A aeroliña fundouse o 17 de marzo de 1967 co nome de Air Volta. Oriximalmente era propiedade en parte do goberno de Burkina Faso e en parte de Air France, quedando o resto en mans privadas. No ano 1978 mercou o seu primeiro avión, un Embraer EMB-110 Bandeirante, e o segundo, un Fokker F28, chegou en 1983.[3]
Co paso doa anos a compañía tivo serios problemas de débedas, chegando a ter un déficit dun billón de francos CFA en 1992 (ao redor dun millón e medio de dólares). En parte debido a estes problemas, o goberno privatizou a aeroliña o 21 de febreiro de 2001, transferindo o 56% das súas accións ao consorcio AKFED/IPS, parte da Aga Khan Development Network. O goberno retivo o 14% das accións.[3] Tras a privatización e a liquidación de Air Afrique en 2001 a débeda da aeroliña aliviuse quedando as previsións nuns ingresos anuais de 3,5 billóns de francos CFA.[3][4]
En agosto de 2013 informes de prensa anunciaron que o goberno falaría co principal accionista, AKFED & IPS, tras o recente Consello de Ministros para discutir do estado financeiro da aeroliña. Segundo o Ministro de Infraestruturas e Transportes, un informe presentado ao goberno afirmaba que Air Burkina "encaraba unha situación financeira difícil".[5] En maio de 2017 anunciouse que o goberno faríase cargo da xestión da aeroliña tras a sinatura dun contrato de cesamento de xestión con AKFED, que vendeu as súas acción ao simbólico prezo dun franco.[1]