Saltar ao contido

Alfabetización motriz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alfabetización motriz
 Instancia de
 Subclase de
Wikidata

A alfabetización motriz é un termo que resalta a importancia de desenvolver hábitos e habilidades para converterse nunha persoa fisicamente activa desde idades temperás e continuar séndoo ao longo da vida. Para alcanzala é fundamental o dominio das habilidades motrices básicas, xa que contribúen ao desenvolvemento físico, cognitivo, social e psicolóxico dos nenos e nenas,[1] o que lles permite participar con seguridade e motivación en diferentes actividades e deportes. Deste xeito, un grao axeitado de alfabetización motriz favorece á práctica deportiva regular e á adquisición de hábitos de vida saudables.

Definición e características

[editar | editar a fonte]

Segundo a Asociación Internacional da Alfabetización Motriz, coñecida polas súas siglas en inglés como IPLA (International Physical Literacy Association), pódese definir a alfabetización motriz como a motivación, a confianza, a competencia física, o coñecemento e a comprensión para valorar e asumir a responsabilidade de participar en actividades físicas durante toda a vida.[2]

O concepto de alfabetización motriz baséase nun símil coa alfabetización lingüística. Do mesmo xeito que o desenvolvemento humano pleno require a adquisición dunha adecuada alfabetización lingüística, tamén resulta fundamental que unha persoa acade unha axeitada alfabetización motriz, que lle permita manterse fisicamente activa e participar de maneira autónoma en actividades durante toda a súa vida.

A alfabetización motriz proporciónalle ás persoas unha serie de atributos relacionados coa actividade física, entre os que se encontran:[2]

  • Querer participar en actividades físicas.
  • Ter confianza en si mesmo para planificar e levar un estilo de vida fisicamente activo.
  • Ter confianza en si mesmo ao participar en diferentes actividades físicas.
  • Moverse de forma eficiente e eficaz.
  • Traballar de forma independente e cos demais.
  • Ser consciente das necesidades e posibilidades de movemento.
  • Saber como mellorar o rendemento.
  • Coñecer como a actividade física pode mellorar o benestar.

Modelos conceptuais

[editar | editar a fonte]

O concepto de alfabetización motriz orixinouse a partir de diferentes modelos teóricos que teñen como obxectivo identificar os factores e relacións existentes entre as variables que inflúen no desenvolvemento motor das persoas.

Versión unificada do modelo conceptual de Stodden, de Cairney e do modelo australiano de alfabetización motriz.

O primeiro modelo conceptual foi proposto por Stodden et al.[3] e establece unha relación entre a competencia motriz, entendida como a capacidade de realizar movementos de forma eficiente implicados nas actividades motrices da vida diaria,[4] e a actividade física, na que inflúen a competencia percibida e a condición física relacionada coa saúde. Este modelo propón que se os factores anteriores se desenvolven adecuadamente, terán un efecto positivo na saúde, concretamente nun peso saudable. Polo contrario, se algunha destas variables se relaciona de forma negativa, poderá supoñer sobrepeso ou obesidade. Deste modo, o aumento da competencia nas habilidades motrices básicas promove a participación na actividade física que, á súa vez, contribúe a un maior desenvolvemento de ditas habilidades.

A pesar disto, Cairney et al.[5] consideran que a alfabetización motriz non é soamente a habilidade de movemento, senón que pode xerar condutas saudables, nas cales non se indagou o suficiente. Por iso, sitúan a alfabetización motriz como un determinante de saúde e enfermidade, que se ve influído por factores individuais, sociais e ambientais. Así, o aprendizaxe adquírese a través de variables afectivas, motivacionais, sociais e motoras, interconectadas e reforzadas entre si. En efecto, desfrutar ao realizar unha actividade xera o desexo de repetir a habilidade en máis ocasións e ambientes.

Por último, o modelo australiano de alfabetización motriz[6] presenta catro dominios clave que compoñen a forma na que as persoas conseguen manterse activas fisicamente ao longo da súa vida; son os ámbitos físico, psicolóxico, social e cognitivo. Cada un deles está composto por unha serie de elementos, relacionados mutuamente, que contribúen ao desenvolvemento e ao mantemento da alfabetización.

