A murder is announced
| A murder is announced | |||||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||||||
A murder is announced (en galego: Anúnciase un asasinato) é unha novela da escritora inglesa Agatha Christie, publicada orixinalmente en 1950 polo Collins Crime Club no Reino Unido.[1]
A novela está protagonizada pola detective Jane Marple. O asasinato anúnciase con antelación nun xornal local dunha pequena vila; Miss Marple atópase facendo estancia nun hotel balneario dun pobo veciño para recibir tratamento. No caso traballará xunto ao inspector Craddock.
A novela tivo unha boa recepción. Algúns comentarios: «O argumento é tan enxeñoso coma sempre, a escritura máis coidadosa, o diálogo tanto intelixente como ocurrente»;[2] «Non é unha das súas mellores obras, pero un entretemento moi suave»;[3] o asasino foi «atrapado nun xogo de salón brillantemente conducido».[4] Recensións posteriores tiñan opinións mistas: «Unha magnífica reelaboración da ambientación e dos procedementos estándares de Christie, estragada só por un exceso homicida ao final».[5]
Durante a súa publicación o libro foi publicitado como o quincuaxésimo da autora. A primeira edición do Reino Unido afirmaba: «Pola quincuaxésima vez, a Raíña do misterio desafía os seus lectores», a pesar de que esta cantidade só se podería acadar contando tanto as coleccións de relatos curtos do Reino Unido como dos Estados Unidos.
Foi a última das edicións de Christie en portar unha sobrecuberta ilustrada, pois ela prefería «cubertas sen imaxes que estivesen en conflito coa súa visión dos contidos».[6]
Resumo
[editar | editar a fonte]Unha nova aparece no xornal local de Chipping Cleghorn, anunciando un futuro asasinato, e aportando tanto o lugar como o momento. Intrigados, algúns habitantes curiosos chegan á casa de Letitia Blacklock, chamada Little Paddocks, incluíndo aos seus veciños Miss Hinchcliffe e a súa amiga Amy Murgatroyd. Tamén están presentes Patrick maila súa irmá Julia Simmons, invitados do fogar, a moza viúva Phillipa Haymes e Edmund Swettenham, outro veciño que está enamorado de Phillipa.
Exactamente ás 18:30 as luces do salón apáganse, e un home enmascarado cargando cunha cegadora lanterna aparece no limiar e ordena «Mans arriba!» Soan disparos, e cando volven as luces Miss Blacklock sangra pola orella e un home morreu. A compañeira de Miss Blacklock, Bunny, identifícao como Rudi Scherz, un suizo que traballaba nun hotel local.
Miss Marple únese ao inspector Craddock na investigación. A moza de Scherz dilles que ao home lle pagara alguén anónimo para simular un asalto. Non tiña pistola. O descubrimento de aceite nos gonzos dunha segunda porta, normalmente pechada, do salón suxire que un dos invitados podía ter escapado, para logo pórse detrás de Scherz e disparar.
Os individuos con motivos evidentes para querer a Miss Blacklock morta son xemelgos, Pip e Emma, cuxo tío era o rico xefe da señora Blacklock, Randall Goedler. Tras a súa morte, as riquezas de Goedler foron transferidas á súa muller Belle, e despois da súa morte (que se espera pronto) Miss Blacklock será a herdeira. Non obstante, se ela fose morrer antes que Belle, a herdanza será dos xemelgos. Craddock viaxa a Escocia e coñece de boca de Belle que ninguén soubo nada de Emma máis Pip durante moitos anos. Belle fala da irmá de Letitia, Charlotte, que sufría dun bocio. Letitia deixara o seu traballo con Goedler para levar á súa irmá a Suíza para unha operación; Charlotte morrera alí, repentinamente, e Letitia volveu a Inglaterra soa.
Miss Marple toma o té con Bunny. Estaba a contarlle que un par de lámpadas decorativas da casa foran cambiadas, cando Miss Blacklock chega e interrompe a súa conversa privada. Á mañá seguinte Bunny aparece morta, envelenada. Craddock dálle a Miss Marple copias de cartas vellas de Letitia a Charlotte. Compáraas cunha carta moderna, o que considera interesante. Logo de ter coñecemento da Julia Simmons real, Miss Blacklock enfróntase á súa invitada, Julia, quen admite que en realidade é Emma. Con todo, nega ser a asasina.
Falando con Miss Hinchcliffe, Amy Murgatroyd decátase de que, dende a súa posición detrás da porta, fora a única persoa que non se cegara pola lanterna. Está esforzándose por recordar a quen vira cando chaman á súa amiga. Mentres MIss Hinchcliffe se vai, Amy bérralle «Ela non estaba ALÍ!». Pouco despois de que a súa amiga marche, Amy é estrangulada.
Craddock e Miss Marple reúnen a todo o mundo en Little Paddocks. Tendo convido con Edmund e Mitzi, a cociñeira, que representasen un papel, obteñen unha confesión de Phillipa na que admite que ela é Pip. Despois de que Mitzi afirme que vira a Miss Blacklock dispararlle a Scherz, Miss Blacklock abandona a habitación. Escóitanse berros e atopan a Miss Blacklock tentando afogar a Mitzi no vertedoiro da cociña.
Miss Marple explica que fora Letitia, e non Charlotte, a que morrera en Suíza. Charlotte fixérase pasar por Letitia e volvera a Inglaterra, cubrindo a cicatriz do seu pescozo con colares de perlas. Rudi Scherz recoñecéraa, pois traballara no hospital no que ela fora operada, polo que despois ela ideou un plan para silencialo.
