Aimee Semple McPherson

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAimee Semple McPherson

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento9 de outubro de 1890 Editar o valor em Wikidata
Salford, Canadá (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte27 de setembro de 1944 Editar o valor em Wikidata (53 anos)
Oakland, Estados Unidos de América Editar o valor em Wikidata
Causa da morteSobredose Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaForest Lawn Memorial Park Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCanadá Editar o valor em Wikidata
RelixiónPentecostalismo (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónministra , sacerdotisa , locutora de radio , escritora Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosRolf McPherson (en) Traducir, Roberta Semple Salter (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm2492420 WikiTree: Kennedy-7745 Find a Grave: 700 Editar o valor em Wikidata

Aimee Semple McPherson, nada en Salford, Ontario, o 9 de outubro de 1890 e finada en Oakland, California, o 27 de setembro de 1944, tamén coñecida como «irmá Aimee» ou «irmá», foi unha evanxelista pentecostal canadense-estadounidense e unha celebridade dos medios moi influente durante os anos 1920 e 1930. Foi ademais a fundadora de The Foursquare Church. McPherson foi recoñecida como unha pioneira no uso dos medios de comunicación modernos, porque usou a radio para aproveitar o crecente atractivo do entretemento popular en América do Norte e incorporou outras formas nos seus sermóns semanais en Angelus Amorne, unha das primeiras megaigrexas.[1]

Na súa época, foi a evanxelista protestante máis publicitada, superando a Billy Sunday e outros antecesores.[2] Fixo demostracións públicas de sanación pola fe ante grandes multitudes; os testemuños informaron de decenas de miles de persoas sanadas.[3] A articulación de McPherson sobre os Estados Unidos como unha nación fundada e sostida pola inspiración divina continuou a ser repetida por moitos pastores.

O estilo de predicación de McPherson, o extenso traballo de caridade e as contribucións ecuménicas foron unha grande influencia para o cristianismo carismático no século XX.[4][5]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios evanxélicos[editar | editar a fonte]

En decembro de 1907, coñeceu o seu primeiro marido Robert James Semple, un misioneiro pentecostal de Irlanda mentres asistía a unha reunión de avivamento por suxestión do seu pai.[6] Despois da súa conversión e un breve noivado, casaron o 12 de agosto de 1908.

Pouco despois, os dous embarcáronse nunha viaxe de evanxelización, primeiro a Europa e logo á China, onde chegaron en xuño de 1910. Pouco despois de desembarcar en Hong Kong, ambos contraeron disentería. Robert Semple morreu da enfermidade o 19 de agosto de 1910. Aimee recuperouse e deu a luz unha filla, Roberta Star Semple, o 17 de setembro, despois do cal regresou aos Estados Unidos.

Aimee Semple, seguindo os pasos dos seus pais adoptivos, mantívose activa no Exército de Salvación. Aínda que estaba moi ocupada en Nova York, coñeceu o seu segundo marido, o contabel Harold Stewart McPherson. Casaron o 5 de maio de 1912, e tiveron un fillo, Rolf Potter Kennedy McPherson, nado o 23 de marzo de 1913.

Despois do nacemento do seu fillo, McPherson padeceu depresión posparto e outros problemas de saúde. Tratou de tranquilizarse trasladándose a unha casa máis tranquila, mais a súa entrega persoal ao servizo cristián mantívose constante. Aínda que estivo enferma despois dunha segunda operación no prazo de dous anos, volveu ao que ela denominaba "o chamado de Deus". Pouco despois, a súa saúde mellorou. Despois desta experiencia case mortal en 1913, embarcouse nunha carreira de predicación no Canadá e polos Estados Unidos. De conformidade coa promesa que fixo durante a súa doenza, saíu de casa antes de xuño de 1915 e empezou a evanxelizar, tendo lugar espertares relixiosos; viaxou por toda a parte oriental dos Estados Unidos e despois dirixiuse a outras partes do país.

