Último parte da guerra civil española
| Último parte da guerra civil española | |||||
|---|---|---|---|---|---|
| |||||
| |||||
| |||||
| |||||
| |||||
| Wikidata C:Commons |
O último parte da guerra civil española asinouno o xeneral Francisco Franco o 1 de abril de 1939, mediante un folio co encabezado «Cuartel General del Generalísimo. Estado Mayor».
O día de hoxe, cativo e desarmado o Exército Vermello, alcanzaron as tropas nacionais os seus últimos obxectivos militares. A guerra rematou.
O Xeneralísimo Franco
Burgos, 1 de abril de 1939.
A guerra rematou
[editar | editar a fonte]«A guerra rematou» é a frase coa que conclúe o último parte de guerra do bando sublevado, emitido o 1 de abril de 1939 por Franco. Con ese comunicado finalizou oficialmente a contenda fratricida.
Lectura radiofónica
[editar | editar a fonte]Trátase do único parte asinado polo xeneral Franco, quen revisou minuciosamente a redacción e aplicou varias correccións. O texto definitivo levouse á présa desde a sede do goberno franquista durante a guerra, en Burgos, até o entón estudio de Radio Nacional de España, no próximo Paseo do Espolón. Foi lido ás 22:30 polo actor e locutor Fernando Fernández de Córdoba.
Contexto histórico do parte
[editar | editar a fonte]
O cuartel xeral do Xeneralísimo estaba entón no palacio de La Isla de Burgos, capital provisional do bando sublevado durante a guerra civil.
A denominación III ano triunfal era unha maneira protocolaria de referirse a 1939. O bando franquista chamou a 1937 I ano triunfal e a 1938 II ano triunfal. O ano 1939 foi tamén chamado polo bando sublevado como Ano da Vitoria. Sobre o costume de asignarlle un slogan propagandístico aos anos, especulouse que puidese estar copiado da Italia de Mussolini. Esta numeraba os anos en números romanos contando a partir de 1922, o ano da Marcha sobre Roma. Con todo, Mercedes Martínez, filla do tenente coronel José Martínez Maza, axudante de campo de Franco durante a guerra, explicou o porqué da utilización do termo «Ano Triunfal» desde o inicio da contenda:
«Tanto Franco como o meu pai eran moi católicos, e, segundo a Igrexa, non se podía empezar unha guerra se non se estaba seguro de que se ía gañar. Por iso, aquela frase debía responder a ese convencemento na vitoria».[1]
O tenente coronel Martínez Maza quedou co borrador do parte de guerra escrito por Franco, a quen tamén pediu permiso para quedar co lapis que utilizara. Así permaneceu este documento orixinal, primeiro en mans do tenente coronel até a súa morte en 1963, e despois nas dos seus familiares. Agás unha fotografía en branco e negro realizada pola axencia EFE hai varias décadas, non existía ningunha outra imaxe pública deste borrador. O xornal ABC mostrou en exclusiva e en cor este documento no 75º aniversario da súa redacción.
O 1 de abril pasou a ser celebrado como Día da Vitoria durante todo o franquismo. O parte fala de que as tropas nacionais alcanzaron os seus últimos obxectivos «militares». Franco subliñaba así a importancia política que para el tiña o exército.
Malia ser considerado como o final da contenda, continuou habendo guerrillas de combatentes republicanos durante os anos da posguerra.
Influencia cultural
[editar | editar a fonte]A ucronía titulada En el día de hoy, do escritor español Jesús Torbado obtivo o Premio Planeta en 1976. A novela toma o seu título das primeiras palabras do parte. Esta ucronía conta que puido pasar se o goberno da Segunda República gañase a guerra civil española. A novela aprovéitase do coñecido que é o parte, repetíndoo palabra por palabra, cambiando «exército vermello» por «exército faccioso» e «tropas nacionais» por «republicanas».
Nunha escena da película cómica española Cristóbal Colón, de oficio... descubridor (1982) a raíña Isabel I de Castela le o parte que anuncia o final da Guerra de Granada. Reproduce textualmente o parte do xeneral Francisco Franco, onde só substitúe a expresión «exército vermello» por «exército inimigo».
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Así se gestó el último parte de Franco: «La guerra ha terminado»". Diario ABC (en castelán). 2014-03-30. Consultado o 2025-12-3.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- de la Cierva, Ricardo (1989). 1939 Agonía y victoria (el protocolo 277) (en castelán). Barcelona: Planeta. ISBN 9788432058684.
- Rilova Pérez, Isaac (2010). Historia del Palacio de la Isla de Burgos (1883-2010) (en castelán). Burgos: Fundación Instituto Castellano y Leonés de la Lengua. ISBN 9788492909094.