Real Academia Galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Academia Galega da Lingua")

Coordenadas: 43°22′9.90″N 8°23′40.21″W / 43.3694167°N 8.3945028°W / 43.3694167; -8.3945028

Placa co logotipo da RAG na fachada da sede, na Coruña.
Boletín de la Academia Gallega, ano 1906, n.º 4.

A Real Academia Galega é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. O seu presidente é Xesús Alonso Montero, elixido o 20 de abril de 2013[1], logo da dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín, o 13 de marzo de 2013[2]. O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat

Historia[editar | editar a fonte]

O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Ramón Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade, Folklore Gallego, presidida pola escritora.

Curros Enríquez, impulsor da RAG.

En 1904 Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían no aladoiro da Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos.

Manuel Murguía, primeiro presidente da RAG.

Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista. O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez (1926-1934), e durante este período entraron Castelao e Antón Vilar Ponte. Substituíuno Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1936 por problemas de saúde. Chegou entón a Guerra Civil española, que fixo silenciar a institución e levouna a unha etapa de semiclandestinidade durante a que foi presidida por Manuel Casás Fernández (1942-1960) e Sebastián Martínez Risco y Macías (1960-1977).

Esta etapa viviuse como un tempo de espera. En 1963 presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. Desde as dependencias municipais do Palacio de María Pita, trasladouse á sede actual da rúa Tabernas na Coruña. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia. Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.

Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co Instituto da Lingua Galega sobre as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas. A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia.

Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución, namentres ca de Xosé Ramón Barreiro Fernández déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas.

En 2006 foi galardoada co Premio Fernández Latorre[3].

En maio de 2009, en vésperas do Día das Letras Galegas, a Academia publicou un manifesto en prol da lingua galega, para facer fronte á campaña de desprestixio orquestrada por unha parte dos grupos políticos[4] e unha minoría social con escaso apoio en Galiza mais con medios importantes[5] no Estado español[6]. Neste manifesto reivindicou a necesidade dun uso simétrico do bilingüismo[7] e mais unha presenza digna do galego en ámbitos nos que ten dificultades para se facer un oco, como a Xustiza ou o ensino. O 16 de xaneiro de 2010 a Academia emitiu un informe negativo das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia[8], coas que o PPdeG pretendía derrogar o decreto aprobado polo anterior goberno (formado polo PSdeG e BNG). O informe aprobouse por unanimidade e aclamación[9].

A Real Academia Galega durante o franquismo[editar | editar a fonte]

O golpe militar de 1936 e a Guerra Civil deixou a RAG dividida en dúas. Por unha banda, galeguistas republicanos coma Pío Cabanillas e Castelao, e por outra académicos partidarios do réxime. Entraron novos académicos coma Filgueira Valverde e Cuevillas. A RAG superou o risco de desaparecer e pasou a estar tutelada polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela.[10]

O 31 de decembro de 1951 a RAG xuntouse en Vigo en sesión extraordinaria polo nomeamento de Manuel Gómez Román; ao seu discurso ía responder Ramón Otero Pedrayo. Minutos antes do inicio do acto a autoridade gobernativa prohibiu falar en galego. As palabras improvisadas que se dixeron foron en castelán. O Partido Galeguista fixo chegar dende Galicia ao Congreso da UNESCO reunido en Montevideo un escrito de protesta pola política de represión lingüística do réxime franquista. O texto tivo boa acollida pero foi rexeitado pola delegación española da que formaba parte Fraga Iribarne.[11]

Francisco Franco, o seu irmán, e mais Fraga Iribarne foron académicos non numerarios da Real Academia Galega.[12] En 2009, coincidindo co nomeamento de Manolo Rivas, Méndez Ferrín facía pública a retirada das honras a Francisco Franco.

Ramón Franco Bahamonde e Fraga Iribarne seguen a ser membros correspondentes da RAG.[13]

Composición da Real Academia Galega[editar | editar a fonte]

Vicesecretario Secretario Presidente Tesoureira Arquiveira/Bibliotecaria
 Andrés Torres Queiruga   Xosé Henrique Monteagudo Romero   Xesús Alonso Montero   Rosario Álvarez Blanco   Margarita Ledo Andión 
 Xesús Alonso Montero   Rosario Álvarez Blanco   Xosé Luís Axeitos Agrelo   Xosé Ramón Barreiro Fernández   Darío Xohán Cabana Yanes   Fina Casalderrey Fraga 
 Francisco Díaz-Fierros Viqueira   Xosé Fernández Ferreiro   Víctor Fernández Freixanes   Francisco Fernández Rei   Andrés Fernández-Albalat Lois   Xesús Ferro Ruibal 
 Xosé Luís Franco Grande   Salvador García-Bodaño Zunzunegui   Manuel González González   Bernardino Graña Villar   Margarita Ledo Andión   Ramón Lorenzo Vázquez 
 Xosé Henrique Monteagudo Romero   Xosé Neira Vilas   Luz Pozo Garza   Xosé Luís Regueira Fernández   Manuel Rivas Barrós   Euloxio Rodríguez Ruibal 
 Pegerto Saavedra Fernández   Antón Santamarina Fernández   Xohana Torres Fernández   Andrés Torres Queiruga   Ramón Villares Paz 

Vacante a cadeira deixada tras a dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín. Pendente de elección.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Real Academia Galega Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]