As súas prédicas eran ao ar libre. Unha vez en San Diego, tivo que ser chamada a garda nacional para controlar a multitude de máis de 30 000 persoas.

En 1916, en compañía da súa nai Mildred Kennedy, fixo un percorrido polo sur dos Estados Unidos. No seu "Coche do Evanxeo" ("Gospel Car"), un Packard do ano 1912 con consignas cristiás pintadas nos lados, evanxelizaba de pé no asento traseiro cun megáfono. Na estrada sentaba no asento traseiro escribindo sermóns e outros materiais relixiosos. En 1917 comezara a editar o seu propio xornal, chamado Bridal Call, para o cal escribiu moitos dos seus artigos.

The Foursquare Church[editar | editar a fonte]

McPherson na dedicación do Templo do Ánxelus en 1923.

De 1918 a 1922 foi unha predicadora itinerante pentecostal. Despois de predicar por moitos lugares do mundo, estableceuse nos Ánxeles, que ía ser a súa base de operacións. Allí mantivo unha casa e unha igrexa. Primeiro predicou na radio en Oakland (California) en abril de 1922 para chegar a unha audiencia máis ampla.

En outubro de 1922, explicou a súa visión do "Foursquare Gospel" ("Evanxeo Cuadrangular") nun sermón en Oakland.[7] Isto representaba os catro aspectos do ministerio de Xesucristo: Salvador, Bautista co Espírito Santo, Sanador e Rei.

Durante varios anos continuou a viaxar e recadar fondos para a construción dun grande edificio para a igrexa na zona de Boto Park dos Ánxeles, chamada Angelus Temple. A igrexa foi construída, e dedicada o 1 de xaneiro de 1923.[8] A pesar dalgunhas afinidades cos pentecostalistas, as súas crenzas son interdenominacionais.[9] A igrexa tiña unha capacidade para 5300 persoas e enchíase totalmente tres veces ao día, sete días á semana. Nun principio, McPherson predicaba todos os servizos. A igrexa finalmente converteuse á súa propia denominación, chamada a The Foursquare Church. A igrexa destacou polos seus servizos á comunidade, en particular durante a Gran Depresión.

McPherson foi famosa tanto dentro como fóra dos círculos relixiosos. En cada cidade onde se celebraban servizos contaban polo xeral coa asistencia de dirixentes civís, así como os pastores que representaban as igrexas locais de cada denominación. Asegurábase de que o Angelus Temple estivese representado nos desfiles locais de carrozas e participou no célebre Rose Parade de Pasadena. Os seus ilustrados sermóns atraían xente da industria do espectáculo, que ían ver un "espectáculo" que competía co que ofrecía Hollywood. Estas famosas producións atraían xente que nunca pensaría entrar nunha igrexa, e despois presentáballes a súa interpretación da mensaxe da salvación. McPherson cría que o evanxeo debía presentarse en cada ocasión, e que debían empregarse todos os medios do mundo á súa disposición para presentalo á maior cantidade de persoas posible. Os seus sermóns, a diferenza doutros contemporáneos como Billy Sunday, non eran as habituais mensaxes de lume e xofre, senón que se baseaban nunha interpretación máis fácil dos textos cristiáns modernos. Tamén era moi hábil na recadación de fondos, que se realizaban en cada reunión, xeralmente coa petición de "ningunha moeda, por favor".

Desaparición[editar | editar a fonte]

O 18 de maio de 1926, McPherson desapareceu da praia de Ocean Park en Santa Monica. Asumindo que morrera afogada, os buscadores peitearon a zona. Informáronse de avistamentos de McPherson por todo o condado, a miúdo a moitos quilómetros de distancia. O Templo recibiu chamadas e cartas que falaban de McPherson, incluídas peticións de rescate. Despois de semanas de pistas pouco prometedoras, Mildred Kennedy cría que a súa filla estaba morta.

