Masacre de Oseira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Acontecementos de Oseira»)

Coordenadas: 42°32′18.46″N 07°57′4.37″O / 42.5384611, -7.9512139 O masacre de Oseira, acontecementos de Oseira ou sucesos de Oseira foi un episodio de enfrontamento entre a veciñanza de Oseira (San Cristovo de Cea) e as forzas de orde pública ocorrido en 1909 que desembocou na matanza de nove civís.

O anuncio do bispado de Ourense de retirar o baldaquino barroco da igrexa do mosteiro cisterciense de Oseira espertou a protesta dos fregueses. O baldaquino, obra de Mateo de Prado, atopábase nun estado precario e existía o risco de derrubamento[1].

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En 1908 a viaxeira británica Annette Meakin escribira [2]:

"O impoñente retablo churrigueresco detrás do altar maior esmorece melancolicamente e ofrece o máis deprimente espectáculo. É verdadeiramente triste que España aínda non sinta o impulso de facer de Oseira un monumento nacional."

Co de Oseira, eran tres os baldaquinos da mesma estrutura en Galicia. Coma o da catedral de Santiago e o da capela do Santo Cristo da catedral de Ourense, o de Oseira era un baldaquino aéreo, no que do dosel estaba apoiado en ménsulas con forma de anxos sobre columnas salomónicas. Pola súa semellanza co tabernáculo compostelán tense atribuído a Domingo de Andrade, aínda que agora se dá por segura a autoría do escultor Mateo de Prado, polo tratamento do pelo e barbas, movemento das roupaxes, etc [3]. A composición dos relevos resulta idéntica á do retablo de Santa María de Montederramo (obra documentada como da man de Mateo de Prado).

O baldaquino [4] estaba sostido por catro columnas salomónicas, recubertas por pámpanos e follas. Sostiñan cadandeu capitel sobre o que se levantaban catro anxelotes inclinados cara o centro, que sostiñan o entaboamento, dotado de elementos decorativos vexetais e frontón curvo, partido.

Sobre a estrutura anterior existía un segundo corpo, con oito cariátides sostendo unha cornixa, rematada en curva. Nos entrepanos deste segundo corpo había varios relevos con escenas da vida de San Bernaldo, a quen estaba consagrado o mosteiro. Nunha destas escenas, o santo rezaba ante a Virxe mentres esta preme no peito de xeito que fai saír del unhas gotas de leite sobre os beizos do santo. Esta iconografía fai referencia a un milagre da vida do santo: este enfermara gravemente e os monxes rezaron á Virxe pola súa cura; san Bernaldo, en éxtase, viu achegarse á Virxe, acompañada de San Bieito e San Lourenzo, que lle acariñou a cara e, nese momento, o santo curou [5].

Ó redor do conxunto escultórico había imaxes de papas, monxes e mais catro cabaleiros da Orde de Calatrava.

Posteriormente á construción do baldaquino, colocouse sobre el un tabernáculo coroado por unha imaxe dunha pomba que simbolizaba o Espírito Santo. Esta pomba, dourada, será a que a tradición popular considere como de ouro macizo.

Feitos[editar | editar a fonte]

A orixe da secuencia pode situarse no outono de 1908, cando o bispo de Ourense Eustaquio Ilundáin Esteban realizou unha visita pastoral á parroquia de Santa María a Real de Oseira. O mosteiro caera no abandono trala expulsión dos monxes canda a desamortización de Mendizábal, en 1835, mais a igrexa seguiu funcionando como igrexa parroquial. Constatado o pésimo estado do templo, considerouse a posibilidade de retirar o baldaquino barroco para evitar unha desgraza no caso de se esbarroar. Recabou informes dos Organismos oficiais responsables da conservación do patrimonio, como o arquitecto da diocese, Daniel Vázquez, quen, en novembro de 1908, concluíu que, efectivamente, o estado do baldaquino representaba un perigo. Tamén o resposable da Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos , Marcelo Macías, engadiu que a peza carecía de interese artístico e que, ademais, ó retirar o baldaquino, despexábase a perspectiva da cabeceira do templo, que segundo el era o máis interesante.[6] Cómpre sinalar que ambos expertos, que mostraron o seu acordo coa decisión do bispo, eran eclesiásticos e sometidos á autoridade deste. En definitiva, o bispo ordenou a retirada do baldaquino.

