Český rozhlas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo dende 2013

Český rozhlas (ČRo, en galego, Radio Checa) é o servizo público de radiodifusión de Chequia. Fundada en 1923, xestiona hoxe en día catro emisoras de fm a nivel nacional, outras catro por Internet, catorce emisoras rexionais (unha por rexión da República Checa) e máis unha emisora internacional, Radio Praga. É membro da Unión Europea de Radiodifusión dende 1993.

Historia[editar | editar a fonte]

Estudios centrais en Praga

A Český rozhlas comezou a súa andaina, baixo o nome de Radiojournal, o 18 de maio de 1923. Isto converteu á, entón, Checoslovaquia, unha das pioneiras de Europa na radiodifusión, só adiantada pola BBC.[1] A primeira retransmisión foi dende unha carpa militar en Kbely (ás aforas de Praga). A sociedade estaba en mans privadas e emitía grazas a unha licenza do goberno. Fora unha iniciativa dun grupo de xornalistas e empresarios, entre os que destacaba Radioslavia, unha empresa de receptores de radio e accionista principal. Financiábase grazas ás taxas que pagaban os propietarios dos aparellos de radio. Con todo, estes ingresos foron insufiencientes en 1925 o goberno checoslovaco fíxose cunha participación maioritaria. Xa nos primeiros tempos procurou atender á diversidade cultural checoslovaca facendo programas para alemáns, rutenos e húngaros, ao tempo que producía boletíns en inglés e esperanto para o exterior.[2]

En 1933 ocupa un edificio na céntrica rúa Vinoradská da capital checa. Esta sede foi danada en maio de 1945 pois foi escenario dun choque polo control da radio entre as tropas nazis e a resistencia checa durante a insurrección de Praga. A emisora instaba á organización contra os ocupantes repetindo a consigna "chamando a todos os checos! Vide axiña coa vosa axuda!" que se converteu un símbolo dese episodio.[3] A partir de 1948, Český rozhlas foi un instrumento clave na comunicación social da ditadura comunista checoslovaca, así a partir dos anos 50 interferíu o sinal de Radio Free Europe. Os intentos de abrirse á pluralidade informativa desenvolvidos ao abeiro da experiencia da Primavera de Praga foron freados coa invasión soviética (1968) que deu paso a purgas de moitos xornalistas e un férreo control das autoridades sobre a emisora.[2] Co regreso á democracia, a radio adoptou como sinal identificativo unha versión do comezo da "Sinfonía do novo mundo" de Dvořák, que xa fora empregado nos anos 30. En 2021, a radio pública checa emitía en FM, MW, LW, Internet (Streaming), DVB-T, DVB-S/S2, DAB/DAB+.

Ademais da súa actividade radiofónica, Český rozhlas colabora co Premio da Radio Bohemia e con sete conxuntos musicais: destaca a Orquestra Sinfónica de Praga pero entre os que tamén hai bandas de novos músicos ou folk.[4]

Emisoras[editar | editar a fonte]

Sinal de tráfico coa frecuencia dunha das emisoras rexionais da Čro

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Web oficial de ČRo (en checo)

Web oficial de Radio Prague International (en inglés)

Web oficial de Radio Praga Internacional (en español)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Czech Radio celebrates 90 years of air time - Opinion - The Prague Post". web.archive.org. 2014-04-15. Archived from the original on 15 de abril de 2014. Consultado o 2021-02-02. 
  2. 2,0 2,1 "Historia de la Radiodifusión Checa". Radio Prague International (en castelán). Consultado o 2021-02-02. 
  3. "Czech Radio building among new national cultural monuments sites symbolising the struggle for freedo". red24b.globenet.cz. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-02-02. 
  4. "General Information". Czech Radio (en inglés). 2019-07-30. Consultado o 2021-02-02. 
  5. "Czech Radio Pohoda Starts Its Broadcasting". Czech Radio (en inglés). 2021-09-07. Consultado o 2021-10-09.