Adipocera

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A adipocera, tamén chamada cera dos cadáveres ou cera das tumbas[1], é unha substancia orgánica semellante á cera formada pola hidrólise das graxas do tecido adiposo feita por bacterias anaeróbicas, como por exemplo a que se forma a partir da graxa corporal de cadáveres. Na súa formación, a putrefacción é substituída pola formación dun molde firme e duradeiro dos tecidos graxos, órganos internos e a face. Está composta principalmente de ácidos graxos libres, incluídos hidroxiácidos graxos e os seus sales; algúns destes ácidos son característicos da adipocera e outros son correntes no corpo[1].

Historia[editar | editar a fonte]

A adipocera foi descrita por primeira vez por Sir Thomas Browne no seu discurso Hydriotaphia, Urn Burial (1658):[2]

Nun corpo hidrópico enterrado hai dez anos nun adro de igrexa, atopamos unha concreción de graxa, onde o nitro da terra e o sal e licores lixiviados do corpo, coagularan grandes masas de graxa, ata ter a consistencia do máis duro dos xabóns de Castela: do que parte permaneceu con nós.

O proceso químico da formación da adipocera é a saponificación, que se comprendeu no século XVII.[2] Segundo den Dooren de Jong, en 1789, A. Fourcroy describiu á adipocera de cadáveres do cemiterio dos Inocentes de París e acuñou o termo adipocera, que para el era unha forma de xabón resultante de reaccións entre as graxas e o amoníaco.[1] En 1860, C. M. Whetherill fixo as primeiras análises químicas da adipocera, na que atopou diversos ácidos graxos[3] En 1961 den Dooren de Jong escribiu un gran artigo que recollía a información obtida ata entón, no que indicaba que "a formación de adipocera é un proceso que ocorre baixo condicións virtualmente anaeróbicas nas cales as graxas humanas son convertidas nun complexo de ácidos graxos saturados por unha grande variedade de especies bacterianas que se encontran en e sobre o corpo en descomposición".[4]

Crese que Augustus Granville fixo candeas coa adipocera dunha momia, que utilizou para alumear unha lectura pública que fixo sobre a disección dunha momia.[5]

Aspecto[editar | editar a fonte]

A adipocera é un material céreo, que se esmiúza e é insoluble en auga formado principalmente por ácidos graxos saturados. Dependendo de se a súa orixe foi o tecido adiposo branco ou o marrón, a adipocera pode ser de cor cincenta clara ou dourada.[2]

Nos cadáveres, o duro molde de adipocera permite facer algunhas estimacións forenses da forma do corpo e características faciais do defunto, e a miúdo persérvanse tamén as feridas.[2]

Formación[editar | editar a fonte]

A transformación das graxas en adipocera ten lugar preferentemente en ambientes nos que o oxíxeno está ausente e hai altos niveis de humidade, como en terreos húmidos ou lama no fondo dun lago ou nun cadaleito selado, e pode ocorrer tanto en corpos embalsamados coma en corpos non tratados. A formación de adipocera empeza un mes despois da morte, e en ausencia de aire pode persistr durante séculos.[6] Unha formación adipocerosa perservou o hemisferio esquerdo do cerebro dun neno pequeno do século XIII de maneira que se podían ver no século XX os sucos e circunvolucións cerebrais, e mesmo corpos de Nissl de neuronas do córtex motor.[7] Un corpo exposto ou infestado por insectos ou situado nun ambiente cálido é improbable que forme depósitos de adipocera.

Os cadáveres de mulleres, nenos pequenos e persoas gordas son especialmente tendentes a sufrir a transformación en adipocera, porque conteñen máis graxa corporal.[2] En ciencia forense, a utilidade da formación de adipocera para estimar o intervalo postmortem é limitada porque a velocidade do proceso é dependente da temperatura.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Douglas H. Ubelaker, Kristina M. Zarenko. Adipocere: What is known after over two centuries of research. Forensic Science International 208 (2011) 167–172. [1]
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Murad, Turhon A. (2008). "Adipocere". En Ayn Embar-seddon, Allan D. Pass (eds.). Forensic Science. Salem Press. pp. 11. ISBN 978-1-58765-423-7. 
  3. C.M. Wetherill, On adipocere, and its formation, Trans. Am. Philos. Soc. n.s. 11 (1860) 1–25.
  4. L.E. Den Dooren de Jong, On the formation of adipocere from fats, Antonie van Leeuwenhoek 27 (1961) 337–367.
  5. Pain, Stephanie (1 de setembro de 2009). "What killed Dr Granville's mummy?". New Scientist (2687). 
  6. "Decomposition: What is grave wax?". Archived from the original on 15 de febreiro de 2009. Consultado o 2014-14-02. 
  7. Papageorgopoulou C, Rentsch K, Raghavan M, Hofmann MI, Colacicco G, Gallien V, Bianucci R, Rühli F (2010). "Preservation of cell structures in a medieval infant brain: a paleohistological, paleogenetic, radiological and physico-chemical study". Neuroimage 50 (3): 893–901. PMID 20080189. doi:10.1016/j.neuroimage.2010.01.029.