Al-Khaizuran

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAl-Khaizuran
Nome orixinal(ar) الخيزران بنت عطاء Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoséculo VIII Editar o valor em Wikidata
Iemen Editar o valor em Wikidata
Morte20 de novembro de 789 Editar o valor em Wikidata
Bagdad Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaAl Khaisaran cemetery (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPoesía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpoeta , gobernante , escritora , política Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeAl-Mahdi (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
FillosAl-Hadi (pt) Traducir, Harún al-Rashid Editar o valor em Wikidata
IrmánsSalsal bint Ata (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Al-Khaizuran bint Atta (en árabe: الخيزران بنت عطاء), finada en 789, foi esposa do califa abasí Al-Mahdi e nai doutros dous califas: Al-Hadi e Harún al-Rashid, gobernou de facto de 775 a 789 durante o reinado do seu marido e fillos sendo coñecida pola súa enorme influencia nos asuntos estatais.

Khaizuran foi a primeira muller na historia do islam en gobernar e a primeira muller na historia musulmá en acuñar moedas de ouro co seu nome. Converteuse nunha das mulleres máis poderosas da súa época baixo o nome do seu marido e fillos, Mahdi, Hadi e Harún. Durante o reinado de Mahdi, Khaizuran apareceu a miúdo na corte cando o califa estaba presente e fixo uso dun gran poder político, porque Mahdi non facía nada sen o seu consello e consentimento e, antes da emisión de calquera decreto, consultábao con ela.

Despois da morte do soberano, Khaizuran fíxose cargo directamente dos asuntos de goberno até a chegada do seguinte califa, e logrou a lealdade do exército do seu fillo, mais Hadi opúxose á súa nai non querendo compartir con ela o goberno. Á morte de Hadi rumoreouse que Khaizuran o fixera asasinar. Ao gobernar o seu outro fillo Harún al-Rashid, volveu ter o poder político.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Al-Khaizuran era de Jorash, preto da moderna Bisha, Arabia Saudita. Foi secuestrada da súa casa por un beduíno que logo a vendeu nun mercado de escravos preto da Meca á Al-Mahdi durante a súa peregrinación. Todas as fontes insisten en que era unha escrava, e isto non parece ser infrecuente na práctica.

Reinado de Al-Mahdi, como Primeira Dama e poder detrás do trono[editar | editar a fonte]

Al-Khaizuran é descrita como bela, intelixente e talentosa: naquel tempo, as concubinas escravas de harén ou jawaris eran famosas pola educación que recibían en música, canto, astroloxía, matemáticas e teoloxía para manter o interese do seu amo, e Al-Khaizuran tomou leccións regulares de fiqh cos máis recoñecidos cadís.[1] Finalmente converteuse na concubina favorita de Al-Mahdi. Tras a súa subida ao trono como califa en 775, conseguiu convencelo de que a liberase e casase con ela, privando a súa primeira cónxuxe, a princesa Rayta, filla do califa As-Saffah, dos seus privilexios: tamén o convenceu para privar o fillo do primeiro matrimonio da posición de herdeiro ao trono e, en cambio, nomear os seus fillos como herdeiros, a pesar de que o costume nese momento non lles permitía aos fillos dunha escrava herdar. Desde ese instante foi a muller máis poderosa e influente na corte, e sempre que o califa acudía á corte ela escoitaba e interfería con el desde detrás dunha cortina.

Na corte, foi aliada dos barmáquidas. Durante o reinado do seu cónxuxe, Al-Khaizuran ostentou unha posición infrecuente para unha muller musulmá; non vivía recluída no harén, senón que organizaba audiencias con xenerais, políticos e oficiais nos seus apousentos, xuntándose cos homes e falando dos asuntos de goberno.[1] Trouxo a súa nai, dúas irmás e dous irmáns á corte, casou a súa irmá Salsal co príncipe Ja'far e nomeou o seu irmán Ghatrif gobernador do Iemen.

Ademais dos seus dous fillos, a parella califal tamén tivo unha filla, Banuqa, que o seu pai amaba tanto que a vestía de home para poder levala con el durante as súas viaxes: cando morreu nova, o seu pai provocou un escándalo ao exixir pésames públicos, o cal non se consideraba correcto por unha filla.[1]

Reinado de Al-Hadi, como Nai do Califa e co-gobernante de facto[editar | editar a fonte]

En 785, Al-Mahdi morreu durante unha expedición co seu fillo Harun, que regresou apresuradamente a Bagdad para informala. Como os seus dous fillos estaban ausentes da cidade, e para asegurar a sucesión para o seu fillo, chamou os visires e ordenoulles pagar os soldos do exército para asegurar a orde, e despois exixiulles xurar lealdade ao seu fillo como novo califa na súa ausencia.[1]

Segundo os informes, Al-Khaizuran desexaba continuar involucrada no goberno durante o reinado do seu fillo: "Khaizuran quixo dominar o seu fillo como anteriormente dominara o seu pai, Al-Mahdi."[1]

