O aeroporto internacional de Riga (IATA: RIX, ICAO: EVRA) é o aeroporto internacional da capital de Letonia, Riga, e o máis grande dos países bálticos. Ten voos directos a uns 90 destinos de 30 países. Serve como centro de conexións para airBaltic, SmartLynx Airlines, RAF-Avia, Vip Avia e Inversija e como base para Wizz Air. A aeroliña nacional letoa, airBaltic, é a principal operadora do aeroporto seguida por Ryanair.
O aeroporto está situado no municipio de Mārupe, a 10km ao oeste de Riga. O aeroporto pertence a unha sociedade anónima estatal, sendo o dono de todas as súas accións o goberno de Letonia. O titular das participacións estatais é o Ministerio de Transporte do país.[1]
O aeroporto construíuse no ano 1973 como unha alternativa ao aeroporto de Spilve que se estaba volvendo moi anticuado.
Unha renovación e modernización do aeroporto rematouse en 2001, coincidindo co 800 aniversario da fundación da cidade. En 2006 e en 2016 inauguráronse as novas extensións das terminais no norte. O aeroporto conta con tres terminais: A e B para saídas Schengen e C tanto para Schengen como para non-Schengen. A zona de chegadas 1, na terminal A, encargase das chegadas Schengen, mentres que a 2, na terminal C, encárgase das chegadas non-Schengen. En outubro de 2006 inauguráronse unhas instalacións de mantemento, reparación e revisión que son xestionadas conxuntamente por dúas empresas locais, Concors e SR-Technik. O aeroporto ten un ILS CAT II.[2]