Alfabetos alpinos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Historia do alfabeto

Idade de Bronce Medio ss –XIX - -XV

Meroítico s. –III.
Xenealoxía completa

Reciben o nome de alfabetos alpinos aqueles sistemas de escrita alfabética que teñen como trazo común o feito de teren sido utilizados na zona dos Alpes, ao norte da chaira padana en época prerromana. Parece ser que a súa orixe estaría no alfabeto etrusco. Á súa vez é bastante verosímil que estes sistemas de escritura estean na base do alfabeto rúnico: serían o elo que relacionaría este último co etrusco.

Adóitase falar de tres variedades principais de alfabetos alpinos:

  1. A escrita lepóntica: correspóndese co chamado alfabeto de Lugano. Nota a lingua lepóntica, dialecto céltico independente.
  2. A escrita rética: correspóndese cos chamados alfabetos de Bolzano, Magrè, Trento e Sondrio. Nota a lingua rética, de cuxa adscrición exacta se segue a discutir, mesmo a cuestión da súa indoeuropeidade.
  3. A escrita véneta: correspóndese co alfabeto véneto. Nota a lingua véneta, falada polos vénetos, tribo que ocupaba a rexión da Venecia prerromana, e que é de filiación indoeuropea. Sobre este alfabeto exerceu un influxo posterior o alfabeto grego.

Estes textos dátanse aproximadamente entre o século -III e o -I. A partir do século -II a influencia do alfabeto latino sobre estes alfabetos é notoria, chegando mesmo a lles prestar as letras B, D e G, oclusivas sonoras das que carecía o orixinal etrusco.