2001: Unha odisea do espazo
| 2001: Unha odisea do espazo | |||||
|---|---|---|---|---|---|
|
Título
| |||||
|
Instancia de
| |||||
|
Epónimo
| |||||
|
Parte de
| |||||
|
Movemento
| |||||
|
Lingua orixinal
| |||||
|
Cor
| |||||
|
Formato de imaxe
| |||||
| Autoría | |||||
|
Director/a
| |||||
|
Guionista
| |||||
|
Director/a fotografía
| |||||
|
Editor/a de cine
| |||||
|
Deseñador/a vestiario
| |||||
|
Actores
William Sylvester (Heywood Floyd (pt)
Douglas Rain (HAL 9000 (pt) Gary Lockwood (Frank Poole (pt) Keir Dullea (David Bowman (pt) Kenneth Kendall Bill Weston (pt) Alan Gifford Arthur C. Clarke Vivian Kubrick Daniel Richter (pt) Ann Gillis Peter Schiff Ed Bishop (pt) Leonard Rossiter (pt) Terry Duggan (pt) Margaret Tyzack Sean Sullivan Robert Beatty John Ashley (pt) | |||||
| Temática | |||||
|
Ambientado en
| |||||
|
Baseado en
| |||||
|
Inspirado na obra de
| |||||
|
Época ambientación
| |||||
|
Universo ficticio
| |||||
|
Representa a
| |||||
|
Personaxes
| |||||
|
Obra derivada
| |||||
| Publicación | |||||
|
Produtor/a
| |||||
|
Compañía produtora
| |||||
|
Distribuidor/a
| |||||
|
Recadación
| |||||
|
Custo
| |||||
|
Formato de distribución
| |||||
|
Puntuación da crítica
84/100 Metacritic (16 de xuño de 2025)
92% Rotten Tomatoes (19 de xaneiro de 2025) 9.3/10 Rotten Tomatoes (17 de abril de 2022) | |||||
|
Premios
Óscar ós mellores efectos visuais (14 de abril de 1969)
BAFTA ao mellor son (1969) Premio Hugo á mellor presentación dramática (1969) David di Donatello for best foreign production (en) Kansas City Film Critics Circle Award for Best Director (en) Kansas City Film Critics Circle Award for Best Film (en) National Board of Review aos 10 filmes máis salientables | |||||
|
Nomeamentos
Óscar ó mellor director (24 de febreiro de 1969)
Óscar ó mellor deseño de produción (24 de febreiro de 1969) Óscar ó mellor guión orixinal (24 de febreiro de 1969) Premio Hugo á mellor presentación dramática (1969) BAFTA ao mellor filme (1969) BAFTA ao mellor son (1969) United Nations Awards (en) Directors Guild of America Award for Outstanding Directing – Feature Film (en) Óscar ós mellores efectos visuais | |||||
| Datas | |||||
| |||||
| Cronoloxía | |||||
| |||||
| Dimensión | |||||
| |||||
| Localización | |||||
| |||||
| Identificadores | |||||
| |||||
| Fontes e ligazóns | |||||
| Wikidata C:Commons | |||||
2001: Unha odisea do espazo (en inglés: 2001: A Space Odyssey) é un filme británico-estadounidense de ciencia ficción producido e dirixido por Stanley Kubrick que se estreou en 1968. O guión, escrito por Kubrick e Arthur C. Clarke, está parcialmente baseado na historia curta de Clarke "The Sentinel". Posteriormente, Clarke escribiu a novela 2001: A Space Odyssey, que foi publicada pouco despois da estrea. Conta a historia dunha viaxe a Xúpiter coa computadora Hal despois do descubrimento dun misterioso monólito negro que afecta á evolución do home. No filme trata os temas do existencialismo, a evolución humana, a tecnoloxía, a intelixencia artificial e a vida extraterrestre. Destaca pola súa exactitude científica na descrición dun voo espacial, polos seus efectos especiais pioneiros e pola súa ambigua imaxinería. Emprega o son e un diálogo mínimo no canto das técnicas narrativas tradicionais e a banda sonora está formada por obras da música clásica como Danubio Azul e Also sprach Zarathustra.
Financiado e distribuído polo estudio estadounidense Metro-Goldwyn-Mayer,[1][2] 2001: A Space Odyssey foi rodado e editado case na súa totalidade en Inglaterra, empregando as instalacións da subsidiaria de MGM, "MGM British" e os Estudios Shepperton, escollidos pola súa maior capacidade de profundidade de son. A produción foi subcontratada á produtora de Kubrick e tívose en conta que o filme fose suficientemente británico para que tivese dereito de subvención de Eady Levy.[1]:98 Tendo rodado outros dous filmes en Inglaterra, despois de 2001: A Space Odyssey, Kubrick decidiu asentarse alí permanentemente para as súas rodaxes.
