Aires da miña terra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aires da miña terra
2ª edición, de 1881
Título orixinalAires d'a miña terra
Autor/aManuel Curros Enríquez
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Lírica
Data de pub.1880
editar datos en Wikidata ]

Aires da miña terra (orixinalmente Aires d'a miña terra) é un poemario de Manuel Curros Enríquez publicado en 1880, con prólogo de José Ogea.

Características[editar | editar a fonte]

É unha escolma de textos compostos en diferentes momentos e con temática diversa: costumista, intimista e denuncia social. A primeira edición estivo a cargo de Antonio Otero (Ourense, 1880). Na segunda edición, por conta de La Ilustración Gallega y Asturiana (Madrid, 1881), Curros aumentoulle 6 poemas.[1] Na terceira edición, a cargo de Latorre y Martínez Editores, Biblioteca Gallega (A Coruña, 1886), aínda lle engadiu outros 9, incluíndo a edición definitiva un total de 36 composicións.

Foi incluído na Biblioteca Básica da Cultura Galega da Editorial Galaxia, na Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia, na Biblioteca 114 de El Correo Gallego e na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia.

En ocasións adoita publicarse conxuntamente coa outra obra lírica de Curros, A Virxe do Cristal.

Repercusións[editar | editar a fonte]

S'eu fixen tal mundo que o demo me leve.

O libro de poemas pon de manifesto o seu anticlericalismo ó considerar que a Igrexa non se achega ós pobres e necesitados senón que só defende castes e privilexios. Nesta obra publica o poema "Mirand’ó chau" no que, entre outras cousas escribe o celebre verso S’eu fixen tal mundo, que o demo me leve. A reacción eclesiástica non se fixo esperar e o 28 de agosto dese mesmo ano 1880 o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo condenou e reprobou o libro por conter "proposiciones heréticas, blasfemas, escandalosas”. Prohíbeselles ós fieis a lectura e posesión do libro e remátase excomungando a Curros. Simultaneamente, o bispo de Ourense denunciou diante das autoridades xudiciais o libro. O xulgado de Ourense procesouno por delito contra o libre exercicio dos cultos e ordenou o secuestro dos exemplares en poder do editor e destrución dos moldes de copia, mentres que o autor foi condenado a dous anos e catro meses de cadea e ó pago dunha multa de 250 pesetas. Finalmente, foi absolto na Audiencia da Coruña.

Un verso do poema "¡Ai!" aparece no capítulo XVII da obra Platero e mais eu (1914), de Juan Ramón Jiménez. No capítulo o poeta andaluz di de Curros que era "padre más que poeta".

Traducións[editar | editar a fonte]

Existen varias traducións ao castelán. A primeira, do ano 1892, foi feita por Constantí Llombart e publicada por Bernardo Rico cun prólogo de Vicente Blasco Ibáñez.[2]

Existen versións posteriores de Xavier Costa Clavell (1987) [3] e de Pablo María Morell González (2008).[4]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Segunda edición Arquivado 12 de decembro de 2018 en Wayback Machine. en Galiciana. Biblioteca de Galicia.
  2. Ficha Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  3. Ficha Arquivado 01 de abril de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  4. Ficha Arquivado 31 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Gravacións de son externas
Escolma: "Crebar as liras"