Auga fósil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Acuífero fósil»)
O maior proxecto de irrigación do mundo é o realizado en Libia mediante a extracción de auga fósil do acuífero do arenito nubio baixo o Sáhara. Na imaxe camións transportando tubos para a construción do Gran río artificial de Libia no deserto do Sáhara.

A auga fósil ou paleoauga é auga subterránea que permaneceu selada nun acuífero, chamado acuífero fósil, durante miles ou mesmo millóns de anos, debido a cambios na xeoloxía do terreo. Entre os máis importantes acuíferos fósiles está o sistema de acuíferos do arenito nubio, que se encontra baixo o deserto do Sáhara. Outros acuíferos fósiles famosos son os do deserto do Kalahari no sur de África, e o acuífero Ogallala nas grandes planicies norteamericanas. Outras grandes reservas de auga antiga poden atoparse nalgúns lagos subglaciares como o lago Vostok da Antártida.

Unha análise isotópica desta auga pode servir para estimar a súa antigüidade.

Efectos da depleción dos acuíferos fósiles[editar | editar a fonte]

A auga fósil é, por definición, un recurso non renovable.[1] Mentres que a maioría dos acuíferos volven a encherse regularmente de auga debido á infiltración de auga de precipitación no subsolo, os acuíferos fósiles non se recargan ou recárganse minimamente.[2] A extracción de auga destas reservas que non se renovan fai que co tempo se esgoten.[3] A medida que se extrae auga, o nivel freático baixa progresivamente, ata que se esgota.[2] Non obstante, algúns destes acuíferos son enormes e durarían moito tempo se non se extraen cantidades excesivas. No caso dos acuíferos fósiles de desertos, como os do Sáhara, a súa auga procede fundamentalmente de auga que se infiltrou hai miles de anos cando o clima na zona era moito máis húmido.

Considérase que a extracción de auga fósil incrementa a cantidade total de auga circulante na hidrosfera, e pode ser responsable de ata un cuarto do aumento do nivel do mar producido dende inicios do século XX.[4]

Auga fósil moi antiga[editar | editar a fonte]

En 2013 descubriuse nas profundidades dunha mina canadense, próxima á localidade de Timmins, a unha profundidade de 2400 metros, unha bolsa de auga fósil de orixe precámbrica, é dicir, que ten entre 1500 e 2640 millóns de anos.[5] A idade da bolsa determinouse mediante a análise da composición isotópica do gas disolto que contén por un grupo de xeólogos das universidades de Manchester, Lancaster, Toronto e McMaster en Hamilton. A composición e as dimensións do acuífero fan pensar que podería conter formas de vida microbiana illadas durante ese período de tempo. A auga permaneceu atrapada en fracturas de rochas do período Precámbrico que forman parte do chamado Escudo canadense.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Fossil Water in Libya". drinking-water.org. National Academy of Sciences. Consultado o 04-04-2015. 
  2. 2,0 2,1 "Water Table Draw Down or Groundwater "Mining"". Arquivado dende o orixinal o 27 de xaneiro de 2013. Consultado o 04 de maio de 2015. 
  3. NOAA glossary detailing 'Ground Water Mining'
  4. "Rising sea levels attributed to global groundwater extraction". University of Utrecht. 
  5. Una fonte sotterranea vecchia miliardi di anni (en italiano). Consultado o 04/05/2015.
  6. Deep fracture fluids isolated in the crust since the Precambrian era (en inglés). Consultado o 04/05/2015—.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]