Neste punto espertou un interese extraordinario polo valor artístico do baldaquino e comezan a abrollar rumores verbo da suposta existencia da figura dunha pomba ou pelicano de ouro macizo no seu interior. Os receos viñan alimentados tamén por anteriores espolios que sufrira o mosteiro unha vez exclaustrada a súa comunidade, como o reloxo da torre, os sinos, parte do coro e varias fontes que foran trasladadas a Ourense. Personalidades da cultura galega, como Manuel Murguía ou Aquilino Sánchez Rodríguez, secundaron a oposición veciñal, xunto ó xuíz de Punxín, que declarou nula a orde de derrubamento e intentou, infrutuosamente, convencer ó bispo de que desistise do seu proxecto. Tamén houbo división de opinións entre a prensa galega (como El Miño, de Ourense, moi crítico coa Igrexa e coas autoridades) e nacional (como o Heraldo de Madrid), fronte a outros, como Siglo Futuro, que apoiaban a decisión do bispo.

As obras de desmonte do baldaquino comezaron en febreiro de 1909, pero axiña toparon coa contestación de boa parte da veciñanza. Finalmente, o 22 de abril de 1909, o bispo envía unha cuadrilla de carpinteiros para realizar a faena. Coñecendo o balbordo que se armara, pide ao gobernador civil Tomás Alonso Zabala que facilite o apoio da garda Civil para garantir a seguridade dos operarios, e este manda 16 efectivos máis tres mandos para escoltar os carpinteiros. Chegados a Oseira atoparon ós veciños encerrados na igrexa con apeiros e trebellos polo que, tras comprobaren a crispación xerada, os carpinteiros deciden marchar. A Garda Civil, comandada polo tenente Gumersindo Salinas Fernández [7] ordenou ós veciños que abandonasen a igrexa e, ante a negativa dos paisanos a facelo, procede a abrir fogo contra eles, matando a 7 persoas (entre elas unha nena de 14 anos, María de la Paz Fernández, e unha muller embarazada, de 22, Manuela González Rodríguez) e deixando outras 12 persoas feridas de bala. Nos días seguintes morrerían dous dos feridos.

As autoridades argumentarían despois que algúns veciños dispararon contra os gardacivís, o que quedou desmentido cando non se atoparon armas de fogo no interior da igrexa, sendo as únicas armas de que dispoñían paus, pedras e unha vella baioneta atada a un pau.

Contexto[editar | editar a fonte]

A matanza de Oseira sitúase no contexto de conflitividade na sociedade rural galega naquela altura. En 1909 Galicia estaba experimentando unha verdadeira efervescencia política e social, posto que coincidían no tempo a campaña de redención de foros impulsada polo Directorio Antiforista de Teis, unha federación agraria anarquista nos arredores da Coruña (Unión Campesina) e o xurdimento de Solidaridad Gallega. Con todo, fronte a outros episodios represivos acontecidos no rural galego despois durante o reinado de Afonso XIII (en Nebra en 1916, en Sofán en 1919 ou en Guillarei en 1922), nos sucesos de Oseira non participaron sociedades agrarias que canalizasen a mobilización. Ademais, na súa orixe e desenvolvemento están implicados factores relixiosos, especialmente o conflito entre a relixiosidade popular e a oficial, e tamén liortas internas dentro da diocese de Ourense.

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Os feitos tiveron un grande impacto na sociedade da época. A revista Airiños da Miña Terra, editada na Habana e sucesora de Aires d'a Miña Terra, publicaba en primeira páxina a necrolóxica dos sete asasinados "inmolados, atravesados por las moríferas balas de la Guardia Civil" e un duro editorial que describe pormenorizadamente o sucedido [8]; en números sucesivos continuou a mesma liña de denuncias. Tamén a revista Vida Gallega publicou unha ampla reportaxe na mesma liña no número de maio de 1909.

A revista rexionalista Suevia, publicada en Bos Aires, denunciaba en 1913 que as investigacións realizadas para depurar responsabilidades remataran sen ningún castigo para "os indutores do fusilamento", pero si o encarceramento de cinco mozos que, en sinal de protesta, apedrearan o Círculo Católico de Ourense, a redacción dun periódico "clerical" e o convento das Adoratrices.[9].

Non só a prensa galega e madrileña denunciaron os feitos. Montero Ríos, que fora presidente do consello de ministros, acusou no Senado ó goberno de Maura de ser responsable da traxedia.