Charlotte provocara un cortocircuito no cable gastado dunha lámpada ao derramar auga neste, escurecendo a habitación. Despois púxose detrás de Scherz e disparoulle, cortando a súa propia orella con tesoiras para as unllas. Despois intercambiara a lámpada co seu par. Bunny coñecera a ambas as irmás xa dende a infancia, e Charlotte comentáralle a Bunny a suplantación, mais non o plan. Temendo que Bunny puidese revelar a verdade, Charlotte envelenáraa. Amy dérase conta de que Miss Blacklock era a única persoa cuxa cara non se alumeara pola lanterna de Rudi Scherz. Charlotte escoitara o que dicía Amy, e matouna tan pronto como Miss Hinchcliffe marchara.
Pip e Emma herdan a fortuna de Goedler, e Edmund casa con Phillipa.
Personaxes principais
[editar | editar a fonte]- Miss Jane Marple, unha solteirona e detective aficionada.
Os habitantes de Chipping Cleghorn
- Letitia Blacklock, propietaria de Little Paddocks, de certa idade, que fora secretaria de Randall Goedler.
- Dora Bunner («Bunny»), amiga da infancia de Letitia.
- Patrick Simmons, curmán mozo da señora Blacklock.
- Julia Simmons, irmá de Patrick.
- Mitzi, ama de chaves e cociñeira de Miss Blacklock, unha moza refuxiada da Europa continental.
- Phillipa Haymes, inquilina en Little Paddocks.
- O coronel Archie Easterbrook, un vello coronel volto da India.
- Laura Easterbrook, a súa nova e glamurosa muller.
- A señora Swettenham, viúva que adora o seu fillo Edmund.
- Edmund Swettenham, un mozo e cínico escritor namorado de Phillipa.
- Miss Hinchcliffe, unha muller cunha explotación agrícola local.
- Miss Amy Murgatroyd, riseira amiga de Miss Hinchcliffe.
- Julian Harmon, vicario de Chipping Cleghorn.
- Diana «Bunch» Harmon, muller do vicario, filla dunha boa amiga de Miss Marple.
Outros personaxes
- Myrna Harris, moza de Scherz, e camareira nun hotel local.
- Rudi Scherz, recepcionista suizo e ladrón de pequena escala.
- Belle Goedler, muller moribunda de Randall Goedler.
- Pip e Emma Stamfordis, xemelgos da irmán de Randall Goedler, Sonia, e herdeiros alternativos.
- O capitán Ronald Haymes, home distanciado de Phillipa, que se di morto na guerra.
Membros da policía
- O inspector Dermot Craddock, detective principal do caso.
- Sir Henry Clithering, xefe retirado de Scotland Yard. Padriño de Craddock.
- O xefe de policía George Rydesdale, responsable da investigación e superior de Craddock.
- O detective e sarxento Fletcher, que asiste a Craddock.
- O axente Legg.
Ambientación
[editar | editar a fonte]A novela ambiéntase xusto despois da Segunda Guerra Mundial. Os personaxes da novela aínda están sometidos ao racionamento de alimentos e as leis que o sosteñen (remataron en 1954). Isto complica a comunicación coa policía, pois a xente da vila emprega o troco, así como os cupóns, para conseguir os alimentos que precisan. As conexións entre a xente da vila, e a medida na que coñecen e aceptan novas persoas, forman un aspecto importante desta novela.[7][8][9]
Historial de publicacións
[editar | editar a fonte]A novela publicouse como un serial de once partes no Daily Express, dende o martes 28 de febreiro ata o sábado 11 de marzo de 1950. Cinco entregas levaban unha ilustración do artista habitual Andrew Robb. Esta versión non contiña ningunha división en capítulos, e só aproximadamente a metade do texto que aparecería na publicación do libro, omitindo completamente os capítulos cinco, seis, sete, catorce e o epílogo. O seu lanzamento no serial estaba planeada para acontecer máis próximo á publicación do libro, en xuño, pero o axente literario de Christie, Edmund Cork, adiantou a publicación coa intención de impulsar a frouxa recadación da obra de teatro Murder at the Vicarage.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Peers, Chris; Spurrier, Ralph; Sturgeon, Jamie (March 1999). Collins Crime Club – A checklist of First Editions (Second ed.). Dragonby Press. p. 15.
- ↑ MacLaren-Ross, Julian (23 June 1950). "Review". The Times Literary Supplement. p. 385.
- ↑ Richardson, Maurice (4 June 1950). "Review". The Observer. p. 8.
- ↑ Shrapnel, Norman (9 June 1950). "Review". The Guardian. p. 4.
- ↑ Barnard, Robert (1990). A Talent to Deceive – an appreciation of Agatha Christie (Revised ed.). Fontana Books. p. 198. ISBN 0-00-637474-3.
- ↑ Wagstaff & Poole (2004). Agatha Christie: A Reader's Companion. Aurum Press. p. 199.
- ↑ Les, Blatt (9 November 2015). "A Murder Is Announced". Classic Mysteries. Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2022. Consultado o 1 April 2022.
- ↑ "A Murder Is Announced". Agatha Christie official website. Consultado o 1 April 2022.
More than a simple murder mystery, this is a story of redemption set in the throes of post-war muddle and discomfort.
- ↑ Prichard, James (5 February 2020). "Feature: Why I Like A Murder is Announced". Agatha Christie official website. Consultado o 1 April 2022.
But you also have a novel about 1950s Britain. You see what life was like for many people after WW2. People who had been used to money and servants and are now having to learn to do without.