Mentres o Templo estaba a preparar un servizo conmemorativo, o 23 de xuño, Kennedy recibiu unha chamada telefónica de Douglas, Arizona. McPherson estaba viva nun hospital de Douglas e relatou a súa historia aos funcionarios. Contou que na praia se lle achegou unha parella que quería que rezase polo seu fillo enfermo. Despois de camiñar con eles ata o seu coche, metérana dentro e puxeron un pano con droga contra a súa cara, o que provocou que se esvaese. Finalmente, foi trasladada a unha chabola no deserto mexicano. Cando os seus captores estaban ausentes, escapou por unha fiestra[10] e viaxou polo deserto durante 11 ou 13 horas e uns 32 km estimados, chegando a Agua Prieta, unha cidade fronteiriza con México, arredor da unha da madrugada.

Os fiscais dos Ánxeles tiñan varias teorías sobre a desaparición, entre elas un truco publicitario, e finalmente afirmaron que McPherson fuxira cun antigo empregado, Kenneth Ormiston, aloxándose con el nunha casa dunha cidade turística de California que alugara. Despois de abandonar a casa a finais de maio, a parella viaxou durante as seguintes tres semanas e permaneceu oculta. Arredor do 22 de xuño, Ormiston levou a McPherson a México, deixándoa a 3 millas fóra da próxima Agua Prieta, onde percorreu a distancia restante. En cambio, McPherson mantivo constantemente a súa historia de secuestro e as testemuñas da defensa corroboraron as súas afirmacións.[11][12]

Gran parte das probas afirmadas contra McPherson proviñan dos xornalistas. A maior parte da investigación contra McPherson foi financiada polos xornais da zona dos Ánxeles por un importe estimado de 500 000 dólares.[13] O segredo dos procedementos do gran xurado de California foi ignorado por ambas as partes cando a acusación dos Ánxeles enviou novos desenvolvementos á prensa, mentres que a evanxelista utilizaba a súa estación de radio para transmitir a súa versión da historia.[14]

O 3 de novembro, o caso ía ser trasladado ao xuízo con xurado fixado para xaneiro de 1927, acusando a McPherson, a súa nai e outros de conspiración criminal, perxurio e obstrución á xustiza. En caso de ser condenada, McPherson enfrontaríase a unha pena máxima de prisión de 42 anos.[15][16][17] Non obstante, o caso da acusación tiña problemas de credibilidade. As testemuñas cambiaron de versión[18] e moitas veces as probas parecían ter orixes sospeitosas ou manexáronse mal e perdéranse baixo custodia.[19] O 2 de xaneiro, Ormiston identificou outra muller como a compañeira que estaba con el na casa de campo.[20] Todos os cargos contra McPherson e as partes asociadas foron retirados por falta de probas o 10 de xaneiro. Non obstante, meses de noticias desfavorables produciron unha mala opinión pública duradeira sobre McPherson.

Vida posterior[editar | editar a fonte]

McPherson continuou o seu ministerio despois de que diminuíse a atención pública pola controversia sobre o suposto secuestro, pero caeu en desgraza coa prensa. Aínda que tanto ela como o seu ministerio aínda recibían gran cantidade de publicidade, a maior parte era mala. Ademais, involucrouse nas loitas de poder na igrexa enfrontándose coa súa nai e a súa filla. McPherson sufriu unha crise nerviosa en agosto de 1930.

O 13 de setembro de 1931, McPherson casou novamente, esta vez co actor e músico, David Hutton. O matrimonio tivo un comezou duro: dous días despois da voda, Hutton foi demandado por alienación de afecto por unha muller, Hazel St. Pierre, á que nunca coñeceu. Resolveu o caso mediante o pago de 5000 dólares a St. Pierre. Mentres, McPherson ausente en Europa, indignouse con Hutton ao descubrir que este se presentaba como "o home de Aimee" na súa actuación de cabaré como cantante.[21] O matrimonio tamén causou alboroto dentro da igrexa, xa que os principios do Foursquare Gospel, que foran establecidos pola mesma McPherson, dicían que ninguén debía casar mentres o seu anterior cónxuxe aínda estivese con vida, que era o caso de Harold McPherson. McPherson e Hutton separáronse en 1933 e divorciáronse o 1 de marzo de 1934.

