Saltar ao contido

Adolfo Anta Seoane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAdolfo Anta Seoane
Biografía
Nacemento18 de abril de 1900 Editar o valor en Wikidata
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Morte22 de febreiro de 1978 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmúsico Editar o valor en Wikidata

Enciclopedia Galega Universal: 75491 BNE: XX1163827 BUSC: anta-seoane-adolfo-1900-1978 Dialnet: 5924082 Discogs: 5881393 Editar o valor en Wikidata

Adolfo Anta Seoane, nado na Coruña o 18 de abril de 1900 e finado na mesma cidade o 22 de febreiro de 1978, foi un músico galego.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Ao ser fillo de militar, a súa familia mudou varias veces de residencia.

Adolfo Anta Seoane foi discípulo de Xosé Baldomir na materia de piano da Escola Provincial de Belas Artes da Coruña, dependente da Real Academia Galega de Belas Artes e antecedente da actual Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso.[2][3] Mantivo contacto e admiración polo seu profesor ao longo da vida, facendo divulgación da súa obra e chegando a ser autorizado polo propio Baldomir para facer unha adaptación a coro mixto da súa balada Meus amores.[4] Pola súa vez, Baldomir fora discípulo de Marcial del Adalid e do seu curmán Marcial de Torres Adalid, por quen Anta Seoane tamén profesaba admiración.[5]

Ingresou en 1917 na banda de música de Castropol, que chegou a dirixir. Máis adiante entrou na banda do Rexemento de Infantería Isabel a Católica da Coruña.

Ao longo da súa vida, Anta Seoane foi director de diversos coros como Cántigas da Terra (entre 1928 e 1951), a coral Troula de Sada[6], o coro Brétemas e Raiolas, a masa coral da Fábrica de Tabacos da Coruña ou a Agrupación Folklórica Aturuxo, que creou en 1954.[7]

O coro Cántigas da Terra en Vida Galega, 1917.

No seu papel de director de coros galegos, un ámbito que servía para a socialización gratuíta en épocas tan duras coma a década de 1940, Adolfo Anta Seoane e outros persoeiros como Leandro Carré Alvarellos conformaron a que Margarita Soto Viso denominou como xeración "de resistencia", que durante a posguerra non partiu ao exilio. Segundo Soto Viso, estas persoas serviron como "fíos conectores" entre as xeracións anteriores e as máis novas. Nese sentido, Adolfo Anta estudou —e divulgou en textos xornalísticos— a obra musical de precursores como Chané, Xoán Montes, Marcial del Adalid ou Baldomir, recolleu e harmonizou pezas folclóricas e promoveu a creación da Medalla de Ouro "Marcial del Adalid", da Real Academia Galega de Belas Artes, para recoñecer a dedicación dos coralistas máis veteranos.[8]

Unha das anécdotas máis coñecidas de Anta Seoane ten que ver cunha sorprendente interpretación do Himno Galego nun contexto pouco favorábel. O 6 de setembro de 1958, tras unha cea de gala no pazo municipal de María Pita, Francisco Franco desfrutaba dun espectáculo musical. Estas ceas eran frecuentes nos veráns que Franco pasaba no pazo de Meirás e, neste caso, o xefe de Estado encontrábase acompañado por diversas autoridades coruñesas e polos ministros, que celebraran un consello no día anterior. No momento en que actuaban as agrupacións El Eco, Aturuxo e Cántigas da Terra, Adolfo Anta pediulle permiso ao ditador para interpretar o Himno Galego; para a sorpresa dos presentes, Franco accedeu.[9] Na década de 1960 púxose á venda un disco, titulado Cantigas da Nosa Terra, que incluía unha versión do himno interpretada pola Coral Polifónica El Eco e arranxada por Anta Seoane.

Adolfo Anta foi membro numerario da Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, institución á cal lle legou o seu arquivo musical.[10]

Colaboración con Saturnino Cuíñas

[editar | editar a fonte]
Homenaxe ao cura Saturnino Cuiñas Lois na capela de San Fins do Castro, Cesullas, Cabana de Bergantiños

Cando o sacerdote Saturnino Cuíñas Lois era párroco de Orto (Abegondo) coñeceu a Anta Seoane; Cuíñas recollera cantos tradicionais das comarcas de Xallas e Bergantiños, da provincia de Pontevedra e doutros lugares da xeografía galega[11], así que ambos comezaron a colaborar para a incorporación desas pezas ao repertorio dos coros galegos (locais ou da diáspora).

Un dos froitos desa colaboración aparece nun artigo no xornal La Voz de Galicia, en que Anta Seoane deixou constancia do grande éxito que obtivo a estrea do Maneo de Trabazo en 1929, durante unha actuación de Cántigas da Terra no Recheo da Coruña. O propio Adolfo Anta sinalaba no artigo que, ata ese momento, a maioría do repertorio dos coros galegos estaba conformado polas pezas de Perfecto Feijoo, que fundara en 1883 o primeiro coro galego, Aires da Terra[12]. Algunhas das pezas que Cuíñas transmitiu desta maneira ao repertorio coral galego foron as foliadas de Aguasantas, Bora, Caroi, Vilaxoán, Viascón, Trabazo e Corcoesto; as pandeiradas de Pontevedra, Trabazo, Carballedo, Cesullas ("Troula, troula"), Ponteceso, Loureiro, Espiriña, Paraño, Cuqueira, Fontenla, Xil de Cambados, Corcoesto, Bordel, Vilaseco e Carnota; alalás de Cercedo, Santo Ourente e Carballedo; e diversos cantos de berce, de aninovo e de canteiros.[13][14]

