Abellariza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cortizos no Monte Pindo, por detrás vese un valado, aínda que non é realmente unha alvariza

Unha alvariza[1] ou abellariza é unha construción tradicional, típica de Galicia (especialmente nas serras) consistente nun muro de cachotes, xeralmente circular, onde se garda un conxunto de colmeas (apiario).[2]

O mel e os cortizos en Galicia[editar | editar a fonte]

O clima temperado de Galicia favoreceu a produción de mel en todo o territorio dende a antigüidade, sendo a cría de abellas en trobos unha actividade produtiva complementaria da vida doméstica. Xa se falan nun documento de 1573 sobre un preito entre os veciños de Rois e Iria Flavia sobre o mel. No Catastro do Marqués de Ensenada fálase da existencia de 366 329 cortizos rexistrados en Galicia no século XVIII, sendo a Igrexa boa propietaria. As abellas domésticas (a diferenza das ventureiras que crían en toros de árbores) aniñan nos trobos (coñecidos tamén coma cortizos ou colmeas), facíanse de madeira de castiñeiro, cerdeira, carballo ou sobreira, con formas redondas, elípticas (toros baleirados) ou cadradas (táboas cravadas lateralmente) e cunha altura de 50–60 cm e 30–50 cm de diámetro ou lado. No interior vai unha estrutura de paus cruzados para suxeitar os favos. A parte superior féchase cunha tampa de madeira ou de cortiza chamada caldullo, ou ás veces levan un colmado cónico. A operación de tirar o mel chámase esmelga. O mel gardábase en vasillas especiais de barro para consumir como adozante ou coma menciña caseira. Coa cera facíanse candeas.

As alvarizas[editar | editar a fonte]

Os trobos adoitan situarse nun recuncho da horta pouco frecuentado, que sexa soallado e abeirado dos ventos, a choiva e o frío, normalmente á beira dun valado ou sebe. Porén nas serras orientais adóitanse situar lonxe das casas, constrúense, logo, as alvarizas, pequenos recintos amurallados para protexer os trobos. Ademais do nome de alvariza ou abellariza, tamén se coñecen, segundo a zona, cos nomes de cortín (nos Ancares), alvar (no Courel e no Incio), alvarizal, oseira...Constrúense a ceo aberto e o pequeno muro de cachotes abeira as colmeas das inclemencias do tempo, os roubos de veciños, e a depredación de animais salvaxes, especialmente do oso. Emprázanse en encostas montesías, terreos de difícil acceso orientados ao nacente para ter o máximo asollamento, tendo o espazo interior a inclinación da aba, ou ás veces en socalcos máis aproveitábeis. A contorna debe ter auga achegada con vexetación abundante para que as abellas obteñan o alimento das flores.[3]

Características e tipos de alvarizas[editar | editar a fonte]

Alvariza en Quiroga.

As alvarizas son construcións humildes e sinxelas. Os muros son de fábrica de cachotaría de granito ou xisto coroado cunha barda a xeito de beiril ou tornarratos que voa cara ao exterior uns 15–20 cm. Ás veces na coroación leva as pedras dispostas de xeito vertical, como ocorre en moitos valados de Galicia ou as Illas Británicas. A altura da parede chega aos 2 ou 3 m. A planta é circular (Os Ancares e O Courel), ovalada ou rectangular (as máis recentes), sempre acondicionadas ás condicións do terreo. O tamaño é variábel, en función da riqueza do dono; pódense logo atopar dos 70 aos 200 trobos nas circulares, cun diámetro que vai dende os 5 aos 10 m. As rectangulares teñen unha dimensión de 12 m. x 10 m. Teñen un pequeno oco para acceder ao interior cun portelo de madeira, esta porta é de pouca altura para que o oso non poida bater coas patas dianteiras posto de pé, as persoas deben logo entraren axeonlladas. Nalgunha ocasión un pequeno pendello no que se gardan as ferramentas para o labor da esmelga, do fumazo ou de cortar. Os trobos no interior colócanse en socalcos ou no terreo inclinado sobre unhas plataformas horizontais de lousa para as illar da humidade do chan.

As alvarizas aparecen en toda Galicia, son senlleiras as da Terra de Soneira, Xallas e Bergantiños, na provincia da Coruña. No interior do valado parte unha cuberta de laxes de granito con divisións no espazo cuberto onde van os trobos abeirados e separados por laxes verticais. Tamén existen alvarizas que consisten en alpendres no que entran as abellas.

O último tipo de abellarizas son as lacenas ou nichos nos muras das propias casas, abundantes nas provincias da Coruña e Pontevedra.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para alvariza.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para abellariza.
  3. (Caamaño Suárez 2006, pp. 398-399)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Mapa alvarizas da fundación oso pardo

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Caamaño Suárez, Manuel (2006). Hércules de Ediciones, ed. As Construccións da Arquitectura Popular. Santiago de Compostela. ISBN 84-96314-34-0.