Alexandra de Dinamarca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Alexandra de Dinamarca
Raíña consorte do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda e dos seus Dominios de Ultramar e emperatriz consorte da India
Queen Alexandra, the Princess of Wales.jpg
A princesa de Gales, 1881.

Nacemento1 de decembro de 1844
Palacio Amarelo, Copenhague, Dinamarca
Falecemento20 de novembro de 1925 (80 anos)
Sandringham House, Norfolk, Reino Unido
Descendencia
Casa realGlücksburg

Escudo de Alexandra de Dinamarca

Alexandra de Dinamarca, de nome completo Alexandra Carolina Marie Charlotte Louise Julia zu Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg, nada o 1 de decembro de 1844 en Copenhague e finada o 20 de novembro de 1925 en Norfolk, foi raíña consorte do Reino Unido e os dominios británicos e emperatriz da India de 1901 a 1910, como esposa do rei Eduardo VII.[1][2]

A súa familia era relativamente pouco coñecida, ata que o seu pai, o príncipe Cristián de Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg, foi designado para suceder no trono danés a Federico VII, o seu curmán arredado, co consentimento das grandes potencias.[3][4] Á idade de dezaseis anos foi elixida como a futura esposa de Alberte Eduardo, príncipe de Gales, herdeiro da raíña Vitoria; casaron dezaoito meses máis tarde.[5] Como princesa de Gales de 1863 a 1901, o período máis longo durante o cal alguén ostentou o título, gañou o agarimo do pobo británico e volveuse sumamente popular, o seu porte e estilo de vestir eran copiados polas mulleres conscientes da moda. A pesar de que foi excluída de ter calquera poder político, tentou sen éxito influír na opinión dos ministros e da súa familia para favorecer aos seus parentes que reinaban en Grecia e Dinamarca. As súas funcións públicas limitáronse á pouco controvertida actividade de participar en obras de caridade.

Á morte da raíña Vitoria en 1901, Alberte Eduardo converteuse en rei-emperador como Eduardo VII, con Alexandra como raíña consorte. Desde 1910, ano en que morreu Eduardo, até a súa propia morte, foi raíña nai, como raíña consorte viúva e nai do monarca reinante, Xurxo V, pero foi máis coñecida como A súa Maxestade a raíña Alexandra. Desconfiaba enormemente do seu sobriño, o emperador alemán Guillerme II e apoiou ao seu fillo durante a Primeira guerra mundial, na que Gran Bretaña e os seus aliados derrotaron a Alemaña. Morreu o 20 de novembro de 1925 en Sandringham, despois de sufrir un ataque ao corazón e foi enterrada xunto ao seu marido na capela de St. George no castelo de Windsor.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Lugar de nacemento de Alexandra: O palacio Amarelo (dinamarqués: Det Gule Palæ) en Copenhague.

A princesa Alexandra ou «Alix», como era coñecida dentro do seu círculo familiar, naceu o 1 de decembro de 1844, no palacio Amarelo, unha casa do século XVIII situada no número 18 de Amaliegade, xusto á beira do complexo do palacio de Amalienborg, en Copenhague.<[6] Os seus pais foron o príncipe Cristián de Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg e a princesa Luísa de Hesse-Kassel.[7] A pesar de que a súa familia era de sangue real, viviu unha vida relativamente normal.[8] Non posuían unha gran riqueza, os ingresos do seu pai, que proviñan dunha comisión do exército, eran de ao redor de 800 libras ao ano e a súa casa era unha propiedade de graza e favor que lles foi concedida sen pago de alugueiro.[9] Hans Christian Andersen, o escritor e poeta danés, era convidado ocasionalmente á casa familiar para contarlles ós nenos historias infantís antes de mandalos a durmir.[10]

O rei morreu en 1848 e o seu único fillo, Federico, ascendeu ao trono. Federico non tiña fillos, pasara por dous matrimonios infrutuosos e supúñase que era infértil. Isto causou unha crise de sucesión dinástica debido a que Federico reinaba en Dinamarca e Schleswig-Holstein e cada unha tiña diferentes normas de sucesión. En Holstein, a Lei Sálica impedía a herdanza a través da liña feminina, mentres que tales restricións non se aplicaban en Dinamarca. Holstein, predominantemente alemán, proclamou a súa independencia e pediu a axuda de Prusia. En 1852, as grandes potencias mundiais convocaron a unha conferencia en Londres para discutir a sucesión danesa. Acordouse un precario tratado de paz que incluía a disposición de que o príncipe Cristián de Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg sería o herdeiro de Federico en todos os seus dominios e as demandas previas doutras persoas —que incluían as da sogra, cuñado e esposa de Cristián— foron subordinadas a esta decisión.[3][4]