Foi estreada en galego pola Televisión de Galicia o 9 de maio de 2009.[3]
Sinopse
[editar | editar a fonte]O filme está dividido en catro capítulos, ou apartados, que representan tres épocas diferentes no tempo. Os capítulos aparecen de xeito cronolóxico comezando no pasado e finalizando no futuro sen pasar polo presente (tendo en conta que o filme estreouse no ano 1968). Cada capítulo, bardante o segundo, vén precedido por un título. O filme comeza coa Terra ascendendo sobre a Lúa, e co Sol á súa vez ascendendo sobre a Terra, todos aliñados. A imaxe está acompañada da peza Also sprach Zarathustra de Richard Strauss.
O amencer do home
[editar | editar a fonte]Hai uns catro millóns de anos, un grupo de primates fan vida cotiá nunha árida sabana: vagan na procura de alimento e conviven de forma pacífica. Despois un dos membros da manda é atacado por un leopardo.
A manda comeza a disputar con outro grupo de primates pola auga dunha poza e polo espazo vital, pero sen chegaren ao contacto físico. Despois, os primates temen a escuridade nocturna e os seus depredadores, descansando con sono nervioso no fondo dun pequeno covo.
Nun amencer, un dos primates esperta e encontra fronte ao refuxio un monólito negro, un bloque ortoédrico perfecto de varios metros de altura que provoca a alarma no grupo e un primeiro momento de confusión e medo. Aos poucos, vanse achegando ao obxecto, e rematan acariciándoo.
No seguinte plano un dos simios decátase de que pode usar un óso como ferramenta e arma, incluíndose flashbacks do monólito, dando a entender que este motivou certos cambios na conduta dos primates e que lles deu certo grao de conciencia sobre os recursos dispoñibles para sobrevivir, sendo capaces de matar animais e comer carne. Outra mañá, arrebatan o control da charca á outra manda, matando no proceso ao líder rival. Exultante coa vitoria, o primate vencedor lanza o óso ao aire.
Ten lugar entón unha enorme elipse temporal na narración: o óso que ascende no aire convértese nunha nave espacial que vai da Terra á Lúa no ano 1999.
TMA-1 (Anomalía Magnética de Tycho no. 1)
[editar | editar a fonte]En 1999 o doutor Heywood Floyd viaxa da Terra á Lúa. Primeiro vai nun avión-foguete que o leva até unha estación espacial en órbita. A manobra de aproximación é unha coreografía espacial coa música de Danubio Azul de Johann Strauss (fillo). Na estación espacial as actividades desenvólvense nos aneis exteriores circulares, que posúen gravidade debido á forza centrífuga da rotación do conxunto, mentres que na parte central, onde está o hangar para as naves, esta rotación non provoca gravidade. Durante a estancia, o doutor Floyd realiza unha videoconferencia coa súa filla na Terra e ten un encontro con científicos doutros países (algúns da URSS), que lle preguntan sobre a estraña incomunicación coa base estadounidense de Clavius, e se son certos os rumores que apuntan a unha epidemia nela. Despois o doutor Floyd continúa a viaxe á Lúa, facéndose a aterraxe de novo co Danubio Azul soando.

O doutor Floyd viaxou para facerse cargo da investigación do descubrimento dun monólito negro de perfecta forma ortoédrica (a mesma clase de monólito que apareceu na escena inicial) e superficie lisa, enterrado no cráter Tycho e descuberto durante unha análise magnética da superficie lunar, polo que foi bautizado TMA-1 (Tycho Magnetic Anomaly #1 ou Anomalía magnética de Tycho número 1).
O monólito resístese a calquera tipo de análise da súa estrutura ou das súas características, e tampouco demostra ningún tipo de actividade. Porén, considérase obvio que foi fabricado por unha civilización extraterrestre avanzada, que fora enterrado intencionadamente e que era a primeira proba real da existencia de vida extraterrestre, polo que de momento se debía manter en segredo. Trala chegada do grupo do doutor Floyd até a escavación, marabillándose ao ver e tocar algo tan perfecto, plano e insondable, comeza a amencer nesa parte da Lúa, e o monólito, ao recibir o primeiro raio de Sol des que fora enterrado, emite unha potente sinal acústica que deixa atordados os presentes.
