Acordo de Cotonu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Países ACP
     Grupo do Caribe     Grupo do Leste e Sur de África     Grupo do Pacífico     Grupo de África do Oeste     Grupo Surafricano     Grupo Centroaficano     Grupo do Leste de África

O Acordo de colaboración entre os estados de África, o Caribe e do Pacífico e a Comunidade Europea e os seus Estados membros asinado en Cotonu, o 23 de juño de 2000, máis coñecido como Acordo de Cotonú, é un tratado entre a Unión Europea e o Grupo de Estados de África, Caribe e Pacífico (países ACP). Foi asinado en xuño de 2000 en Cotonou, a cidade máis grande de Benín, por 78 países ACP (Cuba non asinou) e os daquela 15 Estados membro da Unión Europea.[1] Entrou en vigor en 2003 e foi posteriormente revisado en 2005 e 2010.

Obxectivos[editar | editar a fonte]

O Acordo de Cotonú ten como obxectivo a redución e eventual erradicación da pobreza así como contribuír ao desenvolvemento sustentábel e á integración gradual de países ACP á economía mundial. O Acordo de Cotonú revisado tamén se preocupa pola loita contra a impunidade e a promoción da xustiza penal a través da Corte Penal Internacional.

Principios fundamentais[editar | editar a fonte]

O Acordo de Cotonú substituíu á Convención de Lomé, que foi a base para o desenvolvemento da cooperación ACP-UE dende 1975. Con todo, o Acordo de Cotonú ten un alcance moito maior do que calquera convenio anterior. Foi deseñado para ter unha vixencia de 20 anos e está baseado en catro principios fundamentais:

  • Igualdade entre os socios e propiedade das estratexias de desenvolvemento. En principio, depende dos países ACP determinar como as súas sociedades e as súas economías deberían desenvolverse.
  • Participación. Ademais do goberno central como actor principal a colaboración dentro do Acordo de Cotonú está aberto a outros actores (p. ex. sociedade civil, sector privado e gobernos locais).
  • Diálogo e obrigas mutuas. O Acordo de Cotonú non é só un bote de cartos. Os asinantes asumen obrigas mutuas (p. ex. respecto aos dereitos humanos) que serán controladas a través do diálogo continuo e a avaliación.
  • Diferenciación e rexionalización. Os acordos de cooperación variarán segundo o nivel de desenvolvemento de cada socio, das necesidades, do rendemento e da estratexia de desenvolvemento a longo prazo. Os países considerados menos desenvolvidos ou vulnerábeis (sen saída ao mar ou estados insulares) recibirán un trato especial.

Dimensión política[editar | editar a fonte]

O Acordo de Cotonú agarda dar un apoio político forte á cooperación para o desenvolvemento ACP-UE. Por tanto, o diálogo político é un dos aspectos chaves dos acordos e trata novos asuntos que anteriormente estiveran fóra do ámbito da cooperación para o desenvolvemento; como son a paz e a seguranza, o comercio de armas e a migración.

Ademais, o elemento do "exercicio do bo goberno" foi incluído como un "elemento esencial" do Acordo de Cotonú , a violación do cal pode levar á suspensión parcial ou completa da cooperación para o desenvolvemento entre a UE e o país infractor. Foi amplamente consensuado que os casos serios de corrupción, incluíndo actos de suborno, poderían chegar a provocar un proceso de consulta e tamén levar a unha suspensión da axuda.

Novos actores[editar | editar a fonte]

Unha segunda nova característica do Acordo de Cotonú é a da participación de actores non estatais e gobernos locais na cooperación para o desenvolvemento. Estes considéranse agora actores complementarios aos gobernos centrais, que tradicionalmente foron os actores chave de cooperación entre a UE e os países ACP.