Ao príncipe Cristián déuselle o título de príncipe de Dinamarca e a súa familia mudouse a unha nova residencia oficial, o palacio Bernstorff. Aínda que a condición da familia aumentara, non houbo sequera un pequeno incremento nos seus ingresos e non participaban na vida cortesá de Copenhague, xa que se negaron a coñecer á terceira esposa e antiga amante de Federico, Louise Rasmussen, porque tiña un fillo ilexítimo dun anterior amante.[11] Alexandra compartía unha habitación no ático coa súa irmá Dagmar —que máis tarde sería emperatriz de Rusia—, facía a súa propia roupa e servía a mesa xunto coas súas irmás.[12] Durante a súa estancia en Bernstorff, Alexandra creceu até converterse nunha nova muller; o capelán inglés en Copenhague ensinoulle o idioma inglés e foi confirmada no palacio de Christiansborg.[13] Foi devota toda a súa vida e seguiu as prácticas da Alta igrexa.[14] Xunto coa súa irmá Dagmar recibiu clases de natación da pioneira sueca da natación para mulleres Nancy Edberg.[15]

Matrimonio e familia[editar | editar a fonte]

Alexandra e Alberte Eduardo en 1862.

A Raíña Vitoria e o seu esposo, o príncipe Alberte, estaban preocupados por atopar unha noiva para o seu fillo e herdeiro, Alberte Eduardo, príncipe de Gales e decidiron solicitar á súa filla, a princesa herdeira Vitoria de Prusia, que os axudase a buscar unha candidata axeitada. Alexandra non foi a súa primeira elección, xa que os daneses estaban en desacordo cos prusianos no asunto de Schleswig-Holstein e a maior parte dos parentes da familia real británica eran alemáns. Finalmente, despois de rexeitar outras posibilidades, resolveron que Alexandra era «a única opción posible».[5]

O 24 de setembro de 1861, a princesa Vitoria presentou ao seu irmán Alberte Eduardo a Alexandra en Expira, pero non foi até case un ano máis tarde o 9 de setembro de 1862 —despois do seu romance con Nellie Clifden e a morte do seu pai— que Alberte Eduardo propúxolle matrimonio a Alexandra no Castelo Real de Laeken, a casa do seu tío avó, o rei Leopoldo I de Bélxica.[16] Uns meses máis tarde, Alexandra de Dinamarca viaxou ó Reino Unido a bordo do iate real Victoria and Albert II e desembarcou en Gravesend, Kent, o 7 de marzo de 1863.[17] Sir Arthur Sullivan realizou unha composición musical especial pola súa chegada, e Alfred Tennyson, o poeta laureado, escribiu unha oda na súa honra:

Sea King's daughter from over the sea,

Alexandra!
Saxon and Norman and Dane are we,
But all of us Danes in our welcome of thee,
Alexandra!

—A Welcome to Alexandra, Alfred Tennyson.
A filla do rei do mar, desde o mar,

Alexandra!
Saxóns e normandos e daneses somos,
pero todos nós somos daneses na túa benvida,
Alexandra!

-Benvida a Alexandra, Alfred Tennyson
Alexandra co seu primoxénito, Alberte Vítor, en 1864.

A parella casou o 10 de marzo de 1863, na capela de St. George no Castelo de Windsor, nunha cerimonia oficiada por Thomas Longley, arcebispo de Canterbury.[18] A elección da sede foi criticada pola prensa —xa que como estaba fóra de Londres sería difícil que o espectáculo fose presenciado por grandes multitudes de público—, os potenciais convidados —porque era difícil de chegar e tratábase dun lugar pequeno, algunhas persoas que esperaban invitación finalmente non foron convidadas— e os daneses —xa que só os parentes máis próximos de Alexandra foron convidados—. A corte aínda estaba de loito pola morte do príncipe Alberte, polo que as señoras foron restrinxidas a usar gris, lila ou malva.[19] Durante a súa lúa de mel en Osborne House na illa de Wight, os alumnos do veciño Colexio Eton, que incluían a Lord Randolph Churchill, puideron observar ocasionalmente á parella.[20]

A finais do ano seguinte, o pai de Alexandra ascendera ao trono de Dinamarca, o seu irmán Xurxo converteuse en rei dos helenos, a súa irmá Dagmar comprometeuse co Tsarévich de Rusia, Nicolao Aleksándrovich, e Alexandra dera a luz ao seu primeiro fillo.[21] O ascenso ao trono de Cristián IX deu lugar a novos conflitos pola sorte de Schleswig-Holstein. A Confederación Alemá invadiu con éxito Dinamarca e reduciu a súa área en dúas quintas partes. Con gran irritación da raíña Vitoria e a princesa herdeira de Prusia, Alexandra e Alberte Eduardo apoiaron ao reino danés durante a guerra. A conquista prusiana de antigas terras danesas incrementou a profunda aversión de Alexandra cara aos alemáns, un sentimento que permaneceu con ela o resto da súa vida.[2]

