Ángeles López de Ayala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ángeles López de Ayala
Nome completoÁngeles López de Ayala y Molero
Nome de nacementoÁngeles López de Ayala y Molero
Nacemento21 de setembro de 1856
Lugar de nacemento España Sevilla, Andalucía, España
Falecemento29 de xaneiro de 1926 (69 anos)
Lugar de falecemento España España
Nacionalidadeespañola
Ocupaciónmuller política, feminista, escritora, xornalista, masona
CónxuxeJoan Pon i Angelet
editar datos en Wikidata ]

Ángeles López de Ayala y Molero, nada en Sevilla o 21 de setembro de 1858 e finada en Barcelona o 29 de xaneiro de 1926, foi unha dramaturga, narradora, xornalista e activista política española. É considerada a principal intelectual feminista no país de finais do século XIX e comezos do século XX.[1][2][3] Republicana, feminista e afiliada á francmasonería, impulsou a creación da Sociedad Autónoma de Mujeres de Barcelona en 1892, considerada a primeira organización feminista de España, coa anarquista Teresa Claramunt i Creus e a espiritista Amalia Domingo Soler. Tamén fundou a Sociedad Progresiva Femenina en 1898.[4] Férrea defensora dos dereitos da muller, afirmaba que estas habían emanciparse tanto da Igrexa (que temía que liberasen a consciencia), como da supremacía masculina.

Manifestación de mulleres de Barcelona a prol do ensino laico, convocada por Ángeles López de Ayala o 10 de xullo de 1910

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era filla de Gonzalo López de Ayala e de Asunción Molero e Valdivia e sobriña do escritor e político Adelardo López de Ayala.[3] Aos oito anos quedou orfa de nai, polo que o seu pai decidiu deixar a súa crianza e educación en mans duns familiares en Morón de la Frontera e posteriormente trasladáronse a Zahara de la Sierra. Recibiu unha primeira instrución no Convento de Santa Catalina en Osuna e máis adiante entrou como noviza no Convento de Santa María en Marchena. Porén, a súa escasa vocación relixiosa fíxoa abandonar os hábitos dous anos despois, e atopou máis tarde unha tendencia cara as letras.[3]

Con dezaseis anos deu por concluída El triunfo de la virtud, unha novela en catro tomos, e ao pouco tempo comezou a colaborar en publicacións como La Educación, El Fígaro, El Hispalense e El Disparate.

Casou en 1881 e instalouse en Madrid co seu esposo. Perdeu o seu pai e os seus dous irmáns a finais dos anos 1880.[5]

En 1887 publicou a obra Los terremotos de Andalucía o Justicia de Dios. Ao mesmo tempo iniciou unha campaña pública en contra da institución monárquica, pola que foi arrestada durante un breve período. En 1889, cando residía en Santander, o seu fogar sufriu un atentado.[3]

En 1888 trasladouse a Barcelona, cidade onde fundou varias publicacións:

  • O semanario El Progreso (1896), de ideoloxía republicana, que trataba a cuestión da muller
  • El Gladiador (1906), sobre a condición da muller e a loita feminista en todos os eidos
  • El Libertador (1910), baixo o eslogan "Periódico defensor de la mujer y órgano del librepensamiento"
  • El Gladiador del Librepensamiento (1914), que desapareceu en 1920, juntamente coa Sociedad Progresiva.[6]

Debido ás persecucións das autoridades, pasou longas tempadas no cárcere polas súas actividades políticas e xornalísticas.[2]

Ángeles financiaba unha escola laica nocturna, a cal foi propulsora para a creación da Sociedade Progresiva Feminina. Nela afianzouse o funcionamento dunha escola diúrna para nenas e outra nocturna para adultos. A asociación estaba estreitamente ligada á Loxa Constancia, á que pertencía López de Ayala, e da que fora secretaria en 1895.[7][8] Creou, amais, un orfeón e unha compañía de teatro.[2]

Ángeles López de Ayala organizou, coa axuda do lerrouxismo, «a manifestación feminina máis importante e multitudinaria da Restauración baixo a bandeira da emancipación da muller, do librepensamento e da república». Levada a cabo en Barcelona o 10 de xullo de 1910,[9] o seu obxectivo era expresar simpatía ante unha proposta do político español José Canalejas. Amais da propia manifestación, logrouse entregarlle ao gobernador civil unha mensaxe cunhas 22 000 sinaturas que declaraba que todas as españolas eran católicas, mais non clericais.[10]

Obras (incompleta)[editar | editar a fonte]

  • Lo que conviene a un marido, 1880. Teatro.
  • Don Gonzalo de Córdoba, 1880. Teatro.[5]
  • El triunfo de la virtud, 1881. Novela.
  • Los terremotos de Andalucía o Justicia de Dios. Madrid: Tip. Huérfanos, 1886. Novela.
  • Cuentos y cantares para los niños. Madrid: José Matarredona, 1888. Cuentos.
  • De tal siembra tal cosecha. Barcelona: Maucci, 1889. Teatro.[11]
  • Absurdos sociales, Barcelona, 1899. Novela.[5]
  • Primitivo, 1900. Libro de lectura.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Ángeles López de Ayala y Molero". Escritoras.com. 6 de abril de 2003. Arquivado dende o orixinal o 24 de xuño de 2013. Consultado o 11 de maio de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Ángeles López de Ayala - Escriptora i feminista". Barcelona en femení (en catalán). Consultado o 13 de maio de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Fernández de Cano y Martín, J. R. "López de Ayala y Molero, Ángeles (1856-1926)". MCN biografias. Consultado o 13 de maio de 2013. 
  4. "La primera associació feminista". Curiositat.cat (en catalán). 13 de xullo de 2013. Arquivado dende o orixinal o 23 de setembro de 2012. Consultado o 13 de maio de 2013. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Ramírez Gómez, Carmen (2000). Mujeres escritoras en la prensa andaluza del siglo XX: (1900-1950). Universidad de Sevilla. pp. 203–204. ISBN 9788447205608. 
  6. Montagut Contreras, Eduardo (16 de agosto de 2010). "Breve historia del feminismo en Cataluña hasta el final de la guerra civil". El País. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2012. Consultado o 13 de maio de 2013. 
  7. Sánchez Sánchez, Isidro; Villena Espinosa, Rafael; Guareña, Jean Louis (1999). Sociabilidad fin de siglo: espacios asociativos en torno a 1898 (en castelán). Universidad de Castilla La Mancha. pp. 89–91. ISBN 9788489958890. Consultado o 18 de maio de 2013. 
  8. Álvarez Lázaro, Pedro F (19 de outubro de 2005). La Masonería, escuela de formación del ciudadano: La educación interna de los masones españoles en el último tercio del siglo XIX (en castelán) (3ª ed.). Madrid: Universidad Pontifica Comillas. p. 319. ISBN 9788484681755. Consultado o 18 de maio de 2013. 
  9. Sánchez, Isidro Sánchez; Espinosa, Rafael Villena (1999). Sociabilidad fin de siglo: espacios asociativos en torno a 1898. Univ de Castilla La Mancha. pp. 89–91. ISBN 9788489958890. Consultado o 18 de maio de 2013. 
  10. Arce Pinedo, Rebeca (2008). Dios, Patria y Hogar: la construcción social de la mujer española por el catolicismo y las derechas en el primer tercio del siglo XX (en castelán). Universidad de Cantabria. p. 56. ISBN 9788481024609. Consultado o 18 de maio de 2013. 
  11. Ayala, Ángeles López de (1899). De tal siembra tal cosecha: comedia original en tres actos y en verso. Henrich y Compa. Consultado o 18 de maio de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]