A guerra das galaxias, episodio IV: Unha esperanza nova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A guerra das galaxias
Star wars 1977 us.svg
Logotipo orixinal de Star Wars
Ficha técnica
Título orixinal
  • Star Wars
  • Star Wars: Episode IV - A New Hope (dende 1999)
DirectorGeorge Lucas
ProdutorGary Kurtz
GuiónGeorge Lucas
Intérpretes
MúsicaJohn Williams
FotografíaGilbert Taylor
Montaxe
EstudioLucasfilm
Distribuidora20th Century Fox
EstreaFlag of the United States.svg 25 de maio de 1977
Duración121 minutos[1]
OrixeEstados Unidos de América Estados Unidos[2]
XéneroCiencia ficción, Aventuras
Orzamento11 000 000 $[3][4]
Recadación775 398 007 $[3]
Filme anteriorRogue One
Filme seguinteO imperio contraataca

Star Wars é unha película estadounidense de 1977 do subxénero de ciencia ficción space opera,[5] escrita e dirixida por George Lucas;[6] renomeada como Star Wars: Episode IV - A New Hope en 1999. En galego titulouse orixinalmente A guerra das galaxias e tras ser renomeada coñécese como A guerra das galaxias: Episodio IV - Unha esperanza nova ou Star Wars: Episodio IV - Unha esperanza nova. Foi a primeira película que se estreou da saga Star Wars, e ordénase como a cuarta en termos da súa cronoloxía interna. Dous filmes subseguintes continuarían a trama da triloxía orixinal (O imperio contraataca e O retorno do Jedi), namentres que outra triloxía (The Phantom Menace, Attack of the Clones e Revenge of the Sith) describiría os eventos previos a A guerra das galaxias, centrada en torno ó antagonista principal Darth Vader. A estrea desta precuela provocou o cambio no título orixinal da primeira película, que pasou a incorporar o número de episodio IV (catro en numeración romana) e o subtítulo A New HopeUnha esperanza nova» en galego).

O guión foi redactado por George Lucas mentres dirixía a súa primeira longametraxe, influenciado principalmente polos cómics de Flash Gordon, as películas sobre samurais de Akira Kurosawa e a obra The Hero with a Thousand Faces de Joseph Campbell. Ó finalizar o Festival de Cannes de 1971, Lucas firmou un acordo coa produtora Universal Studios para realizar dúas películas, que máis tarde se converterían en American Graffiti e Star Wars. O elenco estivo integrado por Mark Hamill, Harrison Ford, Carrie Fisher, Peter Cushing, Alec Guinness, Anthony Daniels, Kenny Baker, Peter Mayhew e David Prowse; a rodaxe realizouse na estepa tunisiana, Londres e Guatemala. Os efectos especiais correron a cargo de Industrial Light & Magic, empresa creada especificamente para esta película.

A trama describe a historia dun grupo de guerrilleiros —coñecidos como a Alianza Rebelde— que ten como obxectivo destruír a estación espacial Estrela da Morte, creada polo opresor Imperio Galáctico. Dende unha perspectiva xeral, a historia enfócase nun mozo campesiño chamado Luke Skywalker, quen, de xeito repentino se converte nun heroe conforme acompaña ó Mestre Jedi Obi-Wan Kenobi, nunha misión que o levará a unirse a Alianza Rebelde para axudarlles a destruíla estación espacial do Imperio.

A partir do seu lanzamento mundial, o 25 de maio de 1977, foi considerada un fito na historia do cine, principalmente polo uso de efectos especiais innovadores na época. Ademais, é unha das películas de máis éxito de tódolos tempos, así como unha das máis influentes na cinematografía contemporánea. Obtivo sete premios Óscar dun total de dez candidaturas (incluíndo a de «mellor película», que perdeu fronte a Annie Hall de Woody Allen). Star Wars converteuse na película que acadou máis recadación de tódolos tempos, superando a Tiburón (1975), alcanzando unha cifra superior ós 775 millóns USD en todo o mundo, e mantivo o récord ata que foi superada por E.T. the Extra-Terrestrial (1982) de Steven Spielberg. En 1989 a filmoteca National Film Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos engadiu o título á súa escolma ó considerala unha «película cultural, estética ou historicamente relevante», namentres que o guión de Lucas foi escollido polo gremio Writers Guild of America como un dos mellores xamais redactados.

A película foi reeditada en varias ocasións a instancia de George Lucas, incorporando moitos cambios que inclúen; a adición de imaxes xeradas por ordenador, alteración de diálogos, reedición de secuencias, banda sonora mesturada e escenas engadidas.

Argumento[editar | editar a fonte]

A Princesa Leia, líder do movemento rebelde que desexa reinstaurar a República na galaxia nos tempos ominosos do Imperio, é capturada polas Forzas Imperiais, capitaneadas polo implacable Darth Vader, o servo máis fiel do Emperador. O intrépido e xove Luke Skywalker, axudado por Han Solo, capitán da nave espacial "O Falcón Milenario", e os androides R2-D2 e C-3PO, serán os encargados de loitar contra o inimigo e intentar rescatar a princesa para volver instaurar a xustiza no seo da galaxia.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Galardóns e nomeamentos[editar | editar a fonte]

  • 1977: 7 Oscars: dirección artística, bso, son, montaxe, vestiario, efectos visuais. Premio especial ós efectos de son.
  • 1977: 2 Premios BAFTA: son e música. 6 nomeamentos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Star Wars". British Board of Film Classification (en inglés). Consultado o 28-12-2018. 
  2. "Star Wars (1977)". Arquivado dende o orixinal o 9-7-2017. 
  3. 3,0 3,1 "Star Wars (1997)" (en inglés). Box Office Mojo. Consultado o 28-12-2018. 
  4. Cyriaque Lamar (13-1-2012). "Behold, the 1977 budget breakdown for Star Wars". io9 (en inglés). Consultado o 28-12-2018. 
  5. Anthikad-Chhibber, Mini (20-5-2005). "End of the great space opera". The Hindu. Consultado o 28-12-2018. 
  6. Lucas, George (2004). DVD commentary for Star Wars Episode IV: A New Hope (DVD). 20th Century Fox. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]