O primeiro fillo dos príncipes de Gales, Alberte Víctor, naceu a principios de 1864, dous meses antes de tempo. Alexandra dedicouse con devoción aos seus fillos, segundo a aia principal, a señora Blackburn: «Sentíase na gloria cando podía correr até a habitación dos nenos, poñer un mandil de flanela, bañalos ela mesma e velos durmir nas súas pequenas camas».[22] A parella tivo seis fillos en total: Alberte Vítor, Xurxo, Luísa, Vitoria, Maud e Alexandre, que faleceu ás poucas horas do seu nacemento. Ao parecer, todos os fillos de Alexandra naceron antes de tempo; o biógrafo Richard Hough pensaba que a princesa enganaba deliberadamente á raíña Vitoria sobre a súa data probable de parto, xa que non quería que estivese presente nos nacementos.[23] O nacemento do seu terceiro fillo en 1867, complicouse cun ataque de febre reumática que ameazou a súa vida e deixouna cunha coxeira permanente.[24]

En público, Alexandra era digna e encantadora, en privado, cariñosa e alegre.[12][25] Gozaba das actividades sociais como o baile e a patinaxe sobre xeo, era unha experta xinete e condutora de carruaxes.[26] Tamén gozaba da caza, para consternación da raíña Vitoria, quen lle pediu sen éxito que deixase de practicala.[27] Mesmo despois do nacemento do seu primeiro fillo seguiu socializando tanto como antes, isto provocou algunhas friccións entre a raíña e a nova parella, o que se agravaba aínda máis polo odio que Alexandra sentía polos prusianos e a parcialidade da raíña cara a eles.[2]

Princesa de Gales[editar | editar a fonte]

Alexandra princesa de Gales c. 1870.

Alberte Eduardo e Alexandra visitaron Irlanda en abril de 1868. Despois de estar enferma o ano anterior, a princesa empezaba a camiñar de novo sen a axuda dos dous bastóns de madeira e estaba embarazada do seu cuarto fillo.[28] Levaron a cabo unha xira de seis meses por Austria, Exipto e Grecia entre 1868 e 1869. Esta xira incluíu a visita ao seu irmán, o rei Xurxo I de Grecia, aos campos de batalla de Crimea e, para ela soamente, ao harén do Jedive Ismail. En Turquía converteuse na primeira muller en sentar a cear co sultán —Abdülaziz—.[29]

A residencia preferida dos príncipes de Gales era Sandringham House, e Marlborough House era a súa base en Londres. Os biógrafos coinciden en que o seu matrimonio foi feliz en moitos sentidos, con todo, algúns afirman que Alberte Eduardo non lle daba á súa esposa toda a atención que ela desexaba e que aos poucos a parella foise afastando, ata que a finais de 1871 o príncipe sufriu un ataque de febre tifoidea —a enfermidade que se cre matou ao seu pai—, o que produciu unha reconciliación.[30] Estas afirmacións son cuestionadas por outros escritores, que sinalan os embarazos frecuentes de Alexandra ao longo deste período e usan as cartas familiares para negar a existencia dunha grave fisura.[31] Con todo, Alberte Eduardo foi duramente criticado desde moitos sectores da sociedade, pola súa aparente falta de interese na grave enfermidade da súa muller, a febre reumática.[32] Ao longo do seu matrimonio, o príncipe de Gales seguiu mantendo relacións con outras mulleres, entre elas a actriz Lillie Langtry; Daisy Greville, condesa de Warwick; Agnes Keyser e a distinguida muller de sociedade Alice Keppel. A maioría dos seus romances foron do pleno coñecemento de Alexandra, que mesmo máis tarde permitiu que Alice Keppel visitase ao rei no seu leito de morte.[33] A princesa mantívose fiel durante todo o seu matrimonio.[34]

Alexandra foise illando socialmente debido ao agravamento da súa xordeira, causada pola otosclerose hereditaria, e cada vez pasaba máis tempo en casa cos seus fillos e mascotas.[35] O seu sexto e último embarazo terminou en traxedia, cando o seu fillo acabado de nacer morreu despois de só un día de vida. A pesar de que a princesa suplicou privacidade, a raíña Vitoria insistiu en anunciar un período de loito na corte, o que conduciu a que os elementos hostís da prensa describisen o nacemento como un «desgraciado aborto» e os arranxos do funeral como unha «mascarada repugnante».[36]

Durante oito meses entre 1875 e 1876, o príncipe de Gales estivo ausente de Gran Bretaña mentres realizaba unha viaxe pola India, pero, para a súa consternación, Alexandra tivo que quedar en casa. O príncipe planeara unha viaxe cun grupo de homes e tiña a intención de dedicar a maior parte do tempo á caza e o tiro. Durante a xira, un dos amigos que viaxaba co príncipe, Lord Aylesford, foi informado pola súa esposa que ía deixalo por outro home: Lord Blandford, que á súa vez estaba casado. Aylesford estaba consternado e decidiu pedir o divorcio. Mentres tanto, o irmán de Lord Blandford, Lord Randolph Churchill, convenceu aos amantes de non fuxir xuntos. Preocupada pola ameaza de divorcio, Lady Aylesford tratou de disuadir ao seu marido de levar a cabo o procedemento, pero Lord Aylesford mostrouse inflexible e negouse a reconsideralo. Nun intento de presión para que Lord Aylesford abandonase a súa demanda de divorcio, Lady Aylesford e Lord Randolph Churchill acudiron con Alexandra e dixéronlle que se o divorcio procedía, o príncipe sería citado como testemuña e implicado no escándalo. Aflixida polas ameazas e seguindo o consello de Sir William Knollys e a duquesa de Teck, Alexandra informou á raíña, quen logo escribiu ao príncipe de Gales. O príncipe indignouse. Finalmente, os Blandford e os Aylesford divorciáronse en privado. Aínda que Lord Randolph Churchill desculpouse máis tarde, durante moitos anos o príncipe de Gales negouse a falarlle ou velo.[37]

Alexandra (dereita) coa súa nai (centro) e a súa filla maior, a princesa Luísa (esquerda) en 1893.