Misión a Xúpiter
[editar | editar a fonte]No ano 2001 a nave espacial Discovery 1 viaxa cara a Xúpiter con cinco tripulantes (tres en hibernación e dous espertos, David Bowman e Frank Poole) xunto cun supercomputador de última xeración chamado HAL 9000 que goberna a nave utilizando intelixencia artificial, o que lle permite comunicarse cos humanos mediante a fala. A vida a bordo é monótona: os tripulantes comen, dormen, fan exercicio, xogan ao xadrez coa computadora, comunican regularmente á Terra o desenvolvemento da misión e manteñen triviais conversas persoais cos coñecidos da Terra (cun retardo de 7 minutos debido á distancia). Nada se di sobre a misión, máis alá dunha exploración da contorna de Xúpiter, e non hai ningunha conversa que mencione TMA-1 ou algo relacionado.
Pouco antes de chegar ao punto de destino, HAL 9000 pregunta a David Bowman se non ten dúbidas sobre a misión e o secreto da mesma, mais ao responder este de forma negativa, o computador autointerrómpese para anunciar un fallo nunha unidade de comunicacións que podería dar lugar á perda da conexión coa Terra. David Bowman sae da Discovery nunha das pequenas naves esféricas con brazos de manipulación nun paseo espacial para substituír a unidade teoricamente avariada. Cando regresa ao interior as análises da unidade son correctas, e desde o control da misión en Terra, cun computador similar ao da nave, tampouco encontran fallo ningún, o que pon en dúbida a fiabilidade de HAL 9000.
Bowman e Poole toman precaucións para que HAL non os escoite falar sobre a posibilidade de desconectar as súas funcións superiores, pero o computador logra ler os labios dos astronautas. HAL volve diagnosticar o fallo futuro da unidade substituída, tomándose a decisión de volver deixar a orixinal para comprobar se acaba fallando ou non, pero á vez confirmando os problemas de fiabilidade de HAL. Neste caso é Poole quen sae a realizar a substitución, pero cando sae da pequena nave esférica, HAL toma o control da mesma e a lanza sobre o astronauta, provocando a despresurización do seu traxe espacial e enviándoo lonxe da Discovery.
Bowman non ten claro o que sucedeu, HAL parece non sabelo tampouco e Frank non responde, polo que monta noutra das pequenas naves e sae a rescatar o seu compañeiro. Con Bowman fóra, HAL provoca a morte dos tripulantes hibernados. Bowman logra chegar até Poole, pero xa está morto, así que o recolle e regresa á Discovery, pero HAL non lle abre o hangar. Decide intentar unha manobra arriscada que HAL non cre que poida conseguir: abandona a Frank Poole no espazo, abre a porta exterior de emerxencia da Discovery cos brazos articulados da pequena nave (pois a apertura manual escapa ao control de HAL) e coloca o zapón da nave orientada cara a ela. Despois, activa a saída de emerxencia do zapón, sendo lanzado cara ao interior da Discovery, onde consegue presurizar a cámara de acceso.
Xa con casco, para evitar a despresurización provocada por HAL 9000, Bowman vai á sala onde está o hardware do computador para desconectalo. Durante o percorrido, HAL parece querer explicar o sucedido, desculpándose por todo e pedindo que non o desconecte. David vai extraendo unha a unha as tarxetas de memoria; pouco a pouco vanse desconectando as funcións de HAL, que suplica compaixón a David, pero cada vez con máis problemas de comunicación até que parece retomar as súas funcións primordiais e primeiras aprendizaxes, como unha canción ("Daisy", de Harry Dacre, 1892) e, por fin, desactívase. Ao quedar HAL desconectado, ponse en marcha unha gravación que informa a David Bowman da verdadeira misión: a investigación da orixe do sinal emitido por TMA-1 en 1999, nun punto próximo a unha das lúas de Xúpiter.
Xúpiter e máis alá do infinito
[editar | editar a fonte]Tempo despois, David Bowman chega ás proximidades de Xúpiter na Discovery e sae nunha das naves esféricas a investigar un enorme monólito negro que orbita a lúa Ío e que foi a orixe do sinal similar á do TMA-1 en 1999. Non parece haber interacción algunha, pero de socato, ao achegarse cara a el considerablemente e situarse fronte a unha conxunción astral lineal que forma unha cruz co monólito situado perpendicularmente, David comeza unha viaxe estraña por unhas paisaxes psicodélicas de luz e cor a gran velocidade.
A escena cambia repentinamente e Bowman aparece dentro da pequena nave pero, á vez, no interior dunha estraña habitación decorada ao estilo Luís XVI. Bowman sae da nave, intentando entender que é aquilo. Finalmente, nunha rápida sucesión, vese a si mesmo cada vez máis vello até acabar moribundo na cama fronte ao monólito. Repentinamente, Bowman toma forma de feto dentro dunha esfera transparente na cama da habitación, pasando despois a flotar no espazo sobre a Terra na escena final, de novo coa música de Also sprach Zarathustra.
