Afgani
Afgani | |
---|---|
افغانۍ (linguas paxta e dari) | |
Código: | AFN |
Ámbito: | Afganistán |
Símbolo: | ؋ (U+060B) ou Af (singular) e Afs (plural). |
Fracción: | 100 pul. |
Moedas: | 1, 2 e 5 afganis. |
Billetes: | 1, 2, 5, 10, 20, 50, 100, 500 e 1.000 afganis. |
Emisor: | Da Afghanistan Bank. |
Taxa de troco: 4-01-2021 | 1 EUR = 94,76 AFN 1 USD = 77,32 AFN |
O afgani (paxta: افغانۍ; dari: افغانی) é a unidade monetaria da República Islámica de Afganistán desde o 7 de outubro de 2002, cando substituíu o antigo afgani, vixente desde 1925, cun perído de conversión que rematou o 2 de xaneiro 2003.[1][2][3][4]
O seu código ISO 4217 é AFN e o seu símbolo monetario é ؋ ou Af, para singular, e Afs, para plural. A entidade emisora é o banco central do país: Da Afghanistan Bank.[5]
O primeiro afgani dividíase en 100 pul (پول), aínda que desde 2002 carece de moeda fraccionaria.[3]
En xaneiro de 2020, a súa equivalencia co euro era 1 EUR = 94,76 AFN.[6]
Historia
[editar | editar a fonte]1925-2002
[editar | editar a fonte]O primeiro afgani (código ISO 4217: AFA) foi introducido en 1925 en substitución da rupia afgá, en uso desde 1891.[8] Tamén se dividía en 100 pul e, simultaneamente, 20 afganis equivalían a un amani. A taxa de conversión da rupia estableceuse en 1 AFA = 1 rupias e 6 paisas, baseándose no contido de prata das derradeiras rupias cuñadas e no das novas moedas afgás. Inicialmente, este primeiro afgani contiña 9 gramos de prata.[3][9][10]
En 1935, o afgani fixou a súa taxa de cambio con respecto á rupia india en 4 AFA = 1 INR.[3] Desde 1940 pasou a vincularse ao dólar estadounidense, con taxas de cambio moi flutuantes: o afgani tiña un cambio de 67 AFA por dólar en 1973 e, despois da guerra civil de 1992, o mesmo dólar equivalía a 16.000 afganis.[11]
En decembro de 1996, cando os talibáns tomaron o control do país, designaron un novo titular do banco central afgán, o mulla Ehsanullah Ehsan. Ao mesmo tempo, señores da guerra, partidos políticos e potencias estranxeiras comezaron a imprimir os seus propios billetes con valores faciais en afganis, carentes de calquera normalización e de números de serie. As novas autoridades anunciaron que os billetes en circulación eran obsoletos por mor do seu escaso poder adquisitivo, de xeito que se suspendeu a emisión da moeda afgá e se cancelou o contrato coa empresa rusa que imprimía o papel moeda oficial. O presidente do banco central, Ehsanullah Ehsan, acusou o goberno ruso de enviar novos cargamentos de afganis en billetes ao derrocado presidente Burhanuddin Rabbani, localizado na provincia setentrional de Takhar.[12]
Logo do nomeamento de Ehsan á fronte do banco central afgán, anunciou por medio dun decreto que 21.000 AFA equivalían a un dólar estadounidense. Daquela, a Alianza do Norte empezou a vender os billetes impresos en Rusia á metade do seu valor oficial nos mercados de Cabul. Nese momento o afgani viuse envolto nunha espiral inflacionaria que terminou deixando esta unidade monetaria sen peso ningún no mercado internacional. Só en 2000, a unidade monetaria afgá logrou certa estabilidade, cando foi reavaliada e cotizou en 6.400 afganis = 1 dólar. Logo da caída dos talibáns en 2002, o dólar en Afganistán subiu ata os 43.000 afganis.[12][13]
Logo da reforma monetaria de 2002
[editar | editar a fonte]En 2002, o afgani sufriu unha fonda reconversión e adquiriu o novo código ISO 4217 AFN. Para este novo afgani non se estableceu moeda fraccionaria ningunha. A substitución do antigo afgani polo novo baseouse en dúas taxas de cambio diferentes: as emisións do Goberno do expresidente Burhanuddin Rabbani (de iure 1992-2001) substituíronse a razón de 1.000 vellos por un novo afgani, en tanto que as emisións do señor da guerra Abdul Rashid Dostum (1992-1997 no norte de Afganistán) tiñan unha taxa de 2.000 vellos por cada un novo.[3] A creación da nova moeda supuxo un esforzo por estabilizar a economía e deter a rápida inflación. Os billetes do novo sistema foron impresos en Alemaña.[14]
O creador da nova moeda, o 4 de setembro de 2002, foi o presidente Hamid Karzai. O novo afgani foi introducido no mercado o 8 de outubro dese mesmo ano e a reforma tivo un bo acollemento por parte da poboación, xa que se tomou como un signo de seguridade económica e de estabilidade, no marco da reconstrución do país.[15] A xente deixou de verse obrigada a portar grandes cantidades de diñeiro para as súas compras cotiás e foi a primeira vez en moitos anos en que a moeda afgá estivo baixo o control único do banco central do país, no canto do dos señores da guerra.[11] A maior parte dos billetes antigos foron destruídos a finais de 2002.[16]
O Banco de Afganistán adoptou un réxime de taxa de cambio flutuante e deixou que a taxa se determine libremente polas forzas do mercado.[17] O novo afgani foi avaliado cun cambio de 43 unidades por cada dólar estadounidense.[18]