Os modelos nomeados salientan a importancia do desenvolvemento da competencia motriz como eixo central da alfabetización motriz. Neste marco, as habilidades motrices básicas representan un compoñente esencial, ao constituír a base sobre a cal se constrúen movementos máis complexos e específicos, necesarios para a óptima participación tanto en actividades deportivas como en xogos organizados.[7]

Habilidades motrices básicas

[editar | editar a fonte]

As habilidades motrices básicas son os movementos básicos organizados necesarios para a participación en actividades locomotrices, de manipulación ou de control de obxectos, e de estabilidade.[8] Retomando o símil coa alfabetización lingüística, as habilidades motrices básicas considéranse equivalentes ás letras do abecedario, coñecidas como o “ABC do movemento”.[9] Do mesmo xeito que as letras constitúen a base para formar palabras e, posteriormente, frases para poder comunicarnos, estas habilidades serven de fundamento para a adquisición doutras destrezas máis específicas e complexas. A ausencia dunha adecuada competencia motriz durante a infancia pode comprometer o desenvolvemento motor global e, en consecuencia, dificultar a realización de actividades que requiren destrezas motrices ao longo da vida.

As habilidades locomotrices caracterízanse polo desprazamento do corpo dun lugar a outro no espazo. Entre estas destacan a carreira, o salto cun pé, o salto vertical, o galope, skip, rubir, a zancada, o salto horizontal, o cambio de dirección e o desprazamento lateral.

As habilidades de manipulación ou de control de obxectos fan referencia aos movementos que implican a capacidade de dar e recibir forza de obxectos. Algúns exemplos son: bateo, patada, golpeo con raqueta, lanzamento por encima da cabeza, lanzamento por debaixo da cadeira, recepción e bote estático.

Por último, as habilidades de estabilidade, que inclúen o manexo e o dominio do corpo no espazo. Destacan o equilibrio estático, o volteo adiante, o volteo atrás, rodar e o equilibrio dinámico.[8][10]


Existen evidencias que avalan a relación entre o desenvolvemento das habilidades motrices básicas e a adquisición de hábitos de vida saudables. Por este motivo, nos últimos anos a competencia motriz e, de maneira máis ampla, a alfabetización motriz teñen espertado un crecente interese como estratexia para a prevención ou atenuación de problemas de saúde pública, tales como o sobrepeso e a obesidade.

  1. Lubans, David R.; Morgan, Philip J.; Cliff, Dylan P.; Barnett, Lisa M.; Okely, Anthony D. (2010-12). "Fundamental Movement Skills in Children and Adolescents". Sports Medicine 40 (12): 1019–1035. ISSN 0112-1642. doi:10.2165/11536850-000000000-00000. 
  2. 2,0 2,1 "International Physical Literacy Association". IPLA (en inglés). Consultado o 2025-09-18. 
  3. Stodden, David F.; Goodway, Jacqueline D.; Langendorfer, Stephen J.; Roberton, Mary Ann; Rudisill, Mary E.; Garcia, Clersida; Garcia, Luis E. (2008-05). "A Developmental Perspective on the Role of Motor Skill Competence in Physical Activity: An Emergent Relationship". Quest 60 (2): 290–306. ISSN 0033-6297. doi:10.1080/00336297.2008.10483582. 
  4. Henderson, Sheila E; Sugden, David (1992). Movement assessment battery for children (en inglés). The Psychological Corporation. 
  5. Cairney, John; Dudley, Dean; Kwan, Matthew; Bulten, Rheanna; Kriellaars, Dean (2019-02-11). "Physical Literacy, Physical Activity and Health: Toward an Evidence-Informed Conceptual Model". Sports Medicine 49 (3): 371–383. ISSN 0112-1642. doi:10.1007/s40279-019-01063-3. 
  6. "Physical literacy". Australian Sports Commission (en inglés). Consultado o 2025-09-18. 
  7. Moon, Jongho; Webster, Collin A.; Stodden, David F.; Brian, Ali; Mulvey, Kelly Lynn; Beets, Michael; Egan, Cate A.; McIntosh, Lori Irene Flick; Merica, Christopher B. (2024-03-15). "Systematic review and meta-analysis of physical activity interventions to increase elementary children’s motor competence: a comprehensive school physical activity program perspective". BMC Public Health 24 (1). ISSN 1471-2458. doi:10.1186/s12889-024-18145-1. 
  8. 8,0 8,1 Goodway, Jacqueline D; Ozmun, John C; Gallahue, David L Gallahue (2020). Understanding motor development: infants, children, adolescents, adults (en inglés) (8ª ed.). Jones & Bartlett Learning. ISBN 978-0072972962. 
  9. Goodway, Jacqueline D; Robinson, Leah E (2006). "SKIPing toward an active start: Promoting physical activity in preschoolers". Beyond J Young Child 61: 1–6. 
  10. Gallahue, David L; Ozmun, John C; Goodway, Jacqueline D (2012). Understanding motor development: Infants, children, adolescents, adults (en inglés) (7ª ed.). McGraw-Hill Education. ISBN 978-0073376509. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]