Personaxes
[editar | editar a fonte]- Keir Dullea como Dr. David Bowman
- Gary Lockwood como Dr. Frank Poole
- William Sylvester como Dr. Heywood R. Floyd
- Douglas Rain como voz de HAL 9000
- Daniel Richter como simio xefe
- Leonard Rossiter como Dr. Andrei Smyslov
- Margaret Tyzack como Elena
- Robert Beatty como Dr. Ralph Halvorsen
- Sean Sullivan como Dr. Roy Michaels[4]
- Frank Miller como controlador da misión
- Edward Bishop como capitán da lanzadeira lunar
- Edwina Carroll como azafata de Aries
- Penny Brahms como azafata
- Heather Downham como azafata
- Maggie d'Abo (sen acreditar) como azafata
- Chela Matthison (sen acreditar) como azafata
- Judy Keirn (sen acreditar) como Voz da rapaza do identificador da estación espacial
- Alan Gifford como Pai de Poole
- Ann Gillis como Nai de Poole
- Vivian Kubrick (sen acreditar) como Filla de Floyd
- Kenneth Kendall (sen acreditar) como entrevistador da BBC
Música
[editar | editar a fonte]O filme conta con música de Richard Strauss (a introdución de Also sprach Zarathustra), Johann Strauss fillo e György Ligeti que acompañan as imaxes do espazo. Alex North compuxo unha obra musical para o filme, mais Stanley Kubrick non a incluíu, aínda que saíu á luz da man de Jerry Goldsmith 25 anos despois. A dirección e deseño dos efectos visuais foron obra de Kubrick, sendo supervisados por Wally Veevers.
Stanley Kubrick empregou a música de Ligeti sen solicitar permiso nin aboar dereitos de autor, polo que o compositor debeu presentar unha denuncia a pesar da admiración que mostrou pola película. Kubrick incluíu na banda sonora até catro obras de Ligeti: Réquiem, Lux Aeterna, Atmosphères e Aventures. É o Réquiem o que acompaña as aparicións do monólito e tamén é a micropolifonía de Ligeti a que soa durante a abstracta viaxe final de David Bowman: con iso Kubrick fai realmente un percorrido pola música do século XX que comeza con Zaratustra e culmina con Ligeti, para volver iniciar o ciclo cos acordes finais da obra de Strauss.[Cómpre referencia]
Herdanza
[editar | editar a fonte]2001: Unha odisea do espazo inspirou no seu momento a miles de persoas a seguir carreiras científicas afíns coa astronáutica, a astronomía e a tecnoloxía da informática (Intelixencia artificial).[Cómpre referencia] Os seus efectos especiais e os seus vangardistas elementos tecnolóxicos foron un modelo a seguir para os seguintes filmes e novelas do xénero da ciencia ficción. Dende a súa estrea, inspirou a varias producións posteriores do xénero de ciencia ficción, entre elas A guerra das galaxias, Blade Runner, Alien etc. Varios directores recoñecidos coma George Lucas ou Ridley Scott[Cómpre referencia] declararon ao filme coma o que cambiou e definiu o xénero anteriormente citado.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 James Chapman; Nicholas J. Cull (5 de febreiro de 2013). I.B.Tauris, ed. Projecting Tomorrow: Science Fiction and Popular Cinema. pp. 97–. ISBN 978-1-78076-410-8.
- ↑ McAleer, Neil (1 de abril de 2013). RosettaBooks, ed. Sir Arthur C. Clarke: Odyssey of a Visionary: A Biography. pp. 140–. ISBN 978-0-9848118-0-9.
- ↑ La Voz de Galicia, 9 de maio de 2009. Páx. 63
- ↑ "The Underview on 2001: A Space Odyssey - Cast and Crew". Arquivado dende o orixinal o 08 de novembro de 2016. Consultado o 30 de setembro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: 2001: Unha odisea do espazo |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- 2001: A Space Odyssey na IMDb (en inglés).
- Ficha en RottenTomatoes (en inglés)
- Filmes dos Estados Unidos de América
- Filmes en lingua inglesa
- Filmes dirixidos por Stanley Kubrick
- Filmes de 1968
- Filmes de ciencia ficción e aventuras dos Estados Unidos de América
- Filmes de Metro-Goldwyn-Mayer
- Filmes de Warner Bros.
- Filmes de Elstree Studios
- Filmes rodados en España
- Filmes rodados en Surrey
- Filmes rodados en Utah
- Filmes rodados en Arizona
- Filmes ambientados no futuro
- Filmes ambientados en 1999
- Filmes ambientados en 2001
- Filmes sobre tecnoloxía
- Filmes sobre intelixencia artificial
- Filmes preservados no National Film Registry
- Filmes distribuídos en sistemas IMAX
- Filmes de 1968 con versión en galego