Logo de desvalorizarse fortemente durante o derradeiro trimestre de 2003, o afgani pasou a revalorizarse de xeito constante, gañando un 8 % en relación co dólar entre marzo e xullo de 2004. Este aumento, nun momento en que a inflación crecía, semella reflectir unha vontade meirande da poboación de utilizar o afgani como medio de cambio e como reserva de valor. Esta tendencia pódese atribuír á relativa estabilidade da taxa de cambio acadada logo da introdución da nova moeda, así como ás medidas administrativas para a promoción do seu uso, entre elas a obriga aos comerciantes de indicaren os prezos das mercadorías en afganis. Os investidores efectúan cada vez máis pagamentos en afganis no canto dos dólares estadounidenses. En 2009, o afgani revalorizouse a un cambio de 45 AFN = 1 USD. En 2019, o afgani acadou os 75 AFN = 1 USD.[19]
Moedas
[editar | editar a fonte]Moedas do vello afgani
[editar | editar a fonte]En 1925 puxéronse en circulación moedas de bronce e de latón de 2, 5 e 10 pul, moedas de billón de 20 pul, de prata de medio e dun afgani, e de ouro de medio e dun amani. O ano seguinte engadíronse as moedas de ouro de 2,5 afgani e de 2,5 amani. En 1930, sumáronse as moedas de bronce e de latón de 1 e de 25 pul, e en 1937 completouse a serie cos valores de 3 pul (bronce), e de 10 e 20 pul (cuproníquel).[21]
En 1952 introducíronse moedas de aluminio de 25 pul e de aceiro niquelado de 50 pul, seguidas polas de 2 e 5 afgani, tamén de aluminio, en 1958. En 1961 emitíronse os valores de 1, 2 e 5 afganis en aceiro niquelado.[21]
En 1973, a nova República de Afganistán emitiu moedas de 25 pul de aceiro bañado en latón, de 50 pul en aceiro bañado en cobre, e de 5 afgani de aceiro revestido de cuproníquel.[21]
Entre 1978 e 1980, a República Democrática de Afganistán emitiu moedas de bronce-aluminio de 25 e de 50 pul, e de cuproníquel de 1, 2 e 5 afganis.[21]
O Estado Islámico de Afganistán puxo en circulación, así mesmo, moedas conmemorativas entre os anos 1995 e 2001.[21]
Moedas en circulación
[editar | editar a fonte]Logo da reforma monetaria de 2002, en 2005 puxéronse en circulación moedas de curso legal con valores de 1, 2 e 5 afganis.[22]
Imaxes | Valor | Data | Metal | Diámetro
(mm) |
Peso (g) |
Motivos e lendas | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | |||||
1 afgani | 2005 | Aceiro bañado en cobre | 19,5 | 3.25 | Armas de Afganistán. | د افغانستان بانک - ١ - يو افغانۍ
(Banco de Afganistán. 1 afgani 1383) | ||
2 afganis | 2005 | Aceiro | 22 | 4,1 | Armas de Afganistán. | د افغانستان بانک - ٢ - دوه افغانۍ
(Banco de Afganistán. 2 afganis 1383) | ||
5 afganis | 2005 | Cobre, níquel e cinc | 23,5 | 5,26 | Armas de Afganistán. | د افغانستان بانک - ۵ - پنځه افغانۍ
(Banco de Afganistán. 5 afganis 1383) |
Billetes
[editar | editar a fonte]Billetes do vello afgani
[editar | editar a fonte]Entre 1925 e 1928 o Tesouro afgán emitiu billetes con valores faciais de 5, 10 e 50 afganis. En 1936 engadíronse os valores de 2, 20 e 100 afganis. O Banco de Afganistán asumiu as competencias para emitir diñeiro en 1939 e introduciu os valores de 2, 5, 10, 20, 50, 100, 500 e 1.000 afganis. En 1958 substituíronse os billetes de 2 e 5 afganis por moedas. En 1993 engadíronse os billetes de 5.000 e de 10.000 afganis.[26][27]
Billetes en circulación
[editar | editar a fonte]A primeira serie de papel moeda logo da reforma monetaria pola que se creaba o novo afgani púxose en circulación o 7 de outubro de 2002 e estaba composta por billetes cos valores faciais de 1, 2, 5, 10, 20, 50, 100, 500 e 1.000 afganis. Os billetes de 1, 2 e 5 afganis foron substituídos por moedas dos mesmos valores en 2005.[3][27]
En 2004 e en 2008 melloráronse os elementos de seguranza dalgúns destes billetes e en 2014 introduciuse un novo billete de 1.000 afganis para previr a súa falsificación.[3][27]
Serie de billetes de 2002 | ||||||
---|---|---|---|---|---|---|
Imaxe | Valor | Dimensións
(mm) |
Descrición | |||
Anverso | Reverso | Anverso | Reverso | |||
1 afgani | 131 × 55 | Emblema do Banco de Afganistán. | Mesquita en Mazari Sharif. | |||
2 afganis | Xardíns en Paghman. | |||||
5 afganis | Bala Hissar, Cabul. | |||||
10 afganis | 136 × 56 | Mausoleo de Ahmed Shah Durrani. | Xardíns de Paghman. | |||
20 afganis | 140 × 58 | Tumba de Mahmud de Ghazni. | Palacio presidencial, Cabul. | |||
50 afganis | 144 × 60 | Mesquita Shah Do Shamira | Paso de Salang. | |||
100 afganis | 148 × 62 | Mesquita Pul e Khishti | Arco de Bost. | |||
500 afganis | 152 × 64 | Gran Mesquita de Herat. | Torre do aeroporto de Kandahar. | |||
1.000 afganis | 156 × 66 | Mesquita azul. | Tumba de Ahmad Shah Durrani. |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Afgani". En Digalego. Dicionario de galego.
