O Štark Arena (en serbio: Штарк арена) é un pavillón multiúsos situado na cidade de Belgrado, capital de Serbia. Deseñado para a realización de diversos eventos culturais e deportivos (incluíndo baloncesto, balonmán e tenis, entre outros), ten unha superficie total que supera os 48.000 m²[1] e unha capacidade que pode chegar até os 20.000 espectadores.[2]
A súa construción comezou en 1992 co fin de ser sede do Campionato Mundial de Baloncesto de 1994; con todo, os efectos da Guerra de Iugoslavia na economía serbia atrasaron o desenvolvemento do recinto e finalmente, produto dos embargos e sancións establecidas contra a República Federal de Iugoslavia, o evento foi cancelado e a construción eventualmente foi paralizada durante 1995. En 1998, as faenas comezaron novamente para poder terminar o recinto antes da realización do campionato mundial de tenis de mesa, o que sería cancelado igualmente debido ao bombardeo de Belgrado produto da Guerra de Kosovo.
Tralo derrocamento de Slobodan Milošević (2000) e o fin das sancións impostas contra Serbia, os labores para finalizar o Beogradska Arena retomáronse. O recinto foi inaugurado o 31 de xullo de 2004 e tivo un custo estimado que superou os €70 millóns,[3] que a converteron nunha das areas máis grandes de Europa. Dentro dos principais eventos realizados no recinto atópanse o EuroBasket 2005, diversos campionatos deportivos continentais e o Festival de Eurovisión 2008.