Academia de Ciencias de Estonia
| Academia de Ciencias de Estonia | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||
|
Cargo dirixente
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||
A Academia de Ciencias de Estonia (estoniano: Eesti Teaduste Akadeemia, en latín: Academia Scientiarum Estoniae) é a academia nacional de ciencias de Estonia. Adoita establecerse a súa fundación en 1938 cando se crea a Academia de Ciencias que durou até 1940. En 1946, creouse a Academia de Ciencias da República Socialista Soviética de Estonia, e funcionou de xeito continuado até que, en 1989, recuperou o nome orixinal e continuou como sucesora legal da anterior academia de época soviética.
O seu lema é "Facta non solum verba" (en galego, Accións, non só palabras).
Historia
[editar | editar a fonte]A Academia pasou por varias etapas.
1938–1940
[editar | editar a fonte]Aínda que xa anteriormente se quixera establecer unha Academia, non se conseguira pola escaseza de investigadores estonianos de calidade. No entanto, o 12 de xaneiro de 1938, o Goberno da República estableceu un comité interministerial para revisar o proxecto de Lei sobre a Academia de Ciencias de Estonia. Finalmente, foi creada o 28 de xaneiro de 1938 pola Lei sobre a Academia de Ciencias de Estonia (SK VI 1938, 2, 2), que entrou en vigor o 4 de febreiro de 1938. Con motivo da súa fundación, o goberno italiano entregou unha enciclopedia Italiana de 36 volumes.[1]
A Academia era autónoma na organización das súas actividades, e estaba dirixida polo presidente da Academia, que era nomeado polo presidente da República entre os académicos por un período de cinco anos. A Academia estaba dividida nunha sección de humanidades e ciencias naturais. A afiliación da Academia estaba prevista para ter 20 membros activos. A membresía da Academia estaba aberta a cidadáns estonianos que avanzaran na ciencia de forma destacada a través do seu traballo científico e demostrasen a capacidade de organizar o traballo científico. O límite de idade dos membros da Academia era de 70 anos, despois dos cales eran eméritos.
A Academia tiña como misión principal:[2]
"desenvolve e representa a investigación de Estonia desenvolvida a través dos esforzos intelectuais dos seus membros. A misión principal da Academia, como asociación de investigadores, é colaborar, de forma independente e cunha alta profesionalidade académica, para determinar camiños que conduzan ao avance da investigación en Estonia e ao desenvolvemento social e económico do Estado".
A Academia foi liquidada o 17 de xullo de 1940, por unha lei promulgada como decreto do presidente da República do 20 de xullo de 1940. Johannes Semper, o ministro de Educación no goberno de Johannes Varese, xustificou a liquidación dicindo que a Academia "estaba composta demasiado unilateralmente só por aquelas persoas que apoiaban o goberno anterior e as súas actividades".[3] O presidente do comité de liquidación da Academia foi Teodor Lippmaa. En 1941, o reitor da Universidade de Tartu, Edgar Kant, intentou restaurar as actividades da academia, pero non tivo éxito.
1946-1960
[editar | editar a fonte]O 19 de xaneiro de 1946, en Moscova, fundouse a nova Academia de Ciencias da República Socialista Soviética de Estonia, a partir dun decreto do Consello de Comisarios do Pobo da URSS. En 1953, rematouse o novo edificio dos Institutos da Academia de Ciencias da República Socialista Soviética de Estonia.
1960-1989
[editar | editar a fonte]Nesta etapa, creáronse 3 departamentos: o de Ciencias Físico-Técnicas e Matemáticas, o de Ciencias Químico-Tecnolóxicas e Biolóxicas e o de Departamento de Ciencias Sociais. Estes Departamentos incluían máide de 20 Institutos de investigación científica; entre eles: o de Economía, o de Química, o de Cibernética, Xeoloxía ou o de Historia.
Obxectivos
[editar | editar a fonte]Os Estatutos actuais da Academia (adoptados en 2013) establecen: "A Academia de Ciencias de Estonia é unha asociación de científicos destacados e outras persoas creativas, establecida en 1938 pola Lei da Academia de Ciencias de Estonia, cuxa tarefa é desenvolver e representar a ciencia de Estonia, contribuír á implementación de resultados de investigación en interese de Estonia, o pensamento científico e a cultura en Estonia".[4]
Como outras academias nacionais, está formada por un grupo de eminentes científicos cuxo obxectivo declarado é promover a investigación e o desenvolvemento, fomentar a cooperación científica internacional e difundir o coñecemento ao público.[5]
Seccións
[editar | editar a fonte]A Academia ten catro divisións ou seccións:[6]
- División de Astronomía e Física (en estoniano: Astronoomia ja füüsika osakond)
- División de Informática e Enxeñaría (en estoniano: Informatika ja tehnikateaduste osakond) .
- División de Bioloxía, Xeoloxía e Química (en estoniano: Bioloogia, geoloogia ja keemia osakond).
- División de Humanidades e Ciencias Sociais (en estoniano: Humanitaar- ja sotsiaalteaduste osakond).
Membros
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 2018, contaba con 73 membros estonianos e 17 membros estranxeiros.[7] O 9 de outubro de 2024, Mart Saarma foi elixido presidente da Academia de Ciencias de Estonia e o seu mandato de cinco anos comezou o 8 de decembro de 2024.
Localización
[editar | editar a fonte]O edificio principal da Academia de Ciencias de Estonia está situado no número 6 da rúa Kohtu en Talín. O edificio chamado Ungern-Sternberg foi construído entre 1865 e 1868 segundo planos do arquitecto Martin Gropius.[8]
Premios
[editar | editar a fonte]A Academia concede varios premios. O premio máis prestixioso é a Medalla da Academia de Ciencias de Estonia que se concede "por servizos destacados no desenvolvemento da ciencia de Estonia ou por axudar a avanzar no seu desenvolvemento, así como polos servizos no desempeño de tarefas da Academia de Ciencias de Estonia".[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Itaalia valitsuse kink Eesti teaduste akadeemiale". Rahvaleht (en estoniano) (198): 3. 27 de outubro de 1938.
- ↑ Pau Pedrón (2010), pp. 180-181
- ↑ "Teaduste Akadeemia likvideeritakse". Postimees (en estoniano). 13 de xullo de 1940.
- ↑ Eesti Teaduste Akadeemia (12 de abril de 2014). "EESTI TEADUSTE AKADEEMIA PÕHIKIRI" (PDF). akadeemia.ee (en estoniano). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 05 de marzo de 2016. Consultado o 16 de abril de 2025.
- ↑ "Academy". akadeemia.ee (en inglés). 15 de abril de 2025. Consultado o 15 de abril de 2025.
- ↑ "Struktuur". akadeemia.ee (en estoniano). 9 de febreiro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 09 de febreiro de 2019. Consultado o 15 de abril de 2025.
- ↑ "Membership". akadeemia.ee (en inglés). 15 de abril de 2025. Consultado o 15 de abril de 2025.
- ↑ "15 de abril de 2025". akadeemia.ee (en inglés). 15 de abril de 2025.
- ↑ "Medals, Prizes, Scholarships". akadeemia.ee (en inglés). 2 de novembro de 2018. Arquivado dende o orixinal o 02 de novembro de 2018. Consultado o 15 de abril de 2025.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Academia de Ciencias de Estonia |
| A Galipedia ten un portal sobre: Estonia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pau Pedrón, Antonio (2010). "Las Academias europeas y su régimen jurídico". Anales de la Real Academia de jurisprudencia y legislación (40): 159–192. ISBN 978-84-9982-041-5. ISSN 0210-296X.
