O Rudolfinum, sala de concertos da Orquestra Filharmónica Checa.
A Česká Filharmonie (en galegoOrquestra Filharmónica Checa) é a principal e máis célebre orquestra da República Checa. Foi elixida como unha das mellores dez orquestras europeas nunha votación da revista francesa Le Monde de la Musique.[1] A súa sede está no Rudolfinum de Praga.
Os precedentes da orquestra hainos que buscar no século XIX, cando a orquestra da Ópera Nacional de Praga comezou a organizar concertos sinfónicos. O primeiro concerto da orquestra co seu actual nome tivo lugar o 4 de xaneiro de 1894, cando ofreceron obras de Antonín Dvořák dirixidas polo propio compositor. A partir de 1901 a Orquestra Filharmónica será totalmente independente da orquestra da ópera.
Foi co director Václav Talich cando a orquestra acadou recoñecemento internacional pola súa calidade, que se mantivo con batutas posteriores tan prestixiosas como as de Václav Neumann, Karel Ančerl ou Rafael Kubelík. Á parte dos seus directores titulares, tamén foi dirixida por importantes directores convidados, como o especialista en música checa Charles Mackerras.
En 1929 a Orquestra Filharmónica Checa realizou a súa primeira gravación. Foi coa gravación do ciclo de poemas sinfónicosMá vlast de Smetana. O director foi o titular da orquestra naquel momento, Václav Talich.