Alexandra pasou en Grecia a primavera de 1877, mentres se recuperaba dun período de mala saúde e visitaba ao seu irmán o rei Xurxo de Grecia.[38] Durante a Guerra Ruso-Turca (1877-1878), era claramente parcial contra Turquía e a favor de Rusia, onde a súa irmá estaba casada co Tsarévich, e presionou para que se realizase unha revisión da fronteira entre Grecia e Turquía que favorecese aos gregos.[39] Alexandra e os seus dous fillos pasaron os seguintes tres anos separados, en gran medida porque os mozos foron enviados nun cruceiro por todo o mundo como parte da súa educación naval e xeral. A despedida estivo chea de bágoas e, como o demostra a súa correspondencia regular, botounos de menos terriblemente.[40] En 1881, Alexandra e Alberte Eduardo viaxaron a San Petersburgo tras o asasinato de Alexandre II de Rusia, tanto para representar a Gran Bretaña, como para que a princesa puidese confortar á súa irmá Dagmar, que se converteu na tsarina.[41]

Alexandra asumiu moitas responsabilidades en eventos públicos; en palabras da raíña Vitoria, «quitoume a tensión e a fatiga de moitas funcións. Abre bazares, asiste a concertos, visita hospitais no meu lugar... non só nunca se queixa, senón que se esforza por demostrar que gozou o que para outro sería un deber esgotador».[42] Tomou un interese especial no Hospital de Londres, que visitaba con regularidade. Durante as súas visitas ao hospital coñeceu entre outros pacientes a Joseph Merrick, o chamado «Home Elefante».[43] Polo xeral as multitudes aplaudían con entusiasmo a Alexandra,[44] pero durante unha visita a Irlanda en 1885, sufriu un raro momento de hostilidade pública cando visitaba a cidade de Cork, sementeira do nacionalismo irlandés. Alberte Eduardo e Alexandra foron apupados por unha multitude de dúas ou tres mil persoas que levaban paus e bandeiras de cor negra. Alexandra superou riseira a difícil proba e a prensa británica describiu a visita desde unha óptica positiva e cualificou á multitude como «entusiasta».[45] Como parte da mesma visita recibiu un Doutoramento en Música polo Trinity College de Dublín.

A morte do seu fillo maior, o príncipe Alberte Vítor, duque de Clarence e Avondale, en 1892, foi un duro golpe para a Alexandra. A habitación e as posesións persoais do príncipe mantivéronse tal como os deixara, do mesmo xeito que se fixo coas pertenzas do príncipe Alberte despois da súa morte en 1861.[46] A princesa de Gales confesou: «Enterrei ao meu anxo e con el a miña felicidade».[47] A correspondencia entre Alexandra e os seus fillos que aínda sobrevive indica que estaban moi unidos.[48] En 1894, faleceu o seu cuñado, Alexandre III de Rusia, e o seu sobriño, Nicolao, converteuse no tsar. Durante eses días foi un sostén para a súa irmá, a emperatriz viúva; Alexandra durmiu, rezou e permaneceu xunto a ela as seguintes dúas semanas até o enterro de Alexandre.[49]

Raíña consorte[editar | editar a fonte]

Alexandra vestida para asistir á coroación o 26 de xuño de 1902. Publicado polo The Illustrated London News no rexistro da cerimonia de coroación do rei Eduardo VII e a raíña Alexandra en 1902. Obra asinada por Samuel Begg.

Coa morte da raíña Vitoria en 1901, Alberte Eduardo converteuse en rei co nome de Eduardo VII e Alexandra en raíña consorte. Dous meses despois, o seu fillo Xurxo e a súa nora María partiron nunha extensa xira polo imperio e deixaron aos seus pequenos fillos ao coidado de Alexandra e Eduardo, que adoraban aos seus netos. Ao regreso da parella, os preparativos estaban a punto e a coroación de Eduardo e Alexandra estaba próxima. Con todo, só uns días antes da data prevista en xuño de 1902, Eduardo caeu gravemente enfermo de apendicite. Alexandra substituíuno nun desfile militar e asistiu ás carreiras da Royal Ascot, nun intento por evitar a alarma social.[50] Finalmente, a coroación tivo que ser posposta e Eduardo sometido a unha operación paia extirpar o apéndice infectado. Despois da súa recuperación, Alexandra e Eduardo foron coroados xuntos en agosto: el polo arcebispo de Canterbury, Frederick Amorne, e ela polo arcebispo de York, William Dalrymple Maclagan.[51]

