Akiko Yosano
Nome orixinal | (ja) 与謝野晶子 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (ja) 鳳志よう 7 de decembro de 1878 Sakai |
Morte | 29 de maio de 1942 (63 anos) Ogikubo (en) |
Causa da morte | ictus |
Lugar de sepultura | cemiterio de Tama |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Xapón |
Educación | Osaka Prefectural Sen'yo Senior High School (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Poesía e ensaio |
Ocupación | poetisa , ensaísta , poeta de ""tanka"" , tradutora , escritora |
Empregador | Bunka Gakuin (en) |
Lingua | Lingua xaponesa |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Tekkan Yosano |
Fillos | Shigeru Yosano |
Irmáns | Hidetarō Hō (en) |
Parentes | Michiko Yosano (nora (pt) ) Kaoru Yosano (son's son (en) ) Tōru Yosano (son's son (en) ) Fumiko Yosano (son's daughter (en) ) Hisashi Yosano (pt) (son's son (en) ) |
Akiko Yosano (xaponés: 与謝野晶子, Yosano Akiko), nada o 7 de decembro de 1878 e finada o 29 de maio de 1942, foi unha escritora, poeta, feminista, pacifista e activista xaponesa dos períodos Meiji, Taishō e Shōwa.[1] Trátase dunha das figuras máis notables e polémicas da poesía nipoa contemporánea.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Akiko Yosano naceu nunha próspera familia de comerciantes de Sakai, preto de Osaka. Dende os 11 anos, estivo ao cargo do negocio familiar, unha empresa dedicada á produción e venda de yōkan, un tipo de doce a base de anko. Xa nesta época gustaba da lectura de obras literarias, que obtiña principalmente da biblioteca paterna. Comezou a publicar durante a secundaria na revista de poesía Myōjō, á que estaba subscrita. O editor da mesma, Tekkan Yosano, co que casaría tempo despois, ensinoulle a escribir poesía tanka. A parella coñeceuse durante as visitas de Tekkan a Osaka e Sekai, onde impartía aulas e talleres.[2]
Durante a súa infancia, Yosano careceu de contacto con homes, xa que non se lle permitía saír da casa sen acompañamento ou entrar en fogares alleos. Logo de casar, reflexionou negativamente sobre esta parte da súa vida:
Decateime por vez primeira de que a miña infancia fora amarga, inxusta e escura.Akiko Yosano[3]
Pola súa banda, cando coñeceu a Akiko Yosano, Tekkan xa tiña unha esposa, á que abandonou. Os dous poetas principiaron unha nova vida xuntos nun suburbio de Tokyo. Contraeron matrimonio en 1901, cando Yosano contaba 23 anos. Ambos terían 13 fillos, dos cales 2 morreron moi novos. Tekkan mantivo relacións extramaritais durante a súa relación, incluso coa súa antiga muller.[4]
Midaregami
[editar | editar a fonte]En 1901, Yosano publicou o seu primeiro volume de tanka, titulado Midaregami ("Cabelos enguedellados"), o cal contén uns 400 poemas. Trátase da máis coñecida das súas obras por achegar un individualismo apaixonado á poesía tradicional nipoa, unha combinación sen precedentes no período Meiji. A crítica da época foi demoledora co libro.[5] Malia esta reacción, difundiuse amplamente, inspirando a moitos intelectuais e librepensadores. Neste sentido, a autora converteuse nunha das principais voces da literatura xaponesa moderna.
A meirande parte dos poemas son de temática amorosa, e expresan os sentimentos de Yosano polo seu marido. A concepción do feminino establecida no texto era moi infrecuente para a época. Para a moral tradicional do Xapón, as mulleres debían ser xentís e modestas.[5] Ademais, o seu rol doméstico e social reducíase á procreación e mais ao coidado dos fillos, especialmente dos varóns. Porén, Midaregami recolleu ideas e problemas das mulleres que non adoitaban ser divulgados publicamente; así mesmo, creou unha nova e revolucionaria imaxe das mulleres (dinámica, libre, sexual e asertiva), que nada tiña que ver coa visión tradicional.[5] Así, a voz poética de Yosano non é pasiva, senón activa na súa vida amorosa. Por exemplo, nun dos seus poemas, escribiu:
"A primavera é curta, que hai no mundo que posúa a vida eterna?", dixen, facéndolle buscar coas mans os meus peitos"Akiko Yosano, Midaregami[5]
Xa que logo, Midaregami supuxo un reto para os valores patriarcais da sociedade xaponesa, así como para as convencións literarias e culturais do seu tempo. Malia ser denunciada e severamente criticada, Yosano inspirou a moitas das súas contemporáneas.[5]
Carreira literaria
[editar | editar a fonte]Durante o resto da súa vida, Yosano publicou outras vinte antoloxías de tanka, entre as que destacan Koigoromo ("A túnica do amor") e Maihime ("A bailarina"). En xeral, foi unha escritora prolífica, que podía escribir até 50 poemas dunha soa vez. Neste sentido, estímase que produciu entre vinte mil e cincuenta mil poemas. Tamén redactou 11 libros en prosa, aínda que foron relativamente ignorados pola crítica e o público.[6]
Yosano fundou unha escola para rapazas chamada Bunka Gakuin ("Instituto da Cultura") xunto con Nishimura Isaku e Kawasaki Natsu, sendo a súa primeira directora.[7] Como defensora da educación para as mulleres, axudou a moitas autoras noveis a entrar no mundo literario. Por outra banda, tamén traduciu ao xaponés contemporáneo moitos textos clásicos de escritoras, como o Genji monogatari ou o Eiga monogatari.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Beichman 2002.
- ↑ Arana 2015.
- ↑ Larson 1991.
- ↑ Arana 2008.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Tsuchiya Dollase 2005.
- ↑ Larson 1991, p. 12.
- ↑ Rodd 1991.
- ↑ Emmerich 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arana, Victoria R. (2008). The Facts on File Companion to World Poetry: 1900 to the Present (en inglés). Facts on File Inc. ISBN 9781438108377.
- Arana, Victoria R. (2015). Encyclopedia of World Poetry (en inglés). Infobase Learning. ISBN 9781438140728.
- Beichman, Janine (2002). Embracing the Firebird: Yosano Akiko and the Birth of the Female Voice in Modern Japanese Poetry (en inglés). University of Hawai'i Press. ISBN 9780824823474.
- Emmerich, Michael (2013). The Tale of Genji: Translation, Canonization, and World Literature (en inglés). Columbia University Press. ISBN 9780231534420.
- Larson, Phyllis Hyland (1991). "Yosano Akiko and the Re-Creation of the Female Self: An Autogynography". The Journal of the Association of Teachers of Japanese (en inglés) 25 (1): 11–26. ISSN 0885-9884. JSTOR 488908. doi:10.2307/488908.
- Rodd, Laurel Rasplica (1991). "Yosano Akiko and the Bunkagakuin: "Educating Free Individuals"". The Journal of the Association of Teachers of Japanese (en inglés) 1 (25): 75–89. JSTOR 488911. doi:10.2307/488911.
- Tsuchiya Dollase, Hiromi (2005). "Awakening Female Sexuality in Yosano Akiko's Midaregami". Simply Haiku (en inglés).