Álamo tremo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Álamo tremo
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Anxiospermas
(sen clasif.): Eudicotiledóneas
(sen clasif.): Rósidas
Orde: Malpighiales
Familia: Salicaceae
Xénero: Populus
Sección: Populus
Especie: P. tremula
Nome binomial
Populus tremula
L.

O álamo tremo[1] ou álamo tremedor[1] (Populus tremula), é unha árbore frondosa pertencente á familia das salicáceas, que se distingue doutras especies emparentadas polos longos pedúnculos que se moven co vento e lle dan o seu nome.

Distribución[editar | editar a fonte]

É nativo de rexións frescas e temperadas de Europa e de Asia, desde as illas Británicas ao leste da península de Kamchatka, ao norte penetrándose no círculo polar ártico en Escandinavia e norte de Rusia, no sur até o centro de España e Turquía. En Tian Shan, Corea do Norte, e norte do Xapón. Tamén se atopa nun sitio do noroeste de África en Alxeria. No sur da súa distribución, aparece en zonas elevadas en montañas.[2][3] Na Península Ibérica medra en altitudes de 900 a 1900 m, especialmente nas montañas da metade norte, desde o leste da Cordilleira Cantábrica até os Pireneos orientais, aínda que baixa de forma illada até a Serra de María (Almería) e Serra de Gor (Selecta).[4] Medra tamén na cornixa cantábrica até as inmediacións do mar (Cantabria e Guipúscoa). Non é frecuente en Galiza. En Castela e León atópase amplamente estendido, abundando nas zonas montañosas. Descende ao longo de cursos fluviais como ao longo de todo o val do Ebro, formando bosques de ribeira, o Arlanza, Carrión, Pisuerga, Cadagua e Douro, até mesmo os 300 m de altitude no burgalés Val de Mena e os Arribes do Douro salmantinos. No río Cega por Cuéllar, en Toro, no Val do Tera, nos ríos Sil, Curueño, Esla, Órbigo. No Sistema Central en Ayllón, Somosierra, Guadarrama, Gredos no alto Tormes e no Adaja. En Portugal unicamente aparece en Trás-os-Montes.[5]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha árbore mediana, caducifolia que acada de 10–25 m de altura, cun tronco de 1 m de diámetro. A casca é pálida cinsenta-averdada e lisa en exemplares novos con lenticelas agrisadas escuras en forma diamantada, para ficar cinsenta moi escura e con fendas nos exemplares máis vellos. As follas producidas en pólas de árbores maduras, son case redondas, lixeiramente máis largas ca longas de 2–8 cm de diámetro, cunha marxe dentada e un aplanado pecíolo de 4–8 cm de longo. O pecíolo plano permítelle tremer, mesmo cunha lene airexa, esa é a fonte do seu nome científico. As follas das plantas de alcouve e de rápido crecemento son moi diferentes, teñen forma de corazón ou case triangular, e con frecuencia moito maiores, de até 20 cm de longo; o seu pecíolo é tamén menos aplanado. As flores son polinizadas polo vento e prodúcense a comezos da primavera antes de que aparezan as follas novas, son dioicos, con machos e femias en diferentes árbores. Madurecen a principios do verán e levan de 10-20 cápsulas cada un con numerosas e miúdas sementes. O vento axuda ao espallamento das sementes cando as cápsulas divídense e abren na data de vencemento.[2][6]

Distínguese do parente norteamericano Populus tremuloides polas follas máis rugosas.[2]

É a especie do xénero Populus máis estendida no planeta.

É considerado como unha árbore de rápido crecemento.

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

É unha especie rústica, atura invernos longos e fríos, e veráns curtos.

Coma outras especies do xénero Populus, espállase cumpridamente por rebentos de raíz, até a 40 m dos pais, formando extensas colonias clonais.[2][6]

Os híbridos con Populus alba (Populus × canescens), están amplamente estendidos en Europa e o centro de Asia. Os híbridos con varias outras especies do xénero Populus séguense a investigar en Institutos Forestais co obxectivo de atopar exemplares con máis produción madeireira e máis resistencia a doenzas (p.ex. P. tremula × P. tremuloides, cruzamento en Dinamarca).[7]

Usos[editar | editar a fonte]

A madeira do álamo tremo é branca e lixeira, homoxénea, elástica, de densidade media e de cerna pouco marcada. O sámago é de cor branca ou crema mentres que a cerna é branca cinsenta ou crema. É lene e sen cheiro, tradicionalmente empregada para confeccionar caixas para transportar alimentos como queixo e pan, mazás etc. Unha volta cortada a árbore, a madeira pesa considerabelmente por mor do seu elevado contido en auga. Tradicionalmente empregouse para a fabricación de carretas nas comarcas montañosas, xa que resiste moi ben o desgaste forte, así como o choque e o broucazo. Por esta razón empregouse tamén para caixóns de mobles e embalaxes.