A pesar de terse convertido en raíña, as responsabilidades de Alexandra cambiaron moi pouco e mantivo a moitos dos servidores que tiña. A encargada da alcoba de Alexandra, Charlotte Knollys, permaneceu lealmente ao seu servizo durante moitos anos. O 10 de decembro de 1903, Charlotte, filla de Sir William Knollys, amenceu e achou a súa habitación repleta de fume. Espertou a Alexandra e guiouna a un lugar seguro. En palabras da gran duquesa Augusta de Mecklemburgo-Strelitz: «Debemos darlle crédito á vella Charlotte por salvarlle realmente a vida [a Alexandra]».[52]

A raíña volveu facerse cargo dos seus netos cando Xurxo e María partiron nunha segunda xira, esta vez á India británica, durante o inverno de 1905-1906.[53] O seu pai, o rei Cristián IX de Dinamarca, morreu en xaneiro de 1906. Desexosas de conservar os seus vínculos familiares, tanto entre si como con Dinamarca, Alexandra e a súa irmá, a emperatriz viúva de Rusia, compraron unha casa ao norte de Copenhague en 1907, Hvidøre, unha especie de refuxio privado.[54]

Os biógrafos afirman que a Alexandra foille negado o acceso aos documentos informativos do rei e foi excluída dalgunhas das viaxes ao estranxeiro para evitar a súa intromisión en asuntos diplomáticos.[55] Desconfiaba profundamente dos alemáns e opúxose sempre a calquera cousa que favorecese a súa expansión ou os seus intereses. En 1890, por exemplo, escribiu un memorando distribuído aos altos ministros británicos e ao persoal militar, advertíndolles contra o previsto intercambio da illa británica Heligoland, situada no mar do Norte, pola colonia alemá de Zanzíbar. No memorando sinalaba a importancia estratéxica da illa, que podería ser utilizada por Alemaña para lanzar un ataque ou por Gran Bretaña para conter unha agresión alemá.[56] A pesar disto, o intercambio seguiu adiante. Os alemáns fortificaron a illa e, en palabras de Robert Ensor e como Alexandra predixera, «converteuse na pedra angular da posición marítima de Alemaña para a ofensiva, así como para a defensa».[57] O Frankfurter Zeitung condenou abertamente a conduta de Alexandra e a súa irmá, a emperatriz viúva de Rusia, e afirmou que ambas foron «o centro da conspiración internacional antialemá».[58] A raíña desprezaba e tíñalle desconfianza ao seu sobriño, Guillerme II de Alemaña, en 1900 chamábao «o noso inimigo interno».[59]

Alexandra en 1910.

En 1910, Alexandra converteuse na primeira raíña consorte en visitar a Cámara dos Comúns durante un debate. Nunha extraordinaria situación sen precedentes, durante dúas horas, sentou na Galería das Damas con vistas á cámara mentres que se debatía o proxecto de lei do Parlamento, que pretendía reformar o papel da Cámara dos Lores.[60] En privado, Alexandra estaba en desacordo co proxecto de lei.[61] Pouco despois foi a visitar ao seu irmán, o rei Xurxo I de Grecia, en Corfú. Unha vez alí, chegoulle a noticia de que o rei Eduardo estaba gravemente enfermo, regresou de inmediato e chegou xusto un día antes da morte do seu marido. Nas últimas horas de Eduardo, administroulle persoalmente o osíxeno dun cilindro de gas para axudalo a respirar.[62] Contoulle a Frederick Ponsonby: «Síntome coma se estivese convertida en pedra, incapaz de chorar, incapaz de comprender o significado de todo isto».[63] Máis tarde ese mesmo ano, mudouse do palacio de Buckingham a Marlborough House, pero retivo a posesión de Sandringham House.[64] O novo rei, o seu fillo Xurxo, pronto se enfrontou a ter que tomar unha decisión sobre o proxecto de lei do Parlamento. A pesar dos seus puntos de vista persoais, Alexandra apoiou a decisión do rei, para axudar a dar forza ao proxecto de lei no Parlamento a petición do primeiro ministro, pero en contra dos desexos da Cámara dos Lores, cando o partido reformador gañou as eleccións da Cámara dos Comúns.[65]

Raíña nai[editar | editar a fonte]

A raíña Alexandra en 1923.