Recoñecementos

[editar | editar a fonte]
  • A rúa Maestro Anta (Labañou, A Coruña) está dedicada á súa memoria.
  • O 20 de setembro de 2025, no 125º aniversario do seu nacemento, o concello da Coruña rendeulle homenaxe ao instalar unha placa na súa casa natal, no número 20 da rúa Alameda.[15][16]
  1. "Anta Seoane, Adolfo". EGU-Enciclopedia Galega Universal. Consultado o 21 de setembro de 2025. 
  2. Viso Soto, Margarita (2018). Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez (PDF). Autores & textos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. pp. 28–29. ISBN 978-84-92923-91-5. 
  3. "Picasso, alumno desta escola". Consultado o 21 de setembro de 2025. A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso honra co seu nome ao noso alumno máis universal, o rapaz que foi Pablo Ruiz Picasso, que iniciou a súa formación artística na Coruña, na escola de Belas Artes da que a actual EASD é herdeira. Picasso chegou á Coruña en outubro de 1891 porque o seu pai lograra praza como profesor na antedita Escola Provincial de Belas Artes da Coruña que, xusto un ano antes, en 1890, fora inaugurada. O solemne edificio, no que o patricio coruñés Eusebio da Guarda investiu un millón de pesetas da época, albergaba entón a Escola na súa primeira planta e, na segunda, o Instituto de Segunda Ensinanza. 
  4. Anta Seoane, Adolfo (6 de marzo de 1957). "Ecos Musicales de Galicia. José Baldomir Rodríguez". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). p. 2. Consultado o 21 de setembro de 2025. «[…] al que debo rendir testimonio de reconocimiento por la distinción de que me hizo objeto poco antes de fallecer, cuando me autorizó explícitamente para hacer la adaptación a coro mixto de su famosa balada Meus amores, concesión única que de este género hizo, según mis noticias, el admirado autor.»  in Viso Soto, Margarita (2018). Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez (PDF). Autores & textos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. p. 21. ISBN 978-84-92923-91-5. 
  5. Viso Soto, Margarita (2018). Melodías galegas de José Baldomir Rodríguez (PDF). Autores & textos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. p. 29. ISBN 978-84-92923-91-5. 
  6. "Memoria de Sada - Una foto de la Troula". Memoria de Sada. Consultado o 21 de setembro de 2025. 
  7. "Un maestro galleguista con amplia experiencia en coros". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). 20 de marzo de 2004. Consultado o 21 de setembro de 2025. 
  8. Soto Viso, Margarita; Romero Masiá, Ana (2024). "Un paseo pola historia musical da Coruña. Discurso lido por Dª. MARGARITA VISO SOTO ao ser recibida como Membro de Número deste Instituto durante a sesión pública que se celebrou solemnemente o día 23 de maio de 2024 no Salón de Actos do Museo de Belas Artes da Coruña, e a contestación a cargo da directora do Instituto Dª ANA ROMERO MASIÁ." (PDF). Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. pp. 40, 42. Consultado o 21 de setembro de 2025. 
  9. Fernández, Carlos (20 de marzo de 2004). "Un espectáculo insólito". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). Consultado o 21 de setembro de 2025. 
  10. "Un maestro galleguista con amplia experiencia en coros". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña). 20 de marzo de 2004. Consultado o 21 de setembro de 2025. 
  11. Varela Varela, Xosé Manuel (1997). Saturnino Cuíñas Lois. Fotobiografía dun cura exemplar e folclorista benemérito. Concello de Cabana de Bergantiños. 
  12. Anta Seoane, Adolfo (11 de maio de 1959). "Ecos Musicales de Galicia. Sursum Corda.". La Voz de Galicia (16 de maio de 1959). Consultado o 21 de setembro de 2025. (...) Dificilmente se apartaría de nuestra memoria el gran éxito que obtuvo la primera interpretación del que pronto se hizo popular maneo de pandero de Trabazo, iniciado entonces por la magnífica contralto de "Cántigas da Terra" señorita Amalia Vázquez, con la frase: "Deprendéronme a cantare os mociños de Trabazo..." Fue en el desaparecido palco de la música del Relleno, rodeado de una inmensa muchedumbre que, cautivada pola la belleza y sabor "enxebre" del cantar, obligó a repetirlo una y otra vez en medio de imponentes ovaciones, la noche del 29 de septiembre de 1929, cuando apenas figuraban en el repertorio de los coros gallegos más obras que las recogidas por su glorioso fundador don Perfecto Feijoo. Por cierto que entre aquel enfervorizado público se encontraba con su santa madre el Padre Cuíñas, que era quien había transmitido dicha "pandeirada" (amén de otras melodías típicas), al director de "Cántigas" en una inolvidable sobremesa en la casa del señor cura de Osedo. Desde entonces el archivo del celebrado coro coruñés fue enriqueciéndose con innumerables foliadas, alalás, pandeiradas, etc., que fue suministrando nuestro infatigable folklorista (...). Algunas de dichas canciones llegaron a ser grabadas en discos por coros radicantes en Hispanoamérica. (...) 
  13. Varela Varela, Xosé Manuel (1997). Saturnino Cuíñas Lois. Fotobiografía dun cura exemplar e folclorista benemérito. Concello de Cabana de Bergantiños. pp. 34–35. 
  14. "Cántigas da Terra - Cabana de Bergantiños". 
  15. Concello da Coruña, ed. (20 de setembro de 2025). "O Concello rende homenaxe a Adolfo Anta Seoane no 125 aniversario do seu nacemento". Consultado o 21 de setembro de 2025. 
  16. Malvido, Gemma (20 de setembro de 2025). "Unha placa na Coruña para lembrar a Adolfo Anta Seoane". La Opinión de A Coruña (A Coruña). Consultado o 21 de setembro de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]