Adeodato I, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Adeodato I»)
Adeodatus I / Deusdedit I
Adeodato I
Papa da Igrexa católica
Biografía
NacementoEn data descoñecida en Roma, Imperio Romano de Oriente
Pasamento8 de novembro de 618 en Roma, Imperio Romano de Oriente
Papa
Bispo de Roma
615 - 618
PredecesorBonifacio IV
SucesorBonifacio V

Adeodato I ou Deusdado I (en latín: Deusdedit, "dado por Deus") foi o papa n.º 68 da Igrexa católica entre 615 e 618.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Roma, entón parte do Imperio Romano de Oriente, fillo dun subdiácono chamado Estevo. Foi elixido papa polo clero romano o 19 de outubro de 615, tras corenta anos de sacerdocio, seis meses despois do pasamento de Bonifacio IV.[1][2] Foi o primeiro papa non monxe dende Xoán II.[2] Distinguiuse polo seu celo e pola súa caridade,[1] e cando a lepra bateu na cidade distinguiuse polos seus esforzos en coidar aos enfermos.[1][2] Foi tamén coñecido por ser taumaturgo, pois seica curaba distintos tipos de enfermidades apoiando os beizos nas feridas dos enfermos.[3][4]

Segundo a tradición, foi o primeiro papa en usar o selo papal (bulla) nos documentos pontificios. No seu selo aparece o Bo Pastor rodeado das súas ovellas coas letras alfa e omega no fondo, e o lema Deusdedit Papæ.[1][2] Finou en Roma o 8 de novembro de 618.[1][2]

Foi canonizado pola Igrexa católica, que celebra a súa festa o 8 de novembro.[1][2] No Martiroloxio Romano é lembrado deste xeito:

Na basílica de San Pedro, en Roma, san Deusdado I, papa, que amou ao seu clero e ao seu pobo e brillou pola súa sinxeleza e sabedoría (618).[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Kelly, Leo A (1913). "Pope St. Deusdedit". En Herbermann, Charles George. Catholic Encyclopedia (en inglés) IV. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Guiley, Rosemary (2001). The Encyclopedia of Saints (en inglés). Infobase Publishing. p. 3. ISBN 9781438130262. 
  3. Lopes, Antonino (1997). The Popes (en inglés). Futura Edizioni. p. 24. ISBN 9788887181005. 
  4. Rendina, Claudio (2002). The Popes: Histories and Secrets. Seven Locks Press. p. 111. ISBN 9781931643139. 
  5. Martirologio Romano (en castelán). En la basílica de San Pedro, en Roma, san Diosdado I, papa, que amó a su clero y a su pueblo y brilló por su sencillez y sabiduría (618) 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]