É unha das comedias máis famosas do dúo Spencer-Hill, tanto pola obra en si como pola banda sonora. O fío condutor é un minibólido, o "dune buggy", modelo construído por Puma en Roma, que fai de motivo da discordia durante toda a historia.
Ben (Bud Spencer) e Kid (Terence Hill) son un mecánico e un camioneiro, que xa se coñecían pola súa paixón polo automobilismo. Gañan ex aequo unha frenética carreira de autocross, e pelexan polo primeiro premio (o minibólido), acordando que queda con el o que gañe unha competición de comer salchichas e cervexa (il primo che scoppia paga il conto e perde la macchina). A paparota é interrompida por unha banda de matóns ó servizo dun especulador mafioso, que quere demoler o parque de atraccións. A banda de matóns desfai o local, e deciden seguir comendo noutro, pero ó marchar os bandidos pídenlles o coche e eles escapan. Como represalia, quéimanlles o minibólido.
Ben e Kid solicítanlle ó Padriño un novo coche, e vanllo pedir ó seu restaurante. Alí pronuncian a frase que dá o título á película. O Padriño pregúntalles Altrimenti? ("e se non?"), e Kid responde Altrimenti, ci arrabbiamo! ("e se non, enfadámonos"). Logo da visita marchan convencidos de que convenceron ó Padriño, pero comeza unha sucesión de batallas contra matóns e mesmo contra un francotirador chegado dos Estados Unidos.
Ante a imposibilidade de debilitalos, o Padriño xoga a súa última carta: pégalle a Geremia, un vello que vive con Ben e lle axuda no seu taller. Ben atopa o vello malferido, e decide regresar ó restaurante do Padriño, esnaquizándoo e aproveitando para darlle outra sesión de golpes aos secuaces do Padriño. Ó día seguinte, o xefe preséntase no taller con dous minibólidos, poñendo fin á disputa. Pero probándoos, Kid choca contra Ben mentres miraba a unha rapaza do parque de atraccións, queimándolle o coche. Deciden rifarse o que queda nunha nova competición de comedores de salchichas e cervexa.
Na película Ben e Kid interactúan cuns rapaces que están xogando á billarda, facendo unha competición entre eles.