Aínda que os gobernos ACP seguen a ser responsábeis de determinar a súa propia estratexia de desenvolvemento, os actores non estatais e as autoridades locais participan sendo consultados respecto á formulación de dita estratexia. Ademais proporciónaselles acceso a recursos financeiros e participan na implementación. Tamén reciben axuda á capacitación. O Centro Técnico de Cooperación Agrícola e Rural ACP-UE (CTA) leva a cabo a súa función dentro do esquema do Acordo de Cotonou ACP-UE coa misión de "fortalecer a capacidade política e institucional de desenvolvemento e a información e as capacidades de xestión da comunicación das organizacións agrícolas e rurais ACP para o desenvolvemento". Isto faise, en parte, a través da revista Spore, de ampla difusión nos países ACP.

O Acordo de Cotonú céntrase especialmente no sector privado como un instrumento para o desenvolvemento económico sustentábel. Un novo programa abranguente presentouse en Cotonú para apoiar o sector privado dos países ACP con novas ferramentas; como o acceso a financiamento a través do Banco Europeo de Investimento (EIB, polas súas siglas en inglés).

Cooperación comercial[editar | editar a fonte]

Probabelmente o cambio máis radical presentado polo Acordo de Cotonú sexa en cooperación comercial. Dende a primeira Convención de Lomé en 1975 a UE concedeu preferencias comerciais non recíprocas a países ACP. Baixo o Acordo de Cotonú este sistema foi substituído polos Acordos de Asociación Económica (EPAs, polas súas siglas en inglés), un novo sistema que entrou en vigor en 2008. Este novo acordo proporciona acordos recíprocos, o que significa que a UE non só proporciona acceso libre de impostos aos seus mercados para as exportacións ACP, senón que os países ACP tamén proporcionan acceso libre de impostos aos seus propios mercados para as exportacións da UE.

Con todo, seguindo o principio de diferenciación de Cotonú , non todos os países ACP teñen que abrir os seus mercados a produtos da UE após 2008. O grupo de países menos desenvolvidos pode continuar baixo os acordos asinados en Lomé ou da iniciativa "Todo agás armas".

Os países que non entren na categoría de menos desenvolvidos e que decidan que non están en posición de entrar nos EPAs poden pasar, por exemplo, ao Sistema Xeneralizado de Preferencias (GSP, polas súas siglas en inglés) ou ao Acordo Especial de Estímulo para o Desenvolvemento Sustentábel e o Bo Goberno (GSP+).

Planificación[editar | editar a fonte]

O Acordo de Cotonú incorpora a idea de colaboracións baseadas nos resultados e abandona os repartimentos fixos tipo "axuda directa" que non estaban vinculados aos resultados.

Baixo o novo acordo, a UE pode ser máis selectiva e flexíbel na maneira en que reparte e usa os seus recursos de desenvolvemento. As axudas están baseadas nunha avaliación das necesidades e resultados do país e inclúe a posibilidade de axustar en consecuencia os recursos financeiros de forma regular. Na práctica, significa que máis diñeiro pode dirixirse aos "países con bos resultados" e que a proporción de "países con malos resultados" pode reducirse.

A axuda é repartida aos países ACP en ciclos de cinco anos baixo o Protocolo Financeiro do Acordo de Cotonú . Baixo o 9º Fondo Europeo de Desenvolvemento (FED) (2002–2007) repartíronse 13 500 millóns de euros á rexión ACP.

O 10º FED (2008–2013) tivo un orzamento significativamente maior, de 22 700 millóns de euros; con 5 600 millóns de euros destinados a apoiar programas rexionais, especialmente investimentos en proxectos de infraestruturas rexionais africanas a través da Asociación UE-África en materia de infraestruturas, que foi posto en marcha en outubro de 2007 en Adís Abeba, Etiopía, pola Comisión da Unión Africana (AUC, polas súas siglas en inglés) e a Comisión Europea.[2][3]

