Acoirazado Jaime I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Perfil do Jaime I co seu aspecto en 1937

O acoirazado Jaime I foi o terceiro dunha serie de tres acoirazados construídos por España a principios do século XX. Os tres recibiron o nome xenérico do cabeza de serie, polo que se lles chamou os acoirazados España. As súas construcións tiveron lugar nos estaleiros do Ferrol pola recente nacida Sociedad Española de Construcciones Navales, e foron os primeiros e os últimos acoirazados monocalibre construídos en España.

O Jaime I empezouse a construírse o 5 de febreiro do 1912, e a súa botadura tivo lugar o 21 de setembro de 1914. Pero a entrega á Armada Española atrasouse ata setembro de 1921 debido a demoras na entrega dos canóns por mor da I Guerra Mundial. Este barco estivo a piques de ser diferente dos outros dous acoirazados, pois a falta de recursos presupostarios botaron por terra os estudos que se realizaron para aumentarlle a potencia de máquinas e alcanzar os 21 nos, cun aumento do seu desprazamento ata 17 000 toneladas e ao final foi xemelgo dos dous Españas (o acoirazado España e o acoirazado Alfonso XIII). Eran buques de bela estampa, con cuberta corrida, ponte de mando, unha soa gran cheminea ao centro, unha pequena ponte auxiliar a popa dous mastros en trípode, pequeno esporón e coas características dos seus xemelgos.

Características[editar | editar a fonte]

Son practicamente as mesmas que as das dos seus xemelgos, os «Españas 1° e 2°»:

  • Eslora 140 m, manga 24 m, puntal 12,74 m, calado 7,7 m, desprazamento normal 15 700 toneladas e 16 450 toneladas a plena carga.
  • Para a propulsión: contaban con 12 caldeiras Yarrow de carbón, e turbinas que accionaban catro hélices, cunha potencia de 11 270 CV a tiro normal e 20 000 CV a tiro forzado.
  • A súa velocidade era de 19,5 nós de máxima, cunha autonomía de 7 500 millas a 10 nós.
  • A súa coiraza era de 230 mm no centro da faixa baixa, 150 mm no da media e 75 mm no da alta, que diminuía cara aos extremos ata 100 mm na proa e 50 mm na popa.
  • A dotación era de 850 homes.
  • O armamento principal consistía en 8 canóns Vickers de 305 mm 50 calibres montados en 4 torres dobres, as máis afastadas entre se colocadas sobre a liña de cruxía, unha a proa e outra a popa, e as outras dúas desprazadas da liña de croxía, a de proa cara a estribor e a de popa cara a babor.

Cada canón pesaba 67,1 toneladas e cada proxectil 385 quilos, con 902 m/s de velocidade inicial, 21 500 m de alcance máximo, e un ritmo de lume dun disparo por minuto.

  • Tamén montaban vinte canóns de 101,6 mm, dous de 47 mm, e dous antiaéreos de 76 mm, que foron instalados na década de 1920.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1922 estivo destacado en Constantinopla para defender os intereses españois durante a revolución de Ataturk, sufriu o abordaxe dun mercante que lle produciu serios danos que foron reparados nos estaleiros de Pola. Máis tarde acompañou o acoirazado Alfonso XIII na viaxe a Italia cos Reis e Miguel Primo de Rivera. En setembro de 1925, xunto tamén co Alfonso XIII participou no desembarco de Alhucemas.

Leal a República[editar | editar a fonte]

O 18 de xullo de 1936, o buque acoirazado Jaime I estaba fondeado na baía de Vigo, onde triunfou o alzamento. Recibiu a orde de dirixirse ao Estreito de Xibraltar, e fronte á costa portuguesa tivo lugar un motín a bordo. Os mariñeiros e os suboficiais rebeláronse contra a oficialidade do barco. O comandante da nave e o segundo de abordo toman partido polos mariñeiros. Durante uns momentos produciuse un intercambio de disparos e ao final, os mariñeiros apresaron os oficiais superviventes. A gran maioría dos buques de guerra amotináronse contra os golpistas, a frota de submarinos e os medios aeronavais tamén permaneceron leais á República.

O Jaime I recalou en Tánxer, porto onde se reuniu o groso da Escuadra republicana. Este acoirazado tomou parte en diversas operacións de bombardeo de costa con outros buques como o Cervantes, Libertad, Lepanto, Escaño, José Luís Díez, Almirante Antequera, Almirante Miranda ou o Almirante Valdés. En xullo e agosto de 1936 tomou parte nos bombardeos de La Línea, Ceuta e Alxeciras, e o 13 de agosto de 1936 recibiu o impacto dunha bomba de aviación. En setembro pasou ao Cantábrico con outros barcos para apoiar a parte republicana que quedou illada, pero despois do pouco éxito tido, o 13 de outubro recibiu a orde de regresar ao Mediterráneo e dirixirse a Cartagena, desde onde tomou parte en varios bombardeos.

En abril de 1937 encallou en Málaga, logrou zafarse e refuxiouse en Almería, onde o 21 de maio sufriu o impacto de tres bombas dos Saboya-79 da Forza Aérea Italiana que lle causaron grandes danos, polo que foi levado a Cartagena a remolque para ser reparado. O 17 de xuño, mentres era reparado en Cartagena (principal base naval da República, os nacionais tiñan Ferrol), unha misteriosa explosión interna afundiu o barco, que quedou pousado no fondo. Máis de 300 mortos e centos de feridos constitúen o balance da traxedia.

Semanas despois os enxeñeiros da mariña reflótano. As súas pezas artilleiras foron desmontadas e recolocadas ao longo da costa republicana (Andalucía oriental, Levante e Cataluña, recuperando así os enormes canóns de 305 mm e 101 mm).

En 1941 o que quedaba do barco foi desmantelado.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]