Pasamento[editar | editar a fonte]

O 27 de setembro de 1944, pouco despois de dar un sermón, foi atopada morta na súa habitación de hotel en Oakland por unha sobredose de barbitúricos prescritos. Aínda que houbo conxecturas de suicidio, conveuse en que a sobredose fora accidental, como se sinala no informe do médico forense.[22]

McPherson foi enterrada no Forest Lawn Memorial Park Cemetery de Glendale, California. The Foursquare Gospel, cuxa dirección foi asumida polo fillo de McPherson, Rolf durante 44 anos despois da súa morte, continuou en todo o mundo con máis de dous millóns de membros, máis do 90% dos cales fóra dos Estados Unidos.[23]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Grimley, Naomi (25 de novembro de 2014). "The mysterious disappearance of a celebrity preacher". BBC News (en inglés). Consultado o 5 de decembro de 2018. 
  2. "AIMEE McPHERSON IN SINGAPORE.". Consultado o 5 de decembro de 2018. 
  3. "Ephemera of Aimee Semple McPherson - Collection 103". Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2018. Consultado o 5 de decembro de 2018. 
  4. "RD10Q: Aimee Semple McPherson, Evangelical Maverick". Religion Dispatches. 26 de setembro de 2008. Consultado o 14 de novembro de 2013. 
  5. "'Between the refrigerator and the wildfire': Aimee Semple McPherson, pentecostalism, and the fundamentalist-modernist controversy". The Free Library. Consultado o 14 de novembro de 2013. 
  6. Michael Wilkinson, Peter Althouse, Winds from the North: Canadian Contributions to the Pentecostal Movement, BRILL, USA, 2010, p. 28.
  7. Matthew Avery Sutton, Aimee Semple McPherson and the Resurrection of Christian America, Harvard University Press, USA, 2007, p. 44
  8. George Thomas Kurian, Mark A. Lamport, Encyclopedia of Christianity in the United States, Volume 5, Rowman & Littlefield, USA, 2016, p. 1199
  9. Edith Waldvogel Blumhofer, Aimee Semple McPherson: everybody's sister, Wm. B. Eerdmans Publishing, USA, 1993, p. 250
  10. McPherson, Aimee Semple, In the Service of the King: The Story of My Life (Boni and Liveright, Nova York, 1927), p. 16. Aínda que McPherson, os xornais contemporáneos e a maioría dos biógrafos refírense a unha das captoras como "Rose", posteriormente foi coñecida como "Mexicali Rose".
  11. Modesto Bee And News-Herald October 20, 1926, p.1
  12. Thomas, Vanishing Evangelist pp. 285-286, 291
  13. Epstein, p. 289
  14. "Isadora Duncan, Aime Semple McPherson - H.L. Mencken". Ralphmag.org. Arquivado dende o orixinal o 14 de novembro de 2013. Consultado o 14 de novembro de 2013. 
  15. Sutton, pp. 133–134
  16. Epstein, p. 312
  17. The People vs.Aimee Semple McPherson, et al., Case CR 29181, January 10, 1927; Superior Court of Los Angeles County, County records and Archives
  18. Epstein, pp. 312-313
  19. Lately, Thomas The Vanishing Evangelist: the Aimee Semple McPherson Kidnapping Affair (Viking Press, 1959) p. 26
  20. The Coshocton Tribune; Coshocton, Ohio January 3, 1927· Page 8
  21. Epstein, pp. 374–375
  22. "Sister Aimee's' Death Is Ruled an Accident". United Press International in The Washington Post. 14 de outubro de 1944. Consultado o 22 de febreiro de 2008. Aimee Semple McPherson, famous evangelist who occupied the headlines almost as often as the pulpit, died of shock and respiratory failure "from an accidental over-dosage" of sleeping capsules, a coroner's jury decided today. [Ligazón morta]
  23. "The Foursquare Church". The Foursquare Church. Consultado o August 13, 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]