Acanthisitta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Acanthisitta chloris»)

Parella, nunha lámina de 1888

Acanthisitta é un xénero de aves paseriformes que é o tipo da suborde dos acantisitinos e da familia dos acantisítidos.

Trátase dun xénero monotípico, xa que só inclúe unha única especie, Acanthisitta chloris,[2] un paxaro de pequeno tamaño, endémico de Nova Zelandia e parecido aos carrizos de América e Eurasia en aparencia e comportamento, pero non está emparentado directamente con eles.


Descrición[editar | editar a fonte]

Xénero[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito en 1842 polo ornitólogo francés Frédéric de Lafresnaye, na páxina 173 do traballo Description d'un nouveau genre d'oiseau de proie, par M. de Lafresnaye, publicado na Revue zoologique par la Société cuviérienne.

Especie[editar | editar a fonte]

A especie fora descrita en 1787 polo naturalista sueco Anders Erikson Sparrman, un dos dezasete apóstolos de Linneo.

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Xénero[editar | editar a fonte]

O nome científico do xénero, Acanthisitta, está formado polos elementos do grego antigo ἀκάνθις akánthis "xílgaro", e σιττα sitta "agatuña troncos".[3]

Especie[editar | editar a fonte]

O epíteto específico, chloris, é unha adaptación ao latín científico do grego antigo χλωρός chlōrós "de cor verde pálido amarelado".[4]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Na especie recoñécense na actualidade dúas subespecies:[5]

  • Acanthisitta chloris chloris (Sparrman, 1787) .[6]
  • Acanthisitta chloris granti Mathews & Iredale, 1913.[7]

Características[editar | editar a fonte]

É unha ave moi pequena, a máis pequena de Nova Zelandia, xa que mide tan só uns 8 cm de lonxitude, e pesa entre os 6 e os 7 g.[8]

O macho é dunha cor amarela verdosa polas partes superiores, coa parte inmeditamente anterior á cola, a rabadilla, de cor verde; os flancos son amarelos e as partes inferiores, brancas; na cabeza mostra unha cella branca.[8]

A femia diferénciase en que o seu dorso é de cor marrón claro, cun raiado escuro, e a parte anterior á cola parda amarelada.[8]

Os xuvenís son parecidos ás femis, pero co pecito listado.[8]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

É unha ave endémica de Nova Zelandia, onde se distribúe polas dúas grandes illas, así como por algunhas das menores.

Habita en zonas forestais (sobre todo en bosques vellos) e tamén en áreas de matogueiras.[9]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

É unha especie sedentaria, que defende un territorio permanente, e que adoita emparellarse de por vida. A chegada dos europeos supuxo a perda dunha boa parte do seu hábitat, e o declive das súas poboacións e, aínda que segue a ser unha especie moi común, a súa área de distribución está moi fragmentada.[8]

Aliméntase sobre todo de invertebrados e, en ocasións, de pequenos froitos. Busca a súa comida nas pólas e o troncos das árbores, baixando pouco ao chan.[8]

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UINC) considera que esta especie ten unha área de distribución moi grande e que, polo tanto, non se acerca aos limiares de vulnerábel e, a pesar de que a tendencia da poboación parece estar diminuíndo, non se cre que a diminución sexa o suficientemente rápida como para acercarse a ditos limiares. Non se cuantificou o tamaño da poboación, pero non se cre que se achegue ao limiar de vulnerábel, segundo o criterio do tamaño da poboación (máis de 10 000 individuos maduros cunha diminución continua estimada en menos do 10 % en dez anos ou tres xeracións. Por estas razóns, o status da especie avalíase como LC (pouco prerocupante).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2017): Acanthisitta chloris na Liata vermella da UICN. Versión 2020-2. Consultadao 5 de decembro de 2020.
  2. Acanthisitta Lafresnaye, 1842 no ITIS.
  3. Acanthisittidae no Merriam-Webster Dictionary.
  4. cloro- no Merriam-Webster Dictionary.
  5. Acanthisitta chloris na ADW.
  6. Acanthisitta chloris chloris (Sparrman 1787) na EOL.
  7. Acanthisitta chloris granti Mathews & Iredale 1913 na EOL.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Heather, B. & Robertson, H. (2005): The Field Guide to the Birds of New Zealand. Penguin Books. ISBN 978-0-1435-7092-9.
  9. Lindsey, T. & Morris, R. (2000): Field Guide to New Zealand Wildlife. HarperCollins New Zealand. ISBN 978-1-8695-0300-0.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • del Hoyo J., Elliott A. & Christie D. A. (2004): Handbook of the Birds of the World. Volume 7. Jamacars to Woodpeckers. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-8733-437-7.
  • Sparrman, A. (1787): Museum Carlsonianum, in quo novas et selectas aves, coloribus ad vivum brevique descriptione illustratas, suasu et sumtibus generosissimi possessoris, fasc. II., pl. 25–50. Holmiae (Estocolmo): Ex Typographia Regia.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]