Aida de Acosta
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de xullo de 1884 Elberon, Estados Unidos de América |
Morte | 26 de maio de 1962 (77 anos) Bedford, Estados Unidos de América |
Actividade | |
Ocupación | aviadora |
Familia | |
Cónxuxe | Henry Skillman Breckinridge Oren Root |
Fillos | Oren Root () Oren Root |
Pai | Ricardo de Acosta |
Irmáns | Rita de Acosta Lydig Mercedes de Acosta |
Descrito pola fonte | Latinas in the United States: A Historical Encyclopedia |
Aida de Acosta Root Breckinridge, nada en Elberon (Nova Jersey) o 28 de xullo de 1884 e finada en Bedford (Nova York) o 26 de maio de 1962, foi unha socialite estadounidense, a primeira muller en realizar un voo en solitario nunha aeronave de motor.[1] En 1903, mentres estaba en París coa súa nai, viu por primeira vez un dirixible. Entón tomou só tres leccións de voo antes de voar ela mesma.
Posteriormente, tras perder a vista dun ollo por mor dun glaucoma, converteuse en defensora da mellora do coidado dos ollos e foi directora executiva do primeiro banco de ollos dos Estados Unidos.[2][3]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Acosta naceu en Elberon, sección de Long Branch, Nova Jersey, en 1884, filla de Ricardo de Acosta, executivo de barcos de vapor de orixe cubana, e de Micaela Hernández de Alba y de Alba, supostamente descendente dos duques de Alba.[4] Entre os seus sete irmáns estaban as escritoras e socialites Mercedes de Acosta e Rita de Acosta Lydig.
O voo
[editar | editar a fonte]O 27 de xuño de 1903, en París, cando Acosta tiña dezanove anos, o pioneiro da aviación brasileiro Alberto Santos-Dumont ensinoulle a manexar o seu dirixible persoal, "No. 9". Santos-Dumont era a estrela de París nesa época, voando o seu dirixible ata o centro para ir ao seu restaurante preferido e deixándoo estacionado na rúa mentres ceaba. Acosta voou a aeronave de Santos-Dumont en solitario dende París ao Château de Bagatelle mentres Santos-Dumont ía en bicicleta debaixo dela, movendo os brazos e berrándolle consellos.[5]
Acosta posterior dixo que trala súa primeira aterraxe, Santos-Dumont lle preguntou como fora a experiencia. "É moi agradable, M. Santos-Dumont", contestou. "Mademoiselle," berrou el, "vous êtes la première aero-chauffeuse du monde!" ("Señorita, vostede é a primeira muller aerocondutora do mundo!"). Ela foi de feito a primeira muller que pilotou unha aeronave motorizada, case seis meses antes de que os irmáns Wright voasen por primeira vez nunha nave máis pesada có aire.[6]
O primeiro voo acabou nun campo de polo en Bagatelle na parte norte do Bois de Boulogne, durante un partido entre os equipos estadounidense e británico. Os espectadores axudárona a baixar da cesta. Tras ver algo do partido con Santos-Dumont, Acosta volveu subir á cesta e levou a máquina de volta Neuilly St. James. O percorrido completou durou unha hora e media.
Consecuencia do voo
[editar | editar a fonte]Cando oíron do voo, os pais de Acosta horrorizáronse. Estaban seguros que ningún home casaría cunha muller que fixera tal cousa, así que se encargaron de calar a historia ata moitos anos despois, cando na década de 1930 ela a contou ao seu marido e a un oficial naval novo chamado Tenente George Calnan durante unha cea.
Acosta é a única persoa á que Santos-Dumont permitiu voar nunha das súas aeronaves. Ademais, Santos-Dumont, solteiro empedernido sen lazos románticos coñecidos, conservou unha fotografía de no seu escritorio xunto un vaso de flores frescas durante toda a súa vida. Non obstante, non existen evidencias de que Santos-Dumont e Acosta permanecesen en contacto despois do voo. Sobre a morte de Santos-Dumont, Acosta dixo que apenas o coñecía.