O bispo Ilundain que, tras estes feitos, refuxiuse en Allariz, acabou deixando Ourense en 1920 e foi trasladado a Sevilla, como arcebispo. Finalmente o baldaquino seguiu en pé ata 1925, cando foi definitivamente desmontado por outro bispo, José Cerviño, coa axuda dos veciños. Na actualidade só se conservan algúns paneis do baldaquino expostos no mosteiro de San Cristovo de Cea [10].

En 1929 retornan os monxes a Oseira e inician a reconstrución do mosteiro[11].

A lembranza do masacre de 1909 foi recreada literariamente con certas licenzas por Eduardo Blanco Amor na súa novela Xente ao lonxe (1972), aínda que tivo que efectuar modificacións debido á censura. Tamén Castelao introduciu referencias a Oseira na súa obra Un ollo de vidro e nalgunhas ilustracións como o debuxo número 10 do Álbum Nós no que unha vella reza nun cemiterio “–¡Un padrenuestriño polos que morreron en Oseira, Nebra e Sofán”[12]

Previamente, o masacre pasaría a formar parte da cultura popular ó quedar plasmada nas coplas de cego que se escribiron a raíz dos feitos:

"Quiso el obispo de Orense / en hora desventurada / del monasterio de Osera / llevarse un altar de talla
No quisieron los vecinos / que el Obispo se llevara / aquel altar tan querido / que protegía sus almas
Pero el Obispo soberbio / sin atender a sus lágrimas / les mandó ocho carpinteros / seguidos por veinte guardias
Los de Osera se encerraron / en su iglesia venerada / y allí juraron morir / por el altar que adoraban
Dispararon los civiles / contra las gentes incautas / y se derramó la sangre / en la iglesia venerada
Cinco hombres quedaron muertos / y una pobre embarazada / y una niña que a la escuela / tranquilamente marchaba
En los altares pegados / chorreando sangre humana / se veían los pedazos / de laas cabezas y entrañas
...
Ya se ha cerrado la iglesia / donde ocurrió la desgracia / y se ha lavado la sangre / pues sus altares manchaba
Sólo falta, Virgen pura, / Virgen piadosa y santa, / castigues a los autores / que ensangrentaron tu casa
Que nunca sosiego gocen / ni jamás disfruten calma / y purgen en el infierno / tan horrorosa matanza
Galicia siglo XX, dir. Ramón Villares. La Voz de Galicia 2004, px. 72

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O masacre de Oseira". Enciclopedia Historia Literatura Galega. AS-PG. Consultado o 2020-05-09. 
  2. Galicia, the Switzerland of Spain (traducido ó galego co título Galicia inédita).
  3. Huete, Cristina (2 de agosto de 2009). "Cea lucha por resucitar a los siete "mártires" de Oseira". El País (en castelán). Consultado o 2020-05-09. 
  4. A seguinte descrición está tomada de José González Paz.
  5. Na web do Mosteiro de Oseira: Obras artísticas pode verse unha fotografía deste relevo da Lactación.
  6. "Los aldeanos que retaron al obispo", en La Voz de Galicia 21.06.2009 (en castelán).
  7. Natural de Bande.
  8. "La última injusticia", en Airiños d'a Miña Terra, La Habana, nº2, 20.05.1909.
  9. Suevia, Bos Aires 10.05.1913, px. 1 (Edición facsímilar do CRPIH, 2007).
  10. Nas galerías do mosteiro consérvanse algunhas columnas e estatuas do baldaquino, así como dous relevos da Lactación e a Aparición de Cristo a san Bernaldo (Mosteiro de Oseira: Obras artísticas).
  11. de la Fuente, Sandra (26 de abril de 2009). "La crónica más negra de Oseira". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2020-05-10. 
  12. Rodríguez Castelao, Afonso Daniel (1916-1918). "¡Un padrenostriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán!". Álbum Nós. Consultado o 2020-05-10. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • José González Paz: "El desaparecido baldaquino de Oseira", en Cuadernos de Estudios Gallegos nº 66, 1967, 115-116.
  • "El baldaquino de Oseira", en Galicia siglo XX, dir. Ramón Villares. La Voz de Galicia 2004, px. 68.
  • "Los aldeanos que retaron al obispo", en La Voz de Galicia 21.06.2009 (en castelán)
  • Cabo Villaverde, M.; Rodríguez Lago, J. R. (2019). "Matar un ruiseñor. Oseira 1909, análisis de una masacre". Cuadernos de Historia Contemporánea 41: 233–253. 
  • "La defensa de un baldaquino que acabó en la masacre de Oseira en 1909", en La Voz de Galicia 25.04.2021 (en castelán)

Outros artigos[editar | editar a fonte]