Nesta edición incluíuse por primeira vez o Óscar ao mellor filme en lingua non inglesa de xeito competitivo. Ademais foi a primeira en que os cinco filmes candidatos ao mellor filme (todos épicos de grande escala) eran en cor.
Na categoría de mellor argumento orixinal houbo dúas peculiaridades. O Óscar a The Brave One foi outorgado a Robert Rich, pseudónimo de Dalton Trumbo, que nesa época estaba na lista negra e non podía ser acreditado co seu nome real. Ademais, Edward Bernds e Elwood Ullman retiraron os seus nomes para ser considerados para o premio polo seu traballo en High Society, xa que a candidatura era para o musical protagonizado por Grace Kelly, mentres que Bernds e Ullman escribiran o filme homónimo dos Bowery Boys.
James Dean converteuse no primeiro actor que recibiu unha segunda candidatura póstuma como intérprete.