Saltar ao contido

Éxodo rural

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vivenda abandonada en Sober, Vilabalde.

En xeografía, coñécese coma éxodo rural ao termo que designa ao patrón migratorio de persoas das zonas rurais ás zonas urbanas, e coñécese tamén coma migración do campo á cidade. Consiste no proceso de urbanización visto dende o punto de vista rural.

Nos tempos modernos, o éxodo rural ocorre a miúdo nunha rexión despois da industrialización da agricultura, cando se necesitan menos persoas para xerar a mesma cantidade de produción agrícola para o mercado.

Os conflitos recentes en África e noutras rexións do mundo son outra das causas do éxodo rural, que provoca que millóns de persoas se unan ao exército de parados e marxinados das grandes cidades. Outra causa son as catástrofes naturais, como os ciclóns e as secas, que deixan ás poboacións rurais sen medios de subsistencia e empúxanas, moitas veces de forma permanente, ás cidades.

Estes fenómenos están ligados á falta de políticas de desenvolvemento das zonas rurais, como a construción de infraestruturas básicas: estradas, escolas e hospitais.

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

Antes da Revolución Industrial, o éxodo rural produciuse nalgunhas rexións concretas. As sociedades preindustriais non experimentaron grandes fluxos de migración rural-urbana, debido principalmente á incapacidade das cidades para soportar grandes poboacións. A falta de grandes industrias, a alta mortalidade urbana e o baixo abastecemento de alimentos serviron de freos que mantiveron ás cidades preindustriais moito máis pequenas que as actuais. A antiga Atenas e Roma tiñan, segundo varias estimacións, unha poboación máxima de 80.000 e 500.000 habitantes, respectivamente.

O inicio da Revolución Industrial

[editar | editar a fonte]

O inicio da Revolución Industrial en Europa a finais do século XIX eliminou moitas destas barreiras que limitaban dito éxodo do campo ás urbes. A medida que os abastos de alimentos aumentaron e se estabilizaron, e xurdiron centros industrializados, as cidades comezaron a poder albergar poboacións máis grandes, o que provocou o inicio do éxodo rural a gran escala. No Reino Unido, a poboación que vive en áreas urbanas pasou do 20% en 1800 a máis do 70% en 1925.

Mentres que a finais do século XIX e principios do século XX, o éxodo rural produciuse principalmente en Europa occidental e nos Estados Unidos, ao estenderse a industrialización por todo o mundo, durante o século XX tamén se produciu o éxodo e a urbanización noutras rexións. No século XXI, o éxodo rural é un fenómeno que ocorre en novas áreas, incluíndo China e, máis recentemente, África subsahariana.

Gráfico que amosa a porcentexe poboacional que reside nas cidades entre 1750 e 2023.[1]

Moitos emigrantes optaron por abandonaren as zonas rurais polo desexo de buscar mellores oportunidades económicas nas zonas urbanas. As mellores oportunidades económicas poden ser reais ou percibidas. Segundo o Modelo Harris-Todaro, a migración cara ás áreas urbanas continuará existindo mentres os ingresos urbanos reais esperados na marxe superen a produción agrícola real. Porén, o sociólogo Josef Gugler sinalou que aínda que os beneficios individuais do aumento dos salarios poden superar os custos da migración, se moitos individuos seguisen o mesmo razoamento, podería producir efectos prexudiciais como a superpoboación e o desemprego a nivel nacional. Este fenómeno, cando a taxa de urbanización supera a taxa de crecemento económico, coñécese como sobreurbanización.

A mecanización da agricultura reduciu as oportunidades laborais no rural. Algúns estudosos tamén atribúen o éxodo rural aos efectos da globalización, xa que a demanda dunha maior competitividade económica leva á xente a salientar o capital sobre o traballo. A combinación de empregos rurais en declive e unha taxa de fecundidade rural persistentemente alta desencadeou o éxodo rural.

