A. S. Neill

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Alexander Sutherland Neill")
Saltar ata a navegación Saltar á busca
A. S. Neill
Neill birthday.jpg
Nome completo Alexander Sutherland Neill
Nacemento 17 de outubro de 1883
  Forfar
Falecemento 23 de setembro de 1973
  Aldeburgh
Nacionalidade Reino Unido
Educado en Universidade de Edimburgo
Ocupación pedagogo, escritor de non ficción, psicólogo e xornalista
Cónxuxe Ena May Neill
Coñecido/a por Summerhill
editar datos en Wikidata ]

Alexander Sutherland Neill, nado en Forfar o 17 de outubro de 1883 e finado o 23 de setembro de 1973, foi un pedagogo e educador progresista escocés, artífice e fundador da escola non-directiva de Summerhill, sendo sobre todo coñecido como entusiasta defensor da educación en liberdade.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo dun mestre de primaria. Estudou na Universidade de Edimburgo e obtivo a licenciatura en 1912. En 1914 traballou como mestre dentro do sistema público, pero o seu descontento respecto á pedagoxía propia da escola convencional foille desgustando progresivamente, ata levalo a fundar en Inglaterra a escola de Summerhill en 1927, aínda en funcionamento.

A escola Summerhill é un internado situado no sur de Inglaterra, no que conviven rapaces e rapazas de entre cinco e dezaseis anos. Tras moitos avatares logrou sobrevivir ata ahora cunha fama que acadou o seu cumio nos anos 60 e 70. Legalmente, funciona como escola privada na que os nenos poden escolarizarse, pero en moitas ocasións as súas peculiaridades a expuxeron ó peche tralas inspeccións que leva a cabo o Estado. No 2004 pasou polo seu peor momento, pero continúa aberta.

Principios educativos[editar | editar a fonte]

En Summerhill lévase a cabo unha educación baseada nos seguintes principios pedagóxicos que Neill defendeu nas súas obras:

A partir destes principios que se relacionan co pensamento de Rousseau e Wilhelm Reich, a escola funciona cunhas características especiais que a diferencian das escolas convencionais. Entre elas destacan:

  • Ausencia de exames e cualificacións.
  • Asistencia non obrigatoria ás clases.
  • A asemblea como órgano de xestión.
  • Ausencia de reprimendas e sermóns.
  • Trato igualitario entre nenos e adultos.

A educación de Summerhill entra dentro da pedagoxía antiautoritaria, ou pedagoxía non directiva ou libertaria. Con matices, levouse a cabo en distintos lugares do mundo onde existen escolas similares a Summerhill. Para Neill, a educación en liberdade é posible porque o neno responde positivamente ó amor e á liberdade. A orixe dos problemas de moitos nenos (e adultos) sitúaa na influencia exercida por unha sociedade enferma que reproduce os seus propios medos e a súa violencia. Pola contra, o contorno "san" que representa a escola fundada por Neill é a mellor terapia para curar os problemas dos nenos e, talvez, de toda a sociedade.

Polo tanto, na súa pedagoxía non se marca de xeito estrito un camiño ou modelo concreto ós nenos. Cómpre procurar que se autodeterminen sen coacción nin medos e que escollan a forma de vida que os faga máis felices. O adulto debe evitar proxectar nos pequenos os seus desexos e frustracións para conseguir este obxectivo.

Tamén, como freudiano, Neill opúñase con forza á represión sexual e á imposición de valores puritanos estritos propios da educación da primeira metade do século XX. Para el, deostar o sexo e a sexualidade era deostar a vida, nunha forma de desexo máis ou menos consciente de morte.

Cría que é máis importante o desenvolvemento adecuado das emocións que o adianto intelectual. Un neno emocionalmente san pode sacar recursos facilmente no futuro para o que queira facer, mesmo poñerse á altura, en coñecementos e recursos intelectuais, dos nenos da escola convencional. Opúñase ao fomento de calquera tipo de competitividade entre os nenos. O fundamental é o equilibrio emocional, como factor clave para que os raparigos se fagan persoas felices, último obxectivo da educación para Neill.

Aínda que se ofrecen clases e obradoiros de todo tipo, Summerhill é sobre todo unha comunidade antes que unha escola. A auténtica aprendizaxe dáse na convivencia de rapaces e rapazas, o autogoberno e o exercicio da responsabilidade. Mercede a unha interacción respetuosa cos demais, a rapazada aprende a vivir en sociedade.

Ademais, destaca a importancia dada ó xogo e ás actividades artísticas e creativas, como o teatro ou a danza. Fronte a isto os libros pasan a un segundo lugar na educación, e hai materias que desaparecerían por completo, como a relixión.

