Aerodino

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Un aerodino é unha aeronave máis pesada que o aire que precisa do movemento relativo con respecto dun fluído (como pode se-lo aire) para xerar forzas de sustentación. É por isto polo que están destinados a voar no seo da atmosfera.

Airbus A-380 na cerimonia de inauguración.

Están dotados de superficies sustentadoras ou ás. A xeometría específica das ás (perfil aerodinámico) modifica a velocidade do aire, acelerándoo na parte superior da á (extradorso) con relación á inferior (intradorso). Esta diferenza de velocidades tradúcese nunha diferenza de presións (ver principio de Bernoulli) xerando así as forzas de sustentación grazas á superficie alar.

Dentro dos aerodinos distinguimos dúas clases: de á fixa ou de á xiratoria.

Aerodinos de á fixa[editar | editar a fonte]

Breve esquema das forzas que aparecen no voo dun avión

Son os da familia dos avións. As ás van fixas ó fuselaxe, polo que a velocidade relativa con respecto do aire que precisan para sustentarse é acadada por toda a aeronave no seu conxunto. É dicir, as ás non posúen movemento propio. De todos xeitos nesta categoría tamén se inclúen as ás de xeometría variábel, coma as do F-14 Tomcat. Estas ás están deseñadas para acadar unha mellor adaptación tanto ó rexímen subsónico coma ó supersónico.

Distinguimos varios tipos: aeroplanos, planadores, ás deltas, parapentes, paramotores e ultralixeiros.

Aeroplano[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Avión (medio de transporte).

Son os chamados avións. Está composto por ás unidas a un fuselaxe con capacidade para albergar persoas, carga ou sistemas (caso dos avións espías non tripulados). Levan unha ou máis plantas propulsoras para conseguir o movemento relativo co aire.

En función do número de ás distinguimos entre:

  • Monoplanos: a configuración máis estendida hoxe en día. É a óptima.
  • Biplanos: usados ampliamente nos comezos da aeronáutica. Utilizaban dúas ás unidas para aumentar a resistencia á flexión producida polas cargas aerodinámicas.
  • Triplanos: o seu uso foi moi reducido. Esta configuración baseábase no erróneo principio de cantas máis ás mellor sustentación.

Planador[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Planador.

Tamén chamados veleros. Son similares ós aeroplanos pero coa diferenza de que non posúen motor. Utilizan a resultante das forzas aerodinámicas para os seus movementos. Nas ascensións han de nutrirse ou ben de correntes térmicas (correntes ascendentes de aire) ou ben doutra aeronave que o remolque ata unha altura determinada. Mediante o peso e o cabeceo controlan a súa velocidade.

Á delta[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Á delta.
Voo en á delta

Aerodinos compostos por unha grande superficie de tela suxeita mediante unha estrutura lixeira no centro da cal vai suspendido o piloto. Ó igual ca os planadores non posúen motor e utilizan as correntes de aire ascendentes para o seu funcionamento.

Parapente[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Parapente.

Aerodinos formados por unha ampla superficie de tela sen partes ríxidas (similar a un paracaídas) e un asento para o piloto, situado debaixo da tela e unido a esta mediante cordas e arneses. Non posúen motor.

Voo en parapente

Paramotor[editar | editar a fonte]

É un parapente ó que se lle incorpora un motor na parte traseira do asento do piloto.

Ultralixeiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ultralixeiro.

Tamén coñecidos coma ultraliviáns. Son aerodinos lixeiros e económicos con plazas para unha ou dúas persoas. O seu obxectvo son os voos de ocio ou recreacionais.

Aerodinos de á xiratoria[editar | editar a fonte]

Esquema de forzas dun helicóptero en voo a punto fixo

Son os da familia do helicóptero. Nesta clase de aerodinos, as ás non se manteñen fixas ó fuselaxe, senón que posúen movemento propio. Son os chamados rotores, compostos por un certo número de ás de gran lonxitude pero moi pouca corda (as denominadas pás) unidas a un eixo central. Este eixo central permite un movemento circular para dar orixe ás forzas de sustentación.

Distinguimos varios tipos: autoxiros, xirodinos, helicópteros, combinados e convertíbeis.

Autoxiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Autoxiro.

Caracterízanse por posuír só un motor frontal que xera forzas de empuxe e un rotor principal, sen motor, que se nutre da velocidade horizontal para xirar de xeito pasivo e producir así a sustentación. Non poden voar a punto fixo pero as velocidades mínimas son moi reducidas. Foi inventado por Juan de la Cierva no 1920.

Xirodino[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Xirodino.

Son aerodinos de ás xiratorias similares ós helicópteros pero coa diferenza de que levan dúas plantas de propulsión: a frontal para as forzas de empuxe e a do rotor principal, que proporciona a sustentación. Esta configuración permítelle as virtudes do helicóptero pero cunha maior velocidade de avance.

Autoxiro de Juan de la Cierva.

Helicóptero[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Helicóptero.

Son os aerodinos de á móbil máis utilizados hoxe en día. A súa principal característica é a presencia dunha soa planta propulsora aplicada no rotor. Este rotor pode variar o paso (inclinación sobre o plano lonxitudinal) das súas pás para dirixir a aeronave e producir sustentación. Posúe a capacidade do voo a punto fixo o que o fai moi útil en diversas tarefas, como extinción de inendios, rescate, aterraxe en heliportos no medio da cidade...

Combinado[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Combinado (aeronave).

É un tipo especial de aerodino. Pode ser considerado coma metade autoxiro e metade xirodino. Na engalaxe funciona coma un xirodino mais no avance horizontal coma un autoxiro. Pode levar elementos de axuda á sustentación (como pequenas ás fixas) e ó avance.

Convertible[editar | editar a fonte]

V-22 Osprey, convertible do exército estadounidense
Artigo principal: Convertible (aeronave).

Son aerodinos de ás xiratorias na que os rotores poden variar a súa inclinación respecto do fuselaxe ata 90º. Deste xeito os rotores permiten o seu uso en modo helicóptero ou en modo avión, utilizando ás fixas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Aeropuertos Españoles y Navegación Aeréa (AENA) - Tipos de aeronaves