Algunhas familias optaron por enviaren aos seus fillos ás cidades como unha forma de investimento para o futuro. Un estudo descubriu que as comunidades rurais de Zambia que tiñan outras oportunidades de investimento viables, como o gando, por exemplo, tiñan taxas máis baixas de migración rural-urbana en comparación coas rexións sen oportunidades de investimento viables. Enviar aos fillos ás cidades pode servir como un investimento a longo prazo, coa esperanza de que os teus fillos poidan enviar remesas de volta a casa despois de conseguir un traballo na cidade. Os mozos das zonas rurais poden optar por abandonar as súas comunidades rurais como un medio de transición á idade adulta, buscando camiños para unha maior prosperidade. Co estancamento da economía rural e co estímulo dos seus pais, a mocidade rural opta por emigrar ás cidades.

Os desastres naturais adoitan configurar eventos puntuais que levan a fluxos migratorios masivos temporalmente rurais-urbanos. O Dust Bowl dos anos 30 nos Estados Unidos, por exemplo, levou a 2,5 millóns de persoas a fuxir das Chairas en 1940, moitas delas a novas cidades de Occidente. Estímase que un de cada catro residentes dos estados das Chairas emigrou durante a década de 1930.

O éxodo rural en Galiza

[editar | editar a fonte]
O porto de Vigo, especialmente a indrustria conserveira e os estaleiros, foron un importante polo de éxodo rural desde áreas rurais da provincia de Pontevedra e Ourense cara a Vigo.

O éxodo rural en Galicia foi un patrón que se materializou en Galicia durante o séculos XIX e XX, e que se mantén durante o século XX, especialmente das aldeas e vilas das provincias de Lugo e Ourense cara as densamente poboadas provincias da Coruña e Pontevedra.

Varios autores equiparan o concepto de éxodo rural ao de éxodo agrario, xa que non só se produce un trasvase de poboación do rural ás cidades, senón que tamén existe un trasvase masivo de traballadores da agricultura a outros sectores, especialmente o sector industrial e o sector servzios. O desenvolvemento urbano en Galicia seguiu o mesmo patrón, aínda que con certo atraso, que outras zonas de Europa: un medre urbano que crea emprego e atrae poboación, que demanda produtos agropecuarios, o que conduce a unha acelerada tecnificación e innovación de técnicas para lograren un incremento da produtividade agraria, o que fai que mingüe a necesidade de man de obra no rural, acelerando o círculo do éxodo rural.[2]

Distribución da poboación galega

[editar | editar a fonte]

En Galicia, a meirande parte da poboación atópase concentrada en sete núcleos urbanos princiales, todos eles de máis de 60.000 habitantes. Trátase das cidades e vilas de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Pontevedra, Lugo e Ferrol. Pola contra, existen até dez concellos con menos de 600 habitantes, a maioría deles nas provincias de Lugo e Ourense. Trátase dos concellos de Parada de Sil, Vilariño de Conso, Ribeira de Piquín, Río, Pontedeva, Chandrexa de Queixa, Larouco, Beade, A Teixeira e Negueira de Muñiz.[3]

O éxodo rural, o avellentamento poboacional e a despoboación van da man en Galicia. Así, Galicia é a comunidade do Estado español con maior número de núcleos poboacionais deshabitados, concentrando case un terzo deles: malia representar só o 5,8% da superficie estatal, aglutina o 37,19% dos seus núcleos de poboación sen ningún habitante, até chegar aos 3.954.[4]

  1. "Share of the population living in urbanized areas". Our World in Data (en inglés). Consultado o 11 de marzo de 2025. 
  2. Pazo, Alberto José; Moragón, María José (2017). "El despoblamiento en Galicia: la visualización de la “catástrofe”". Journal of Depopulation and Rural Development Studies.: 123–154. doi:10.4422/ager.2018.02. 
  3. Instituto Nacional de Estadística (2020).
  4. Rei, Carlos. "Galicia, la comunidad de España con más núcleos de población sin habitantes". El Español. Consultado o 11 de marzo de 2025. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Esta páxina contén partes ou fragmentos traducidos da Wikipedia en portugués e en español.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]