É moi importante matizar o que Neill entende por liberdade. O feito de que os nenos dispoñan dunha ampla marxe de autonomía e liberdade non implica que na escola reine a libertinaxe. A verdadeira liberdade é a que non supón un abuso dos dereitos alleos. Vai asociada ó respecto e á responsabilidade. O neno libre autocontrólase, sen que isto supoña represión de ningún tipo, xa que o fai pola estima en que ten ós demais debido a un tipo de relacións con eles sen medos nin odio. Nisto baséase a aprendizaxe da liberdade. Respecto e liberdade están intimamente ligados, e se aprenden, basicamente, convivindo. Un neno que toca o tambor ás tres da mañá e desperta ós seus pais non está exercendo a súa liberdade, senón abusando, colocándose en canto a dereitos por riba dos mesmos. A convivencia ideal, segundo a entende Neill, é unha horizontalidade nas relacións entre nenos e adultos na que ningún posea tódolos dereitos e anule os do outro. O autoritarismo tradicional na educación oprimía ós nenos, en canto non respectaba as súas peculiaridades e forma de ser. Pero a solución non é unha libertinaxe na que a tortilla se dea a volta, sen deixar de ser a mesma tortilla (sociedade autoritaria). Isto é algo que Neill repite decotío e que produciu enormes malentendidos en moitos pais que quixeron aplicar as súas teorías nos anos sesenta e setenta.

O ámbito onde a horizontalidade implica un goberno común e compartido da escola é, loxicamente, a asemblea. Esta é o órgano de goberno en Summerhill, con potestade para decidir todo, menos a contratación e soldo dos mestres. Nela adultos e nenos interveñen e votan con total igualdade para resolver conflitos ou decidir leis. O seu funcionamento está tamén regulamentado e existen varios cargos sen poder e rotatorios para escribir as actas das reunións ou moderar os debates, por exemplo. Reúnese unha vez por semana de maneira ordinaria e nas ocasións extraordinarias que o requiran. Ademais, existe un tribunal e un defensor do pobo. Como afirma Neill, a asemblea é a verdadeira lección que aprenden os nenos.

A pedagoxía de Neill foi tan criticada como querida por moitos. Os seus controvertidos principios e o funcionamento da escola que fundara recibiron parabéns e críticas de todo tipo. En especial, cuestionouse o contorno de illamento en que se educa, lonxe dunha sociedade cunhas regras ben diferentes. Porén, Neill sempre defendeu que os nenos se adaptarían a calquera contorno ó saír.

Frases famosas[editar | editar a fonte]

  • -Todo pai ou mestre que inspira medo é perigoso para a vida xuvenil.
  • -O pai é un especialista que nunca estudou a súa especialidade.
  • -O mellor camiño para chegar ó embarazo pasa pola prohibición do sexo.
  • -O mal mestre é o que esqueceu a súa infancia e que polo tanto está totalmente fóra de contacto cos nenos.
  • -Por regra xeral, os mestres son individuos ignorantes. Saben pouco de psicoloxía. Siguen o camiño máis fácil. Desde o seu punto de vista, o castigo arquiva polo menos a responsabilidade de investigar a causa. O castigo asegúralle ó mestre unha vida tranquila. O abominable é que este sistema se aplica en escala universal, nas escolas de tódolos países.
  • -Temo que a produción en masa chegara para quedar, tanto no comercio como na educación. Hai que baleirar a tódolos nenos no mesmo molde; hai que educalos para que xamais discutan nada. E se os pequenos sofren no ínterim, iso é algo que a ninguén lle importa. O único que vale é o sistema, coactivo, a estandarización do carácter para que todos pensen da mesma forma, vistan da mesma forma, falen da mesma forma. ¡A uniformidade ante todo! E miles de pobres nenos indefensos choran e se senten desgraciados nas súas escolas-fábricas.
  • -O humor denota igualdade. Exclúese premeditadamente da aula porque é un elemento nivelador. O humor liquidaría o respecto que esixe o mestre porque o seu riso, mesturado co dos alumnos, faríao demasiado humano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fromm, E. (1994) Prólogo, en Neill, A. S. Summerhill. Un punto de vista radical sobre la educación de los niños. Madrid, Fondo de Cultura Económica.
  • Neill, A. S. (1975) Corazones, no sólo cabezas en la escuela. México D. F., Editores mexicanos unidos
  • Neill, A. S. (1979) Autobiografía. Neill! Neill! Orange peel! Madrid, Fondo de Cultura Económica.
  • Neill, A. S. (1994) Summerhill. Un punto de vista radical sobre la educación de los niños. Madrid, Fondo de Cultura Económica.
  • Neill, A. S. (1999) Hijos en libertad. Barcelona, Altaya

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]