A segunda emisión por televisión da cerimonia tivo unha audiencia estimada de 43 millóns. Shirley Booth, que estaba actuando en Filadelfia, presentou o Óscar ao mellor actor nun corte emitido en directo, e recibiu o nome do gañador mediante unha chamada privada de Donald O'Connor. Gary Cooper gravou a súa presentación do Óscar á mellor actriz nun plató en México, e foi O'Connor quen anunciou a gañadora.
O discurso de William Holden foi simplemente "Thank You" ("Grazas"), un dos máis curtos da historia dos premios; a emisión televisiva tiña un tempo moi estrito que forzou a rapidez de Holden. O frustrado Holden pagou persoalmente anuncios en publicacións de Hollywood para agradecer a todos os que quería. Tamén indicou que sentía que Burt Lancaster ou Montgomery Clift deberan gañar o Óscar ao mellor actor en vez del.