Alexandra non asistiu á coroación do seu fillo en 1911, porque non era costume que unha raíña coroada asistise á coroación doutro rei ou raíña, pero polo demais seguiu o lado público da súa vida, dedicando tempo ás súas causas benéficas. Unha das tantas causas era o chamado «Día da rosa de Alexandra», no cal mulleres voluntarias vendían rosas artificiais feitas por persoas discapacitadas para apoiar aos hospitais.[66][67] Durante a primeira guerra mundial, o costume de colgar as bandeiras dos príncipes estranxeiros investidos coa máis alta orde de cabalaría británica, a Orde da Xarreteira, na capela de St. George no Castelo de Windsor, foi obxecto de críticas, xa que os membros alemáns da orde estaban agora loitando contra Gran Bretaña. Alexandra uniuse ás peticións de «tombar as odiosas bandeiras alemás».[68] Impulsado pola opinión pública, pero en contra dos seus propios desexos, o rei retirou as bandeiras, pero para consternación de Alexandra non só quitou «esas viles bandeiras prusianas», senón tamén as dos parentes hessianos da súa nai, que en opinión desta, eran simplemente «soldados ou vasalos baixo as ordes do brutal emperador alemán».[68] O 17 de setembro de 1916, Alexandra atopábase en Sandringham cando se produciu un ataque aéreo desde un dirixible, pero o peor foi o que lle sucedería a outros membros da súa familia. En Rusia, o tsar Nicolao II foi derrocado e despois asasinado polos revolucionarios xunto á súa esposa e fillos. En 1919, a emperatriz viúva foi rescatada de Rusia polo HMS Marlborough e levada a Inglaterra onde viviu durante un tempo coa súa irmá Alexandra.[69]

Alexandra conservou unha aparencia xuvenil até a vellez, pero durante a guerra envelleceu notablemente.[70][71] Isto levouna a usar elaborados veos e moita maquillaxe, os cismóns dicían que parecía ter a cara «esmaltada».[12] Non volveu realizar máis viaxes ao estranxeiro e comezou a sufrir problemas de saúde cada vez maiores. En 1920, estaloulle un vaso sanguíneo nun ollo, deixándoa temporal e parcialmente cega.[72] Cara ao final da súa vida, a súa memoria e fala fóronse deteriorando.[73] Morreu o 20 de novembro de 1925 en Sandringham, despois de sufrir un ataque ao corazón e foi soterrada nunha elaborada tumba xunto ao seu marido na capela de St. George no Castelo de Windsor.[6]

Legado[editar | editar a fonte]

Fachada principal do Alexandra Palace.

Despois da voda de Alexandra co príncipe de Gales en 1863, iniciouse a construción dun novo parque e un «palacio do pobo» nun outeiro no norte de Londres, que incluía un centro de artes e unha sala de exhibicións pública, e que en honra da princesa foron nomeados Alexandra Park e Alexandra Palace.[74] O palacio, chamado coloquialmente Ally Pally, alberga ademais unha sala de concertos, unha sala de conferencias, un museo, unha biblioteca, un teatro e salóns para eventos e banquetes, de feito, o seu salón de banquetes é considerado o máis grande de Londres.[75]

Alexandra foi moi popular entre o pobo británico.[12][76] A diferenza do seu marido e da súa sogra nunca foi castigada pola prensa.[77] Os fondos que axudou a colleitar foron utilizados para mercar unha embarcación de río que foi chamada Alexandra e que se utilizou para transportar aos feridos durante a campaña do Sudán, ademais para adaptar un buque hospital de nome The Princess of Wales, que levaba de regreso aos feridos da Guerra dos Bóer.[78][79] Durante a Guerra dos Bóer tamén fundou o Queen Alexandra's Imperial Military Nursing Service, posteriormente rebautizado como Queen Alexandra's Royal Army Nursing Corps —Corpo de enfermaría da Armada Real raíña Alexandra—.

Tiña pouca comprensión do manexo dos cartos.[80] A administración das súas finanzas deixouse en mans do leal contralor, Sir Dighton Probyn, que realizou unha función similar para o rei Eduardo VII. En palabras do seu neto, Eduardo VIII —máis tarde, duque de Windsor—: «A súa xenerosidade era unha fonte de apuros para os seus asesores financeiros. Cada vez que recibía unha carta solicitando diñeiro, enviaba un cheque de inmediato, independentemente da autenticidade dos mendicantes e sen que o caso fose investigado».[81] Aínda que non sempre foi extravagante —zurcía as medias usadas para reutilizalas e os seus vestidos vellos eran reciclados como fundas para mobles—, desestimaba as protestas sobre os seus fortes gastos cun movemento da man ou afirmaba que non escoitara.[82][83]

Queen Alexandra Memorial, situado fronte ao palacio de St. James.

Adoitaba esconder unha pequena cicatriz no pescozo, que probablemente foi resultado dunha operación da infancia, usando colares tipo gargantilla e escotes altos, co que estableceu modas que se usarían durante cincuenta anos.[84][85] O efecto de Alexandra sobre a moda foi tan profundo, que as damas de sociedade mesmo copiaban o seu modo de camiñar «coxeando», despois da grave enfermidade que a deixou cunha perna ríxida en 1867.[86] Prefería sobre todo as casas de moda de Londres, a súa favorita era Redfern, pero compraba ocasionalmente en Doucet e Fromont de París.[82]

O 8 de xuño de 1932 —o día da rosa de Alexandra—, desvelouse un monumento chamado Queen Alexandra Memorial, realizado polo escultor Alfred Gilbert e situado en Marlborough Gate, Londres.[87] Na inauguración interpretouse unha oda na súa memoria «So many true princesses who have gone», con música composta polo entón Master of the King's Music —Mestre da música do rei— Sir Edward Elgar e letra do poeta laureado John Masefield, o propio Elgar encargouse da dirección musical.[88]

A raíña Alexandra foi representada na televisión británica por Deborah Grant e Helen Ryan en Edward the Seventh, Ann Firbank en Lillie, Maggie Smith en All the King's Men e Bibi Andersson en The Lost Prince. No cine foi representada por Pamela Abbott na película de 1979, Murder by Decree, e por Helen Ryan na película de 1980, The Elephant Man.[89] Na obra de teatro de 1980, Motherdear, escrita por Royce Ryton, foi interpretada por Margaret Lockwood na súa última actuación.

