Aleksei Lobanov-Rostovskii
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 18 de decembro de 1824 (Xuliano) Gobernación de Voronezh |
| Morte | 18 de agosto de 1896 (Xuliano) Shepetivka (Imperio Ruso) |
| Lugar de sepultura | Mosteiro de Novospassky |
| Embaixador | |
| Membro do Consello de Estado do Imperio Ruso | |
| | |
| Datos persoais | |
| Educación | Liceo de Tsarskoye Selo |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Diplomacia, función pública, xenealoxía e coleccionismo |
| Ocupación | diplomático, xenealoxista, coleccionista, numismático, coleccionismo de moedas, político, funcionario |
| Outro | |
| Título | Knez |
| Pai | Boris Lobanov-Rostovsky |
| Premios | |
| Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Лобанов-Ростовский Алексей Борисович) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Aleksei Borisovich Lobanov-Rostovskii (ruso: Алексе́й Бори́сович Лоба́нов-Росто́вский), nado o 30 de decembro de 1824 en Alekseevskii[1] no oblast’ de Voronezh e finado o 30 de agosto de 1896 en Shepetivka, foi un aristócrata, diplomático e político ruso, coñecido por concluír o Tratado Li-Lobanov coa China, a Paz de Constantinopla co Imperio Otomán e pola obra xenealóxica Russkaja rodoslovnaja kniga.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]
Membro da casa de Lobanov-Rostovskii, unha póla da de Rúrik. Seu pai era o kniaz Boris Alexandrovich Lobanov-Rostovskii (1795—1863) que tras unha curta carreira militar exercía, no momento da nacenza de Aleksei, de xefe electo da nobreza de Voronezh[2] e súa nai era Olimpias Mikhailovna Borodina (1800-1874). Estudou no Liceo Tsarskoye Selo, o liceo imperial preto de San Petersburgo, onde ían os fillos das grandes familias aristocráticas rusas e graduouse en 1844. Aos vinte anos entrou no servizo diplomático, o seu primeiro destino importante foi de secretación na embaixada de París (1847-1850) e logo destinárono á embaixada en Berlín, primeiro como segundo secretario (1850-1851) para despois pasar a primeiro secretario (1851-1856). En 1856 nun novo destino marchou á legación en Constantinopla, primeiro como conselleiro (1856-1858), logo encargado de negocios (1858-1859) e finalmente enviado extraordinario e ministro plenipotenciario (1859-1863). En marzo de 1863 deixou o posto por circunstancias persoais fixo que se retirase temporalmente do servizo público, e logo pasou ao servizo do ministerio do interior, foi gobernador de Oriol entre 1866 e 1867 e asistente do ministro do interior de 1867 ata 1878. Tamén foi senador dende abril de 1867[3] e secretario de Estado e 1870.
Ao remate da guerra ruso-turca en 1878 volveu ao servizo diplomático e Alexandre II designouno como embaixador en Constantinopla, e durante máis dun ano unha política que pretendía restablecer a tranquilidade no país na coñecida como Cuestión oriental logo das accións paneslavistas do seu antecesor, o conde Ignatiev. En 1879 recibiu credenciais en Londres e en 1882 en Viena e alí permaneceu ata xaneiro de 1895 ao recibir o nomeamento como embaixador en Berlín, mais non tivo tempo de ocupar o posto, pois en marzo dese ano Nicolao II designouno novo ministro de Asuntos Exteriores en substitución de Nikolai Girs.
Ministro de Asuntos Exteriores
[editar | editar a fonte]Nesta posición mostrou moita da cautela do seu predecesor, pero adoptou unha política máis enérxica nos asuntos europeos, co apoio firme á alianza ruso-eslava que realizara o seu antecesor, e procurou manter as mellores relacións con Alemaña e Austria-Hungría[4]. Nos Balcáns no momento do seu nomeamento, a actitude do goberno ruso coas nacionalidades eslavas fora durante varios anos de extrema reserva, e parecía que como embaixador simpatizaba con esta actitude. Pero tan pronto como chegou á cabeza do ministerio de Asuntos Exteriores a influencia rusa na península balcánica reviviu de súpeto. Serbia recibiu axuda financeira; mandouse abertamente un grande envío de armas dende San Petersburgo ao príncipe de Montenegro. O príncipe Fernando de Bulgaria reconciliouse co emperador ruso, e a igrexa Igrexa Ortodoxa Oriental recibiu a seu fillo Boris no seu seo; a embaixada rusa en Constantinopla intentou lograr unha reconciliación entre o exarca búlgaro eo patriarca ecuménico. Búlgaros e serbios manifestaron, por instigación de Rusia, deixar de lado a súa hostilidade mutua.
Todo isto parecía presaxiar a creación dunha confederación balcánica hostil ao Imperio Otomán, e o sultán Abdul Hamid II tiña motivos para sentirse alarmado. En realidade, o príncipe Lobanov só intentaba establecer unha forte hexemonía rusa entre estas nacionalidades, e non tiña a menor intención de provocar unha nova crise na cuestión oriental mentres a situación xeral europea non ofrecera a Rusia unha oportunidade conveniente para resolvelo no seu propio interese sen intervención seria doutros poderes. Mentres tanto, consideraba que a integridade e a independencia do Imperio Otomán deben manterse no que a estes outros poderes se refire. Ao mesmo tempo fixéronse esforzos para debilitar a Tripla Alianza, e o principal instrumento empregado foi a entente con Francia, que o príncipe Lobanov axudou a converter nunha alianza formal entre as dúas grandes potencias[5].
