfredo Rodríguez Ballón, e dúas das tres máquinas resultan fatalmente avariadas. O hidroavión sobrevivente engala cos pilotos e cun mecánico ferido, e Graña e a súa xente encárganse de transportar polo río os restos dos dous hidroavións así como o cadáver do piloto ata a cidade, polo curso do río Nieva, famoso pola súa perigosidade con rápidos como o Pongo de Manseriche. A raíz dese xesto, Alfonso Graña é condecorado polas forzas aéreas peruanas e o goberno concédelle oficialmente a explotación das salinas da selva, algo que xa de feito estaba facendo. O aeroporto de Arequipa leva o nome do piloto.
Da súa relación coa india, da que non se garda nome, sinálase que tivo dous fillos, un neno e unha nena, pero que a nena morreu moi nova. El morreu de cancro de estómago, con 56 anos. Durante ese tempo realiza unha viaxe a Galicia, para visitar a familia, e leva a súa irmá Florinda para vivir con el na selva. Pero aos meses a irmá deixa a selva e establécese en Iquitos.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ "El rey gallego de los jíbaros" El País, 3/12/2006 (en castelán).
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alfonso Graña ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Maximino Fernández Sendín (2005). Alfonso I Rey de la Amazonia. Rey de los jíbaros. Edición do autor, 2005.
- De la Serna, V. "Mosquera y Graña, capitanes de la selva". Crónica de la Expedición Iglesias al Amazonas. Núms. 11-12. Madrid, 1933.
- De la Serna. "Gestas de españoles contemporáneos". Diario "Ya" 1935.
- Allegue, G. Galegos as mans de América. Ed. Nigra. 1992.
- Diccionario Biográfico Español, Real Academia de la Historia.
Outros artigos[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Extractos do libro de Fernández Sendín (en castelán)
- Crónicas (Televisión Española): 1ª parte, 2ª parte, 3ª parte