Títulos, honras e armas[editar | editar a fonte]

Títulos e tratamentos[editar | editar a fonte]

Por nacemento, Alexandra foi princesa de Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg, co tratamento de Alteza Serenísima,[7] como neta do duque Federico Guillerme de Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg. O 31 de xullo de 1853, o seu pai, o príncipe Cristián, foi nomeado príncipe de Dinamarca, polo cal, como princesa de Dinamarca, Alexandra recibiu o tratamento de Alteza Real.[90] Despois do seu matrimonio o 10 de marzo de 1863 e antes de que o seu marido accedese ao trono foi princesa de Gales co tratamento de Alteza Real. Tralo falecemento de raíña Vitoria, o 22 de xaneiro de 1901, Eduardo VII ascendeu ao trono e Alexandra converteuse en raíña consorte do Reino Unido e emperatriz da India, recibindo os tratamentos de Maxestade e Maxestade Imperial.[1]

Escudo de armas da raíña Alexandra.

Honras[editar | editar a fonte]

En 1901, Alexandra converteuse na primeira muller en ser investida como Dama Compañeira da Orde da Xarreteira desde 1495, como tal, a súa bandeira de armas estivo colgada durante toda a súa vida na Capela de St. George no Castelo de Windsor.[91] Algunhas outras das honras que recibiu foron: Dama de primeira clase da Real Orde de Vitoria e Alberte[92], Dama da Imperial Orde da Coroa da India e Dama de Xustiza da Orde de San Xoán de Xerusalén.[93] Así mesmo o 11 de febreiro de 1872 foi nomeada dama da Orde das Damas Nobres da Raíña María Luísa.[94]

Armas[editar | editar a fonte]

As armas da raíña Alexandra, despois do ascenso ao trono do seu marido en 1901, eran o Real Escudo de Armas do Reino Unido empalado coas armas do seu pai, o rei Cristián IX de Dinamarca.[95][96] O escudo está surmontado pola coroa imperial e sostido polo león coroado de Inglaterra e un home salvaxe típico do Real Escudo de Armas de Dinamarca.[95]

