7-Deshidrocolesterol

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «7-deshidrocolesterol»)
7-Deshidrocolesterol
Modelo do 7-deshidrocolesterol
Identificadores
Número CAS 434-16-2
PubChem 172
ChemSpider 388534
UNII BK1IU07GKF
MeSH 7-dehydrocholesterol
ChEBI CHEBI:17759
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C27H44O
Masa molecular 384,638

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
Estratos epidérmicos da pel.

O 7-deshidrocolesterol (7-DHC) é un zoosterol que funciona no plasma sanguíneo como precursor do colesterol, e convértese en vitamina D3 na pel, polo que funciona como unha provitamina e denomínase tamén provitamina-D3. A presenza deste composto na pel humana permite que poidamos formar vitamina D3 (colecalciferol) por acción dos raios ultravioleta da luz solar, por medio dun isómero intermediario, a previtamina D3. Tamén se encontra no leite de varias especies de mamíferos.[1] En insectos é un precursor da hormona ecdisona, necesaria para a muda e alcanzar o estado adulto.[2] Foi descuberta polo químico orgánico premio Nobel Adolf Windaus.

Localización[editar | editar a fonte]

A pel consta de dúas capas primarias: unha capa interna, a derme, que comprende principalmente o tecido conectivo e outra externa, máis delgada (de 0,08 a 0,6 mm de grosor), a epiderme.[3] A epiderme comprende cinco estratos; que do exterior ao interior son: córneo, lúcido, granuloso, espiñoso e basal. As maiores concentracións de 7-deshidrocolesterol encóntranse nos estratos basal e espiñoso epidérmicos.[4] A produción de previtamina D3 é, xa que logo, maior nestes dous estratos.

Radiación[editar | editar a fonte]

A síntese de previtamina D3 na pel necesita a exposición á radiación UVB, que penetra só nas capas epidérmicas da pel. O 7-deshidrocolesterol absorbe luz UV de forma máis efectiva a lonxitudes de onda entre 290 e 320 nm e, así, a produción de vitamina D3 ten lugar principalmente con estas lonxitudes de onda. Os dous factores máis importantes que determinan a xeración de previtamina D3 son a cantidade (intensidade) e cualidade (lonxitudes de onda axeitadas) da irradiación UVB que chega ao 7-deshidrocolesterol situado nos estatos basal e espiñoso.[4] Outra importante consideración é a cantidade de 7-deshidrocolesterol presente na pel. En circunstancias normais, hai grandes cantidades de 7-deshidrocolesterol (uns 25–50 ug/cm2 de pel) dispoñibles nos estraros basal e espiñoso da pel humana para proporcionar toda a vitamina D que o corpo precisa.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "7-dehydrocholesterol." The American Heritage Stedman's Medical Dictionary. Houghton Mifflin Company, 2002. 21 Jan. 2007. Answers.com. Arquivado October 25, 2012, en Wayback Machine.
  2. Ed Yong (2012), Thanks to one gene, this fly needs a cactus to escape Neverland Not Exactly Rocket Science Arquivado 30 de setembro de 2012 en Wayback Machine.
  3. Frediric Martini et al. (2006). Human Anatomy. Pearson/Benjamin-Cummings Publishers, p. 89. ISBN 0-8053-7211-3.
  4. 4,0 4,1 Norman, Anthony W. (1998) Sunlight, season, skin pigmentation, vitamin D, and 25-hydroxyvitamin D:integral components of the vitamin D endocrine system. Am J Clin Nutr;67:1108–10.