No leste de Asia non foi menos activo e converteuse no protector da China no mesmo sentido en que se amosara protector do Imperio Otomán. O 3 de xuño de 1896 asinou un tratado secreto coa China, coñecido como Tratado Li–Lobanov, no que Rusia prometía defender a integridade territorial chinesa fronte ao Xapón, e a China permitía o uso de portos chineses aos navíos de guerra ruso e á concesión para construír un ferrocarril de largo ruso de Heilongjiang e Jilin a Vladivostok[6]. Ademais os funcionarios e a policía tiñan xurisdición extraterritorial en boa parte do Nordés da China e o permiso de estacionar tropas para protexer o ferrocarril[7]. Uns días despois, o 9 de xuño, asinou o Acordo Yamagata-Lobanov, polo que o Xapón renunciou ás súas conquistas no nordés da China, para non interferir coas futuras accións de San Petersburgo en Manchuria e garantía a independencia de Corea por medio dun, na práctica, coprotectorado de Rusia e o Xapón, que preservaba así Corea como un Estado tapón entre o Xapón e os intereses Rusos en Manchuria[8]. Cando só levaba dezaoito meses como director da política rusa morreu de súpeto dunha enfermidade cardíaca cando viaxaba en tren co tsar o 30 de agosto de 1896.
Actividade cultural
[editar | editar a fonte]
Persoalmente, o príncipe Lobanov-Rostovskiy era un gran aristócrata ruso, descendente dos príncipes independentes de Rostov, e ao mesmo tempo un home de ampla cultura, profundamente versado na historia e xenealoxía rusa, bibliógrafo impenitente era membro da Société des Bibliophiles français e tiña unha ampla colección de libros, arredor de 8 000 volumes, autógrafos e materiais rusos, principalmente dende o século XVIII, entre elas unha colección de cartas auténticas do príncipe Alexander Bezborodko ao conde Nikita Panin e amplo material do reinado do tsar Paulo I (1754–1801), sobre o que compilou un extenso estudo que non publicou e quizais a primeira autoridade do seu tempo en todo o relacionado co seu reinado.
Durante os anos que traballo no ministerio do interior recibiu o arquivo do príncipe Piotr Dolgorukov, reputado xenealoxista, para o seu uso exclusivo que utilizou canda anécdotas históricas e outros documentos non publicados de Pavel Karabanov en artigos que publicou en Russkaia Starina, revista dedicada á historia. A colección de Dolgorukov contiña listas de 247 familias nobres que Lobanov emmpregou como base do seu Russkaja rodoslovnaja kniga[9] que publicou sen asinar en tres volumes como anexo da Russkaia Starina en 1873, 1875 e 1878 e que viu unha segunda edición revisada e ampliada en 1895.
Membro da Sociedade Histórica Imperial Rusa dende 1870, xa en 1875 lanzou a idea de lanzar un dicionario biográfico ruso que se concretaría en 1896 coa publicación do primeiro volume do Russkii biografichesckii slovar[10].
Interesado pola gastronomía, escribiu a obra Tablettes gastronomiques de Saint-Pétersbourg, rédigées par un amateur, et précédées d’une liste des ouvrages à consulter que publicou en dous tomos en 1856 e 1858 para galano nunha tiraxe reducida[11].

Posuía unha súa extensa colección de moedas, nas que salientaban as acuñadas polos rusos durante a súa ocupación de Königsberg entre 1758 e 1761, posteriormente adquiridas polo Museo Ruso. Tamén coleccionaba retratos, e entre eles salientaban dúas versións da obra de Louis Caravaque A nena tsesarevna Isabel Petrovna coma deusa olímpica.
Entre as propiedades de Lobanov-Rostovskii estaba unha casa á beira do río Moika en San Petersburgo. En 1851 houbo un primeiro intento de edificar no terreo un palacio de dous andares, pero non se realizou. En 1868 reconstruíuse parcialmente o edificio e en 1875 houbo unha reconstrución total e levantouse un terceiro andar[12]. Dende abril de 1971 é o consulado xeral do Xapón en San Petersburgo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ В. Е. Авдеев. "ЛОБА́НОВ-РОСТО́ВСКИЙ АЛЕКСЕЙ БОРИСОВИЧ". Большая российская энциклопедия.
- ↑ "Лобанов-Ростовский, Борис Александрович". Русский биографический словарь 10. 1914. p. 520.
- ↑ Федорченко Валерий Иванович (ed.). "Лобанов-Ростовский Алексей Борисович". Императорский дом: выдающиеся сановники. энциклопедия биографий 2. p. 650.
- ↑ "Aleksey Borisovich, Prince Lobanov-Rostovsky". Encyclopaedia Britannica. 26 de agosto de 2024.
- ↑ Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Lobanov-Rostovski, Alexis Borisovich". Encyclopædia Britannica (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés).
- ↑ Nish, Ian (2014). The Origins of the Russo-Japanese War. Routledge. p. 31.
- ↑ Kowner, Rotem (2006). Historical Dictionary of the Russo-Japanese War. The Scarecrow Press. pp. 209–210.
- ↑ Gills, Barry (1996). Korea versus Korea: A Case of Contested Legitimacy. Routledge. p. 26.
- ↑ Сергей Шокарев (2008). Тайны российской «Аристократии».
- ↑ Д. Н. Шилов. "РУ́ССКИЙ БИОГРАФИ́ЧЕСКИЙ СЛОВА́РЬ". Большая российская энциклопедия.
- ↑ Impressions rares. Volume III: de O à Z. Rodolphe Chamonal. 2021. p. 95.
- ↑ "Генеральное Консульство Японии в Санкт-Петербурге". Axencia de información "DipInfo".