Antepasados[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Lundy, Daryl. "Alexandra Caroline Marie Charlotte Louise Julia zu Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg, Princess of Denmark". Thepeerage.com. Consultado o 31 de xaneiro de 2011. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Purdue, A. W. (setembro de 2004) «Alexandra (1844–1925)», Oxford Dictionary of National Biography, Oxford University Press, doi:10.1093/ref:odnb/30375 (en inglés). Consultado o 16 de xullo de 2009 (require subscrición)
  3. 3,0 3,1 Battiscombe, p. 8
  4. 4,0 4,1 Maclagan e Louda, p. 49
  5. 5,0 5,1 Príncipe Alberte citado en Duff, p. 31
  6. 6,0 6,1 Eilers, p. 171
  7. 7,0 7,1 Montgomery-Massingberd, pp. 69–70
  8. A súa nai e o seu pai era os dous bisnetos do rei Federico V de Dinamarca e tataranetos do rei Xurxo II de Gran Bretaña.
  9. Duff, pp. 16–17
  10. Duff, p. 18
  11. Duff, pp. 19–20
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 Priestley, p. 17
  13. Duff, p. 21
  14. Battiscombe, pp. 125 e 176
  15. Idun (1890): Nr 15 (121) (en sueco)
  16. Battiscombe, pp. 27–37; Bentley-Cranch, p. 44 e Duff, p. 43
  17. Nelson O'Neil, Henry: The Landing of HRH The Princess Alexandra at Gravesend, 7th March 1863, National Portrait Gallery (en inglés). Consultado o 13 de novembro de 2010.
  18. As súas damas de honor foron Diana Beauclerk, Victoria-Montagu-Douglas-Scott, Victoria Howard, Elma Bruce, Agneta Yorke, Emily Villiers, Eleanor Hare e Feodora Wellesley.
  19. Duff, pp. 48–50
  20. Duff, p. 60
  21. Nicolao morreu poucos meses despois do compromiso e Dagmar casou co seu irmán Alexandre no seu lugar.
  22. Sra. Blackburn, neneira principal, citada en Duff, p. 115
  23. Hough, p. 116
  24. Battiscombe, pp. 82–86 e Duff, pp. 73 e 81
  25. Battiscombe, pp. 127, 222–223
  26. Duff, p. 143
  27. Hough, p. 102
  28. Battiscombe, p. 94
  29. Duff, pp. 93–100
  30. Duff, p. 111 e Philip Magnus-Allcroft citado en Battiscombe, pp. 109–110
  31. Battiscombe, p. 110
  32. Hough, pp. 132-134
  33. Battiscombe, p. 271 e Priestley, p. 18 e 180
  34. Battiscombe, pp. 100–101
  35. Battiscombe, p. 88 e Duff, p. 82
  36. Duff, p. 85
  37. Battiscombe, pp. 132–135
  38. Battiscombe, p. 136
  39. Battiscombe, pp. 150–152
  40. Battiscombe, pp. 155–156
  41. Battiscombe, pp. 157–160 e Duff, p. 131
  42. Raíña Vitoria citada en Duff, p. 146
  43. Battiscombe, pp. 257-258 e Duff, pp. 148-151
  44. Battiscombe, p. 166
  45. Daily Telegraph citado en Battiscombe, p. 168
  46. Battiscombe, pp. 189–193, 197 e Duff, p. 184
  47. Alexandra citada en Duff, p. 186
  48. Battiscombe, pp. 141–142
  49. Battiscombe, p. 205 e Duff, pp. 196–197
  50. Battiscombe, pp. 243–244
  51. Battiscombe, p. 249
  52. Battiscombe, p. 253
  53. Battiscombe, p. 258
  54. Battiscombe, p. 262 e Duff, pp. 239–240
  55. Duff, pp. 225–227
  56. Battiscombe, pp. 176–179
  57. Ensor, p. 194
  58. Citado en Duff, p. 234
  59. Duff, pp. 207 e 239
  60. Battiscombe, p. 269
  61. Battiscombe, p. 278
  62. Duff, pp. 249–250
  63. As memorias de Ponsonby citadas en Duff, p. 251
  64. Battiscombe, p. 274 e Windsor, p. 77
  65. Battiscombe, pp. 277–278
  66. Duff, pp. 251–257 e 260
  67. O fondo Alexandra Rose Day segue existindo e a súa padroa é a princesa Alexandra, Lady Ogilvy, bisneta de Alexandra.
  68. 68,0 68,1 Alexandra ó rei Xurxo V, citado en Battiscombe, p. 285
  69. Duff, pp. 285–286
  70. Mary Gladstone e Lord Carrington, citados en Battiscombe, p. 206; Margot Asquith, citada en Battiscombe, pp. 216–217; John Fisher, 1.o. baron Fisher citado en Battiscombe, p. 232
  71. Alexandra mesma e a raíña María citadas en Battiscombe, p. 296
  72. Battiscombe, p. 299
  73. Battiscombe, pp. 301–302
  74. Carrington, Ron (1975). Alexandra Park and Palace: A History (Londres: Greater London Council) p. 9.
  75. Ver Alexandra Palace: A Brief History, PDF anexo a: "About Us". Alexandrapalace.com. Consultado o 26 de xuño de 2011. 
  76. Battiscombe, pp. 66–68, 85, 120, e 215, e Duff, p. 215
  77. Duff, pp. 113, 163 e 192
  78. Battiscombe, p. 169
  79. Battiscombe, p. 212–213 e Duff, p. 206
  80. Battiscombe, p. 72
  81. Windsor, pp. 85–86
  82. 82,0 82,1 Battiscombe, p. 203
  83. Battiscombe, p. 293
  84. Baron Stockmar, quen era doutor, citado en Duff, p. 37
  85. Battiscombe, pp. 24–25
  86. Battiscombe, p. 92
  87. Dorment, Richard (xaneiro de 1980). «Alfred Gilbert's Memorial to Queen Alexandra» The Burlington Magazine vol. CXXII pp. 47–54
  88. «Alexandra The Rose Queen» The Times, 9 de xuño de 1932 p. 13 col. F
  89. "Queen Alexandra (Character)". IMDb. Consultado o 27 de xuño de 2011. 
  90. Lundy, Darryl. "Christian IX zu Schleswig-Holstein-Sonderburg-Glücksburg, King of Denmark". The Peerage. Consultado o 26 de xuño de 2011. 
  91. Duff, pp. 215–216
  92. Whitaker, Joseph. An Almanack for the Year of Our Lord ... (en inglés). J. Whitaker. 
  93. Kelly's Handbook to the Titled, Landed and Official Classes for 1918 (Londres: Kelly's Directories) p. 24.
  94. "Guía Oficial de España". Consultado o 8 de marzo de 2019. 
  95. 95,0 95,1 Pinces, John Harvey; Pinces, Rosemary (1974). The Royal Heraldry of England, Heraldry Today. (Slough, Buckinghamshire: Hollen Street Press). ISBN 0-900455-25-X. p. 260.
  96. Ver por exemplo a portada de Battiscombe.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
Alberto de Saxonia-Coburgo-Gotha
Consortes reais do Reino Unido
1901 - 1910
Coat of Arms of Alexandra of Denmark.svg
Sucesor:
María de Teck