Grazas á flexibilidade proporcionada polo Acordo de Cotonú , o 10º FED permite á UE canalizar máis diñeiro de axudas (chamados "importes de incentivación" ) a países que melloran a súa gobernanza, especialmente os seus sistemas financeiros, impositivos e legais.[2] Mentres algúns fondos do 10º FED reserváronse para necesidades imprevistas (p.ex. axuda humanitaria e de emerxencia ou para compensacións FLEX), a maioría foron programados para o período plurianual 2008–2013.[4] Na primeira metade de 2012 comezou o traballo de programación para o 11º FED nos que, para os programas xeográficos, participaron por primeira vez o Servizo Europeo de Acción Exterior así como a Comisión Europea. A comezos de 2012, a maioría dos detalles do proceso de programación figuraban en documentos internos das institucións europeas, pero unha análise independente e unha descrición do proceso foron proporcionadas pola fundación independente Centro Europeo para a Xestión da Política de Desenvolvemento (ECDPM, polas súas siglas en inglés).[5]

Loita contra a impunidade[editar | editar a fonte]

En recoñecemento de que a impunidade é unha dos factores que contribúen aos ciclos de violencia e inseguridade, o preámbulo e o artigo 11.7 do Acordo de Cotonú revisado inclúe un compromiso claro dos estados ACP e da UE para combater a impunidade e promover a xustiza a través da Corte Penal Internacional. Xa que a Corte Penal Internacional baséase no principio de complementaridade, o Acordo de Cotonú revisado de 2005 introduce a obriga de asegurar a persecución dos delitos máis graves a nivel nacional e a través da cooperación global. Ademais, o artigo 11.6 do Acordo inclúe unha disposición aclaratoria que obriga aos países participantes a:

(a) Compartir a experiencia na adopción de axustes legais requiridos para permitir a ratificación e implantación do Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e (b) Loitar contras os delitos internacionais de acordo co dereito internacional, coa debida consideración do Estatuto de Roma. As partes procurarán avanzar na ratificación e implantación do Estatuto de Roma e dos instrumentos con el relacionados.

Revisión[editar | editar a fonte]

Seguindo a cláusula de revisión, o Acordo de Cotonú foi revisado dúas veces para mellorar a efectividade e calidade da colaboración ACP-UE. A primeira revisión rematou en Luxemburgo o 25 de xuño de 2005 e o Acordo revisado entrou en vigor o 1 de xullo de 2008.

A segunda revisión do Acordo de Asociación ACP-UE foi asinada durante a 35ª reunión do Consello de Ministros ACP-UE celebrado en Uagadugú, Burkina Faso, o 22 de xuño de 2010 e entro en vigor de maneira provisional o 1 de novembro de 2010.[6]

Críticas[editar | editar a fonte]

Existe o debate de que, mentres o principal piar do Acordo de Cotonú é a Redución da Pobreza, a axuda dirixida a África no 9º EDF tivo un impacto limitado na maioría da poboación pobre.[7]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. "The Cotonou Agreement". Comisión Europea (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 3 de febreiro de 2011. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "European Development Fund (EDF)". Comisión Europea (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2013. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  3. "EU-Africa Partnership". Unión Africana (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23 de novembro de 2011. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  4. "2006/608/CE: Decisão n. o 1/2006 do Conselho de Ministros ACP-CE, de 2 de Junho de 2006 , que define o quadro financeiro plurianual para o período de 2008-2013 e que altera o Acordo de Parceria ACP-CE revisto". EUR-Lex (en portugués). 9 de setembro de 2006. Consultado o 7 de febreiro de 2022. 
  5. Görtz, Simone; Keijzer, Niels (Abril de 2012). "Reprogramming EU Development Cooperation for 2014-2020: Key Moments for Partner Countries, EU Delegations, Member States and Headquarters in 2012" (PDF). Discussion Paper do Centro Europeo para a Xestión da Política de Desenvolvemento (ECDPM) (en inglés) (129): 26. ISSN 1571-7577. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de xaneiro de 2022. Consultado o 08 de febreiro de 2022. 
  6. "ACP - The Cotonou Agreement". Comisión Europea (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22 de marzo de 2016. Consultado o 8 de febreiro de 2022. 
  7. Practical Action e PELUM (2005). "The crisis in African agriculture: A more effective role for EC aid?", SARPN (en inglés): 32

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]