Continuou dando audiencias nos seus cuartos e falando dos asuntos estatais durante o reinado do seu fillo Al-Hadi: "continuou monopolizando as tomas de decisións sen consultarlle [a Al-Hadi], Al-Khaizuran era a figura máis poderosa no imperio co seu fillo Hadi. Ela comportouse como antes, durante o reinado de Al-Mahdi .. As persoas viñan e pasaban pola súa porta." Al-Hadi, porén, opúxose á súa participación nos asuntos estatais e tentou excluíla deles, segundo os informes dicindo: "non está no poder das mulleres intervir... en asuntos de soberanía. Mirade ás vosas oracións e as vosas contas de oración." Desaprobou o feito de que a súa nai dese audiencias a oficiais e xenerais e consultase con eles, por iso xuntándose con homes, o que non era normal nunha cultura onde se esperaba que as mulleres vivisen recluídas no harén sen interactuar con homes que non fosen parentes próximos, e abordou publicamente o tema da vida pública da súa nai cando reuniu aos seus xenerais e preguntoulles: 'Quen é o mellor entre nós, vós ou eu?' recibiu como resposta: 'Evidentemente sodes o mellor, Comandante dos Fieis,' e el respondeu: 'E que nai é a mellor, a miña ou a vosa?' contestáronlle ao califa: 'A vosa nai é a mellor, Comandante dos Fieis. ''A quén en vós', continuou Al-Hadi, 'lle gustaría que os homes estendesen rumores sobre a súa nai?' 'A ninguén lle gusta que falen da súa nai,' responderon os presentes. 'Entón por que os homes van a miña nai para falar con ela?'

A pesar da súa oposición, Al-Hadi non conseguiu perturbar a influencia e poder acumulados pola súa nai, que rexeitou retirarse da política ao harén. O conflito finalmente quedou exposto en público cando ela intercedeu a favor dun suplicante, Abdallah ibn Malik, e publicamente reclamou unha resposta do seu fillo, que perdeu o tino e berroulle: "Espera un momento e escoita ben as miñas palabras... .Quenquera de entre o meu séquito - os meus xenerais, os meus criados - que veñan a ti cunha petición cortaranlle a cabeza e confiscaranlle as súas propiedades. Que significan todos eses pedichóns ao redor da vosa porta todos os días? Non tes un fuso para manterte ocupada, un Corán para rezar, unha residencia na que esconderte dos que te asedian? Cóidate, e coidado se abres a boca a favor de calquera en absoluto."[1]

Rumoreouse que Al-Khaizuran ordenou asasinar o seu fillo máis vello Al-Hadi despois deste incidente.[1] Unha razón dada é que ela descubriu que planeaba matar o seu irmán Harun al-Rashid, outra que tentou envenenala, o que descubriu ao deixar o seu can comer primeiro do prato que lle enviou. Unha versión reclama que encomendou a tarefa de matalo a unha das súas concubinas escravas, ou jawari, que o asfixiou con coxíns.

Reinado de Harun al-Rashid, como Nai do Califa e co-gobernante de facto[editar | editar a fonte]

O seu segundo fillo, o califa Harun al-Rashid, en contraste co seu irmán, non se opuxo a que a súa nai participase nos asuntos estatais, senón que abertamente recoñeceu a súa capacidade política e publicamente confiou no seu consello, e gobernou o reino con ela á beira.[1] Estaba orgulloso de sinalar que non había ningunha razón en sentirse avergoñado de compartir a súa poder cunha muller, se tiña a capacidade e brillantez de Al-Khaizuran. Aínda que é difícil dicir exactamente en que asuntos influíu a súa política, recoñécese que participou na toma de decisións na política do Califato. Por entón Al-Khaizuran retivo todos os poderes do imperio e de feito gobernou en lugar do califa.

"As historias contemporáneas non detallan os logros políticos de Khaizuran, mais acuñáronse moedas co seu nome, nomeáronse palacios por ela, e o cemiterio en que todos os posteriores gobernantes abasís foron enterrados leva o seu nome, o que testemuña non só o seu poder senón tamén a súa xenerosidade cívica."[2]

Cando faleceu en 789, o seu fillo rompeu as normas que prohibían mostrar pena, e no seu lugar mostrou publicamente a súa pena e participou no seu funeral, o que atraeu moita atención.[1]

Legado[editar | editar a fonte]

Moitos historiadores literarios cren que Al-Khaizuran e a súa forte personalidade foron unha influencia clave na creación de Sherezade, o personaxe principal en As mil e unha noites. Moitas das historias nelas recompiladas presentan a Harun al-Rashid e a súa fabulosa corte.

Na literatura galega[editar | editar a fonte]

Protagoniza o relato As escravas Sherezade de Paula Carballeira publicado no libro Libres e vivas da Editorial Galaxia.[3]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

  • Zubaidah bint Ja'far
  • Qatr al-Nada

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Mernissi, Fatima; Mary Jo Lakeland (2003). The forgotten queens of Islam. Oxford University Press. ISBN 978-0-19-579868-5.
  2. Verde, Tom. 2016. "Malik I: Khayzuran & Zubayda". Saudi Aramco World. Xaneiro–Febreiro 2016. Vol. 67, no. 1, page 44.
  3. Libres e vivas. Galaxia. 2021. ISBN 978-84-9151-586-9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ibn Kathir, Al Bidayah wa al-Nihayah
  • Al-Thahbi, Sirat Alam al-nubala
  • Al-Zarkali, Al-Alam
  • Ahmad Khalil Juma, Nesaa min al-tarikh
  • Green, Tom, "Malik I: Khayzuran & Zubayda". Saudí Aramco World. Xaneiro-febreiro de 2016. Vol. 67, n.º 1, pp. 42-45.
  • Zaynab Husayan, Majaam Alam ak-nesaa