- ↑ "Afgani". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura, Madrid. Páxina 31. ISBN 978-84-8181-405-7
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 "World Currencies: Afghani". Online Coin Club.
- ↑ "Afghani". Encyclopaedia Iranica.
- ↑ "About Monetary Policy". Da Afghanistan Bank.
- ↑ Cambio entre afgani e euro. Nataf.net
- ↑ "1 Afghani - Muhammed Zahir Shah". Numista.com
- ↑ "Coins And Banknotes". Da Afghanistan Bank.
- ↑ Krause, C. L.; Mishler, C. (1991)
- ↑ "Currency Afghanistan: Afghan Afghani". Worldtravelserver.com
- ↑ 11,0 11,1 Shoib Safi (2002). "All Change for Afghan Currency". En Media Monitors Network (MMN). 14 de setembro.
- ↑ 12,0 12,1 Llc Books Editors (2009). Currencies of Afghanistan: Afghan Afghani, Afghan Rupee, Afghan Abasi. Books Llc., Memphis, Tennesse.
- ↑ Mohd, A. (2011). "The Tale of Afghan Currency". En Daily Outlook Afghanistan. 24 de outubro.
- ↑ "Afghanistan redenominates currency". En BBC News. 4 de setembro de 2002.
- ↑ "Afghanistan banks on new currency". CNN World. 7 de outubro de 2002..
- ↑ Abdul Qadeer Fitrat. (2018). The Tragedy of Kabul Bank. Page Publishing Inc. ISBN 978-1-64027-368-9
- ↑ Fry, M.l J. (1976). "A Monetary Approach to Afghanistan's Flexible Exchange Rate". En Journal of Money, Credit and Banking. Vol. 8 (2): 219-225.
- ↑ "Currency and Banking Arquivado 25 de xullo de 2020 en Wayback Machine.". Afghanistans.com
- ↑ Arman, R. (2019). "Afghani Falls Against Dollar By 3% In A Month". En TOLOnews. 18 de abril.
- ↑ "5 Afghanis - Muhammed Zahir Shah". Numista.com
- ↑ 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 "Afghanistan: First afghani (1925-2003)". Numista.com
- ↑ "Afghanistan: Second afghani (2003-date)". Numista.com
- ↑ "1 Afghani". Numista.com
- ↑ "2 Afghanis". Numista.com
- ↑ "5 afghanis". Numista.com
- ↑ "Bank notes from Afghanistan Pashto Persian". Alamy.com
- ↑ 27,0 27,1 27,2 "Afghanistan". Banknote.ws
- ↑ "1 afghani. SH 1381". Banknote.ws
- ↑ "2 afghanis. SH 1381". Banknote.ws
- ↑ "5 afghanis. SH 1381". Banknote.ws
- ↑ "10 afghanis. SH 1381 & 1383". Banknote.ws
- ↑ "20 afghanis. SH 1381-1395". Banknote.ws
- ↑ "50 afghanis. SH 1381-1395". Banknote.ws
- ↑ "100 afghanis. SH 1381 & 1383 (2002 & 2004)". Banknote.ws
- ↑ "500 afghanis. SH 1381 (2002)". Banknote.ws
- ↑ "1.000 afghanis. SH 1381 (2002)". Banknote.ws
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Krause, C. L.; Mishler, C. (1991). Standard Catalog of World Coins: 1801-1991. (18ª ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-150-1
- Pick, A. (1994). Standard Catalog of World Paper Money: General Issues. (7th ed.). Krause Publications. ISBN 0-87341-207-9.