Defensa do coidado ocular
[editar | editar a fonte]En 1922, Aida sufriu un glaucoma. O seu oftalmólogo foi o célebre especialista William H. Wilmer, a quen a revista Time definiu como "o mellor cirurxián ocular que os Estados Unidos nunca tiveron".[7] Finalmente perdeu a visión dun ollo, mais o doutor Wilmer salvoulle o outro, e inspirouna a organizar unha campaña de recollida de fondos que resultou na consecución de tres millóns de dólares para o establecemento do Instituto de Ollos Wilmer no Hospital Johns Hopkins, primeiro instituto de ollos nos Estados Unidos.[2][8][9] En 1945 converteuse na directora executiva do Eye-Bank for Sight Restoration de Nova York, primeiro banco de ollos do país.[10]
Falecemento
[editar | editar a fonte]Acosta faleceu en Bedford, Nova York, aos 77 anos.[11]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Aida de Acosta casou en dúas ocasións:
- Oren Root III, fillo de Oren Root II e sobriño do estadista e premio Nobel da Paz Elihu Root, en 1908; civorciáronse en 1922. Tiveron un fillo, Oren Root IV (1911-1995), e unha filla, Alva de Acosta Root (nada en 1914 e nomeada pola herdeira e sufraxista Alva Belmont).[12][13][14][15][16][17][18]
- Coronel Henry S. Breckinridge, con quen casou en 1927 e do que se divorciou en 1947. El foi o avogado de Charles A. Lindbergh durante o xuízo polo secuestro do seu fillo, e secretario de guerra axudante con Woodrow Wilson.[19]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ruíz, Vicki; Sánchez Korrol, Virginia (2006). Latinas in the United States: a historical encyclopedia. Indiana University Press. p. 189. ISBN 0-253-34681-9.
- ↑ 2,0 2,1 Hess, Stephen (1997). America's political dynasties. Transaction Publishers. p. 268. ISBN 1-56000-911-X.
- ↑ "Milestones". Time. 8 de xuño de 1962. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2013. Consultado o 19 de abril de 2020.
- ↑ Block, Maxine; Anna Herthe Rothe; Marjorie Dent Candee (1954). Current Biography Yearbook. H. W. Wilson Co. p. 115.
- ↑ "Women in Transportation: Changing America's History, Reference Materials" (pdf). U.S. Department of Transportation. marzo de 1998. p. 10.
- ↑ "She Beat Wright Bros. – American Girl Flew First Powered Aircraft". Eugene Register-Guard. 12 de agosto de 1953.
- ↑ "Medicine: At Johns Hopkins". Time. 28 de outubro de 1929. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2013. Consultado o 19 de abril de 2020.
- ↑ "Eye Hospital". Time. 23 de febreiro de 1925. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2013. Consultado o 19 de abril de 2020.
- ↑ "Medicine: Wilmer Institute". Time. 9 de novembro de 1925. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2013. Consultado o 19 de abril de 2020.
- ↑ "History". The Eye-Bank for Sight Restoration. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2009. Consultado o 26 de xuño de 2009.
- ↑ "Milestones". Time. 9 de xuño de 1962. Arquivado dende o orixinal o 23 de agosto de 2013. Consultado o 19 de abril de 2020.
- ↑ Alva Root casou en 1935 con Charles Fiske Bound.
- ↑ "Miss Ada De Acosta Bride Of Oren Root; Bridegroom a Nephew of Secretary Root and Manager of the Metropolitan Railway. Elihu Root at Wedding" (PDF). The New York Times. 6 de novembro de 1908. p. 7.
- ↑ Pace, Eric (16 de xaneiro de 1995). "Oren Root, 83, Banking Official And a Rockefeller Adviser, Dies". The New York Times. Consultado o 23 de abril de 2010.
- ↑ "Son Born to Mr. and Mrs. Oren Root". The New York Times. 14 de xuño de 1911.
- ↑ "Daughter Born to Mrs. Oren Root" (PDF). The New York Times. 3 de maio de 1914.
- ↑ "HOLIDAY PARTY HELD FOR ALVA DE A. ROOT; Mrs. Henry Breckinridge Entertains for Her Debutante Daughter at Colony Club". The New York Times. 20 de decembro de 1932.
- ↑ "Society's kiddies" (PDF). New York Tribune. 29 de xullo de 1917. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de outubro de 2021. Consultado o 2009-06-27.
- ↑ "Breckinridge, Henry Skillman". ourcampaigns.com. Consultado o 26 de xuño de 2009.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- American Women, by Gail Collins
- Air & Space Power Journal
- Hoffman, P. Wings of Madness: Alberto Santos-Dumont and the Invention of Flight (2003) at pp 212–217