Ao cortarse con máquinas apenas racha, calidade que a fai especialmente indicada para fabricar mistos e escarvadentes, así como os paneis para pintar ao óleo. Emprégase frecuentemente como planta medicinal. A súa casca e gomos son febrífugos e antiescorbúticos. Estes últimos empréganse contra as hemorroides. Ademais son tamén vermífugas para os cabalos. Cos gomos fabrícase un bálsamo utilizado polas meigas e menciñeiros galeses. No norte de Europa en épocas de fame negra a casca interna moíase e con ela fabricábase fariña comestíbel.[8]

Etnografía[editar | editar a fonte]

As fitas longas obtidas de fender os toros magros e pólas grosas, do mesmo xeito que co castiñeiro, empréganse en cestaría no norte de España, principalmente para canastros e cuévanos. Dende Galiza a Xirona utilízanse os longos fustes de álamo tremo para contruíren trabes e pontóns para teitumes de cortes e arquitectura tradicional. Resulta apreciado o feito de que se clave e aparafuse ben. Na Carballeda zamorana empréganse os longos talos destes álamos para os altos pendóns das procesións. En León e Zamora coñécense como trasgales aos arboredos desta especie. A trasga é unha peza de madeira empregada para unir o xugo e o arado. Na mitoloxía ástur, chámase trasgu ao divertido e bromista trasno galego. Tamén se empregou asiduamente para fabricar peneiras para a limpa do cereal. No Pireneo aragonés no Somontano de Sobrarbe e no río Vero ao tremo chámaselle co sobrenome de escaleral debido a que en Colungo se dedicaban a facer escaleiras.[9] En numerosas comarcas de Castela e especialmente no ámbito leonés é moi típica, como en Galiza, a celebración dos maios, ligada ás máis ancestrais culturas. O maio é un fuste recto e esvelto de álamo que adoita ser de Populus tremula. Tradicionalmente os mozos da vila elixen un fuste recto e lévano á praza onde se chanta o maio, é dicir que se finca vertical e queda chantado.[8]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Populus tremula foi descrita por Carl von Linné e publicada en Species Plantarum 2: 1034. 1753.[10]

Citoloxía

Número de cromosomas de Populus tremula (Fam. Salicaceae) e taxons infraespecíficos: n=19; 2n=38.[11]

Sinonimia
  • Populus tremula var. villosa (Ou.Lang) Peterm.
  • Populus villosa Ou.Lang.[12]
  • Populus pseudotremula N.I. Rubtzov.[13]

Nome común[editar | editar a fonte]

Chopo canariense, chopo americano, chopa, álamo temblón, álamo chorón, álamo.[14]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Nome vulgar en Termos esenciais de botánica, Universidade de Santiago de Compostela, 2004, VV. AA. (2012) e Vocabulario forestal, Santiago de Compostela, Universidade / Deputación de Lugo
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Rushforth, K. (1999).
  3. Den Virtuella Floran: Populus tremula (en sueco; con mapas)
  4. Galán Cela, Pablo; Gamarra Gamarra, Roberto; García Viñas, Juan Ignacio (2003). Árboles y Arbustos de la Península Ibérica e Islas Baleares. Madrid: Jaguar. ISBN 84-95537-50-8. 
  5. López González, Ginés A. (2007). Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares. Madrid: Mundiprensa. ISBN 10 84-8476-312-9. 
  6. 6,0 6,1 Trees for Life Species Profile: Aspen Arquivado 26 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
  7. Jensen, N. (1994).
  8. 8,0 8,1 Oria de Rueda, Juan Andrés; Diez, Justino (2002). Guía de Árboles y Arbustos de Castilla y León. Palencia:Cálamo. ISBN 84-95018-46-2. 
  9. Vidaller Tricas, R.; Ortega Cebollero, J.E. (1987). Los árboles del Alto Aragón. Huesca:IEA de la Excma. Diputación Provincial. ISBN 84-398-8877-5. 
  10. Populus tremula en Trópicos
  11. Datos cariológicos de algunas Salicaceas.
  12. Sinónimos en Real Jardín Botánico Arquivado 30 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
  13. "Populus tremula en PlantList". Arquivado dende o orixinal o 15 de decembro de 2019. Consultado o 27 de maio de 2016. 
  14. "Álamo que treme (Populus tremula L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 8 de setembro de 2016.