Abrolhos, Australia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 28°43′S 113°47′L / -28.717, -113.783

Unha baía nas illas Abrolhos
Vista satelital das illas Abrolhos

As illas Abrolhos, denominadas oficialmente Houtman Abrolhos, son unha cadea de 122 illas e de arrecifes de coral asociados, situadas no océano Índico, fronte á costa oeste de Australia, a uns 80 km ao oeste da cidade de Geraldton, Australia Occidental.[1]

É o verdadeiro arrecife de coral do sur do océano Índico, e un dos sistemas de arrecifes de latitude mái alta do mundo. É un dos lugares de reprodución de aves mariñas máis importante do mundo, e o centro da maior pescaría de Australia Occidental, a única da lagosta australiana (Palinurus cygnus). Conta cunha pequena poboación estacional de pescadores e está permitido un número limitado de turistas en excursións dun día, pero a maior parte daa súas terras está fóra dos límites como hábitat de conservación.

É coñecido como o lugar de numerosos naufraxios, sendo os máis famosos os dos barcos meerlandeses Batavia e Zeewijk, que naufragaron en 1629 e 1727, respectivamente.

En xullo de 2019 Houtman Abrolhos foi declarado parque nacional polo goberno de Australia Occidental.[2]

Xeografía[editar | editar a fonte]

O arquipélago dos Abrolhos está formado por tres grupos insulares, o Grupo Wallabi, o Grupo Easter e o Grupo Pelsaert.

O grupo máis ao norte, o grupo Wallabi, está composto por unha illa duns 17 por 10 km e inclúe tamén na periferia a illa do Norte, situada a 14 km ao noroeste. As principais illas do Grupo Wallabi son a illa West Wallabi, a illa East Wallabi e a illa Beacon.[3] Este grupo é ben coñecido polo naufraxio do barco Batavia no arreccife Morning, cerca da illa Beacon, en 1629,[4] e o posterior motín e masacre que tivo lugar entre os sobreviventes abandonados.[5]

O Grupo Easter encóntrase ao sueste do Grupo Wallabi, do que está separado por un canal de 9 km de ancho chamado Middle Channel (Canal Medio). Ten aproximadamente 20 por 12 km e consta de varias illas, entre elas a illa Rat, a illa Wooded, a illa Morley, a illa Suomi e a illa Alexander.

Máis ao sueste, a través do Canal Zeewijk, encóntrase o Grupo Pelsaert, o arrecife de coral máis ao sur do océano Índico. As principais illas deste grupo son a illa Middle, a illa Square, a illa Long, a illa Pelsaert, a illa Basile e o Grupo Mangrove. Moitos barcos naufragaron neste grupo, o máis famoso o Zeewijk, que naufragou no arrecife da Media Lúa en 1727, e os superviventes permaneceron na illa de Gun por algún tempo.[6]

Historia[editar | editar a fonte]

Aborixes australianos visitaron as illas durante o Holoceno, segundo indica o achado na illa Beacon dun artefacto de pedra feito a partir dun sílex fosilífero do Eoceno.[7]

Segundo os rexistros históricos, o primeiro avistamento de Houtman Abrolhos por parte dos europeos foi polos barcos neerlandeses COV Dordrecht e Amsterdam, en 1619, só tres anos despois de que Dirk Hartog realizase o primeiro avistamento autenticado do que agora é Australia Occidental, e só 13 anos despois da primeira viaxe a Australia, a de Duyfken en 1606. O descubrimento das illas foi imputado a Frederick de Houtman, capitán xeneral do Dordrecht, xa que foi Houtman quen máis tarde escribiu do descubrimento nunha carta aos directores da Compañía Holandesa das Indias Orientais.[8]

A palabra "Abrolhos" é de orixe portuguesa, convertendo o Houtman Abrolhos nun dos dous lugares australianos con nome portugués, sendo o outro "Pedra Branca" en Tasmania.[9] Tense dito que o termo é unha contracción da expresión portuguesa "abre os olhos" ou "abran os vossos olhos" (mantén os ollos abertos), pero demostrouse que esta é unha falsa etimoloxía. Na lingua portuguesa da época, "abrolhos" significaba "obstrucións picadas" e servía non só como palabra para os arrecifes, senón tamén como palabra para "abrollo" (unha arma) e "cabalo de frisa" (un tipo de obstáculo defensivo). Porén, aos oídos españois, a palabra soaba como "abre los ojos" ("abre os ollos"), polo que lle imputaban este significado, e esta falsa etimoloxía foi tomada en prestado por escritores ingleses, holandeses e franceses. O motivo polo que Houtman nomeou as illas usando unha palabra portuguesa segue sendo motivo de debate. John Forsyth afirma que as illas teñen o nome do arquipélago dos Abrolhos, na costa leste do Brasil, que foi descuberto e nomeado por navegantes portugueses a principios do século XVI. Esta suposición está apoiada polo feito de que Houtman estivo familiarizado co [arquipélago dos Abrolhos, navegando por el en 1598.[10]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Great Circle Distance between GERALDTON and HOUTMAN ABROLHOS". As the Cocky Flies. Geoscience Australia, Australian Government. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 16 de febreiro de 2020. 
  2. Houtman Abrolhos National Park listed in bid to protect pristine island chain.
  3. "Houtman Abrolhos". oceandots.com. Arquivado dende o orixinal o 23-12-2010. Consultado o 16 de febreiro de 2020. 
  4. Batavia en Western Australian Shipwrecks Database. Department of Maritime Archaeology, Western Australian Museum.
  5. Dash, Mike (2002): Batavia's Graveyard. London: Weidenfeld & Nicolson. ISBN 978-0-5750-7024-0.
  6. Edwards, Hugh (1970). The Wreck on the Half Moon Reef. Australia: Angus & Robertson. ISBN 978-0-2071-3275-9. 
  7. Marwick, Ben (2002). "An Eocene fossiliferous chert artefact from Beacon Island: first evidence of prehistoric occupation in the Houtman Abrolhos, Western Australia". Records of the Western Australian Museum 20: 461–464. ISSN 0312-3162. 
  8. Heeres, J. E. (1899). The part borne by the Dutch in the discovery of Australia 1606–1765 (Project Gutenberg of Australia edition ed.). London: Luzac & Co. 
  9. McIntyre, Kenneth (1977). The secret discovery of Australia. South Australia: Souvenir Press. ISBN 978-0-2856-2303-3. 
  10. Forsyth, John (1957). "Visit of the yacht Grootenbroeck to the coast of the South-land in 1631". Early Days V (III): 17–26.