Área importante para a conservación das aves




As Áreas importantes para a conservación das aves (AICA) ou Áreas importantes para as aves (AIA), tamén moi coñecidas polas súas siglas en inglés IBA (Important Bird Area), son un programa de BirdLife International para a identificación, documentación e conservación de sitios fundamentais para as aves do mundo.[1][2]
Obxectivo
[editar | editar a fonte]A iniciativa xurdiu de BirdLife International en 1985 como unha ferramenta máis para as accións de conservación ambiental e co obxectivo de que todas as áreas importantes para a conservación das aves poidan contar, nalgún momento, con algunha forma de protección.
A lista de AICAs é unha ferramenta útil para estudos científicos, para proxectos de conservación e para a avaliación de impactos ambientais sobre a biodiversidade. A información incorpórase a unha base de datos na que se clasifica por continentes, ecorrexións, países, provincias e distritos.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]Na década de 1980 BirdLife International e Wetlands International emprenderon varios estudos en Europa onde identificaron áreas importantes que necesitaban protección. En 1989 publicouse o primeiro inventario de AICAs realizado coa colaboración de catrocentos expertos que recompilaron información de 2444 áreas en 41 países. Un 25 % das áreas identificadas estaban xa protexidas. En 1995 chegouse ao 50 % de protección.
Difundiuse a metodoloxía para identificar os sitios en todos os países membros da rede de BirdLife Internacional e en 2005 xa se identificaran 6733 AICAs en 168 países.[1] En 2013 xa se identificaran no mundo máis de 10 000 áreas.[2]
A figura de AICA tivo un recoñecemento mundial; foi incorporada á lexislación da Unión Europea, en reservas privadas e en proxectos de conservación.[1]
Criterios para definir AICAs
[editar | editar a fonte]Identifícase un AICA cando no sitio hai presenza de aves indicadoras, definidas segundo as seguintes categorías: (criterio global)
- Categoría A1: Sitio con especies de aves ameazadas.
- Categoría A2: Sitio con especies de aves endémicas (EBAs, Endemic Bird Areas)-.
- Categoría A3: Sitios con aves características de biomas.
- Categoría A4: Sitios que conteñen poboacións de aves congregatorias (colonias de nidificación, especies que se congregan en época de invernada, concentracións de aves migratorias mentres están de paso).[1][3]
Hai criterios específicos (B) para o Oriente Próximo e para Europa; e para os países da Unión Europea engádense outros criterios (C).
Fases do programa
[editar | editar a fonte]- Identificación e consulta: Identificación da área e introdución da información na World Bird Database (Base de datos das aves do mundo).
- Designación do sitio: Publicación e difusión do sitio identificado para que aqueles que toman decisións en temas ambientais estean informados. A designación oficial do sitio asígnana as organizacións locais.
- Protección e conservación: Incentivar para a creación de grupos de apoio para o sitio (organizacións, naturalistas ou calquera grupo de persoas), que deberán ser apoiados por organizacións locais e nacionais para desenvolver o plan de xestión.
- Actualización e monitorización: Actualización permanente das bases de datos e a súa publicación, coa achega de información dos grupos de apoio, os cales estarán a cargo dos labores de monitorización periódica.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Aves Argentinas. "AICAs. Introducción" (PDF). Temas de naturaleza y conservación - Monografía de Aves Argentinas n.º 5 (en castelán). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 4 de marzo de 2016. Consultado o 26 de maio de 2013.
- ↑ 2,0 2,1 BirdLife International. "Sites - Important Bird Areas (IBAs)" (en inglés). Consultado o 26 de maio de 2013.
- ↑ BirdLife International. "Global IBA Criteria" (en inglés). Consultado o 26 de maio de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Área importante para a conservación das aves |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Important Bird Areas (IBAs) - BirdLife International (en inglés)
- IBAs en España SEO/Birdlife (en castelán)