Aldous Huxley

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aldous Huxley.

Aldous Leonard Huxley, nado en Godalming o 26 de xullo de 1894 e finado o 22 de novembro de 1963, foi un escritor inglés que emigrou aos Estados Unidos. Membro da recoñecida familia de intelectuais Huxley. Coñecido polas súas novelas e o seu grande abano de ensaios, publicou, tamén, relatos curtos, poesía, libros de viaxe e historias para películas e guións. Mediante as súas novelas e ensaios, Huxley exerceu como crítico dos roles sociais, as normas e os ideais. Interesouse, así mesmo, polos temas espirituais, como a parapsicoloxía e a filosofía mística, sobre as que escribiu varios libros. Ao final da súa vida Huxley era considerado como un líder do pensamento moderno.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi o terceiro fillo do escritor Leonard Huxley e da súa primeira esposa, Julia Arnold, amais de neto de Thomas Henry Huxley (1825-1895, naturista de sona e editor de Charles Darwin), irmán de Julian Huxley Premio Nobel en 1963 e primeiro director da UNESCO. Era parente do escritor Thomas Arnold, do crítico Matthew Arnold e de Humphry Ward, quen foi unha verdadeira nai para Aldous cando este perdeu á súa.

Aldous foi un mozo estudoso. Ao ser o seu pai biólogo, empezou a súa aprendizaxe no seu laboratorio, logo continuou os seus estudos nunha escola chamada Hillside, onde a súa nai traballou ata que caeu doente.

A súa nai, Julia, morreu en 1908, cando Aldous tiña tan só 14 anos, logo a súa irmá Roberta morreu no mesmo mes. Tres anos despois, Aldous contraeu queratite punctata e iso danou a súa vista seriamente. O seu irmán maior, Noel, suicidouse en 1914. Cando estalou a Primeira Guerra, os seus problemas de visión evitaron o seu illamento. Huxley, prestou o seu servizo, voluntariamente, cortando leña, traballando nunha oficina do Ministerio de Aviación e ditando clases. Ao recuperarse da súa enfermidade visual, puido ingresar na Universidade de Oxford.

Comezos literarios[editar | editar a fonte]

Escribe a súa primeira novela (non publicada) aos 17 anos e empeza a escribir, seriamente, aos 20. Xornalista e crítico de arte, viaxa a por todo o mundo e relaciónase coa intelectualidade da época. En París frecuenta aos surrealistas e escribe varios ensaios sobre este tema.

En 1916, Huxley ingresou na revista Oxford Poetry, fundada por un grupo de poetas novos, publicou dous volumes de poemas titulados The Burning Wheel (A Roda Acesa) e "Leda". Durante a II Guerra Mundial xa era un coñecido satírico e pensador social. Aldous viviu moito tempo en Garsington Manor. En Os escándalos de Cromo caricaturizou a vida de Garsington. Casou con Maria Nys, á cal coñeceu en Garsington.

Moi preocupado polos trastornos que experimenta a civilización occidental, escribe, durante os anos 30, interesantes libros que tratan da grave ameaza que representa a maridanza do poder co progreso científico. Escribe, así mesmo, contra a guerra e o nacionalismo Eyeless in Gaza.

As súas previsións respecto da futura evolución da tecnoloxía e a sociedade mediática do século XX acharon a súa expresión en Un feliz mundo novo, onde suscitaba un sistema de castes, control e dominación exercido para manter a orde e a felicidade.

Pasou longas tempadas en Italia durante os anos 30, ata que en 1937 foi a California, do mesmo xeito que ao seu amigo Gerald Heard, foille denegada a cidadanía debido a que se negou a declarar que o seu pacifismo proviñese dalgún ente relixioso.

En 1938 Aldous coñeceu a Jiddu Krishnamurti, do cal admirou os seus ensinos. Converteuse á relixión Vedantista, e introduciu a Christopher Isherwood no seu círculo. Tempo despois escribiu o seu libro Filosofía Perenne con valores espirituais e ideas místicas.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Por mor da súa enfermidade, a súa vista era débil, malia a súa leve recuperación. En 1939 grazas a Margaret Corbett e o Método Bates, logrou mellorar a súa visión en gran medida. Á mantenta diso, escribiu un libro, A Arte de Ver, no que explicaba que, por primeira vez, en 25 anos, podía ler sen problemas.

Anos despois, practicou a meditación e fíxose adicto ao vexetarianismo. Un dos seus traballos posteriores máis brillantes foi Os demos de Loudun (1952), un complexo estudo dunha posesión demoníaca na Francia do século XVII.

Os seus traballos, neste momento, estaban fortemente influídos polo misticismo e polas súas experiencias coa mescalina, a cal probou invitado polo psiquiatra Humphry Osmond en 1953. O descubrimento das sustancias psicodélicas (mescaline, LSD, psilocybine) e o grande interese que as mesmas presentan -utilizadas nun contexto específico- para o descubrimento do espírito, leváronlle a escribir As Portas da Percepción (a cal serviu de inspiración para a banda The Doors) e en Ceo e Inferno.

A súa esposa, María, morreu de cancro de mama en 1955. En 1956, casou con Laura Archera, que tamén era escritora e escribiu unha biografía de Aldous. En 1960, foille diagnosticado un cancro de gorxa, e nos anos que lle seguiron escribiu A Illa. Rexeitou o título de "Cabaleiro da coroa británica". As súas ideas axudaron a formar o Human Potential Movement. Foi invitado a dar charlas en prestixiosas universidades.

No seu leito de morte, incapaz de pronunciar unha palabra pediulle, por escrito, á súa esposa: 100 µg de LSD intramuscular. Morreu pacificamente a mañá seguinte.

Aldous dicía que un momento tan importante como a morte nunca debía ser afrontado baixo o estupor proporcionado polos sedantes, senón baixo a claridade dos psicodélicos. O anuncio da súa morte viuse escurecido pola de John F. Kennedy, que ocorreu o mesmo día que a do escritor irlandés C.S. Lewis.

Obra[editar | editar a fonte]

  • Os escándalos de Cromo (1921), novela
  • Feo Antigo (1923), novela
  • Un Pilatos burlón (1926), ensaio
  • Contrapunto (1928), novela
  • Un feliz mundo novo (Brave New World) (1932), novela
  • A arte de ver (1932), ensaio crítico
  • Cego en gaza (1936), novela
  • Vello morre o cisne (1939), novela
  • A súa Eminencia gris(1941), novela
  • Time must have a stop (1944), novela
  • A filosofía perenne (1946), ensaio crítico
  • Mono e esencia (1948), novela
  • Themes and variations (1950), ensaio
  • Os demos de Loudon (1952), ensaio crítico
  • As portas da percepción (1954), ensaio
  • Mañá e mañá e mañá (1956), ensaio
  • Ceo e inferno (1956), ensaio
  • Nova visita a un mundo feliz (1958), ensaio
  • A illa (1962), novela
  • Literatura e ciencia (1963), ensaio
  • O xenio e a deusa
  • Dúas ou tres grazas

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Aldous Huxley