O aeroporto internacional Arturo Merino Benítez(IATA: SCL,OACI: SCEL), tamén coñecido como aeroporto internacional de Santiago e aeroporto Novo Pudahuel, é un aeroporto chileno situado en Pudahuel, a 15 quilómetros ao noroeste do centro d a cidade de Santiago de Chile. Trátase do aeroporto máis grande e concorrido de Chile.
O aeroporto ten servizos domésticos e internacionais a destinos en Europa, Oceanía e América. No ano 2017 foi o sexto aeroporto máis concorrido de Suramérica en número de pasaxeiros. A súa situación na área máis poboada de Chile, ademais de estar na parte central do país, fan del un centro de conexións ideal para a meirande parte das aeroliñas chilenas, como LATAM e Sky Airline. LATAM realiza ao redor do 82% das operacións comerciais do aeroporto.
O aeroporto é propiedade do goberno chileno e dende outubro de 2015 vén sendo operado por Nuevo Pudahuel, un consorcio de compañías formado por Aéroports de Paris (Francia), Vinci (Francia) e Astaldi (Italia). O control do tráfico aéreo está operado pola Dirección Xeral de Aeronáutica Civil chilena. Nas súas instalacións tamén están a baseadas varias unidades da Forza Aérea de Chile.
É a principal porta de entrada de Suramérica cara Oceanía, con voos regulares a Sydney, Auckland, a Illa de Pascua, Papeete e Melbourne. A ruta entre Santiago e Melbourne sen escalas operada por LATAM Chile é o voo máis longo operado dende o aeroporto.