África de las Heras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
África de las Heras
Africa de las Heras 2019 stamp of Russia.jpg
Nome completoÁfrica de las Heras Gavilán
Nacemento27 de abril de 1909
 Ceuta
Falecemento8 de marzo de 1988
 Moscova
SoterradaKhovanskoye Cemetery
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónespía
PremiosMedalla da vitoria sobre Alemaña na gran guerra patriótica 1941-1945, Orde de Lenin, Orde da Estrela Vermella, Order of the Patriotic War 2nd class e Medal "For Courage"
editar datos en Wikidata ]

África de las Heras Gavilán, nada en Ceuta o 26 de abril de 1909 e finada en Moscova o 8 de marzo de 1988, foi unha militante comunista española nacionalizada soviética e unha destacada espía do KGB cuxo nome en clave era Patria, aínda que adoptou os nomes de María Luisa de las Heras de Darbat[1], María de la Sierra[2], Patricia, Ivonne[3], María de las Heras[4], Znoi ou María Pavlovna[5].

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia acomodada, pois o seu pai era Julián Francisco de las Heras, avogado e alcalde de Ceuta, e sobriña de Manuel de las Heras Jiménez, Xeneral de División falecido en 1930 en Jaca tras ser disparado ó conter unha rebelión republicana. Trasládase a Madrid para estudar nun colexio de monxas.

Os datos sobre os primeiros anos da súa vida son escasos e non se sabe moito dela até 1930, ano no que aparece militando e participando activamente no Partido Comunista de España. Catro anos máis tarde participa activamente na Revolución de outubro de 1934 en Asturias, lugar no que coñece o histórico dirixente comunista Santiago Carrillo.

En 1936, intégrase nas Mocidades Socialistas Unificadas (JSU) de Cataluña e un ano máis tarde comanda unha das patrullas cidadás de Barcelona con sede no náutico da cidade. Nesta época casa con Luis García Lago, antigo empregado de banca e militante comunista. Neste ano regresa a Ceuta por última vez para avisar ó seu tío do perigo que corría.

Marcha á URSS[editar | editar a fonte]

En 1937, foi recrutada por varios axentes da NKVD en España —Leonid Eitingon, o húngaro Ernő Gerő e o ruso Alexander Orlov- e enviada a Moscova para a súa pertinente instrución.

Crese que a encargada de introducir na espionaxe a África é Caridad Mercader —nai de Ramón Mercader, o asasino de Trotski, quen dirixía un comando de choque xunto co seu amante Pável Sudoplátov. Tras a instrución, encoméndaselle a súa primeira misión, polo que se traslada a Noruega.

Estancia en México[editar | editar a fonte]

En Noruega a súa misión é entrar en contacto con militantes trotskistas. Estabelece relación co equipo de Trotski, conseguindo infiltrarse e converterse en secretaria deste en México. Unha vez no país azteca dedícase a pasar información á NKVD, axudando desta forma ó seu compatriota Ramón Mercader a organizar o asasinato de Trotski por orde de Stalin.

Abandona México precipitadamente, manténdose agochada na adega dun barco ante a presenza no país de Alexander Orlov, xefe da NKVD en España, quen desertara ó temer a purga de Stalin e que ía ós Estados Unidos.

A segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

En 1941, chega á URSS regresando ó KGB, estudando primeiro enfermaría e máis tarde radiotelegrafía, sendo nomeada responsable de radiotransmisións.[6] Trala finalización dos cursos, é enviada en maio de 1942 ó destacamento guerrilleiro Os Vencedores. Salta en paracaídas nos bosques de Vinnytsia (Ucraína) tralas liñas alemás, xunto con outros españois, para interceptar as comunicacións e enviar mensaxes erróneas ós alemáns. En 1944, tras dous anos de guerrillas, regresa a Moscova e recibe un novo curso de espionaxe.

A guerra fría[editar | editar a fonte]

Tralo remate da segunda guerra mundial comeza o seu labor de espía dentro do KGB, asinando os seus informes co alcume de Patria.

París[editar | editar a fonte]

En 1946 instálase en París, proveniente de Berlín, co alias de María Luisa de las Heras, facéndose pasar por unha refuxiada do réxime franquista. Nesta cidade coñece ó escritor uruguaio Felisberto Hernández, con quen casou.[7] En 1947, trasládase a España, sendo enviada o ano seguinte a Uruguai.

Uruguai[editar | editar a fonte]

Casa en 1948 con Felisberto, conseguindo desta forma chegar a Montevideo en decembro de 1948, exercendo de modista como tapadeira. O seu matrimonio, á parte de outorgarlle a nacionalidade uruguaia, sérvelle para infiltrarse na clase alta do Uruguai e realizar novas amizades que lle axudarán máis tarde no seu labor secreto. En 1950, o matrimonio sepárase sen que o seu marido soubese a verdadeira profesión de África.

En 1956, trasládase a Buenos Aires para actuar como enlace do recentemente designado xefe de espionaxe no Cono Sur, chamado Giovanni Antonio Bertoni alias Valentino Marchetti, Marko.[8] Casa ese mesmo ano con el por orde do KGB, que vía nesta voda unha boa solución para mellorar e facilitar o traballo de ambos os espías. O matrimonio inicia un negocio de antigüidades na zona vella de Montevideo.

Na súa etapa suramericana realiza numerosas misións, servindo ademais de enlace entre os diferentes espías e a sede central en Moscova. Crese que ela foi quen transmitiu á KGB a información da invasión da Baía de Cochinos.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

En 1967, regresa á URSS, tralo dubidoso falecemento de Valentino, tendo que realizar tres novas misións no estranxeiro ata que en 1971 se lle encomenda a instrución de novos axentes na Lubianka, sede central do KGB, principalmente para operacións en países de fala hispana.[9][10] En 1985, tres anos antes da súa morte, abandona oficialmente o KGB.

Falece en Moscova o 8 de marzo de 1988 por problemas cardíacos, sendo enterrada con honras militares no cemiterio Jovánskoie de Moscova, en cuxa lápida aparece a palabra Patria escrita en castelán xunto co texto "Coronel África de las Heras, 1909-1988" en ruso.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alias usado durante a súa estancia en París.
  2. Alias que usou no seu paso por México.
  3. Alias usado dentro da guerrilla durante a segunda guerra mundial.
  4. Usado no Río da Prata.
  5. Nome en clave usado en Moscova.
  6. Segundo ela mesma indica nunha entrevista: «Terminei con sobresaliente os cursos rápidos de radiotelegrafía».
  7. Juan de Marsilio. "La espía modista". El Cultural. 
  8. Carnoli, Saturno. L'avventurosa vita del faentino Giovanni Bertoni, tenente colonnello del KGB
  9. Valentino comezou a criticar o PCUS, e crese que foi envelenado por ela tras recibir unha orde do KGB.
  10. Dúas destas misións realizáronse de novo en Uruguai.
  11. Tumba de África de las Heras no cemiterio Jovánskoie de Moscú